Curiosidades da Festa da Coca

¿Touros en Redondela?

            En 1952, durante as Festas do Corpus ou da Coca, celebráronse por primeira vez na nosa vila corridas de touros baixo o nome de “Redondel de Redondela”. A praza situouse na  rúa da Ribeira, mais ou menos onde agora está o parque infantil. Entre o xoves e o domingo lidiáronse 8 novelos da gandeiría de Cipriano Martín. Pero o prato forte ofreceuse o venres, despois dun desfile polas rúas e unha velada de boxeo, coa celebración da becerrada, na que as cuadrillas de afeccionados, dous de Vigo (Peña Taurina e Bar Ligero) e unha de Redondela atrevéronse con algúns xatos. A cuadrilla de Redondela, chamada “Os Choqueiros”, estaba composta por: mataor, Gabriel Sánchez “Er Niño Grande”; sobresaínte, Tomás López “El Camisolas”; peón 1º, Augusto Torrado “Pincha Uvas”; peón 2º, Manuel Rodríguez “El Bacalao”; banderilleiro 1º, Santiago R. Salinas “Cepillo Grande”; banderilleiro 2º, Severo Fernández “Cepillo Chico”; picador, Jaime Carrera “El Cabritero”; monosabios, Félix Casal Escámez “El Miraguano”, e Llan “El Cantaor”. Tamén houbo actuacións cómicas e, ata un concurso de corte de leña do Frente de Xuventudes. Neste ano, tras o toque de cornetas, o primeiro en saltar ó ruedo foi Amador Pérez que subido a un cabalo de cartón, cedido por un fotógrafo, arrincou as risas do público empuñando unha basoira.  

Aproveitando que a praza estaba instalada aproveitouse para facer un espectáculo cómico taurino o 18 de xullo dentro dos actos que celebraban o aniversario do Alzamiento Nacional. Voltou a haber outra becerrada o día 25 de xullo, con motivo da Festa de Santiago Apóstolo, organizada pola Hermandad Sindical de Agricultores y Ganaderos. Nesta ocasión foron lidiadas catro reses por cuadrillas de Vigo, Porriño e dúas de Redondela. Estas últimas formadas por: Primeira: matador, “Llan el Cantaor”; banderilleiros, “El Atrevido” e “El Ingeniero”; peóns, Pichi “El Castizo” e Tino “El Galeno”. Segunda: matador, Gabi “Er Extremeño”; banderilleiros, “Rivitas” e “Er Decidido”; peóns, “Picho III” e Carlos “El Estudiante”.

           

Nas Festas da Coca de 1956 volveron a aparecer os touros no programa.

Por terceira vez houbo corridas de touros nas Festas da Coca de 1971. A praza instalouse daquela na Marisma, celebrándose o xoves: “Gran novillada, con intervención de notables espadas y la rejoneadora brasileña Lolita Muñoz”, o sábado velada de boxeo e loita greco-romana e o domingo remataba a festa co “Gran Festival cómico-musical-taurino”.

A derradeira corrida foi a principios dos 80. Nesta última, montouse a praza xunto o Colexio de E.X.B. de Redondela. Só se torearon xatos pero unha tarde de touros non está completa se non salta un espontáneo. Este non foi outro que o gran Benito Cascallo. Lanzouse ó tendido cunha colcha de frores por capote (digo lanzouse porque o saltar caiu con evidentes síntomas de embriaguez). Esquivou ó becerro unha vez pero á segunda mallouno. Os toureiros sacáronlle o animal de enriba, ergueuse... e volta a torear. Cada vez que tiraba con el, aí escapaba dos organizadores para volver a intentar dar un pase. As mulleres berraban, os homes e os nenos rachaban a rir. Quitábanlle a manta e ía sen ela. O final ata lle rompeu o pantalón. Pouco faltou para que aquel día a Coca quedara sen guía.

            Non sei se esa corrida será lembrada no mundo taurino pola súa espectacularidade. O que si é certo e que entrou na historia de Redondela coma unha das tardes máis divertidas que houbo na vila.

 

BIBLIOGRAFÍA

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

Caderniños do Instituto de Chapela. Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975). Coordenador: X.M.González Fdez.

http://www.csbg.net/ :

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego

 

O roubo da Coca.

 

Tiene cosas Redondela,

 

son cuatro a pedir de boca

 

San Cristobal, los viaductos

 

San (no se dice) y la Coca

 

Corría o ano de 1921 cando os membros da comisión de festas foron aos baixos da escola a buscar a Coca para limpala e poñela en condicións para a procesión de Corpus. Cal non sería a súa sorpresa ao non atopar a Coca. Nun principio tentouse silenciar o sucedido, pero a tráxica noticia pronto se espallou por a vila e as súas parroquias. ¡A Coca desapareceu! ¡Quedamos sen festas, roubaron a Coca! 

 

 

 

A Coca, 2009 Foto J. Migueles
A Coca, 2009 Foto J. Migueles

            Axiña se organizou unha manifestación de protesta. A xente alporizada protestaba e tan só a intervención da Garda Civil impediu que agrediran á comisión de festas, ao director da escola, a corporación municipal e ao centulo, por abandoar a garda e custodia da Coca.

            O xulgado tomou cartas no asunto, a benemérita iniciou unha investigación e ata un acaudalado redondelán ofreceu unha recompensa por calquera pista, mais a Coca non aparecía. Algún mariñeiro malicioso chegou a comentar que era posible que resucitara e que, cansada de tan largo cautiverio e letargo, decidira voltar as andadas. O caso é que non aparecía e os xornais da época comentaban que o balbordo causado era “maior que o rapto de Elena, o rapto de Europa e o mismísimo rapto das Sabinas”.

            Ao día seguinte en Soutomaior, uns pescadores atoparon no fondo do pozo coñecido como Mestas, onde se unen o Oitabén e o Verduxo, unha caixa de latón enferruxada coa palabra “Co 3 Ca” gravada no exterior. Personouse no lugar o anticuario Sr. Solla, quen confirmou que o obxeto fora sumerxido recentemente e probablemente o guindaran os ladróns da Coca na súa fuxida. Nestas estaban, ata que pasou por alí un estudante de Menciña quen dixo que diso nada, que “Co 3 Ca” era a fórmula do carbonato cálcico e probablemente a caixa procedía da fábrica de carburos “Laforet y Cª”, de Arcade. Mais non lle fixeron caso porque no interior da caixa había varios papeis e entre eles un mapa da antiga estrada Pontecaldelas-Soutomaior, sen dúbida o plan de fuga dos cacos.

            A pista definitiva a daban uns romeiros de Ponteareas que voltaban das festas de Xende e, ao pasares por Pontecaldelas, viron no alto dun monte un colosal lagarto máis grande que os cabalos que montaban. Mortos de medo non se acercaron ao animal porque descoñecían a desaparición da Coca.

            Cara Pontecaldelas marcharon todos, os veciños de Soutomaior encabezados polo anticuario e os de Redondela polo procurador Buenhijo Pérez Sobrino. Por sorte a tarasca apareceu agochada nunha finca sen que ata o día de hoxe se saiba quenes foron os ladróns nin cales eran as súas intencións. O importante foi que os redondeláns recibiron san e salva á súa Coca e as festas puideron celebrarse.

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, La Integridad diario católico, Vida Gallega

 

 

¿Estadística gastronómica ou astronómica?

            En agosto de 1892 publícase nun xornal a estadística oficial do consumido nunha romería celebrada en Redondela, probablemente a festa da Coca:

1.786 empanadas

495 carneiros

11 pipas de viño

3 carros de sandías

12 caixas de rosquillas

70 ducias de gaseosas

6 cestas de ostras

            En 1935 o alcalde de Redondela, Buenhijo Pérez Sobrino, destaca que as subvencións otorgadas ás festas da Coca eran recuperadas. Destacaba que o ano anterior en cinco días vendéranse 84 pipas de viño, ou sexa, 50.400 litros, o que supuso 2.450 pesetas de ingresos ao Concello, ao que habería que sumar entre outras partidas a de 1.000 pesetas polos postos instalados na Xunqueira.

 

BIBLIOGRAFÍA

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>  Gaceta de Galicia  Diario de Santiago, El pueblo gallego

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 04-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0