Anecdotario Redondelán

Historias do Transporte Público.

 

A Dilixencia.

            A principios do século XX, Redondela comunicábase con Berducido por medio dunha dilixencia tirada por cinco cabalos. Levaba pasaxeiros, correo e mercancías, era  conducida polo señor Torete. Saía tódolos días ás cinco da tarde dende a da señora Rosa de Bernardo. Realizaba paradas en Amoedo, Pazos de Borbén, Moscoso...; chegaba a Berducido e  voltaba á vila as dez da mañá. O camiño, por suposto, estaba sen asfaltar.

 

Estación de San Fausto de Chapela. Anos 20.

 

Os Tranvías.

            O 13 do 1 de 1912 constituese a compañía Tranvías Eléctricos de Vigo. Tiña como obxectivos a construcción, explotación e aproveitamento do tranvía urban e suburban de Vigo, o interurban de Vigo a Redondela e dos ferrocarrís eléctricos de Vigo a Val Miñor. En 1918 pasa a presidir a empresa Carlos E. Gunche fillo político do anterior presidente e moi vencellado a Redondela (o seu fillo, Raúl chegaría a ser alcalde de Redondela en 1943). Comezan daquela os traballos para ampliar o servicio dende Chapela a Redondela, pero o proxecto non chegou a prosperar e o tranvía nunca chegaría á vila. En marzo de 1922 inaugúrase a estación San Fausto de Chapela, nos terreos que na actualidade ocupa o parque da avenida Vigo.

 

 

Cartel da empresa M. García conservado na Casa da Torre, 2009

Autobuses.

 

            As empresas que comunicaban Redondela con Pontevedra, Vigo, Santiago... eran Castromil e La Emprendedora. O Castromil era coñecido coma ómnibus e tiña separada a primeira clase da segunda cunha cristaleira. Os que dispoñían de menos recursos viaxaban no teito do vehículo, xa fixera sol ou chovera.

            Nun xornal da vila de 1932 aparece un anuncio da empresa de autobuses Amador Cabanela na avenida Antonio Orellana.

            Outras empresas eran as de Pedepote e Patolas, que as veces suxeitaban as portas con cadeas.

Aparta Patolas,

aparta por Dios,

que ahí ven Pedepote

co número dos.

            O 26 de febreiro de 1956 a empresa de Pedepote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron  varios redondeláns.

            A última empresa, que non poderiamos deixar de citar, é a de García, instalada na Casa da Torre. Logo se dividiría en M. García e A. García ó herdar os fillos do fundador, Manolo e Aurelio. Daquela, popularizáronse as frases: “Viaja con García, viaja con alegría” e “Viaja con Mirón, viaja con ilusión”.

 

Historias do ferrocarrril.

 

1876, 22 de xullo. Prodúcese un derrubamento no túnel de Os Valos.

 

1877 O traballador do túnel dos Valos, Santiago Oubiña, atopouse ás 8 da noite cun lobo dentro do túnel. Armado cunha navalla e un farol conseguiu darlle morte, saíndo ileso na loita. O cadáver do animal foi levado a Redondela ó día seguinte.

 

1895 Colisión do tren Correo de Castela nº3 co de Vigo nª 26. Ás 23:48 entraron ó mesmo tempo en agullas. O xefe de estación alertou co disco anunciador ó tren de Vigo. O maquinista fixo retroceder o tren, máis o Correo de Castela procedente de Porriño non tivo tempo de frear. En total houbo 12 feridos de distinta consideración. Días máis tarde. Dous trens, un que ía cara Monforte e outro procedente de Pontevedra, entraron pola mesma vía, freando a escasos 6 metros un do outro.

 

1903, 10 de febreiro. Continúa o despido de obreiros da compañía do ferrocarril, por este motivo os servicios resíntense da falla de persoal. Ó saír do túnel de Redondela o tren correo, foi apedreado o vagón no que ía o comandante da garda civil.

 

1909, 23 de xullo. No túnel de Os Valos da línea férrea de Orense a Vigo, ocurriu un desprendimento de terras, interceptando o paso dos trens. Tardarase tres días en restablecer a comunicación, pues, o afundimento alcanza os dez metros.

 

 

Entre 1915 e 1920. Angelina Otero pasaba tranquilamente por debaixo do viaduto de Madrid cun sobriño de poucos meses nos brazos, cando de súpeto, dun tren de mercancias que pasaba, desprendeuse unha carga de madeira. A moza levou un bo golpe no ombro e o cativo aparentemente estaba ben, mais en realidade sufrira unha contusión interna que acabou coa súa vida ó día seguinte.

 

1928, 26 de novembro. Entre as estacións de Redondela e Vigo apagáronse súbitamente as lámparas dun coche de terceira, caindo o aceite sobre a nena Cristina Bueno, que viaxaba coa súa familia e viñan dende un pobo da provincia de Santander, para tomar un barco e emigrar á Argentina. Ós gritos da nena agrupáronse ó seu redor todos  os viaxeiros do coche, e cando se desvaneceu a alarma, José María

Nieto, tío da nena, atopou en falta a carteira, que contiña 3.700 pesetas, cantidade para comprar os billetes da pasaxe de toda a familia. A policía de servicio no tren extremou a vixilancia, procedendo a rexistrar ós viaxeiros ó  chegar a Vigo, pero as pesetas roubadas non apareceron

 

1927, 7 de xuño.  Foi detida na estación de Redondela Ramona Fernández que transportaba unha maleta que contiña moeda falsa(200 duros) e útiles para a súa acuñación.

 

1927, 24 de xuño. Na estación de Redondela dúas mulleres roubáronlle a carteira con 800 pesetas ó músico maior do reximento de Zaragoza, sendo detidas.

 

1931, 31 de outubro. Esta mañá saiu de Vigo un tren especial conducindo reclutas destinados a diferentes guarnicións. Ó saír do túnel de Os Valos se desengancharon catro unidades que impulsadas pola pendente favorable iniciaron un vertixinoso retroceso. Os coches que ocupaban unhas noventa persoas pasaron a gran marcha o túnel e a ponte da línea de Morforte sobre Redondela en cuia estación atoparon vía franca deslizándose a terrible velocidade. O pánico que se produxo nos ocupantes dos coches foi espantoso prorrumpiendo en constantes gritos de socorro. De Redondela saiu unha máquina tras as catro unidades que seguían velozmente hacia Vigo e que se detiveron despois de recorrer seis kilómetros, contidas por unha pendente contraria. A máquina conduxoos a Gillarei, onde se incorporaron ó tren militar. Non se produxeron desgrazas, agás as feridas leves que sufriu un soldado ó botarse á vía nos primeiros momentos, e outros dous que foron golpeados contra os asentos.

1932, 10 de febreiro. Descarrilamento dun tren a carón da “Vidreira” (Rande) sen que ocorreran desgracias persoais.

 

1956-1-19 Pouco antes da entrada no depósito de máquinas, un tren chocou cunha locomotora que viña en dirección contraria. Resultaron feridos Luis Fespaita Martínez, veciño de Cabra1, conductor do mercancías e o fogoneiro do mesmo, Luis Álvarez García, veciño de Vigo. Foron conducidos á Casa de Socorro e o primeiro, como consecuencia das graves lesións que sofreu, ingresou cadáver, por fractura da base do cráneo. O fogoneiro presentaba lesións i erosións que foron consideradas de pronóstico reservado.

 

1976, 9 de setembro. Choque preto do apeadoiro de Rande dun tren de pasaxeiros e unha locomotora, caíndo un dos vagóns por unha pendente de 36 metros. O resultado sería de 17 mortos e 40 feridos.

 

1976, 17 de setembro. O gardagullas de RENFE, don José Piñeiro, de 54 años. que sirviu durante doce na estación de Chapela, foi sometido e expediente por parte da compañía a raíz do pasado accidente de ferrocarril, según unha información que publica hoxe La Voz de Galicia..Tamén se fala das numerosas atribucións de don José Piñeiro como especialista de estacións. Pola súa parte, un portavoz de RENFE indicou que o escaso servicio de trens que tiña a estación permitía que o citado empregado prolongase a súa xornada laboral. Pouco antes de producirse o accidente mortal entre Redondela e Chapela, o funcionario deu paso a un mercancías que saiu do porto para Redondela, máis tarde lle preguntaron si podía saír un tren de Santiago de aquela estación, ó que contestou afirmativamente, pero logo esqueceu cambiar a agulla. O señor Píñeiro atópase suspendido temporalmente de emprego e soldo polo erro cometido que ocasionou o tráxico accidente ferroviario.

 

1978-10-21 Tres  nenos de Cedeira cruzaron o viaducto Vigo-Pontevedra coa mala sorte de que nese momento viña o tren. Asustados saltaron da ponte pola falta de varandas enterrándose na area do río. Internados na Residencia Almirante Vierna, recibiron a alta médica os poucos días.

 

1989. Explosión na estación de Chapela ó reventar unha tapa de seguridade dun vagón de cemento que afectou a 16 coches e 5 inmobles.