Parroquias e barrios.
¡Las imágenes de la galería necesitan por lo menos la versión de Flash 9.0.28!
Instala la versión más reciente de FlashPlayer.
CABEIRO (San Xoán): O máis probable é que proceda do latín caput (cabeza) e sexa un derivado de cabo. Faría referencia á súa orografía.
- A Igrexa: Hai máis de 600 localidades co nome de Iglesia, case todas en Galicia, seguramente serían modernizacións oficiais.
- Porto Cabeiro: Porto ten o significado de “ pasaxe entre montes, desfiladeiro”.
CEDEIRA (San Andrés): O seu significado é pouco claro. Hoxe podería ser un “viveiro de peces”, unha “cetárea”, ou un derivado de “cedo”. Tamén podería relacionarse con “cerdeira” pero a desaparición do “r” sería difícil de explicar.
- A Aldea: Aldea pode ser desde un pobo pequeno ata unha sóa casa.
- O Cruceiro: Do latinismo tardío cruzarius.
- A Eira Pedriña: Eira pode ter os significados de “espacio libre de edificacións”, “lugar para trillar”, “patio”, “espacio entre casas” ou “cruce de camiños”. Pedriña, “pedra ou rocha pequena”.
- A Formiga: Si ben é o nome dun insecto, no referente ó lugar pode ter un significado distinto.
- Fortóns: Podería ter relación co adxectivo forte (con forza) ou co sustantivo forte (fortificación).
- A Portela: A forma port-ella é un diminutivo latino de porto. Pola súa situación podería referirse tanto a un paso terrestre como a un pequeno porto de mar.
- Rande: Pode ter a súa orixe no preindoeuropeo r-a/o (rascar, raspar). Discribiría un lugar elevado erosionado.
CESANTES (San Pedro): A súa terminación dáse en outros lugares como Arantes, Barrantes... e tamén fóra de Galicia. Según Gerardo Sacau viría do latín caedere, significando: “a poboación que ocupa o desnivel ou cortadura do terreo.Popularmente tamén é coñecido como Os Trás, parece ser porque en tempos se collían moi boas ostras.
- Carballiño: Mais que de carballo, este nome podería proceder do preindoeuropeo car-b (planta de terreo fragoso, de rocha, planta dura) ou de kar- (rocha). Tamén podería significar “leña miúda”.
- O Coto: Pode ser unha castelanización da forma couto (territorio pequeno con lindes fixadas) ou proceder do prerromano cotto (coto, prominencia).
- Outeiro das Penas: Outeiro é un lugar elevado e Penas son rochas.
- San Pedro: O santo titular da igrexa da nome ó lugar.
Chapela. Vista parcial.
CHAPELA (San Fausto): O “ch” inicial podería ser un galicismo como o de “rocha”, quedando así co significado de “capela”.
- Angorén: De orixe xermánico é difícil ofrecer un significado. Según Gerardo Sacou pode vir de ancora, significando “o que anda coas áncoras ou que as venda”.
- Cidadelle: Do latín civitas-atis, derivado de civis (cidade), máis o diminutivo –ellus. Tería así, o significado de cidade pequena.
- Igrexa
- Laredo: Pola súa situación é máis probable que veña do latín glaretum, glarea (cascalleira, areal) que de larea (leira, veiga labrada).
- Parada: O máis sinxelo e relacionalo co verbo “parar”. ¿Pudo ser un lugar de descanso no camiño?
NEGROS (San Estevo): Pode facer referencia á cor do chan, rico en humus.
- Fixón: Do latín fovea (foxo), tamén pode provir de fixo (fito, marco) ou de fixus (cravado, fixo).
- A Igrexa
- Negros
- Pregal: Podía ter o significado de pedregal.
QUINTELA (San Mamed)
- Costeira: Faría referencia á ladeira do monte.
- Quinteiro: Na Idade Media existe quinterius (colono que paga o quinto). Outro significado podería ser “o que ten arrendado unha quinta”. (Ver Quintana-Reboreda).
REBOREDA (Santa María): Procede do latín robur, roboris (carballo, forza robustez) ou de robore (tipo de carballo moi duro). En tempos os montes desta parroquia eran carballeiras que, na súa maior parte, foron repoboados con pinos e eucaliptos. É preciso nomear aquí ó carballo das cen polas, árbore emblemática da vila.
- Asnelle (de Abaixo e de Arriba): O máis probable e que proceda do preindoeuropeo ar-/arn- (auga ou curso de auga).
- A Quintana: Significa “quinta parte da herdade”. Outras teorías serían a relación de Quintana coa vía quinta do campamento romano, onde se celebraba a feira, ou co significado, na idade media, de sub-unidade agraria. Este último, parece o máis probable dado a cercanía dun pazo.
- Santo Paio (de Abaixo e de Arriba): Patrón dunha capela anexa á igrexa de Santa María de Reboreda.
Saxamonde.SAXAMONDE (San Román)
- Casal do Monte: Casal pode significar “conxunto de casas, casa solarega” ou “ruínas, lugar noutro tempo habitado”. Podería tamén, provir do latín casalis, casaris (caserío) ou de casale (aldea). Monte tería o significado por todos coñecido.
- Padrón: Pode ser un aumentativo de pedra ou facer referencia a pedras de división territorial.
- O Souto: Terreo poboado de árbores en especial carballos e castiñeiros.
- Os Valos: Do latín vallum (terraplén con empalizada).
TRASMAÑÓ (San Vicente): Pode proceder do preindoeuropeo mun-n/mun-d (monte). Outra teoría sería que tal como aparece en 1528 baixo o nome Tras Mañoo, o significado sería “detrás de Mañoo”, sendo Mañoo unha fortaleza ou castelo que se atoparía entre Trasmañó e Cedeira.
- Cabanas: De capanna (casa pequena, cabana).
- Igrexa
- Trasmañó
VENTOSELA (San Martiño): Pode estar formado polo adxectivo ventoso máis o diminutivo –ella, dada a situación elevada da parroquia, con vistas a Ría de Vigo.
- Castiñeira: “Sitio poboado de castiñeiros”.
- O Vilar do Mato: Vilar pode vir do latín villaris (poboación) ou de villare (parte da granxa). –do Mato pode proceder do preindoeuropeo matta (prantas, montón de prantas, macizo).
VILAR DE INFESTA (San Martiño): Ver o anterior. Infesta de infestus (costa arriba, pendente). O nome faría referencia á súa situación (unha vila nun alto).
- A Igrexa
- Millarada: Pode significar “sementado de millo” ou “gran cantidade de millo”.
O Viso desde A Peneda.
O VISO (Santa María): Podería provir de visum-i (cousa vista, obxecto exposto á vista) ou de viso (altura ou eminencia, lugar alto dende onde se descubre moito terreo). Teñamos en conta que no Viso está o Monte da Peneda, lugar alto con boas vistas e, o mesmo tempo, visible dende moita distancia.
- A Nogueira: Pode referirse á árbore ou a “un plantío de nogueiras”.
- Saramagoso: De saramago. Lugar onde abunda.
- Soutoxuste: Souto procede do latín saltus “paso estreito, desfiladeiro”, “pastío en desfiladeiro” ou “pastío, bosque”. Tamén pode ter o significado de “bosque de castiñeiros ou carballos”, polo que podería ter o significado de “ bosque propiedade dun tal Xusto”.
- Tuimil: Nome de orixe xermánico. Thiuda significa “pobo”, e o sufixo –mil pode ter o significado de “famoso, célebre”.
Anecdotario Redondelán

