Curiosidades 4.
A Lenda de Marcolfo.
O navarro Julián Medrano nun libro de viaxes publicado en París no 1583, recolle a lenda do astrólogo redondelán Marcolfo, que despois será difundida por varios autores.
Conta a lenda que no ano 1520, en Redondela, nun fermoso porto de mar case ao fondo da ría de Vigo, vivía Marcolfo, un famoso astrólogo e adiviño de grande soa en moitos lugares de Galicia. Enamorado da filla máis nova dun patrón mariñeiro, a quen chamaban pola súa beleza ”a linda Almena”, solicitouna en matrimonio e casou con ela.
Viviron así Almena e Marcolfo moi ledos e felices, crecendo a fama do astrólogo por ter, ademais dos seus coñecementos científicos e unha boa situación económica, unha fermosa muller. Estas noticias chegaron os oídos dun terrible pirata, o ”capitán Sempronio”, coñecido tamén como “o rei das augas”. A envexa levouno a cabilar que aquel sería un botín moi apreciado e máis doado de que as abordaxes a que estaba acostumado a facer sobre as peligrosas augas do mar e fronte os canóns que defendían as naves.
Daquela había en Redondela un santo patrón dunha igrexa que estaba a unha certa distancia da vila. A festa era privativa dos homes, cofrades devotos,
permanecendo as mulleres soas nas súas casas. Sempronio, ben informado deste feito, chegou a Redondela a noite anterior a esta festa e permaneceu oculto xunto a varios dos seus homes. Cando recibiu a
nova de que todolos homes de Redondela comeran
xuntos despois da misa e se dirixían a uns oliveirais onde sempre ían para divertirse con diversos xogos. Sabendo que Marcolfo estaría nese lugar, facendo as súas predicións ós seus veciños, o pirata
aproveitou a ocasión para asaltar a casa do astrólogo. Levouse a Almena e as cousas de máis valor. Unha vez no barco, o pirata encerrou á muller no seu camarote e deu orde de izar
as velas.
En canto os homes de Redondela souberon da nova correron á vila, pero cando chegaron o bergantín do pirata xa partira. O triste Marcolfo, non achando a súa dona, dirixiuse á ribeira e subiuse a un alto penedo. Atando un grande pano no extremo dun pao, axitouno no ar e comezou a chamar á súa amada Almena. Dándose conta do inútil dos seus esforzos, o desesperado Marcolfo, dende o alto da rocha na que estaba, lanzouse ó mar e morreu. Ante a imposibilidade de enterralo en terra santa A xente de Redondela, apiadouse da súa desgracia e fixéronlle un sepulcro nuns penedos que estaban no medio do mar.
Deste xeito, remata a historia do famoso astrólogo Marcolfo que non foi quen de adiviñar a súa propia morte.
Redondela de Galicia.
A nosa vila tamén é coñecida como Redondela de Galicia, e este chegou a ser o nome que os viaxeiros lían ó parar na estación do ferrocarril. O motivo non é outro que a existencia de La Redondela, na provincia de Huelva.
J. Conde no Faro de Vigo do 7-10-1999 recollía a posibilidade de irmanamento entre as dúas poboacións, e que ata o de agora non se fixo efectivo. Nese artigo, José Luis Jeréz, director do diario Odiel, defende a teoría de que, si ben Isla Cristina foi fundada por cataláns, La Redondela foi fundada con anterioridade e probablemente por xente de Redondela. Básase en que na actualidade aínda abundan os apelidos galegos. Ademáis, engade que un dos mariñeiros que acompañou na súa viaxe a Cristóbal Colón procedía de Galicia e estaba asentado en La Redondela.
Portada Revista TIME. Foto: ABC:es
Unha moza de Chapela portada da revista Time.
No 2009, Lorena Domínguez de Chapela compartiu a portada da prestixiosa revista Time con outros dous mozos para representar á “generación del desencanto”. Entraba así a formar parte dunha lista de personaxes que foron portada como: Bill Gates, John Lennon ou varios presidentes de EE. UU. Con 23 anos, Lorena era unha dos 3.000 trabaladores despedidos pola empresa Citroen a finais do 2008. Na entrevista contaba como retomaba a súa vida cun novo emprego e como os seus pais tiñan que pagar a súa hipoteca. A repercusión desta reportaxe foi tal que apareceu en outros medios como o programa El Buscador de Telecinco ou xornais como o Faro de Vigo ou ABC.
Anecdotario Redondelán

