Anecdotario Redondelán

Futbol

O primeiro equipo da vila foi o Redondela Foot-ball Club, fundado no 1908, sendo o seu presidente Leonardo Santos. No xornal La Opinión (de Redondela)  do 12 de xuño de 1911 relátase un encontro entre este equipo e o Tigre Negro, de Vigo, no campo da Xunqueira. Este sería o primeiro campo da vila, que foi construido polos propios xogadores e que se inundaba en inverno. Ese día tamén xogaría o equipo infantil El Ideal. Pioneiros deste deporte foron: Edmundo Novoa, Cipriano Prada Yaiza, os irmáns Ocaña, José “Costeiras” Martínez Vidal, Pancho... Este clube convertiuse en asociación baixo o nome de Círculo Recreativo e, ó pouco tempo, o equipo pasou a chamarse Redondela Deportivo. A asociación tiña o equipo descuidado polo que os seus compoñentes decidiron desligarse formando o Sporting de Redondela, nacido da unión de El Ideal e o Fénix. No 1919 atopo no xornal La Opinión (de Pontevedra) varios partidos deste equipo no que xogaban Bouzón e Pena. Esa sería unha boa tempada que só sería superada no 1923 cando venceron ó Alfonso, Athletic e Eiriña, todos eles de Pontevedra, e gañando unha copa de prata en Ponteareas con victorias por 2-0 e 6-0.

 

En febreiro de 1924 fórmase o Redondela F. C. con xogadores procedentes do Liga Popular e con Pedro Otero Sestelo como presidente. O seu primeiro partido oficial foi a fase de ascenso á Serie B en maio de 1924 contra o Europa de Vigo. Construiría un campo en terreos alugados ós donos do pazo de Petán. A obra financiouse cunha porcentaxe da recaudación das entradas e coa venta de  accións de 25 e de 5 pesetas. Inaugurouse o 5 de outubro de 1924 cun encontro entre o Redondela F. C. e o Comercial de Vigo, gañando os locais 4-3 e proclamándose campións da Serie C sen perder un só partido. O caciquismo da época tentou impedir o seu ascenso pero nun pleito que chegou a Madrid, a Federación de Futbol decidiu o seu pase a Serie B. Algúns xogadores deste equipo eran: Paco Soto (capitán), Lamas (Portero), Leira, Julio, Cabezo, Nicha, Pena, os irmáns Villar, Muíños Iglesias (capitán), Suso, Jaime, Avelino, Chicuelo, Borines, Agrelo, Neno, Julio. En 1924 organizaron en 1924 a primeira “Copa Redondela”. Este equipo desaparecería en 1936 despois de transitar entre a Serie C e a B.

Nesta época tamén xogaba o Choco F. C. Contaba nas súas filas con Moisés e Villaverde, entre outros. Fundado no 1927, desapareceu no 1934.

A primeira referencia que atopo de futbol nas outras parroquias da vila é o 20 de marzo de 1932, cando disputaron un encontro no campo de Cesantes o Alvedosa de Reboreda e o Alegría F. C. de Cesantes.

Xa no 1945 fórmase o C.D. Redondela, que disputou a Primera Categoría Regional. O equipo gañaría o Campionato Provincial de Afeccionados en 1945 e a Copa das Rías Baixas no 1946. Esta sociedade construiu o campo de Santa Mariña, xa que antes se xogaba nos campos de Petán e da Xunqueira. O traballo consistiu en levar terra dende  o monte da Telleira ata o fondo da Marisma. Para este fin empregaron dous carros de cabalos alugados polo concello (un deles propiedade de “Loreto”) e padiolas. Desapareceu a principios dos anos 50.

Outros clubes da época, moitos deles de categorías inferiores, serían: Esperanza, nos anos 20; O Pequeno Choco F.C., equipo infantil do Choco F. C. en 1933 troca o seu nome por Regojo F. C.; O Pequeno Redondela F.C., equipo infantil do Redondela F. C.; Comunista F. C., en 1934; Cataquesis F. C., en 1934; Coca; Juventud Recreativa F. C., en1934; Atlantic F. C., entre 1934 e 1935; Cabezo C. F., en honor dos irmáns Cabezo; Redondela Sporting Club, en 1936... Ademáis de nos campos xa mencionados os equipos de categoría infantil xogaban no peirao da Ribeira.

 

Dos equipos actuais destaca o  C. D. Choco, fundado no ano 1954, que disputou sete tempadas na Terceira División (temos que ter en conta que ata a tempada 1977-78 non se creou a 2ªB) e está loitando en Primeira Rexional. Na tempada 1956-57 gañou o Campeonato Gallego de Aficionados. No Campeonato de España de Aficionados chegaría a semifinais en 1957, quedando eliminado en cuartos en 1958 e 1963 fronte ó Salamanca e ó Real Madrid de Aficionados (R.Madrid C). Na categoría xuvenil no 1957 clasificouse para xogar o Campeonato de España quedando eliminado co Oviedo.

Os outros clubes da vila son o Chapela C.F., o C. D. Cesantes e o C. A. Vilar. Nomear tamén ós desaparecidos Arenas (Cesantes), Reboreda e CasaPaco (Grupo C.P.81), este último só con equipos de categorías inferiores.

No 2007 celebrou o 30ª aniversario da súa fundación o equipo de veteranos Os Netos da Coca.

No 2008 créase en Redondela a Escola de Futbol Base Redondela, separándose as categorías inferiores do C.D. Choco. http://www.redondelafutbolbase.com/

 

C.D. Choco. Principios dos 90. Foto: Arquivo propio

Xogadores en activo.

Pablo Couñago tras marcar coa Sub-20. Foto: www.juegalaroja.com

 

Pablo Couñago: Dianteiro. Nado o 9 de agosto de 1979. Formado na canteira do Casa Paco pasou ó Celta Xuvenil. Tras xogar no Celta B foi cedido ó Numancia (1998-99) e ó Recreativo de Huelva (99-00) participando na Segunda División. O 15 de outubro do 2000 debutou en Primeira co R. C. Celta. Cansado das poucas oportunidades que se lle daban neste clube, na tempada 2002-03 ficha polo Ipswich Town da Premier League inglesa, que ese mesmo ano descende á First Division. Despois de marcar 31 goles en 4 tempadas, volta á Primeira División española fichando polo Málaga no 2005 e que tamén descende. No 2007 volta ó Ipswitch. O seu maior logro foi o Campeonato do Mundo Sub-20 acadado coa selección española. Torneo no que foi bota de ouro (máximo goleador) e balón de bronce.

 

VIDEO: Golazo de Pablo nun Charlton-Ipswich o 08/12/2007, considerado o mellor gol da liga inglesa desa tempada.

Iago nun entreno co Huelva. Foto: www.marca.com

 

Iago Bouzón: Defensa Central. Nado o 16-6-1983 ó igual que Pablo pasou do Casa Paco ás categorías inferiores do R. C. Celta. Debutou co primeiro equipo do R. C. Celta con tan só 16 anos na Copa do Rei, pero en Primeira non o fixo ata a tempada 2003-2004. Dende a tempada 2005-06  xoga no Recreativo de Huelva, co que ascendeu a Primeira ese mesmo ano. Foi internacional nas categorías inferiores da selección española destacando o segundo posto no Campeonato Mundial Sub-20 e o triunfo na Meridian Cup Sub-17.

 

Xogadores históricos.

Lorenzo Fernández RedondelaLorenzo con Uruguai no Mundial de 1938.

 

Fernández, Lorenzo (El Gallego): Mediocentro reconvertido en dianteiro. Nado a finais do século XIX e falecido en 1973. Clubes: Club Caparro, Wanderers (1925-1927), Peñarol (1928-1932), Nacional e o River Plate. Co Peñarol acadou 3 títulos de liga (1928 e 1929, como equipo amateur, e 1932 primer ano da era profesional). Coa selección Uruguaia (daquela os emigrantes podían xogar co país de acollida) acadou: 1 Campionato do Mundo (1930), 1 Xogos Olímpicos (1928) e 2 Campionatos Sudamericanos (1926 e 1935). Ademáis foi adestrador do Peñarol e o Racing entre outros. (Ver Lorenzo Fdez. Campión dun Mundial de Futbol).

Hortas. Foto: Mundo Deportivo

 

Hortas Vidal, Fermín. (Cesantes, 15.05.1954). Porteiro. Pasou do C. D. Choco ó Gran Peña (1975-1976) de 3ª División. Daría o salto a 1ª co R. C. Celta (1976-1980). Daquela era suplente de Fenoy, xogando só os partidos de Copa, pero unha gran actuación en octavos no Camp Nou onde eliminaron ó F. C. Barcelona abriulle as portas da titularidade, non podendo evitar o descenso do equipo. O posterior fichaxe de Capó voltaría a pecharlle as portas da titularidade. En total na liga xogaría co Celta 2 tempadas en 1ª, xogando 20 partidos, e 3 en 2ª, xogando 23. Despois de baixar o equipo a 2ªB, ficharía polo Linares (1980-1981) de 2ª. E en 1981 ficha polo C. D. Orense de 3ª División conseguindo o ascenso a 2ª B na tempada 1984-85. Seguía xogando neste equipo  en 1988.

Cabezo II defendendo a portería do Zaragoza en 1940. Foto: El Mundo Deportivo

 

López Ventín, Honorato (CabezoII): Empezou xogando de dianteiro pero unha lesión de menisco obligouno a xogar de porteiro. Os primeiros datos que atopo son xogando na Serie A co Eiriña (1934-35). Despois da Guerra Civil vestiu en primeira as cores do: Zaragoza Futbol Club (1939-41), Deportivo (1941-42), Betis (1942-43, xogou 16 partidos de liga), e Celta (1944-45, 11 partidos de Liga). No 41 o Deportivo pagoulle 30.000 pesetas de ficha.

Rafael López Ventín Cabezo ICabezo co Atlético de Madrid. Foto: Crónica (Madrid) 18-1-1931

López Ventín, Rafael (Cabezo I): (Cesantes 22-4-1905). Defensa. Iniciouse no Redondela F.C. Xa xogaba no R. C.  Celta en maio de 1925, parece ser que cedido polo Eiriña de Pontevedra. Ese mesmo ano, acadou por primeira vez o Campionato Galego co Celta. Seguiu neste equipo ata 1930. O 14-8-1927 márcalle en partido de liga un hard trick ó RCD Español (os 3 de penalty). Ficha polo Atlético de Madrid (1930-1931), pero non lle respetan as lesións e tan só pode xogar 5 partidos de Liga e 2 de Copa. Voltou ó R. C. Celta (1931-36). No seu derradeiro ano no Celta acadaría o primeiro ascenso a 1ª División do clube. Despois da Guerra Civil aínda xogaría no C. D. Redondela con máis de 40 anos. A partir de 1928 co Celta (o clube non dispón de datos anteriores) marcou 3 goles en 39 partidos de Liga

Como curiosidade dicir que xogou o partido inaugural de Balaidos en 1928, no que se enfrentaron o Celta e o Real Unión de Irún. Na vila cóntase del que nunha ocasión non acudiu a unha convocatoria coa selección española para un partido contra Arxentina, porque eran as Festas de Reboreda e daban empanada gratis.

O 20 de octubre de 1927 a Directiva do Real Club Celta de Vigo fixo pública a seguinte nota: “El jugador de este Club Rafael Lópoz Ventín (Cabezo) ha sido castigado por esta Junta directiva con catorce días de suspensión de sueldo por haber incurrido, durante los entrenamientos de esta semana, en faltas graves de disciplina y de respeto hacia la representación de esta Junta cerca de los equipiers...”. Pero como había partido contra o Deportivo ós 3 días apareceu esta outra: “La Directiva del R. C. Celta nos comunica que en vista del buen comportamiento del equjpier Rafael Lógez Veritín (Cabezo), y previo asentimiento del entrenador Mr. Cowan y por petición cariñosa del capitán del equipo en nombre de todos los compañeros del team y del mismo interesado, se le levanta el castigo que se le había impuesto. Con esto cree la Directiva satisfacer a la afición y complacer a Cabezo que mostró grandes deseos de alinear para el sensacional encuentro de mañana en Coya.” 

Despois de deixar o futbol abriu un bar na súa veiga de Ventín, cerca dos Hórreos, ó que puso o nome de “El Tablón”. Cando o viño era bo e lle quedaba pouco decíalle ó que quería unha taza: “Ese que queda aí é para min, fillo. Ti se queres toma do outro”.

Dunha vez atopou a José Otero González (Mañas) en Madrid e este levouno a ver o Palacio Real, Museos, Igrexas... Ó voltar contou que viña contento polo que vira, pero que pasara moita sede porque non lle deixara un momento para ir a un bar.

Unha das súas frases máis famosas era: “O que traballos busca, malos traballos o persiguen”.

Miñán. Foto: Mundo Deportivo

 

Miñán Sobral, Fermín (Cesantes, 8.07.1949). Porteiro. Con 16 anos xa xogaba co C. D. Choco en 3ª División, É fichado polo Gran Peña (1969-1970) tamén de 3ª. En maio de 1970 a lesión dos porteiros do R. C. Celta (1970-1971) provoca o seu debut na Copa do Rei fronte o Barcelona con pouco máis de 20 anos, partido que perderon 3-0. Sen máis oportunidades ficha polo Castellón (1971-Marzo 1972) de 2ª. O final desta tempada a xoga co Barcelona Atlético (actual Barcelona B) de 3ª. Volta ó Castellón (1972-1973) para pasar logo ó Alcira (1973-¿?) de 3ª.

 

Carlos Muíños. Foto cedida por D. Reboredo

 

Muíños, Carlos (Carlos Dula): Xogou no C. D. Choco, Céltiga de Porriño, R.C. Celta, Pontevedra e Racing Ferrol. Antes de retirarse voltou ó C. D. Choco.

 

 

Germán co Racing de Ferrol. 1968-1969

 

Muiños, Germán: Dianteiro. Curmán do anterior. Dende o equipo xuvenil do C. D. Choco pasou a xogar co Compostela no que recibiu o Trofeo Veloso como máximo goleador con 38 goles. Xogou 3 tempadas co R. C. Celta (1962-1965) en Segunda División. Logo, ficharía polo Racing de Ferrol (196?-7?). Con este equipo na tempada (1969-70) chegaría ata cuartos de final na Copa do Rei quedando eliminados co Valencia. Curiosamente, o seu fillo triunfou no mundo do balonmán.

 

 

 

Paz, J. Álvaro: En xaneiro de 1964 foi convocado coa selección nacional xuvenil para xogar un amigable en Madrid contra o Sporting de Gijón, daquela en Segunda División.

Macoco. Foto: Ver Enlace

 

Pazos González, Francisco (Macoco): Defensa. Nado o 31.10.1908 na rúa Ribeira (Redondela). Equipos: Redondela, Celta, Palencia, Leonesa, Ourense (1932-33), Monforte, Unión Sporting de Vigo. Con este último xogaría en 2ª división na tempada 1935-36. Un pouco antes do inicio da Guerra Civil, foi fichado xunto a Talladas polo redondelán Emilio Cao, que era directivo do Galicia S. C. de Salvador de Bahía (Brasil).

http://galegos.info/es/francisco-pazos-gonzalez

 

Rodríguez, Juan: No 1926 xogaba no Pontevedra Athletic Club.

Cromo de Rubiñán.

Rubiñán Soutullo, Benito: (Redondela 11-9-1949). Lateral esquerdo (tamén xogou como mediocampista e extremo esquerdo). Comezou no Choco para fichar logo polo Ourense (1968-1970) co que acada o ascenso a 2ª división. Pasa logo ó Deportivo da Coruña (1970-73). Tralo descenso deste equipo é vendido ó Real Madrid por 6 millóns de pesetas e un partido do Madrid en Riazor. No clube branco  xogou durante 4 tempadas, sendo baixa no 1977 por ter a mala sorte de ter unha grave lesión e de triunfar Jose Antonio Camacho no seu posto. Coincidiu ademáis con xogadores como Pirri, Amancio, Del Bosque, Breitner, Santillana ou Miguel Ángel. Logrou 2 Ligas e 2 Copas do Generalísimo (actual Copa do Rei). Os seus números de partidos e goles no Real Madrid foron: Liga 70(6), Copa 17 (2), Copa Europa 5, Recopa 5 e UEFA 1.

Aínda xogaría tres tempadas máis no Burgos (1977-1980) e unha no Murcia (1980-1981). Retirouse despois de dez tempadas na 1ª división, nas que conseguiu 15 goles en Liga, moitos deles de falta.

Sánchez, Julio: No 1926 xogaba no Pontevedra Athletic Club. Anteriormente xogou no Fortuna de Vigo.

José Tunel Cabaleiro TalladasTallada. Foto: A Tarde 28-3-1988

 

Tunel Cabaleiro, José (Talladas): Porteiro. Nado o 3-8-1912. Equipos: Redondela(1931-33), Porriño(1933-34), Union Sporting de Vigo (1934-36). Con este último xogaría en 2ª división na 1935-36. E xa en Brasil: Galicia S. C. (1936-1937), Flamengo (1937-1938), Santos (1938-1943), Jabaquara (1943-45) e Espanha (1945-46). No Flamengo coincidiu con grandes xogadores brasileños como Leónidas, Jarbas ou Natale, acadando o 2º posto no Campionato Carioca (1937).

http://www.galegos.info/es/jose-tunel-cabaleiro

http://enciclopediadaemigraciongalega.com/biografias/tunel_cabaleiro_talladas.htm

Túnel Cabaleiro, Santiago (Tallada): Porteiro. Irmán do anterior. Xogou no R.C.D. Español.

 

Redondela NichaNicha. Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo

 

Villar Mínguez , Antonio (Nicha): En 1925 pasou do Redondela F. C. ó Celta co que xa xogaría ata 1933. Entre 1930 e 1933 marcou 15 goles en 19 partidos de liga. O 27-11-1927 foi convocado coa selección española amateur para enfrentarse á profesional en partido de preparación para as Olimpiadas de Amsterdam 1928.

Os colexiados.

O 14 de xaneiro de 1958 o colexiado que debía dirixir un Celta-Español non puido chegar a tempo, pitando o partido un colexiado de Redondela (descoñezo o nome). A súa actuación foi tachada de caseira xa que o partido foi gañado polo Celta por 1-0 con gol de penalty.

Bastos. Foto: Programa Festa da Teixeira 2004

      Jesús Bastos Martínez: Colexiado nado no Viso. Sendo colexiado da 2ªB unha folga dos colexiados de 1ª e 2ª propiciou o seu debut na máxima categoría dirixindo un Real Valladolid-Athletic de Bilbao. Logo pasaría a ser colexiado de 2ª e linier en 1ª. Retirouse no 2008.