Monte Buxel

 

         No monte Buxel limitan as parroquias de Reboreda (Redondela) e Amoedo (Pazos de Borbén). Pode considerarse unha continuación da área arqueolóxica de Amoedo que se inicia nos límites con Soutomaior. Nel atópanse mámoas, petroglifos e ata un círculo lítico de orixe aínda non determinado. Pero o que maior interese espertou a nivel arqueolóxico foi o descubrimento nos anos 90 de catro silos durante a construcción do oleoducto e o gaseoducto. Estes silos foron datados na idade de bronce, as paredes estaban cubertas de arxila e a profundidade rondaba os dous metros. O seu uso era o de almacenar gran e, dadas as súas dimensións e a posibilidade de que existan máis sen descubrir, crese que se empregaba tanto para o autobastecemento como para o comercio. Estes silos foron estudados, catalogados e voltos a tapar polo que non é posible observalos.

 

          En canto aos petroglifos destaca un enorme ao "estilo Amoedo", consistente en numerosas cazoletas rodeadas por círculos concéntricos.

 

          Ademáis de todos os atractivos arqueolóxicos este monte nos ofrece unha preciosa vista da enseada de San Simón e unhas pistas de dificultade baixa, polo que é ideal para dar un tranquilo paseo a pé, en bici ou a cabalo.

 

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Aportacións Xurxo Constenla (A Citania)

 

 

 

Autor: Juan Migueles

Actualizado: 30-05-2018