Ciclismo
O primeiro equipo ciclista redondelán do que temos constancia foi o da S.A.R., formado pouco despois da súa fundación en 1963. Entre os seus compoñentes contaba con: Horacio Barros (de Porriño, campión provincial e galego de Ciclo Cross), Cándido Lago, Longueira Parada...
Actualmente dispomos dun equipo ciclista afeccionado, o Pescanova Chapela. Das súas filas sairía o noso máis famoso ciclista:

Marcos Antonio Serrano Rodríguez: (Chapela 8-9-1972). Deu o salto a profesionais en 1993 co equipo Kelme. Axiña se destacaría coma un gregario de luxo e un gran escalador. Pasou polas filas do ONCE-Eroski, Liberty Seguros e Karpin Galicia. Retirouse en febreiro do 2008.
No seu palmarés figuran unha etapa no Tour de Francia (2005), a Milán-Turín (2004), a Volta a Galicia (1999) e a Volta a Castela e León (2001). Chegou quedar décimo tanto no Tour de Francia como na Volta a España. ¡E iso que non era xefe de filas! Un gran ciclista que, cun pouco máis de fortuna e confianza dos seus directores deportivos, podería haber acadado un palmarés aínda máis embexable.
Marcos tras gañar a 18ª etapa do Tour 2005
Outros redondeláns que conseguiron chegar ó profesionalismo son:
Enrique Salgueiro
Enrique Salgueiro Alonso: (Chapela 2-05-1981). Debutou en profesionais no 2003 co equipo Beppi-Pepolim (Portugal). No 2005 pasaría ó español Spiuk Semar, no 2007 ó Karpin-Galicia e no 2008 voltou ó Extremadura-Spiuk que pouco despois sería descendido a categoría amateur.
No seu palmarés como profesional conta cunha etapa e xeneral da Volta a León e con outra etapa e xeneral na francesa Volta ós Pirineos. No 2009 como amateur liderou de principio a fin a Volta a Galicia 2009.
David Abal
David Abal Diego: (Chapela 25-08-1986). Debutou en profesionais no 2007 co Karpin-Galicia, que no 2008 trocou o nome por Xacobeo Galicia.
A nivel organizativo o máis destacado foi en 1988 a saída da 5ª e derradeira etapa Redondela-Vigo da Volta a Galicia. Esa etapa sería para Acacio Da Silva e a xeneral sería para Marino Lejarreta seguido por Álvaro Pino e, un aínda descoñecido Miguel Indurain. De tódolos xeitos, aquel día o autógrafo máis codiciado era o de Pedro Delgado.
Outros premios: En 1987 un sprint especial da Vuelta a España sería gañado por Antonio Esparza. En 1984 sería Jose María Caroz do equipo Dormilón o que se adxudicaría unha meta volante. En 1954 un sprint da Vuelta Ciclista a Pontevedra y el Ribero sería para Poblet.
No 2008 un grupo de xóvenes redondeláns comezou a construcción dun circuito de BMX nos montes de Cedeira. Un destes mozos xa acadou un Campionato de España.
Anecdotario Redondelán

