Crónicas das Carruaxes e Autobuses

 

1910, 12 de setembro. Sufriu un accidente o automóvil que fai o servizo Vigo-A Garda, cando voltaba desta. Preto de Rande rompéuselle a dirección e foi a montarse sobre un muro onde quedaron as rodas dianteiras. Viña cheo de viaxeiros pero tan só o conductor resultou con lixeiras contusións.

 

1925, 25 de febreiro. Un autobús da liña Vigo-Coruña ao seu paso por Redondela atropelou a unha muller que cruzaba a rúa. A pesares de ir a pouca velocidade non puido evitar o accidente. A vítima atópase en estado grave.

 

1927, 18 de xaneiro. Un auto da empresa Castromil estivo a piques de sufrir un serio percance e con el o s seus ocupantes. Ao pasar por Cesantes caiu un poste da liña eléctrica que estaban a colocar uns obreiros, golpeando na parte dianteira do vehículo.

 

1927, xaneiro.Na curva de entrada á Travesía, fronte a casa do establecemento de José Reboredo Blanco, chocou o coche de turismo de La Emprendedora cunha furgoneta da Compañía de Teléfonos. Saiu esta co eixo e o radiador rotos sen que, por fortuna, ocurriran desgrazas persoais.

 

1927, 24 de decembro. A José Táboas Acuña de Cesantes, roubáronlle a carteira que contiña 600 pesetas en Soutomaior, mentras agardaba no coche de liña a que este arrancara.

 

1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, volcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.

 

1934, 10 de xullo. Dende Redondela foi trasladado á Casa de Socorro de Vigo José Ramón Bargiela, ao que atropelou un autobús causándolle unha ferida contusa de tres centímetros na rexión occipital e fractura de ilíaco. O seu estado foi calificado de reservado.

 

1955, 26 de febreiro. A empresa de Pedepote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas. Na lista das vítimas varias de Redondela. Florinda Couñago Filgueira viúva de 38 anos e a súa filla Florinda López de 10, veciñas do Coto-Cesantes; Nicolás Álvarez Carro de 47 anos de Astorga, traballador de Correos, e esposa, Lucía Puga Fernández, de 39 de Redondela e que residían na nosa vila; María Vidal Montero, de 20 de Cesantes e que servía ao matrimonio anterior; e Carmen Alonso Veiga, de 22 solteira de Saxamonde. Tamén faleceu Carmen Martínez Vila, de 54 anos casada de Vilar e que deixa 10 fillos; e a súa parenta Carmen Vila Martínez, tamén casada e de Vilar que despois de estar nun sanatorio de Vigo faleceu na súa casa. Entre os sobrevivintes: Jesusa Oitavén, de 36 anos, solteira de Redondela; e o conductor Antonio González Cabaleiro.

 

1973, 1 de abril. No concello de Redondela na estrada que une esta vila con Fornelos, dous omnibus que circulaban en dirección contraria chocaron nunha curva. Non hai que rexistrar feridos.

 

1973, 2 de xuño. Un autobús da liña Vigo-Redondela foi apedreado, calculándose os danos en 104.385 pesetas.

 

1976, 21de decembro. No alto de Cesantes un Castromil sufriu a rotura da ballesta dianteira ao iniciar a baixada. O conductor perdeu o control do vehículo batendo contra outro autobús, este da empresa "Gómez Castro". Resultaron feridas 26 persoas, cinco delas graves.

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 31-03-2018

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Aportacións M. Migueles

 

Censo de actividades do partido de Redondela: 1905, 1910 e 1925.

 

Galiciana => La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche

 

La Voz de Galicia.

 

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0