Anecdotario Redondelán

Curiosidades de Cine

Cine Figueiral. Programa Festas da Coca 1948

 

Os cines da vila.

            A primera proba dun cinematógrafo en Redondela fíxose na casa de Fontán, na Ribeira, no ano 1899.

O primeiro cine do que temos constancia é o Cinema Artístico, máis tarde coñecido como o cine Imperial, descoñezo cando abriu as súas portas. Estaba situado na actual rúa José Regojo, coa cabina de proxección no solar onde tiña un garaxe Bienvenido. O cine estaba dividido en xeral e preferencia. A parte de xeral tiña os bancos cravados ó chan de terra, para que non os romperan cando había pelexadas. Estivo a cargo de D. Nicolás Campuzano, pioneiro cinematográfico de Redondela, acompañado na taquilla pola súa muller doña Fe. Colocábase a carteleira na Praza de Abastos, nun lugar o bastante alto para que os nenos non lla romperan. Daquela, a entrada costaba 40 céntimos en xeral e 60 en preferencia. Como  non todos podían permitirse pagar a entrada, según os cartos que se tiveran entrábase antes ou despois (algúns con cinco céntimos apenas chegaban ó final). Cada vez que se abrían as portas se molestaba ós que xa estaban dentro e o público de xeral protestaba gritando: “¡Esa puerta don Nicolás!”. Outros gritos típicos eran “¡Arriba don Nicolás!” ou “¡Abaixo don Nicolás!”, cando a película se descentraba. O 20 de novembro de 1932 proxectou a primeira película sonora na vila titulada “La Canción del día”. Uns meses antes, en maio, o seu propietario, o señor Campuzano, deu unha función a beneficio dos pobres da vila para que poideran disfrutar das Festas da Coca.

Cine 2R. 2009

No nadal de 1931 inaugúrase o Nuevo Cinema coa película “Varieté”. Neste cine daría Castelao unha conferencia sobor do arte da caricatura o 6 de outubro de 1932, “media hora antes do acto non se podía entrar”. Ó ano seguinte sería un xoven estudiante de dereito, Francisco Fernández del Riego, o que daría unha conferencia o Día de Galicia. Na primeira metade dos anos 30 tamén aparece o Cinema Rotalty. En maio de 1936 o seu dono cede o local para dar funcións os xoves a beneficio da Festa da Coca.

Máis tarde, D. Gonzalo Figueiral Caride abriría na actual rúa José Regojo, no 1945, o Cine Redondela e, no 1948 na mesma rúa, o Cine Figueiral (despois a empresa Buhigas-Arizcun trocaríalle o nome por Cine Fantasio). Este último, nunha inspección de 1953 xa aparece como propiedade de José Godoy Riveiro, dono tamén do Palermo e o Caramuxo en Vigo. Tiña un aforo de 572 localidades.

Todos eles ademáis de cine facían as veces de teatro, ó igual que o Cine Coca que abriría as súas portas no 1948 da man de Jaime Lago Maslloréns, empresario dono de varios cines na provincia de Pontevedra. A finais dos 70 e principos dos 80, tanto o cine Fantasio como o Coca especializáronse en películas de artes marciais, proxectando as de: Bruce Lee, Bruce Le, Bruce Li, Los hijos de Bruce Lee, El abuelo de Bruce Lee... Na lembranza de todos os que disfrutamos daquelas sesións sempre estará a técnica do mono borracho. O Cine Coca pecharía en 1984

Tamén existiu un cine no alto de Cesantes chamado Cine San Simón propiedade de Fermín Hortas Esteiro. Abriu as súas portas en 1960 e tiña 230 localidades. O 5 de xaneiro de 1975 ofreceu o concerto da Coral Polifónica de Pontevedra. Ese mesmo ano pechou temporalmente e de forma definitiva no 1986.

Tralo feche do cine Fantasio a principios dos 90 Redondela ficou sen cines ata a apertura do Cine 2R que pechou as súas portas en xullo do 2008.

            Destacar por último ó Cine Club Búrbida (creado no 1979 pola Asociación de Vecinos Búrbida), o Cine Clube Claqueta (que programaba Cine na Rúa) e o Cine Clube Fantasio (organizaba ciclos de cine de autor no Cine 2R).

 

Cartel de "Redondela"

A película “Redondela”.

           

            No ano 1987 estrease a película “Redondela”, dirixida por Pedro Costa e protagonizada por Patrick Newell, Carlos Velat, Fernando Guillén e Carlos Larrañaga. A película estaba baseada nun caso real, coñecido como”caso Reace” (Refinerías del Noroeste, Aceites y Grasas S.A). En 1972 desapareceron 4.052 toneladas de aceite de oliva en Guixar (Vigo). Isto provocou un escándalo no que estaba implicado Nicolás Franco, irmán do xeneralísimo. Durante a instrucción do sumario foron asasinados varios testigos do caso, un deles nunha celda do cárcere de Vigo. O final nin o aceite apareceu nin caeu ningún alto cargo.

            ¿Que tiña que ver Redondela neste asunto? Pois prácticamente nada, parece ser que a empresa fundouse nesta vila, pero no momento dos feitos a central estaba ubicada en Guixar (moitas informacións ubican Guixar en Redondela, cando en realidade pertence a Vigo). A parte disto, houbo rumores de que o aceite foi agochado no alto da Encarnación (Chapela) ou na nave coñecida como a Fedora na Portela, pero nunca se demostrou nada. Ata a acción da película discorre case na súa totalidade en Vigo, pero o caso pasou a historia como Reace o aceite de Redondela.

Cartel de La Casa de la Troya

Películas rodadas en Redondela.

            En setembro de 1934 rodouse na nosa vila a película Alalá, con guión do novelista López de Haro.

            No Pazo de Pousadouro, en Reboreda, graváronse varias esceas de La casa de la Troya (1959). Baseada na novela homónima de Alejandro Pérez e dirixida por Rafael Gil. Contaba no seu reparto con Arturo Fernández, Ana Esmeralda, José Rubio, Julio Riscal, Pepe Isbert e Manolo Morán.

Na parroquia de Cedeira, no Pazo de Torrecedeira rodaríanse outras dúas películas:

Diario de una asesina (1973). Rodada especialmente en Vigo e Pontevedra ademáis de no Pazo de Torrecedeira. A dirección do filme correu a cargo de Manuel Mur Oti, vigués de nacemento, e os principais protagonistas foron Marisa Mell e Anthony Stephen.

Las noches de Constantinopla (2001). É a derradeira película que se rodou en Redondela ata o de agora. Do diretor Orlando Rojas, contaba no seu reparto con Paco Rabal e o seu neto Liberto Rabal.