Anecdotario Redondelán

1941 II Guerra Mundial. Nazis en Redondela.

 

Durante a II Guerra Mundial a Ría de Vigo convertiuse en base de aprovisionamento e reparación dos submariños alemáns. Este punto foi confirmado nos archivos ingleses xa que a gran censura da época impídenos contar en Galicia de información de primeira man. A prensa ofrecía unha información totalmente distorsionada polo que o Faro de Vigo era coñecido en Redondela como “o Trampón”, xa que “a única verdade que dicía eran as esquelas”.

Por testimonios orais coñecemos que daquela se dicía na vila que o cargadoiro de Rande empregouse para cargar wolfram, mineral de gran importancia bélica. Este wolfram serviulle a Franco para pagar as débedas de guerra, lembremos que anos antes a lexión Condor alemana desembarcara en Vigo para apoiar ó bando nacional na Guerra Civil Española. Este mineral era moi abundante en Galicia, sobre todo en Santa Comba e Carballo, e León, mina de Coto Wagner.

            Por outra banda, moitos españois enrolados na División Azul loitaron na fronte rusa apoiando ós alemáns. Varios redondeláns formaron parte destas forzas, un deles foi Simeón Otero Rivas que soía contar as súas aventuras na fronte de Estalingrado e como as “rusas me preparaban mi tecito”. Finalizada a guerra tamén voltaron a Galicia moitos compoñentes da División Azul, a meirande parte moi enfermos, postos en liberdade despois de estares presos en Siberia. Non puiden confirmar que houbera algún redondelán entre eles pero si se fala de un home do veciño Soutomaior. 

O consulado alemán de Vigo era o centro dos servicios de espionaxe na zona, ademáis nesta rexión vivían familias alemanas dende había anos que se convirtiron en colaboradores. Deste xeito, mentras os submarinos alemáns fondeaban na praia de Barra ou na Enseada de San Simón, os seus tripulantes se repoñían en propiedades de alemáns como o “Pazo do Alemán”  en Soutomaior ou en diferentes puntos de Vigo como o “Colexio Alemán”. Nas Illas Cíes aínda se coñece como Praia dos Alemáns ó lugar ampregado polos nazis para o seu esparcimento. En Redondela os alemáns recuperábanse das súas feridas no Pazo de Torres Agrelo (daquela coñecida como La Tapera). Este pazo pertencía naquel tempo a Carlos Guntsche, enxeñeiro de orixe alemán e pai de Raúl Carlos Gunche López, que máis tarde sería alcalde da vila. 

Eduardo Martínez e a súa dona. Foto: Ver enlace

 

O Schindler vigués.

Nesta mesma época miles de refuxiados, na súa meirande parte xudeos, eran detidos e encarcerados en Miranda do Ebro despois de atravesar ilegalmente os Pirineos. O Servicio Secreto Bitránico puido sacar a moitos deles do cárcere e poñelos a salvo a través de Portugal.      

O vigués Eduardo Martínez Alonso (1903), médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, foi o ideólogo da coñecida como ruta de Valença do Miño. Os refuxiados eran conducidos a súa residencia de verán en A Portela (Cedeira-Redondela). Polas noites, nun embarcadoiro cercano subían ós barcos que os levaban ata Tui. Unha vez alí, buscaban o mellor punto para cruzar a fronteira. Despois eran embarcados cara ó continente americano. A presencia dos alemáns en toda a zona nos pode dar unha idea da dificultade que suporía trasladar persoas cara a Portugal.

Exiliado a Inglaterra, dende onde seguiu dirixindo o operativo, Eduardo Martínez recibiría en 1945 a Medalla ó Valor do Goberno Británico. Poco despois voltaría a España. Xa no 2008, sería distinguido co título de Xusto entre as Nacións.

            A súa filla, a antropóloga social Patricia Martínez de Vicente, publicou no 2003 un libro contando a historia do seu pai. No 2005, documentos desclasificados dos Archivos Nacionais británicos amosaron novos datos sobre o acontecido.

http://avozdevilalba.blogspot.com/2008/09/xulia-lola-e-amparo-na-memoria.html?showComment=1221945420000

 

Momento dos disturbios en Soutoxuste. Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo

A “guerra” de Soutoxuste.

Rematada a guerra a situación daría un xiro de 180º. Entre 1946 e 1950 tanto o porto de Vigo como o de A Coruña foron a ruta de escape dos nazis para fuxir cara a Arxentina e outros países do continente Americano. Outros fixarían a súa residencia en Galicia, tal foi o caso de Heinz Ger Sauer, Comandante Submarinista e membro da Gestapo que se estableceu en Soutoxuste (O Viso). No 1966 na súa casa celebrábanse ruidosas festas nas que se practicaba o desnudismo e outros actos indecentes para a moralidade daquela época o que provocou as protestas dos veciños. O alemán enfurecido cortou o camiño público que pasaba pola súa horta e que daba acceso á praia. Os veciños, lonxe de arredarse, manifestáronse (dereito prohibido daquela polo réxime) baixo o grito de “Queremos lo nuestro”. O tema desmadrouse e os manifestantes asaltaron a propiedade arrasando todo o que atopaban incluida a filla do alemán, que foi desnudada para escarnio público. A pesares dos disturbios a xusticia déulles a razón ó pobo, optando o alemán por abandoar a súa vivenda.

 

Os Campos de Concentración.

            Moitos exiliados da Guerra Civil despois de abandoar España atopáronse de cheo coa II Guerra Mundial. A mala sorte cebouse con algúns deles que, capturados polos nazis, deron cos seus ósos nos campos de concentración. Os seguintes son os redondeláns que sufriron esta situación, deles descoñécese como saíron do país e cal foi o seu periplo ata chegar ós campos de concentración.

·         Lafuente Pose, Alejandro (Redondela ¿?-¿?) Preso nos campos de exterminio de Krems-Gneixendorf XVII-B e Mauthausen. Liberado o 5-5-1945.

·         Miguez Pazos, Olimpio (Redondela, ¿? - Mauthausen, 18/04/1943) Morreu no campo de concentración de Mauthausen.

·         Piñeiro Otero, Antonio (Chapela, Redondela, ¿? - Mauthausen, 24/02/1942) Foi trasladado ó campo de concentración de Mauthausen e posteriormente ó comando Gusen onde morreu.

 

 

YouTube-Video

Video: Documentos TV: Mauthausen. El Convoy de los 927 (1 de 6)