O mono Paco
En 1990 un mariñeiro cedeulle unha parella de monos ó concello de Redondela. Construíronse para eles unhas xaulas na Alameda xunto ós columpios dos nenos. Eran individuales, coa súa casetiña personalizada e todo. Os seus nomes Paco e Coco. O pouco tempo Coco faleceu. As causas non se esclareceron pero os máis maliciosos da vila dicían que fora asasiñada por Cocó, porque o nome do mono non lle facía moita gracia. (Hai xente con moi mala uva.) Fora como fora o caso e que Paco quedou só.
Se xa era difícil soportar vivir sen unha compañeira, vivir sen un amigo converteuse nun inferno para Paco. Empezou a comportarse dun xeito estrano e acabou por caer no vicio de Onán. Isto foi o principio do fin.
Descoñecemos se os nenos que estaban no parque nese momento sofreron algún tipo de secuela psicolóxica. Pero o que si sabemos e que os pais puxeron o grito no ceo e queixáronse ó concello. Pronto os medios de comunicación fixeron pública a noticia. Isto abriu un debate na vila. ¿Qué facer co mono? Algúns querían matalo, outros porlle unha medalla, as fiministas manifestábanse diante da xaula...
Nestas estabamos, cando apareceu o que faltaba. Leri, o máis carismático concelleiro vigués, rompendo unha lanza polo pobre Paco. Pero foi, nese xusto momento, cando a masturbación deixou de satisfacer ós seus baixos instintos e tocou fondo. Caiu o máis baixo que pode caer un mono. Tentou violar a unha pomba. Sí, sí, non e unha errata de impresión. O suceso chegou a saír nos noticieiros nacionais.
Todo o mundo estaba desquiciado menos un. Leri atoupou a solución. O mono foi trasladado ó zoolóxico da Madroa. Alí déronlle unha xaula máis grande e, o máis importante, púxose a súa disposición tres monas coas que desfogarse.
Xa respiraba Redondela tranquila. Algúns ata envexaban a boa sorte de Paco. Pero, de pronto, chegou a traxedia. Un desalmado lanzáralle comida cun imperdible no interior. Paco, confiado como era, morrera dun desgarro estomacal. Isto polo menos foi a versión oficial, mais algúns redondeláns, aínda hoxe, preferimos pensar que Paco morreu de exceso de disfrute coas tres monas.
Tan grande foi a pena na que se sumiu a vila, que o enterro da sardiña foi sustiuído polo enterro do mono Paco. Como curiosidade, dicir que o primeiro ano que se fixo, foi organizado de xeito tan caótico que, en lugar de mono, na caixa ía un león de peluche.
Ós tres ou catro anos, este pobo desagradecido esqueceuse de todo. Volveu a celebrarse o enterro da sardiña e Paco morreu por segunda vez. Mais estas verbas servirán para que Paco reviva. E o mono, que paseou o nome de Redondela por toda España, volverá a ter o seu lugar na historia da vila dos viaductos. Larga vida ó mono Paco.
Engadir que, antes de morrer, a semilla de Paco deu os seus frutos. Se visitades o Vigozoo, na xaula dos monos, seguro que vedes algún dos seus descendentes mirando de reollo ás pombas.
¿Touros en Redondela?
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
Nos anos 1952 e 1956 organizáronse, durante as Festas do Corpus ou da Coca, corridas de touros baixo o nome de “Redondel de Redondela”. A praza situouse na rúa da Ribeira, mais ou menos onde agora está o parque infantil. Lidiáronse 8 novelos da gandeiría de Cipriano Martín e as cuadrillas de afeccionados de Pontevedra, Vigo e Redondela atrevéronse con algúns xatos. Tamén houbo actuacións cómicas e, no primeiro ano, un concurso de corte de leña do Frente de Xuventudes. No 1952, tras o toque de cornetas, o primeiro en saltar ó ruedo foi Amador Pérez que subido a un cabalo de cartón, cedido por un fotógrafo, arrincou as risas do público empuñando unha basoira.
Volveu haber espectáculos taurinos no 1971 e a pincipios dos oitenta. Nesta última, montouse a praza xunto o Colexio de E.X.B. de Redondela. Só se torearon xatos pero unha tarde de touros non está completa se non salta un espontáneo. Este non foi outro que o gran Benito Cascallo. Lanzouse ó tendido cunha colcha de frores por capote (digo lanzouse porque o saltar caiu con evidentes síntomas de embriaguez). Esquivou ó becerro unha vez pero á segunda mallouno. Os toureiros sacáronlle o animal de enriba, ergueuse... e volta a torear. Cada vez que tiraba con el, aí escapaba dos organizadores para volver a intentar dar un pase. As mulleres berraban, os homes e os nenos rachaban a rir. Quitábanlle a manta e ía sen ela. O final ata lle rompeu o pantalón. Pouco faltou para que aquel día a Coca quedara sen guía.
Non sei se esa corrida será lembrada no mundo taurino pola súa espectacularidade. O que si é certo e que entrou na historia de Redondela coma unha das tardes máis divertidas que houbo na vila.
Anecdotario Redondelán

