Aire

Aterraxe forzosa.

           O día 3 de outubro de 1909, os mariñeiros de Chapela véronse sorprendidos pola caída ao mar dun globo aerostático. Ao auxiliar ao tripulante nas súas barcas descubriron algo máis sorprendente, a nave era guiada por unha muller. Tratábase de Mercedes Corominas, aeronauta barcelonesa casada co tamén célebre aeronauta Sr. Montero, natural de Lisboa, que andaba a facer unha exhibición en Vigo.

           Era a segunda vez que visitaba a cidade olívica, sendo en agosto de 1908, cando se converteu na primeira muller en sobrevoar Vigo. Chegara procedente de Lisboa, onde fora alcumada a “Raíña do aire”, invitada polo Vigo Foot-Ball Club. No seu primeiro voo, o día 25, sairía do campo do citado clube e veríase obrigada a arroxar case todo o lastre para remontar o monte Galiñeiro, tomando terra en Arruidos, Gondomar. O día 30 repítese a experiencia, nesta ocasión acompañada polo deportista vigués Manuel Ocaña, que finalmente debe baixarse por falta de presión no globo. Finalmente Mercedes Corominas en solitario chegaría a ascender ata os 3.800 metros, pero ao chegar a Valadares é recibida imprudentemente con cohetes e bombas. Ante o inminente peligro vése na obriga de desviarse e aterrar en Zamáns.

Despois destas peripecias, marcharía a Coruña onde tamén pasa apuros. Naquela cidade o forte vento empúxaa cara o mar polo que se desvía, tommando terra en Meirás.


Conflito por un aviador.

           No vran de 1911, o aviador francés Leoncio Garnier foi contratado para facer unha exhibición en Vigo. Cando chegou a estación de ferrocarril de Redondela o agardaba o oficial Sr. Varela acompañado de dous policías coa orde do Gobernador Civil, José Boente, de trasladalo a Pontevedra para que fixera alí a súa demostración. Apesares da oposición do aviador que quería cumprir o seu contrato foi obrigado a voar na Xunqueira, durante as festas de Pontevedra.

           A Cámara de Comercio de Vigo fixo chegar as súas queixa ao goberno central, miles de persoas saíron as rúas para pedir a dimisión do gobernador, saíron a relucir todas as diferenzas entre Vigo e Pontevedra, a corporación viguesa co seu alcalde tivo que dimitir por permitir a afrenta...

           O Gobernador lonxe de asumir o seu erro ordeou pechar durante un mes o xornal “El Noticiero de Vigo” por “... publicar conceptos que inducen a la rebelión.” Outra das súas medidas foi ordear á Garda Civil de Vigo a vixianza da liña férrea ata Redondela ante a posibilidade do corte do tráfico de trens cara a Pontevedra. Mais a presión exercida por Vigo, con comisión desprazada a Madrid onde permaneceu negociando máis dun mes, rematou por provocar o traslado de José Boente a Zaragoza o 21 de decembro de 1911.

           En Vigo, para resarcirse, en setembro dese mesmo ano sobrevoa a cidade o célebre aviador francés Jules Verdines que non tivo ningún contratempo cando chegou á estación de Redondela. O Noticiero de Vigo destacaría as súas cualidades engadindo: “Por aí, por unhas e outras cidades, coincidindo coas súas mellores festas anuais, andan outros aviadores, por outra parte moi estimables pero discípulos aínda, ensaiando voos cortos e realizando <<raids>> tímidos.”


Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-09-2016

 

BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

Galiciana => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0