Anecdotario Redondelán

Colectivos e antigos partidos políticos

Antiga sede de Acción Católica.

 

Acción Católica.

            Esta institución relixiosa da posguerra tiña a súa sede nunha pequena casa que se atopa dentro do adro da Igrexa Parroquial de Redondela. Creada o 31 de xaneiro de 1944, estaba composta por 18 mulleres asesoradas polo párroco Manuel Martínez Alonso. Estaba presidida por Teresa Otero Fernández nai do médico Antonio Ocampo. No Nadal sempre montaban un belén con figuras que se movían e que, naqueles tempos, causaba gran espectación. Antes da guerra existía unha asociación similar coñecida como Círculo Católico, constituida o día da Concepción de 1932.

 

Asociación de Comerciantes de Redondela.

            Fundada en xaneiro de 1932.

Asociación de Hijos de Redondela.

Creada en Río de Janeiro (Brasil) en 1910 por emigrantes da vila. A súa maior contribución á vila foi a construcción no concello da Graduada Escola José Figueroa (actual centro da terceira idade sito na Xunqueira), na honra de quen fora presidente fundador, José Figueroa Montero.

Casa del Pueblo.

            En xaneiro do 1932 agradece por carta ao deputado Alejandro Otero a doación de libros para a súa biblioteca. En abril dese mesmo ano o Concello decide subvencionar á Casa del Pueblo de cara a celebración do 1º de maio, festa do traballador. Entre os seus presidentes estivo Serafín Dacosta Paz. A finais de abril do 1935 levántase a clausura que se tiña feita do seu local.

 

Casino.

            Atopábase na Rúa Alfonso XII, na primeira pranta da casa onde se atopa a Farmacia de María Rita. Nel había unha foto de Juan Manuel Pereira, ministro embaixador plenipotenciario en China e Siam, sobre un elefante branco.

            Xa en 1910 era Buenhijo Pérez Sobrino é elexido contador desta sociedade.

            En marzo de 1918 nomeouse nova directiva: Ventura Domínguez, Presidente; Eduardo Sánchez, depositario; Alfredo Basante, contador e Juan Amoedo, secretario.

Xa no 1934 a sociedade ten problemas económicos, en parte pola competencia que lle fai o Centro Recreativo. En xaneiro entra unha nova xunta formada por: Olimpio Giráldez, Presidente; Xaime Serín, vicepresidente; Avelino Cal, secretario; Francisco Pereira, contador e León de la Rosa, depositario. 

No 1935 a directiva sería: Francisco Cunqueiro Montenegro, presidente; José Dapena Mouriño, vicepresidente; Jesús Sánchez Otero, secretario; Gerardo García García, contador e León de la Rosa Escobar, tesoureiro.

O 6 de xuño de 1937 morre o presidente do Casino, Luis Pereira Míguez.

Centro Científico Deportivo.

            En 1910 organiza un baile de entroido no Salón Míguez.

            No nadal de 1916, sendo presidente desta asociación Saturno Cal, organízase unha velada teatral para recaudar fondos a prol dos máis necesitados. 

            O 11 de febreiro de 1917, ceebrouse o chamado “domingo de Corredor” cun baile de máscaras amenizado por unha orquestra formada por oito profesores. Bailouse ata as catro da mañán.

Centro Radical.

            Sede do Partido Radical. En agosto de 1934 fixéronlle unha homenaxe a Emiliano Iglesias Ambrosio, identificado como figura do caciquismo e que ocupou importantes cargos no Estado, na illa de San Simón. Daquela a xunta xestora do centro estaba formada por Aureliano Adán, presidente; Fernando González, vicepresidente e Paulino García García, contador.

            No 1935 se elixe nova directiva: Heliodoro Rivas y Rivas, presidente; Miguel Villar Sánchez, vicepresidente; Paulino García García, contador; Hermenegildo Casal Campo, tesoureiro; Aureliano Adán Mos, secretario; Florentino Pereira, vicesecretario e vocais José Crespo Rivas e Santos Fernández Lamas. En xaneiro de 1936 o Partido Radical de Redondela chega ó seguinte acordo: “disolver el Centro Radical y dejar en libertad a sus afiliados, en vista del abandono en que les tuvo el Comité ejecutivo provincial”.

Centro Recreativo e Cultural de Redondela.

            Antes da súa ubicación actual (dende principios dos anos 70), coñeceu outras dúas. A máis antiga sería no Calexón de Don Basilio (ata o 2008 pertencía á Rúa Prata), no edificio que ten o baixo ocupado polo Pub Mambo e, anteriormente, polo Pub Venus. Nesta mesma época a pranta baixa deste edificio empregouse como ximnasio polos boxeadores da vila. Posteriormente, trala guerra civil, sería a sede da Falanxe de Redondela, atopándose a sección feminina nunha casa cercana na que actualmente se atopa o Pub Aquelarre.

Nos anos 50, trasladariase á primeira pranta dunha casa con fachadas na Rúa Alfonso XII e no Paseo da Xunqueira, a carón da Ferretería Alfaya.

            Buenhijo Pérez Sobrino foi presidente en 1923 e reelexido en 1924.

Centro de Redondela en Argentina

1930, 5 de xuño: “Para as familias dos náufragos dos vapores pesqueiros, recibíronse 2.570 pesetas enviadas desde Bos Aires, polo Centro de Redondela en Arxentina e o seu distrito”. En xullo de 1932 este centro doará 1.000 pesetas para material escolar, avisando que enviarán 2.000 máis.

            En agosto de 1909 créase en Bos Aires a Unión Provincial de Residentes de Pontevedra. Na súa directiva e como representante de Redondela estaba Enrique Martínez.

 

Centro Republicano Recreativo.

            Durante a II República. Nas súas instalacións se celebraban bailes ademáis de  mitines políticos.

             O 1 de Maio do 1932 organizou un mitin con 6 oradores entre eles unha muller, a señorita Las Heras, e un redondelán, Jacinto Díaz. Logo elixiron unha nova directiva formada por: presidente Antonio Ocampo, vicepresidente José Fernández, tesorero José Rodríguez, secretario Manuel Martínez, vocais Edmundo Villasanta, César Pazos e Jacinto Díaz. O 1 de xaneiro do 1933 no seu local Alexandre Bóveda da un discurso. En novembro do 1933 é elexido presidente da nova directiva José Rodríguez Casal. Xa en decembro tería gran éxito neste centro a actuación do grupo “Airiños d’o Tea”, continuando as festas do Nadal con bailes o 1 e 6 de xaneiro.

            En marzo do 1935 renova a directiva: Severo Rivas, presidente; Domingo Fernández, vicepresidente; Juan Míguez, secretario; Cándido Suárez, contador; Valentín Amoedo, tesoureiro; José Figueroa, bibliotecario e Bernardo Pazos, vocal.

            A súa derradeira directiva elexida en marzo de 1936 sería: José Méndez, presidente; Juan Molinos, vicepresidente; José Fontenla, secretario; Pompeyo Blanco, vicesecretario; Cándido Suárez, contador; Juan Míguez, tesoureiro; e Manuel Silva, Victoriano Míguez e Rafael Montero, vocais.

 

Círculo Recreativo de Redondela.

            O 11 de febreiro de 1917 celébrase o chamado “domingo de Corredor” cun baile de máscaras que se prolongou ata as dúas da madrugada. Estivo amenizado por Marcos Sotomayor que interpretou ó piano o mellor do seu repertorio.

En febreiro de 1917 organiza un festival tan concurrido que se afundiron as gradas para o público, resultando feridos Manuel Mariño e un neno.

Comisión de Abastos.

            En xullo do 1933 o seu presidente José Vidal Ramón, acompañado da garda municipal, fixo unha inspección do peso do pan, tratando de incautar o que non cumpría o peso, provocando a protesta de varias veciñas que se atopaban na praza.

Confrarías.

            Xa aparecen no s. XVIII. Algunhas estaban vencelladas ás organizacións gremiais, é o caso dos toneleiros que tiñan por patrón a San Sebastián ou os xastres con Sta. Catalina. Ademáis da finalidade de culto, tiñan unha finalidade asistencial, facéndose cargo de parte dos gastos dos enterros e dalgunha misa. Neste s. XVIII en Vilavella existían as confrarías do Santísimo Cristo, das Ánimas, S. Sebastián, S. Lourenzo e Sta. Catalina.

Cooperativa del Campo Santiago Apóstol.

            En xuño de 1954 toma posesión a nova xunta rectora, tratanto a reorganización da cooperativa e estudando a obtención dos artigos necesarios para os labregos baixo a dirección da Hermandad de Labradores y Ganaderos.

Corpo de Exploradores de Redondela.

            Creado en 1918, estaba formado por 80 rapaces. O uniforme estaba composto por unha camisa caqui, un pantalón corto de pana, botas e pano anoado no pescozo. Realizaban desfiles con cornetas e tambores. 

            En marzo de 1924 realizouse unha reunión para reorganizar esta asociación.

O 29 de maio de 1929 recibiron a dúas patrullas de exploradores de Pontevedra, que chagaron á nosa vila a disfrutar das festas do Corpus.

Os domingos e festivos realizaban excursións a montes e vilas veciños. Gañaron o primeiro premio nun concurso provincial celebrado en Pontevedra. Un ano de viruela queimaron eucalipto polas rúas nun intento por desinfectar a vila.

Sereis para ser buenos

mejores cada día

con este faro y guía

cumplir nuestro deber...

Federación Agraria de Redondela.

            Partido político que en novembro de 1933 elixiu como candidato á alcaldía ao Tenente Alcalde Juan Martínez Vila.

            En febreiro de 1935 elixen presidente a Sabino Villanueva, contando xa con 997 afiliados repartidos en 10 sindicatos dependentes.

 

Fogar Méndez Núñez.

Ver Historia da Illa de San Simón.

 

Gremios.

            Asociacións corporativas formadas por traballadores dun determinado oficio artesanal: xastres, zapateiros, toneleiros... Antes do Catastro de Ensenada (1752) xa aparecen carniceiros e panadeiros. Entre as súas tarefas estaban a de fixar os precios dos productos, controlar a calidade, vixilar a distribución da materia prima e sancionar a competencia desleal. Dentro de cada oficio existía unha diferenciación dos traballadores en mestres (propietarios dos obradoiros), oficiais e aprendices.

Grupo Masónico

Formado por: Telmo Bernárdez, José Enrique Pereira Míguez, José Figueroa Montero, Saturno Cal, Juan Amoedo Seoane e Nicolás Salmerón, todos eles compoñentes de Los Jóvenes Turcos, ademáis de: Manuel Rey Soto, Antero Evasio Rubín Homent, Ismael Gómez, Narciso Martínez, Víctor García, Ricardo Mariolo, Julio Bouzas Gallego, Juan Santos García Rodríguez, Manuel Moreira Portela, Leopoldo Otero Otero (Pesquerello), Julián González Lemos, Jesús Bernárdez Gómez, Enrique Sánchez Cadavieco, Edmundo Villasanta Pérez e Alejandro Otero Fernández.   

Izquierda Republicana Redondela

Partido fundado, a nivel nacional, en 1934 por Manuel Azaña Díaz. Un militante destacado en Redondela foi Alfredo Lorenzo Martínez.

Liceo de Artesanos.

            Asociacións de finais do s. XIX e principios do século XX. En 1897 era presidida por José Fernández Ferreira, sendo depositario Manuel Pérez Rivas e secretario Buenhijo Pérez Sobrino.

Liceo Artístico.

 

Liga de Contribuyentes.

            Organización involucrada na vida política da vila a finais do s. XIX e principios do s. XX. No 1892 Conformouse a primeira directiva. Pertenceron a esta asociación:  Juan Manuel Otero Milleiro, Pedro Otero Milleiro, Manuel Pérez Rivas...

Liga Popular.

            No 1923 era presidente Francisco Cunqueiro Montenegro.

Los Jóvenes Turcos.

            Grupo de xóvenes con inquedanzas políticas de principios do s. XX. Estaba formado por Telmo Bernárdez, José Enrique Pereira Míguez, Luis Juan Pereira Míguez, José Figueroa Montero, Saturno Cal, Claudio Contreras, Juan Amoedo Seoane e Antonio Orellana, este último de Soutomaior.

Mocedades Nazonalistas Galegas.

            En xaneiro de 1936, Raimundo Cal é elexido Responsable de Propaganda da provincia de Pontevedra. Entre outros eran membros deste grupo en Redondela Rafael Hermida e Bernardo Fernández, que xa formara parte de Ultreya. En xuño dese ano Raimundo Cal e Rafael Hermida representan a Redondela na III Asemblea desta formación, con vistas á campaña a prol do Estatuto.

Partido Comunista.

            En xaneiro de 1936 consegue, incriblemente, dar un mitin en Redondela sen ser interrompidos polas forzas do orde. Falaron ante 150 persoas Antonio Moscoso, Manuel Martínez e José Robles.

Partido Galeguista de Redondela.

Formouse en abril do 1932, sendo dos primeiros grupos organizados do Partido Galeguista na Galiza, e hai constancia de que pertenecen como mínimo Avelino Cal Fernández, Xose María Blanco Alfaya, Lois Carballeira Fernández, Sebastián Muíños Blanco, Fermín Blanco Alfaya e Francisco Pereira Fernández. O 6 de novembro dese mesmo ano inauguran o seu novo local, onde anos máis tarde abriría as súas portas a xoiería Groba. Asistiron ó acto Castelao e Paz Andrade.

Foron presidentes deste partido: Xosé María Blanco Alfaya (1932), Francisco Pereira Fernández (1933) e Avelino Cal (1934, 35 e 36). Xosé María Blanco Alfaya sería o 1er  concelleiro galeguista de Redondela en abril do 1933. Presentou unha moción que conseguiu que por primeira vez a bandeira galega ondease na Casa do Concello o 25 de xullo de 1933. Pola súa parte Avelino Cal propuso a creación dun xornal que representara ó partido, este sairía a rúa o 16 de abril de 1933 baixo o nome de “Terra!” e co propio Avelino como director.

Sindicatos.    

As eleccións sindicais de decembro de 1950 da nosa vila tiveron os seguintes resultados: Xefe do Gremio de madeira e corcho, Félix Fernández; de Pel, José Orge Esteira; de Transportes e Comunicacións, José Táboas Pardo; de Hostalaría e similares, Bienvenido Lago Araujo; de Alimentación, Manuel Bas Puga; de Industria e Comercio, José Regojo Rodríguez; Patrón Maior da Cofradía de Pescadores, José Rivas Cabaleiro; Prohombre da Irmandade de Labradores e Gandeiros, José Moreira Rivas.

Entre o 24 e 26 celebráronse en Redondela os II cursillos para enlaces sindicais.

Sindicato Agrícola y Ganadero de Cesantes.

            En abril de 1936 nomeou a: presidente, Ramón Sestelo; vicepresidente, Casimiro López; secretario, Francisco Davila; vicesecretario, Ángel Crespo; tesoreiro, Casto Barbeito; vocales, Constante Sequeiro e José Giménez. Delegados á Federación de Redondela: Ramón Sestelo, Fermín Gómez e Santos García. Delegados ós congresos provinciais: Santos García, Domingo Sobral, Fermín Gómez, Casimiro López e José Ramón Vidal. No seguro mutuo de gandos figuran 113 reses vacunas cun valor de 76.350 pesetas. Son 145 asociados. 

Sindicato Agrícola y Ganadero de Negros.

            En febreiro de 1936 nomeou a: presidente, Justo Cabaleiro; vicepresidente, Francisco González; secretario, Rafael Pérez; vicesecretario, Luis Álvarez; tesoreiro, Antonio Otero; contador, José Crespo e vocais: Manuel Mouriño, Basilio Lago e Lorenzo Crespo. Delegados á federación local: Justo Cabaleiro, Rafael Pérez e Francisco González. Delegados ós congresos provinciais agrarios: Justo Cabaleiros e Francisco González. Ten 40 asociados e operou na Central de Compras por valor de 1.251´75 pesetas, obtendo un beneficio de 63´86 pesetas, que o devolve á federación provincial. 

Sindicato Agrícola de Ventosela.

            En febreiro de 1936 nomeou nova xunta directiva: presidente, David López; vicepresidente, Juventino Gallego; secretario, Ramiro Couñago; vicesecretario, Perfecto Bouzón; tesoreiro, Luis Couñago; contador, Francisco Soto; e vocais: Jesús Couñago, Arsenio Iglesias e Constantino Couto. Delegados á federación local de Redondela: Fermín Blanco, David López e Arsenio Iglesias. Delegados ós congresos provinciais, Jesús Couñago, Manuel Bouzón, Joaquín Nogueira, David López e Ramiro Couñago. Funciona con 60 asociados e ten un seguro mútuo de gandos de 79 cabezas, valoradas en 33.800 pesetas. Pechou o exercicio cun saldo favorable de preto dun millar de pesetas. Operou na Central de Compras.

Sociedad de Marineros de Redondela en Montevideo.

            En maio de 1916, envíanlle a cantidade de 450 pesos oro á Sociedade de Mariñeiros de Redondela para obras no seu local social.

Sociedade de Agricultores de Cesantes.

            O 22 de maio de 1932 no seu local houbo un mitín do Partido Galeguista no que, se ben non puido asistir o anunciado Alexandre Bóveda, despois da presentación feita polo presidente da sociedade e por Blanco Alfaya do Partido Galeguista de Redondela, tomaron a palabra Víctor Casas, Álvarez Gallego e Paz Andrade.

Sociedade Agraria de Cabeiro.

Sociedade Agraria de Cedeira.

            En decembro de 1934 da unha conferencia no seu centro o xove veterinario desta vila, Isaac Reboredo Fernández. A charla versaba sobre a enfermedade no gando porcino.

Sociedade Agraria de Chapela.

            En novembro do 1933 acolle un mitin de Izquierda Republicana no que interviron Isla Couto, Martínez, Domínguez, Poza Juncal, Telmo Bernárdez e Alfonso R. Castelao.

Sociedade Agraria de Negros.

                        En febreiro de 1935, xa co nome de “Sindicato Agrícola e Gandeiro de Negros”, é elexido presidente Francisco González.

Sociedade Agraria de O Viso.

            En 1910 foron a recibir á estación de Redondela ó agrarista Emilio Rodal. A súa presidencia foi ocupada varias veces por Claudio Sorelo, mestre interino na parroquia, que sería despedido na estación polos membros da sociedade o 19-09-1927, por ser trasladado a unha escola de Lugo.

Sociedade Agraria de Reboreda “La Redentora”.

 Constituida en setembro de 1918. En outubro de 1935 inauguran as súas novas instalacións na Carambola, actuando a Banda de Música de Cabeiro.

Sociedade de Agricultores e Mariñeiros de Soutoxusto.

            Formada en setembro de 1934 con cerca de 80 asociados.

Sociedade Agraria de Trasmañó “La Predilecta”.

            En marzo de 1932 denuncia obras sen permiso no monte. En febreiro fanlle unha homenaxe a Benigno F. González, gran benefactor da parroquia. Neste acto participan Castelao e Alejandro Bóveda.

  

Sociedade Agraria de Vilar “El Ideal”

            En marzo de 1932 solicita ó Concello que constrúa dunha vez unha ponte para que persoas e animais non teñan que cruzar o río, que mesmo nos enterros teñen que cruzar co cadaleito pola auga.

Sociedade de Caza e Pesca.

            Celebraba as súas reunións no despacho do médico Antonio Ocampo. Compoñentes desta asociación serían Heliodoro Rivas Rivas ou Francisco Cunqueiro Montenegro.

Sociedade de Mariñeiros de Cesantes.

            En abril de 1933 José Otero dono de Conservas Job, único comprador da zona,   négase a mercarlles a ameixa. Xa en abril de 1934 organizan unha festa en conmemoración do aniversario da República á que acudiu moita xente de Redondela.

Sociedade de Mariñeiros de San Juan Redondela (actual Confraría de Pescadores de San Juan).

Antes da súa formación os mariñeiros de Redondela e de Santa Mariña (daquela pertencente a Cesantes), xa estaban agrupados no Gremio do Mar, que tiña por patrón a s. Xoán. No 1730 este gremio pedíalle ó mercader asturiano Alonso Vitoreo Calunga un empréstito de 600 pesos para axudar ás familias dos mariñeiros que son destinados ese ano ó exército. No 1751 pleitean contra os mariñeiros de Cangas para que deixaran de empregar a “manjarda y trabuquete”.  

Reunidos baixo o novo nome no 1890, alugaron un local na avenida de Santa Mariña. Logo mercaron un local na rúa Ribeira, empregado despois como clube de xubilados.

Xuño de 1917: O Centro de Mariñeiros de Redondela acordou organizar grandes festexos para o día que tome posesión da Capitanía General de Galicia, o xeneral don Antero Rubín. (Tierra Gallega-Uruguai, xuño 1917)

A Sociedade de Mariñeiros de San Juan naceu como unha organización mariñeira no ámbito da Confederación Regional Galaica (CRG) de tendencia anarquista. Nun principio o patrón maior era elexido polo alcalde. Na década dos 30 estaba na órbita do sindicalismo socialista, sendo presidida en 1930 por Valentín Rodríguez Chamorro. En 1932 contaba con 1000 afiliados. Despois da Guerra Civil as Sociedades Mariñeiras foron convertidas en Confrarías.

En abril de 1933 José Otero dono de Conservas Job, único comprador da zona,   négase a mercarlles a ameixa. Xa en abril de 1934 organizan unha festa en conmemoración do aniversario da República á que acudiu moita xente de Redondela.

Reúnense para estudar a aprobación da construcción dun porto en Cesantes, mostrando o seu desagrado pola instalación naquela zona dunha empresa de mariscos que perxudica gravemente os intereses mariñeiros na zona. (Avante, 15-6-1954).

A finais da década dos 70 trasladouse á avenida Mendiño ó edificio coñecido como Casa do Mar.

Socorro Rojo.

            Grupo que xurdiu durante a Guerra Civil e que funcionaba tamén en outros concellos. Encargábase de recoller roupa ou diñeiro para asistir aos presos na Illa de San Simón, así como para facer de contacto cos seus familiares. Tamén asistían as familias con menos recursos dos perseguidos. O centro de operacións era a farmacia de Luis Pereira Míguez (marido de Ernestina Otero) e despois da súa filla Gemma, xa que era un local no que a entrada de xente non levantaba sospeitas. As mulleres e homes que se atrevían a levar o recollido á illa sufrían, as veces, violacións e vexacións, elas, e malleiras, eles.

Ultreya.

            Grupo de xóvenes formado na vila de Noia, de alí extendeuse a outras vilas galegas (Santiago, Vilagarcía, Ourense...). Fundamentábase nos valores do estudio, o deporte, a vida saudable e o galeguismo. En Redondela estaba composto por rapaces que estudan en Pontevedra e Vigo: Bernardo Fernández, Xosé Rodríguez, Manuel Pena, Xosé Fontenla, Xosé Torrado... A partires de abril de 1933 estarán coordinados por Lois Carballeira Fernández, membro do Partido Galeguista.

            O 22 de xullo dese mesmo ano inauguran un cicro de conferencias iniciado por Xosé Torrado, que falou da figura de Cervantes. Días despois, sería Bernardo Fdez. Soto o que faría o propio referíndose á poeta Rosalía de Castro.

Unión de Derechas Femeninas de Redondela.

            En abril de 1932 e coincidindo co 1º aniversario da República organizou un mitin con oradores de Pontevedra e Vigo desprestixando á República. Varios mozos de Redondela boicotearon o acto creándose un barullo que non chegou a maiores.

Xunta de Beneficencia.

            En 1932 foi nomeado presidente deste organismo José Olimpio Giráldez e tesoureiro Buenhijo Pérez Sobrino. En marzo do 1936 se elixiría como presidente ó recentemente reposto alcalde, Serafín Dacosta Paz, acompañado de Dolores Otero Sestelo, Carmen Otero, Domingo Fernández (Ferrucacho) e Antonio Alfaya.

Xunta Local de Fomento Pecuario.

            Nace en abril de 1932 co fin de orientar o melloramento gandeiro. O presidente era o daquela alcalde Pedro Otero Sestelo, acompañado por Florencio Soto, como perito agrícola; Antonio Ocampo Fraga e Enrique Soto Fontán, como médico e mestre máis antigos; Carrera Rodríguez, inspector veterinario; e como vocais Salvador Cabaleiro por Cedeira, Manuel Rodríguez por Saxamonde, Francisco González por Negros e Eladio Fernández por Vilar.

Xunta Local de Subscrición Nacional para a Guerra de Cuba.

Presidida por Bernardino Couñago, contaba coa colaboración do por aquela alcalde Manuel Pérez Rivas.

 

 

 

Subir