A muller en Redondela

 

 

A incorporación da muller ao mercado laboral.

 

          Como xa cito no apartado adicado ás escolas, no tomo II do Censo de Población de España, publicado en 1924, recóllese que a provincia de Pontevedra contaba en 1900 con 457.262 habitantes, dos que 315.228 eran analfabetos. En 1920 a situación mellorara un pouco e de 533.419, non sabían ler nin escribir 287.996. Máis da metade dos españois eran analfabetos, o 52’23%. En Pontevedra o número de analfabetos situábase por riba da media cun 53’99. Redondela era o concello máis castigado da provincia cun 60’58% de analfabetos. As máis perxudicadas destas tremendas estadísticas serían as mulleres, apesares de iniciativas como a levada a cabo en 1917 de abrir en Redondela unha escola nocturna para mulleres adultas.

 

          Maioritariamente as mulleres traballaban na casa, no campo, no mar e vendendo nas feiras. A posibilidade de ter un traballo remunerado pasaba polo salazón, que deron paso ás conserveiras. As que tiñan a sorte de seguir cos estudos accedía a Maxisterio, titulación tradicionalmente con maioría feminina. Destacar aquí como precursoras ás primeiras catedráticas, Ernestina Otero Sestelo e Sara Leirós Fernández, se ben é certo que a segunda é menos coñecida por seguir a corrente da escola tradicional, o mesmo que sucede coa súa irmá Mª de los Ángeles, mestra de Historia no Instituto provincial de Ourense.

 

          A época da postguerra podemos citala como a da incorporación da muller de Redondela á industria da man da empresa textil Regojo, pero tamén doutras como as fábricas de cepillos. Nesta época a muller tamén comeza a abrirse paso noutros sectores como o da sanidade. Gemma Pereira Otero, a mediados dos 30, sería a primeira licenciada en Farmacia de Redondela, poñéndose á fronte da farmacia do seu pai, Luis Juan Pereira Míguez, despois do falecemento deste. Estaba ubicada na praza Figueroa e nos 50 estaría rexentada por outra muller, María del Pilar Amaro de Velo. Despois seguiría os seus pasos Mª Rita Lima Díaz que rexentaría farmacia trala morte do seu esposo Luis Pereira, irmán de Gemma. Temos que ter en conta que nesa época o máis parecido a unha médica en Redondela era unha comadrona, sendo as máis antigas das que atopei noticias: María Novás, en 1910: e Juana Novás e Evelia Pereira, en 1925.

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Ver os apartados: Persoeiros>Educación / Escolas / Empresas / Cargos públicos>Sanidade.

 

Aportación: Manuel Puga.

 

 

 

 

María Luisa López López, 1964 Foto El Pueblo Gallego
María Luisa López López, 1964 Foto El Pueblo Gallego

A primeira Secretaria de Concello de España.

            En 1964 foi nomeada secretaria do Concello de Redondela María Luisa López y López, convertíndose na primeira muller en ocupar este posto en España. A vocación víñalle de familia, xa que o seu pai era Xefe de Negociado da Administración Local e o seu avó fora secretario do Concello de Monforte de Lemos. A súa preparación estaba fóra de toda dúbida xa que estudiara Dereito, Maxisterio, Graduado Social e atopábase empezando Ciencias Económicas. Fora a única que pasou o primeiro exame da oposición de sete mulleres que se presentaron. Despois de casi tres anos no cargo, en marzo de 1967, sería trasladada ao Concello de Padrón sendo despedida cunha cea homenaxe.

            Teñamos en conta que dende 1950 se suprimiran seis profesións ás que tiña acceso a muller con anterioridade: Carreira Diplomática, Notaría, Rexistro da Propiedade, Estadísticos Técnicos, Estadísticos Facultativos e Corpo Administrativo de Aduanas. Ademáis en 1964 a muller tiña vetado o acceso a 42 oficios, tales como a matanza de reses bravas, buzo... Se a iso sumamos os empregos non recoñecidos, como podían ser o traballo no campo ou o marisqueo, é de entender que a poboación activa en España rondaba o millón setecentas mil mulleres.

 

BIBLIOGRAFÍA

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

 

 

A muller de Redondela e o deporte.

1958 Mª Fernanda Núñez Cto. Galego,coa 2ª clasificada Foto El Pueblo Gallego
1958 Mª Fernanda Núñez Cto. Galego,coa 2ª clasificada Foto El Pueblo Gallego

 

         A primeira deportista de Redondela sería María Fernanda Núñez Estévez "Tata", de Cesantes, destacada nadadora como os seus catro irmáns. Do seu palmarés destaca que foi campiona galega de natación de 100m. libres en cinco ocasións (1955,-56,-58, -59 e 60), de 100 costas en dúas (1959 e 1960), e de 400m. libres en 1960. Temos que destacar que nesta época os campionatos galegos celebrábanse na Coruña porque era a única cidade galega con piscina. Tanto en Redondela coma en Vigo nadábase no mar.

 

          En 1967 formouse o primeiro equipo feminino, sería a SAR de balonmán, daquela patrocinado por Regojo. Estaba formado por: María Argentina González, Isabel Jiménez, Marcelina Túnel, Ceferina Saa, Josefa Pérez, María del Carmen Hermida, María del Carmen Hortas, María Rodríguez, María Albina Reboredo e María Hortas González. O outro equipo do noso Concello, o Chapela, crearía equipo feminino en 1979. Entre os logros individuais neste deporte citar a Josefa Cayetano Montero e Toñi Carballeira (Redondela), primeiras en xogar na división de Honra; Emma Prieto (Chapela, 1979) primeira en xogar na Selección Nacional; e a Xeila Fervenza (Redondela, 1993), primeira en gañar a Liga.

 

          Chegamos aos 90, atopamos aquí a outra precursora, desta volta nun deporte no que o mínimo que te chamaban era "marimacho". Foi Mariló Ferreira Bemposta (Redondela), primeira xogadora de Redondela en formar con equipos federados de futbol sala e, posteriormente, de futbol, no que chegou a xogar na 2ª Nacional. Tamén destacar a Rosana Nogueira, saltadora de altura, que foi unha das portadoras da antorcha da olimpiada de Barcelona 92.

 

          No momento actual utro deporte de equipo que está acadando grandes resultados é o das traíñas no que o C. R. Chapela acadou os Campionatos de España 2008 e 2014. Tamén citar ao S. D. R. Rías Baixas equipo no que formaban 8 mozas do C. R. Chapela e unha do C. R. San Simón, e que no 2009 acadou un triplete histórico: a Liga ACT, a Liga Galega e a Bandera de La Concha.

 

          Tamén se teñen dado pasos noutros sectores do deporte como é o de colexiado, sendo Conchi Martínez Carballo, nos 90, a primeira en taekwondo e, máis recentemente, Elena Casal en futbol e Alba Rivas Garrido en balonmán.

 

          Por último, citar a Judith Barbosa Sotelo (Cesantes 1988), que se proclamou campiona de España de boxeo por primeira vez aos 17 anos, e a Susana Ricón, primeira en completar unha marathon, no 2013 en New York.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Ver Deporte

 

 

 

 

 

A primeira concelleira

 

         Carolina García Tenreiro foi a primeira muller Concelleira de Redondela, tomando posesión o 13 de novembro de 1934. Naceu na provincia da Coruña, probablemente en Neda e chegou a Redondela polo seu traballo como mestra. Militaba no Partido Radical. A súa primeira intervención faría referencia aos excesos de velocidade dos coches ao seu paso pola vila. Noutros plenos reclamaría o abono da indemnización de casa-habitación aos mestres do partido e denunciaría o estado ruinoso dunha casa e, noutra ocasión, dunha fonte. Solicitou a excedencia no traballo para adicarse de pleno á política pero foi denegada en marzo de 1935. Ese mesmo ano, xunto ao alcalde e outros concelleiros, formou parte da comisión da festa da Coca, que non se librou da polémica. No xornal El País do 24-6-1935, denúnciase nun artigo que "incumprindo as disposicións do goberno da República sobre a laicidad, o alcalde en funcións, Juan López Sobrino, a señora concelleira, García Tenreiro; varios concelleiros; e o secretario do Concello, participaron na procesión da Festa da Coca". En decembro de 1935 presentaría a dimisión como concelleira. 

 

         O seu periplo na educación comezara en 1907, cando foi nomeada mestra interina da escola mixta de Aranza (Soutomaior), praza á que renuncia en outubro de 1909 por problemas de saúde. En 1912 volta como sustituta a esta escola, presentando novamente renuncia en abril de 1914, pasando á de nenas de Marín. Despois seguiría como sustituta en Codeseda (A Estrada) e Salceda de Caselas. A finais de 1916 foi nomeada mestra de Guláns (Ponteareas), alí enemistouse co párroco quen a levou aos tribunais. O xornal "El Tea" conta que a sentenza non sería cumprida por presións de arriba pero o cura xunto co deputado Sr. Barrón, conseguiron que o seu nomeamento como mestra de Guláns quedara sen efecto.

 

En agosto de 1918 sería nomeada mestra sustituta en Vilaboa. Logo exercería en Chaín (Pontecaldelas), entre maio de 1921 e xuño de 1926, cando foi nomeada mestra de Santo Paio de Arriba (Reboreda).

 

Como a moitos outros mestres, seguiúselle proceso de depuración, sendo suspendida de emprego e soldo o 1-9-1936. En novembro de 1937 chega a publicarse: "La Sección interesa de doña Carolina García Tenreiro, Maestra de Sampayo de Arriba, el envío de documentos para su expediente de jubilación por imposibilidad física", apesares do cal e reposta en abril de 1938. Continuaría ensinando en Reboreda ata a súa xubilación en 1943.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

 

Mulleres redondelás. Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade.

 

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Noticiero Gallego (Pontevedra), El Correo de Galicia (Santiago), La Correspondencia Gallega, El Diario de Pontevedra, El Tea, El Pueblo Gallego (Vigo).

 

No Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => El País.