Reloxos de Sol

 

           Ata o de agora teño catalogados catro antigos reloxos de sol no Concello de Redondela: tres na parroquia do Viso e un en Ventosela:

 

Reloxo da Peneda. Foto: J. Migueles, 2019
Reloxo da Peneda. Foto: J. Migueles, 2019

 

O Reloxo da Capela da Peneda

 

Está na parte dianteira do tellado, na esquina oposta ao campanario. Está orientada ao sur e carece de gnomón (peza de metal). Está cuberta de liquéns polo que non se observan as liñas horarias.

 

Reloxo da Casa Reitoral O Viso. Foto: J. Migueles, 2019
Reloxo da Casa Reitoral O Viso. Foto: J. Migueles, 2019

 

O Reloxo da Casa Reitoral do Viso

 

          Enriba do muro de peche da casa reitoral do Viso atopamos un reloxo de sol polar “en escocia”, ou sexa ten un arco central cunhas liñas transversais que marcan as horas polas sombras que fan as aristas do arco. A súa ubicación non debe ser a orixinal porque non está orientado ao sur. A base do reloxo serve agora de base á cruz que hai enriba da entrada á propiedade. Para este tipo de reloxo ao ser completamente de pedra bastaría unha boa orientación para que voltara a funcionar. Como o anterior os liquéns ocultan as liñas horarias.

 

Canastro de Soutoxuste Foto: J. Migueles 2011
Canastro de Soutoxuste Foto: J. Migueles 2011

 

O Reloxo nun Canastro en Soutoxuste

 

          É habitual que os canastros teñan elementos ornamentais, pero non tanto que coma neste caso o tellado teña nun extremo unha cruz e na outra, en lugar do habitual pináculo, un reloxo de sol. Está moi alterado por ter adosada unha casa e empregarse a parte inferior para construir peches para os animais. Como xa dixen no apartado adicado aos canastros, os desta zona son do tipo Morrazo, coas aberturas verticais e os, neste caso oito, pés cos tornarratos individuais. Está construido na súa totalidade en pedra e está cuberto con tella plana. A orixinal porta de madeira foi sustituída por unha de metal. Está orientado cara ao sur e perdeu o gnomón.

 

Ubicación:

 

42º 19′ 30.40″, -8º 36′ 45.70″

 

Igrexa Ventosela. Foto: Gonzalo Spanish Guy, 2019
Igrexa Ventosela. Foto: Gonzalo Spanish Guy, 2019

O Reloxo da Igrexa de Ventosela

 

          Atópase preto dun cano que hai a carón da porta de acceso ao campanario. Como os anteriores o óxido provocou a perda da peza de metal (gnomón). O reloxo está adosado á parede e sobre ela colocouse outra pedra rectángular coroada cunha cuncha de vieira franqueada con motivos decorativos.

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 25/02/2019

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Pàgina oficial dels Campaners de la Catedral de València. Autor: Pedro J. Novella => https://campaners.com

 

Reloxos de Sol. Autor: Ana Chas => https://reloxosdesol.wordpress.com/blog/page/12/

 

Asociación Astronómica de Vigo. Autor: César M. González Crespán => https://www.astrovigo.es/2014/11/reloj-de-sol-de-la-iglesia-de-santa-maria-de-o-viso-antes-iglesia-de-toruca.html

 

Aportación: Gonzalo Spanish Guy