Anecdotario Redondelán

Historia da Illa de San Simón

Na época romana a illa de San Simón era coñecida como Búrbida, do mesmo xeito que a vila de Redondela.

No 997 Almanzor.asalta a fortaleza de Pontesampaio, os seus defensores fuxen ata a illa de San Simón onde son masacrados. A continuación virán unha serie de saqueos por parte de corsarios, piratas... Os máis documentados serán o do vikingo Olav Harraldson, no 1014, e o do normando Easl Ulf no 1032. 

No século XII os Caballeros Templarios (orde de monxes guerreiros) habitan a Illa de San Simón. Construen nela a igrexa chamada San Simón que lle da nome ata os nosos días. Trala disolución da orde o 22 de marzo de 1312 a Illa deixa de pertencer ós templarios, pasando á Coroa.

Mendiño escribe a cantiga de amigo que fala da Illa de San Simón, obra do século XIII ou XIV.

O 14 de setembro de 1317 o rei Enrique II dóalle ó Bispo de Tui, Juan de Castro, Vilavella e a Illa de San Simón xunto co castelo de Entenza e a vila de A Guarda.

O século XV é a época da revolta irmandiña é a loita dos señores pola posesión de territorio. A ría de Vigo será o lugar de enfrontamento entre o Arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca e Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). A illa pertence ós señores de Soutomaior ata que en 1507 as súas forzas son expulsadas polos veciños de Redondela.

Norberto Velásquez, constructor do Lazareto. Foto: Historia de las Rías

En 1517 o franciscano andaluz Fray Juan Pascual, fundador dos Padres Pascualinos Recoletos de San José aproveita a antiga igrexa dos Templarios para crear o cenobio Custodia de los Pascualinos de San Simón. Os ataques do corsario inglés Francis Drake á Illa de San Simón en 1585 e 1589 provocan que os pascualinos abandoen a Illa. En 1596 os monxes benedictinos de San Juan de Poio instálanse na illa de San Antón. Cinco anos máis tarde os franciscanos voltan á Illa de San Simón e fan prevalecer os seus dereitos sobre os benedictinos que se ven na obriga de marchar.

A illa de San Simón sofre novos saqueos trala batalla de Rande coa vitoria da flota anglo-holandesa sobre a franco-española en 1702. Despois de numerosas invasións a orde franciscana obten licencia para abandoar a illa no 1724. Pero non sería ata finais do 1746 cando se trasladarán ó lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, doado polo duque de Soutomaior.

A illa permanece abandoada ata que María Cristina de Borbón, coa Real Orde do 6 de xuño de 1838, concede permiso para a construcción dun lazareto na Illa de San Simón, co fin de tratar ós enfermos dos barcos que debían pasar a corentena. Pasa deste xeito a depender do porto de Vigo, colaborando ó gran desenrolo económico desta cidade. As obras e os dereitos de explotación serían concedidos ó comerciante asentado en Vigo Norberto Velázquez Moreno. A illa de San Simón é unida mediante unha ponte á illa de San Antón, que dará acollida ós enfermos máis graves. No 1854 o lazareto pasa a depender do Estado debido a súa baixa rentabilidade. 

Mariscando enfronte á illa. 2009.

            O 5 de xullo de 1898 España é derrotada por Estados Unidos trala perda da escadra do contralmirante Cervera na bahía de Santiago de Cuba. O porto de Vigo convértese daquela nun lugar idóneo para a repatriación de Cuba e Santo Domingo das tropas por ser o máis occidental da Península, ter o calado suficiente e dispor do lazareto de San Simón. Durante a travesía moitos morreron de febre amarela, outras enfermedades que traían eran disentería e paludismo. O 28 de agosto chega o vapor Isla de Luzón. Saíra de Cuba con 2.213 persoas e xa deixara 32 mortos polo camiño. Desembarcan en San Simón 2 mortos máis, que son enterrados no cemiterio da propia illa, e 414 enfermos. O día seguinte trasládanse outros 50 doentes graves, quedando aínda no barco 30 enfermos dos que morren 3. Pasada a corentena varias gabarras levan ó porto de Vigo a 800 homes do barco e a 200 do lazareto, case todos necesitan angarellas e na illa aínda quedan 42 enfermos graves. A historia se repetiría ata a chegada do derradeiro barco o 6 de outubro. En pouco máis dun mes chegaron ó porto de Vigo 7.215 soldados e oficiais, sendo moitos os mortos durante a viaxe e a corentena, dos que 148 descansan no cemiterio de Pereiró (Vigo).

 

En 1927 a Illa deixa de funcionar como lazareto, convertíndose en lugar de veraneo da crase alta viguesa. Atrás quedaban 12 anos de funcionamento nos que pasaron por ela 2.349 naves.

Tras o comezo da Guerra Civil o xeneral Martínez Anido decide converter a illa en prisión, entrando en funcionamento o 1 de outubro de 1936. O primeiro director do centro e  mais o médico estorsionaban as familias dos reos que decidían fusilar. A situación normalizouse cando, o seren descubertos, despois dun consello de guerra foron pasados polas  armas. Outros momentos duros serían cando coa Caída do Norte fondeou xunto a illa o buque prisión vasco Upo Mendi e tamén cando, no 1938, trasladan á illa ós presos máis vellos das restantes cárceres españolas. A humidade, a fame e a masificación (chegou a acoller 2500 persoas) acabaría coa vida de moitos deles. No 1943 deixa de funcionar como cárcere, abandoando as instalacións os últimos presos.

Despois de cinco anos de deshabitada a Secretaría General del Movimiento decide que a  illa sexa empregada como Albergue Nacional para uso e disfrute da Garda de Franco nos periodos vacacionales. O 22 de agosto do 1955 morren 43 homes da garda de Franco ó volcar a lancha, chamada Monchita, que os conducía dende a Illa de San Simón ata Cesantes para ir xogar un partido de futbol. Despois desta traxedia o albergue sería pechado en 1958. O cruceiro que hai no Cobreiro (rochas cercanas á Illa) lembra o sucedido.

Por Orden Ministerial do 27 de maio de 1955 instálase na illa o Hogar Méndez Núñez para acoller ós orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas. Outra Orden Ministerial, esta do 9 de abril de 1963, ordea o traslado dos nenos á Residencia Santo Domingo Savio, coñecida popularmente como a Casa dos enanitos, sita na Xunqueira no lugar que hoxe ocupan os Xulgados. A Illa é novemente abandoada.

Nesta época comezou un contencioso entre Redondela e Vigo pola propiedade da illa. Finalmente, o 21 de decembro de 1981, o Ministerio de Administración Territorial dalle a razón ó concello de Redondela. 

En 1966 pasou a depender do Ministerio de Información e Turismo, a intención era convertilo nun centro turístico. Nunca se levou a cabo. Este non é mais que un exemplo dos moitos proxectos plantexados dende os anos 20 ata o día de hoxe polos diferentes sectores da administración pública ós que pertenceu a illa, outros serían: aeroporto de hidroavións, parador de turismo, casino, museo marítimo, facultade de Ciencias do Mar...   

            O 18 de xullo de 1992 os creadores do documental “Aillados”, que narra os anos en que a illa funcionou como cárcere, organizan unha visita a San Simón para os superviventes que estiveron alí presos.

En 1997 a illa de San Simón e declarada Ben de Interese Cultural, ó ano seguinte a Xunta, sendo Conselleiro de Cultura o redondelán Jesús Pérez Varela, comeza os traballos de rehabilitación.

            Estado actual. Que ver>Illa de San Simón.