As antigas empresas.
Xeneralizando, podemos dicir que no século XVIII o sector económico máis importante de Redondela era a pesca e en Vilavella os artesáns, gañando a agricultura máis importancia cara o interior. A principios deste século chegan mercaderes asturianos que se fan cos principais negocios da vila: venta de sal, aparellos de pesca, productos textís... Xa a mediados do XVIII son principalmente cataláns os que impoñen a salga, consistente en conservar o peixe con sal, e converten a pesca nunha empresa capitalista, impoñendo un arte de pesca de arrastre moi depredadora e desprazando as tradicionais dornas do xeito.
Na 2ª metade do s. XIX, The Eastern Telegraph Company, compañía inglesa encargada da instalación do cable necesario para a comunicación telegráfica estableceuse en Vigo. O consignatario Estanislao e hijo foi o responsable da contratación de persoal para os buques cableiros. Os traballadores da área metropolitana de Vigo chegaron a representar o 70% do persoal de toda a frota da empresa, sendo a meirande parte de Cesantes, Rande, Chapela e Redondela. No 1861 Victor Curbera abre en Chapela a primeira conserveira de Galicia.
A principios do s. XX abriríanse mais conserveiras, cargadoiros de mineral, fábricas de cepillos... para rematar coa Fábrica de camisas Regojo. Tralo seu peche a principios dos 80 Redondela pasou a depender da coñecida industria textil sumerxida, que decaeu a finais dos 90; do sector automovilístico, sendo a fábrica de Citroën en Vigo o motor económico de todo o sur de Galicia; e en menor medida da industria pesqueira na que destacan Pescanova (fundada no 1960) e Vieirasa.
Alfolí (Estanco ou almacén de sal).
Ata mediados do século XVIII o sal era un bo negocio, principalmente por ser empregada para a consevación do peixe. O primeiro alfolí do que teño constancia estaba situado no nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo, no solar onde logo se construiría o primeiro Concello. Teñamos en conta que, en tempos, ata a cercana Praza da Constitución chegaba o mar.
O seguinte alfolí construiuse na Ribeira para estar máis preto do embarcadoiro que se atopaba baixo o viaducto novo. En 1752 pertencía a Jose Antonio Saravia Orcasitas, un dos asturianos que administraban daquela todos os alfolís do pobo.
No Archivo Histórico Nacional, dentro do Consejo de Castilla, atópase o seguinte documento do 1768: “Autos hechos en el Consejo a instancia de los diputados del Común de la Villa de Redondela sobre los excesos del Receptor, Portero y Medidores de los Alfolies de sal de dicha villa”.
Saíñas de Soutoxuste.
Nun mapa do 1850 do capitán de fragata Antonio Doral, publicado pola dirección de Hidrografía, aparece “Pueblo y Salina de Sotojusto”. Estarían moi preto das saíñas, que aínda se conservan, de Paredes (Vilaboa), coñecidas como as Brancas do Casó e construidas ó redor do 1637. Isto pode significar que en lugar de saíñas en Soutoxuste pudera existir algún alfolí ou calqueira outro tipo de instalación vinculada co sal.
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
Empresas Salgadoiras
A Fábrica do Alemán (Regasenda-Cedeira) Esta empresa foi construida pola familia Carsí procedente de Vilanova i la Geltru (Barcelona). A primeira referencia atopada sería de 1836, cando Sebastián Carsí se atopaba realizando actividades de salga de pescados e carnes en Rande. Ese mesmo ano esta fábrica produciría 517 quintais de sardiña e parrocha. Na segunda metade do s. XIX a familia Carsí deixa o negocio alugando a empresa a diferentes fomentadores. Así, no 1868 era explotada por José Puig. Xa en 1939 a fábrica é vendida a Ramón Cordero Martín, quen na primeira metade dos 40 realizaría obras de ampliación e mellora das instalacións. Sería en 1944 cando a empresa é mercada polo alemán asentado en Vigo Otto Gerdtzen Boyé, que en 1948 adicaría parte das instalacións á producción conserveira coa marca chamada Conservas Boyé. En 1952 cesou a salga e 3 anos despois a fábrica pecharía definitivamente. No 2008 a Asociación Cultural e Deportiva de Rande propuso este lugar para albergar un museo da batalla de Rande.
Salgadoira da Portela (A Portela-Cedeira). Sociedade formada por Juan Ato. Thomé (de Viladebé) e Antonio Vidal (de Vilanova-Principado de Cataluña). Adicábanse a salgadura de sardiñas e outros peixes. Enriba dunha das portas da fábrica aínda se pode ler ano de 1728.
Salgadoira da Regasenda (Punta de Soutelo-Cedeira).Nunha das entradas figura o ano de 1767. Na primeira metade do s. XIX pertencía a Ramón Abeleira veciño de Vigo. Comercializaba a sardiña salgada a nivel nacional, facéndose o transporte por mar. En 1840 a producción comercializada no exterior chegaría ós 598 quintais de sardiña, necesitando 299 fanegas de sal. Na segunda metade do XIX pasou a mans de Francisco Tapias y Hnos, que en 1863 empregaron 1.500 quintais de sal para a súa producción. A principios do s. XX as instalacións pertencían a Vª e Fillos de Luis Pérez, que seguían coa salga de sardiña. Nos anos 40, a fábrica foi mercada por José Otero Gonález, dono de Conservas JOB, á familia Tapias. O novo propietario realizou reformas e chegou a dar traballo a preto de 100 mulleres. Produciu sardiña salgada e bocarte ata o seu peche na década dos 60.
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
Empresas Conserveiras
Lata de Conservas J. R. Curbera. Foto: www.conservas delatlantico.com
Conserveira de Victor Curbera (Chapela-sen ubicar).
A familia Curbera, procedente de Cataluña, estableceuse en Vigo no 1780 para adicarse á industria do salazón. Dise que o naufraxio dun veleiro francés cargado de conservas de sardiñas de Nantes despertou a curiosidade de, Victor Curbera Puig. Deste xeito, puido no 1861 abrir en Chapela a primeira empresa conserveira de Galicia . Conseguiuno importando de Francia a técnica conserveira coñecida como “estilo Nantes”. Ademáis da conserva de peixe, adicábase á conserva de carne, froita e leite. Curbera tamén comerciaba con coloniales, mantendo varios buques de liña regular a varios países americanos. Isto facilitou que en pouco tempo xa comezara a exportar productos a Cuba. Esta empresa tería a súa continuación nas firmas José R. Curbera S. A. e Conservas del Atlántico S. L.
José Otero González "Mañas". Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo
Conservas JOB.
José Otero González (Mañas). Naceu o 1 de abril de 1899 en Redondela. Foi un dos pioneiros da industria redondelana. O seu pai faleceu en setembro do 1921, deixándolle en herdanza unha pequena empresa de escabechado sita na rúa Pai Crespo. A fábrica recibiu o nome de Sucesores de José Otero Bilbao. A finais dos anos 20 José Otero González propulsou o marisqueo na enseada de San Simón, principalmente de ameixa e berberecho, chegando a ser durante anos o único comprador. Abriu, deste xeito, o camiño ós futuros compradores que virían principalmente de Vigo para darlle un novo empuxón ó sector. Elaboraba ademáis longueirón, navalla, sardiña, bonito, palometa, anchoa... Pero por riba de todo, destacaba no mexilón en escabeche chegando a ser coñecido como “o rei do mexilón”.
Xa nos anos 30 mercou o antigo merendero da praia de Cesantes ás familias Otero e Borines, reformou o edificio e construiu un pequeno peirao para introducirse no mercado das conservas. Esta empresa era coñecida como Conservas JOB en memoria do seu pai José Otero Bilbao, cos anos tamén lanzaría a marca “Coca” que aínda hoxe se atopa no mercado. Máis tarde alugou e logo mercou a fábrica de salga da Regasenda da familia Tapias. Tamén comprou outra fábrica na praia de Francisco-Louro en Muros. Chegou a dar emprego a máis de 300 mulleres, ademáis dos peóns e o persoal técnico e administrativo. En Cesantes, chegouse a crear unha escola para os fillos dos traballadores, impartindo as clases Rosario Cal.
En 1942 adquiriu o que se convirtiría na súa maior paixón, o Convento de Vilavella, onde traballara como mandadeira a súa avóa. Realizou grandes modificacións estructurais no edificio, fixou alí a súa residencia e adaptou algunhas dependencias ás necesidades da súa empresa: oficinas, talleres... Entre 1942 e 1962 tamén comercializou pescado o por maior. En 1952 desaparece Sucesores de José Otero Bilbao como marca, seguindo o grupo empresarial baixo a dirección de José Otero González. Xa nos 50 instalou un criadeiro de mexilón de 500 m2 fronte a fábrica da Regasenda para abastecer á conserveira. Falecería no convento de Vilavella o 18 de febreiro de 1968.
Manuel Otero Lago. Foto: Arquivo propioConservas Manuel Otero Lago.
Fábrica de escabeche propiedade de Manuel Otero Lago (1870-1950) sacristán do Convento de Vilavella. Estaba moi preto da conserveira de José Otero Bilbao na rúa Francisco de Federico, hoxe Padre Crespo. Na parte dianteira tiña vivenda e tasca. Era unha empresa de caracter familiar que producía a marca Ría de Redondela. Antes da Guerra Civil producía 5 toneladas de mexilón en escabeche, 1 de ameixa ó natural, 3 de navalla ó natural e 1 de navalla en escabeche. Despois da guerra esta producción reduciríase por mor da perda dos mercados de Barcelona e Madrid.
Cando se xubilou en 1941 alugóulla con dereito a explotar a marca á empresa Sucesor de Guimeráns y Compañía pasando a empresa a chamarse Conservas Guimeráns. Os donos eran os vigueses Pedro Guimeráns Carreras e Alfonso Viñas Núñez. Este último despois de facerse co negocio cedeullo ós seus fillos. Como a empresa non ía ben un deixou o negocio e o outro fíxose cargo da fábrica con dous novos socios, un deles era Pepe “Ford”. Máis tarde o fillo de Viñas deixaría a sociedade. Xa co nome de Conservas Rodríguez y Pascual. A finais dos 60 a conserveira abandoaría estas instalacións e outras de Arcade (a fábrica que fora Conservas Sueiro) para trasladar o negocio ó peirao de Cesantes, facéndose coa empresa Conservas JOB e os dereitos para explotar a marca Coca. Hoxe en día é a única conserveira en activo de Redondela.
Conserveiras de Arealonga (Chapela)
Ó final da praia de Arealonga se atopaban dúas fábricas conserveiras.
Factoría Copiva (Chapela): Situada na ubicación que hoxe ocupa Pescanova, adicábase tamén ós productos do mar.
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
Outras Empresas.
Cargadoiros de mineral (Rande).
O cargadoiro máis antigo pertencía á Compañía Minerales de Hierro de Galicia, constituida en Madrid en 1924 e vinculada a capital de orixe alemán. Explotaba o xacemento de Freijo (Monforte de Lemos) coa que se comunicaba por tren. No transcurso dunha folga mineira en 1933 neste cargadoiro retirábase o ferro desta mina. Durante a II Guerra Mundial era empregada polos nazis para cargar wolfran procedente de minas galegas e leonesas como Coto Wagner. Logo o cargadoiro caería en desuso. A parte de ferro que se adentraba no mar foi desmantelada, mais actualmente aínda se pode ver a parte de hormigón.
En 1960 iníciase a construcción doutro cargadoiro máis moderno, formado por tres plataformas unidas a terra por unha estructura metálica que dispuña dunha cinta transportadora. Pertencía á empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.”. Empregábase para embarcar ferro, que chegaba por tren procedente de Coto Wagner, e carbón, das minas de Larciana e o Bierzo. Eran exportados a outros países, como Inglaterra e Alemania. Estaría operativa ata mediados dos anos 70.
Cepillería Gallega.
Fábrica de cepillos, brochas e pinceles. Propiedade de Manuel Leirós Fernández. Estaba na esquina das actuais rúa José Regojo e Padre Sarmiento, no edificio que anteriormente fora ocupado polo taller mecánico de Bienvenido. O 3 de agosto de 1964 un incendio que provocou perdas de varios millóns de pesetas acabou con esta empresa. As malas linguas din que fora provocado para cobrar o seguro.
Comercial Lechera Gallega S. L. (despois Ilsa-Frigo).
Estaba na actual rúa Ernestina Otero. Recollía o leite de pequenos productores para a súa distribución, chegando a vendela en Madrid. Nas súas instalacións tamén se instalou a empresa de xelados Frigo á que abastecía de leite. Pechou as súas portas a finais dos 70.
Ferrín dono de E. I. M. A. en 1927. Foto cedida por Genoveva Loureiro
Compañía Azufrera del Noroeste (Rande).
Fábrica de xofre. Estaba situada nas cercanías da actual empresa Vieirasa. En outubro de 1932 varios obreiros foron despedidos o que provocou graves incidentes. O 10-8-1934 morren dous obreiros nun accidente nesta empresa. Un deles chamábase Avelino Counade que deixou muller e 5 fillos. Outros moitos traballadores desta empresa tamén morrerían por mor da silicose.
E. I. M. A. ou Fábrica de Brochería y Cepillería S. A. (“A de Ferrín”).
Industria de Bautista Ferrín situada cerca da estación do ferrocarril. Fábrica de Cepillos, que nos 50 chegou a producir 5 millóns de cepillos ó ano. Distribuindo a súa producción por todo o territorio nacional.
Electra Popular de Vigo y Redondela
En 1907 créase a sociedade Electra Popular de Vigo y Redondela. En decembro do ano seguinte, autorízase ó seu presidente Laureano Salgado á instalación dende Redondela dunha liña de transporte de electricidade que abasteza a Porriño. Máis tarde, fusiónase coa Sociedad General Gallega de Electricidad, conservando este nome, creando unha rede de distribución de Vigo a Ferrol.
Estaleiro de Cesantes.
Situado no centro da praia de Cesantes (o lugar aínda se chama Os Astilleros), esta carpintería de ribeira era propiedade de Manuel Loureiro Pintos e nel traballaron os seus fillos Manuel e José Loureiro Fernández. Comezou a súa actividade nos anos corenta do pasado século, construindo traíñas a remo e máis tarde chalanas e gamelas, que co paso do tempo irían adaptando o motor, nun principio de gasoliña e despois diesel. O barco de maiores dimensións que construiron foi o “Santa Eugenia” de uns 15 metros de eslora e con popa de rabo de galo. O estaleiro pecharíase en 1989 despois de construir o barco “Alelita” de 6 metros de quilla.
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
José Regojo descubrindo unha das placas da rúa que leva o seu nome. Foto: Cal-3_Recuerdos de mi vidaFábrica de Camisas Regojo.
En 1928, José Regojo, pontevedrés de nacemento e zamorano de adopción, liquida os seus negocios en Portugal e instálase en Redondela, fundando unha fábrica de camisas na rúa Alfonso XII. O local tiña 100 metros cadrados contaba con 8 traballadores e producía seis docenas de camisas diarias.
Co tempo a fábrica de camisas Regojo chegou a ser a maior empresa de confección de España. Este gran crecemento, debeuse en gran parte, a confección de roupa para o exército do bando nacional durante a Guerra Civil. A súa producción acadaría as 12.000 camisas diarias, á venda en 15.000 tendas, e a situarse no 25% do mercado español, ou sexa, unha de cada catro camisas vendidas en España era fabricada por Regojo. Chegou a ter cerca dos 6.000 traballadores sendo durante moitos anos o motor económico da vila. Se fabricaban as marcas de camisas: Dalí, Paul Lafont, Jen Coty...; e de vestidos, saias e blusas: Maquien, Modachic... A fábrica ocupaba unha superficie de 15.000 m2 e contaba con comedores, economato e escola, ademáis dun fondo para conceder becas de estudios ós fillos dos traballadores.
Tamén creou fábricas de calzado, uniformes, curtidos, madeiras, fundicións... En 1963 creou Confecciones Niza. E seguidamente Confecciones Sotomayor, Intexcon, Textil Amoedo e Acabados Textiles del Noroeste. Coa chegada da democracia e a apertura ás importacións as cousas empezaron a ir mal. As empresas anteriores se fundiron baixo o nome de Telanosa.
Tralo feche da fábrica, en 1986, requirido polo Ministerio de Traballo, foron intervidas as contas bancarias de varios traballadores dos 1.200 que en 1981 asinaran un crédito de 400 millóns de pesetas para o saneamento da empresa. Isto desencadeou verdadeiras batallas campais entre os traballadores e a policía. Situación que duraría varias semanas ata a condonación da débeda.
Fotos dos enfrontamentos coa policía.
http://www.delmialvarez.com/telanosa/telanosa.htm
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
A Fábrica de Colmeiro (A Portela-Cedeira): Nos terreos ocupados posteriormente pola empresa de automocíón Inerga, hoxe chamada Peguform.
Fábrica de Jabones el Diamante.
Propiedade da viuva de José Lago Araujo.
Os Fornos de facer tellas.
O monte da Telleira recibe o seu nome porque nel se fabricaban tellas dende o século XVIII. Chegou a haber sete fornos, deixando de utilizarse o último deles en 1939. Xa no 2008, o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy deixou ó descuberto dous destes fornos. Que ver>A Telleira
IME S. A. – Industria Metalífera Española (Punta Socorro-A Portela)
Nas instalacións de Electro Metalúrgica Galega (fundada en 1920), Carlos Guntsche enxeñeiro de orixe alemán crea a fundición Santa Elena na 2ª metada dos anos 30. Sería o seu fillo Raúl Carlos Arturo (alcalde de Redondela en 1943) o que en 1947 lle daría o nome de IME. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus productos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, voltando a traballar cun só forno entre 1952 e 1957.
Curiosidade: Despois da Guerra Civil, nenos da vila buscaban na chatarra que chegaba á fabrica vellos xoguetes como soldados de chumbo. Nunha destas, atoparon balas e non se lles ocurriu outra cousa que botalas ó lume para ver si estoupaban. Por sorte non houbo ninguén ferido. A partires daquel suceso a Garda Civil controlou as descargas de material para impedir que os rapaces se achegaran.
Instalacións de engorde de marisco na praia Punta do Cabo (Cesantes)
Nos 40 era propiedade de Narciso García. Eran empregadas para o engorde de diferentes moluscos, entre eles a ostra.
Pastillas de Café y Leche Sucesora de Antonia Córdoba.
Negocio familiar situado na Praza Ribadavia no primeiro piso do edificio que hai xunto a Casa da Torre.
Secadoiro de bacallau.
Atopábase na curva da Canteira nos anos 40-50. Era propiedade de dous irmás nados en Castela coñecidos como Jose María O Feo e Cabeza de Lavadouro. As instalacións consistían nuns paos con cordas das que colgaban os bacallaus que logo repartían nunha furgoneta.
Serradoiro Cardona.
Estaba ubicada na praia dos Penedos, en Laredo (Chapela).
Serrerías Vulcano.
Vinculada á Factorías Vulcano, empresa de construcción naval. Estaba en funcionamento no 1974.
Veiga y Tojeiro.
Fábrica de cepillos preto da Praza de Santiago Apóstolo.
Vidrieira de Rande.
En setembro de 1918 anúnciase na prensa: “Brevemente darán comezo os traballos para a instalación dunha fábrica de cristal en Rande, que establecerá unha compañía inglesa”. No 1929 houbo un accidente ferroviario preto desta fábrica. En abril do 1936 o Concello inicia xestións para tentar a reapertura desta empresa.
Outros Empresarios
Foto: Ver enlace
José de la Gándara Sestelo.
Nado en Redondela e casado con Joaquina Cividanes Rodríguez, desenrolou a súa carreira empresarial en Vigo, onde tivo gran influencia entre finais do S. XIX e principios do S. XX. Presidente do Centro de Instrucción Mercantil (hoxe Círculo Mercantil) entre 1894 a 1899. En 1886 aparece xa como secretario na primeira xunta directiva da Cámara de Comercio, da que sería presidente entre 1921 e 1924. Neste organismo a súa laboura centrariase nas obras portuarias e na constitución do Depósito Franco (actual Zona Franca). Ademáis ocupou o posto de presidente da Junta del Puerto y Ría de Vigo ata 1919. Na súa actividade empresarial destaca a compra dun almacén de coloniais á familia Laforet, ubicado na parcela ocupada posteriormente polo cine Fraga. Tamén fundou a conserveira Gándara y Haz. Formou parte nos anos 20 do consello de administración do Banco de Vigo. Impulsou o monumento en Monteferro en memoria dos mariños falecidos durante a primeira guerra mundial.
http://www.camaravigo.es/es/jose-de-la-gandara-sestelo.html
Anecdotario Redondelán

