Anecdotario Redondelán

Curiosidades 2

José Lois Estevez xunto o primeiro dos telescopios. Foto: Recuerdos de mi vida.

Telescopios fabricados en Regojo.

 

Nos talleres da fábrica de camisas Regojo o profesor da facultade de dereito  José Lois Estévez construiu dous telescopios. Axudáronlle na súa labor o xefe da sección de talleres, José Abal Darriba, o encargado general da empresa e mecánico Juan Ipiña (conocido por pórlle motor á Coca) e como operarios Vidal Moreira, Andrés Fervenza, Molinos y Alonso Montes.

            O primeiro dos aparatos telescópicos, feito en 1959, tiña un reflector de 22 cm. de diámetro e foi o máis grande de España na súa época. A súa construcción foi realizada na factoría textil Regojo pero algunhas pezas fabricáronse nos talleres Sanjurjo en Vigo.

            Entre 1962 e 1963 construiuse o segundo, Era aínda máis grande, cun reflector de 50 cm. Alcanzaba os sete metros de altura, polo que, para a súa montaxe e construcción, houbo que furar o teito da nave. Logo, sería trasladado á universidade de Santiago.

 

O Mundialito da Xunqueira.

 

            O motivo polo que o campionato de futbol sala da Xunqueira é coñecido como Mundialito está nas primeiras edicións, nas que os equipos participantes recibían os nomes das seleccións participantes no Campionato Mundial de Futbol (Brasil, Arxentina, Italia...). A organización era moi diferente á actual. Daquela non se inscribían os equipos, senon os xogadores, que pagaban unha cuota para financiar as camisetas e os demáis gastos que houbera. Cada xogador era catalogado según a súa valía (bo, regular ou malo), para así, sortear en que equipo xogaría cada un e asegurar a igualdade.

 

Concursos de Beleza.

            O primeiro concurso de beleza da vila organizouno o xornal Tramancazos. A finais do 1932, o xornal El Soplete organizaría outro. A votación realizábase por medio de cupóns que aparecían no periódico, existindo tamén unha sección na que os homes podían adicarlle poemas ás candidatas. A gañadora resultaría ser Dulita Reboredo, da que se publicaron fotos que daban testemuño da súa beleza.

            Ó ano seguinte en Redondela faríaselle un recibimento ó tren expreso no que viña Emilia Docet, viguesa que acababa de gañar o título de Miss España.

            En xaneiro de 1936 é nomeada Miss Redondela Purita Cal Puga (Mis Ojos). O xurado estaba composto por: Avelino Cal, Luis Míguez, Aurelio Adán, José Pena, José Crespo, Hermenegildo Casal e Paulino García García.

 

 

Cargos curiosos no Concello.

            En 1863, créase a primeira praza de Garda Municipal que será auxiliado pola figura do Sereno, anteriormente realizaban as súas funcións: Alguacís, Mordomos e Pedáneos.       

Na 2ª metade do s. XIX e ata mediados do XX, existía no Concello a figura do Encargado do Reloxo. Isto debíase a que o reloxo do Concello era considerado ben de utilidade pública. Este home encargábase do seu mantenemento e da súa exactitude horaria.

Outra figura será a de Vixiante de Arbitrios, recaudadores dos impostos municipais. O 1 de xaneiro de 1952 únense os corpos de arbitrios e de garda municipal, formando a Policía Municipal.

Outro emprego que existía na 1ª metade do s. XX era o de Encargado do Tambor de Bandos.

A principios do s. XX aparecen os Gardas de Consumos, eran os que controlaban e cobraban as introduccións de xéneros na vila.

 

1914.

            Ó inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914, tres barcos se refuxiaron na Regasenda (Cedeira). Dous tiñan bandeira alemana e un austríaca, se chamaban Gueren, Buda e Cotrena. Eran mercantes que transportaban seda. A súa tripulación estaba composta por alemáns, austríacos e chinos. Algúns casaron en Redondela e algún houbo que deixou descendencia. Gastaron chelíns e marcos nas fondas, tendas e tabernas. En varias ocasións os redondeláns poideron disfrutar da súa banda tocando marchas polas rúas. Permaneceron na vila durante toda a contenda.

Mámoa do Rei

 

Os enterros de Cabeiro.

            Antes de ter igrexa parroquial, os veciños de Cabeiro tiñan que celebrar os enterros en Trasmañó. O traslado realizábase pola pista forestal que, aínda hoxe, une as dúas parroquias. Ó chegar á altura da Mamoa do Rei a xente sentaba a xantar, para continuar logo o camiño.

 

 

O Funil 1969. Foto: Arquivo propio

O do Funil.

            O Funil, era o nome que recibía un tramo duns cincuenta metros da rúa Pai Crespo onde a estrada se estreitaba. Era tan pouco o espacio que non collían un coche e un camión ó mesmo tempo. Situándonos nos anos setenta, isto era aínda máis grave. O  único camiño que comunicaba Vigo e Pontevedra era atravesando o casco urbán de Redondela. Non existía circunvalación e moito menos a Ponte de Rande. O firme estaba en mal estado. As pedras e a auga dos charcos salpicaban as fachadas das casas. Ademáis, as aceras eran estreitiñas e os retrovisores dos autobuses pasaban rozándote a cara. Podedes imaxinarvos o grado de satisfación que os cidadáns tiñan coas autoridades responsables. Fixéronse varias manifetacións sen resultados. O alcalde, daquela D. Pedro Otero Rey, sentíase tan frustrado que puso o seu cargo a disposición do pobo.

            Nestas estabamos, cando correu o rumor por Vilavella de que o gobernador de Pontevedra estaba comendo no Xan Carallás. Polo visto, acababan de pasar uns gardas muicipais de Vigo para escoltalo coas motos.

Un grupo dunhas vinte mulleres, sen pensalo dúas veces, votáronse a rúa. En canto pasou a comitiva saltaron ó asfalto. Entre empuxóns ós policías e algún que outro insulto, lograron golpear ó coche do Gobernador con paraugas e escobas. ¡Tivo sorte de non levar unha malleira!

            O problema veu despois, cando se enteraron que o que ía no coche oficial era, en realidade, o rector da Universidade de Santiago. O incidente foi reflexado na prensa. Só se podía facer unha cousa. O alcalde mandou chamar ás mulleres implicadas na agresión. Logo dunha intensa reunión, decidiuse poñerlle un telegrama ó rector para suavizar a tensión. Explicáronlle a confusión e pedíronlle perdón polo acontecido. A contestación non se fixo esperar. Por sorte, as disculpas foron aceptadas. O rector entendía a reacción das veciñas. Xa falara co Gobernador para interesarse pola situación e poñíase a disposición do pobo de Redondela para todo o que fose necesario. A honra da vila estaba a salvo.