A Senda da Auga

Foto: Juan Migueles, 2008
Foto: Juan Migueles, 2008

No 2007, a Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Redondela iniciou os traballos de recuperación do percorrido das tuberías que abastecen de auga a Vigo dende a presa de Eiras en Calvos, obra realizada en 1969. O proxecto foi financiado na súa maior parte polo programa europeo Proder II e contou con 185.000 euros de inversión. Nel se plantexou a mellora do firme, a recuperación da vexetación autóctona, a creación de áreas de descanso, a retirada de escombros en vertedoiros ilegais e a colocación de valados de seguridade nos ríos.

 

Trátase dun amplo sendeiro de terra con algúns tramos de asfalto. Pola súa lonxitude (23´4 km.) dividirémolo en varias partes, tomando en conta os puntos nos que é atravesado polas estradas e tomando como referencia de saída a vila de Redondela:

 

 

 

 

Cedeira-Vigo

 

Sendeiro lineal de 8 km. Agás os tramos asfaltados de Trasmañó e os finais de Chapela e Vigo, é unha pista de terra ampla, perfecta para facer a pé ou en bicicleta. É prácticamente chá sen desniveis de consideración. Discorre paralelo á Ría de Vigo, ofrecendo un balcón natural á Enseada de San Simón, á Ponte de Rande e ás Illas Cíes.

 

 

 

¿Cómo chegar?

 

Saímos en coche de Redondela cara a Vigo. Pasamos de largo o acceso á estación de ferrocarril e na seguinte rotonda collemos á esquerda. Seguimos esta estrada ata ver un lavadoiro e unha fonte, neste cruce xiramos á dereita. Ao comezo da subida podemos observar na marxe dereita á entrada do Pazo de Torrecedeira. Seguimos subindo ata as últimas casas e observamos un camiño do lado esquerdo, cos muíños do Pardo, e a dereita o sendeiro que nos levará ata Vigo.

 

 

 

Estado actual (2008).

 

Este sendeiro abriuse este ano. Conta con moitos bancos de pedra, indicadores da distancia cada 500 metros e un par de fontes.

 

 

 

Conclusións.

 

Probablemente, este é o tramo da Ruta da auga que máis paga a pena polas súas vistas á Ría de Vigo.

 

 

 

Vistas dende a senda. Foto: Juan Migueles, 2008
Vistas dende a senda. Foto: Juan Migueles, 2008

 

Cedeira- Cabeiro

 

Sendeiro lineal de 3 km. Pista forestal ampla cun pequeno tramo de asfalto ó final do recorrido. Sen desniveis de consideración discorre paralelo ó val do Maceiras, chegando ata o barrio Igrexa de Cabeiro e terminando na estrada Redondela-Peinador. Conta con dúas áreas de descanso:

 

A primeira, na parroquia de Negros, é un mirador que conta cunha fonte, bancos e mesas. Neste punto temos a opción de acercarnos ata o Castro de Negros, collendo unha costa bastante pronunciada sinalizada como tramo do sendeiro das Greas. O castro está sen excavar, polo que só se pode observar parte do muro exterior, a disposición en terrazas do terreo e indicios de casas soterradas. Ademáis trátase dun castro que sofre continuas agresións cun poste de alta tensión e outro de seguimento aéreo. O máis destacado son as vistas ó atoparnos nun lugar elevado.

 

E a segunda, xa adentrándonos en Cabeiro, consta dunha fonte con dous bancos.

 

 

 

¿Cómo chegar?

 

Sairemos do mesmo punto que no tramo Cedeira-Vigo, pero esta vez no sentido contrario.

 

 

 

Estado actual (2008)

 

A sinalización é correcta no inicio do camiño, logo dispomos dunha sinalización kilométrica pintada no chan, a maior parte non será visible en pouco tempo, sería mellorable con carteis de madeira. No último tramo a sinalización desaparece por completo. Por contra o estado do camiño e as áreas de descanso é moi bo.

 

 

 

Conclusións.

 

É unha mágoa que a actuación neste tramo non recolla a recuperación dos muíños do Pardo, de propiedade privada. Se ben hai numerosos muíños no concello, é o único conxunto deste tipo na vila.

 

 

 

Condución da auga a carón do camiño. Foto: Juan Migueles, 2008
Condución da auga a carón do camiño. Foto: Juan Migueles, 2008

 

Cabeiro-Saxamonde

 

Sendeiro lineal de 3´6 km. Pista de terra ampla, perfecta para facer a pé, en bicicleta ou a cabalo. É prácticamente chá sen desniveis de consideración. O camiño remata no barrio de Casal do Monte (Saxamonde), a carón do campo de futbol. Aquí a senda córtase polas estradas. A seguinte etapa parte do outro lado da nacional Redondela-Porriño.

 

 

 

¿Cómo chegar?

 

Saímos en coche de Redondela cara ao aeroporto de Peinador. Xa na parroquia de Cabeiro o camiño cruza a estrada (está sinalizado). Tomamos o tramo da esquerda.

 

 

 

Estado actual (2009).

 

O sendeiro está ben sinalizado, contando con dous paneis informativos. No camiño atopamos dúas fontes e moi cerca, xa en Saxamonde, un área de descanso atravesada polo camiño de Santiago en moi malas condicións. Trátase da área recreativa Coto do Gran. Construida nuns terreos cheos de terrapléns presenta un total abandono, as mesas non teñenen bancos, hai unha especie de fonte de diseño horrorosa...; resumindo unha morea de cartos mal invertidos.

 

 

 

Conclusións.

 

Este camiño é interesante polas súas paisaxes, altérnanse tramos de monte con tramos de pequenas explotacións agrícolas. Pódense observar numerosas especies arbóreas. Esta atravesado por tres regatos e nun deles atópase un muíño que externamente presenta un bo estado de conservación.

 

 

 

Senda da Auga, 2008. Foto: Juan Migueles
Senda da Auga, 2008. Foto: Juan Migueles

 

Os Valos - Reboreda

 

Sendeiro lineal duns 7 km. Pista forestal ampla que nun futuro próximo pode chegar a ter tramos asfaltados porque serve de acceso a varias casas na parroquia de Reboreda.

 

 

 

¿Cómo chegar?

 

Saímos en coche de Redondela cara a Porriño. Ao chegar ao alto dos Valos, collemos á esquerda cara a Nespereira e Cepeda. A pouco máis de 100 metros outro cruce a esquerda (como se fósemos a voltar a Redondela). Neste pequeno tramo atopamos a saída do camiño na marxe dereita.

 

 

 

Estado actual.

 

En febreiro do 2009 se crearon áreas de descanso pero non se retirou a basura, en zonas puntuais, nas marxes do camiño. A parte máis crítica é un tramo que pasa a carón dunha casa na que o dono acumula chatarra e desperdicios, invadindo parte do sendeiro.

 

 

 

Conclusións.

 

Este tramo ten dúas partes moi diferenciadas unha nas parroquias de Saxamonde e Quintela, onde se atravesa un monte moi tupido, e outra na parroquia de Reboreda cruzando áreas de pequenas leiras e algunhas casas, con vistas á enseada de San Simón, O Viso, Ventosela... O camiño remata no muíño de Rachón xunto a unha fervenza que en inverno leva bastante auga.

 

 

 

 

 

Chegada á Presa de Eiras. Juan Migueles, 2009
Chegada á Presa de Eiras. Juan Migueles, 2009

En Reboreda o camiño desaparece para reaparecer en Amoedo, xa en terras do Concello de Pazos de Borbén, polo que tan só citaremos os dous derradeiros tramos:

 

 

 

Amoedo – A Ermida

 

 

 

A Ermida – Calvos (Presa de Eiras)

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 21-02-2019

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Faro de Vigo

 

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego

 

Escribir comentario

Comentarios: 0