Curiosidades de Cine

Cine Figueiral. Programa Festas da Coca 1948
Cine Figueiral. Programa Festas da Coca 1948

 

 

Os cines da vila.

            A primera proba dun cinematógrafo en Redondela fíxose na casa de Fontán, na Ribeira, no ano 1899.

             O primeiro cine que atopo documentado é o Cinema Artístico, máis tarde coñecido como o Cine Imperial. Estaba situado na Travesía, actual rúa José Regojo, coa cabina de proxección no solar onde tiña un garaxe Bienvenido Míguez.O cine estaba dividido en xeral e preferencia. A parte de xeral tiña os bancos cravados ao chan de terra, para que non os romperan cando había pelexadas. Estivo a cargo de D. Nicolás Campuzano, pioneiro cinematográfico de Redondela, acompañado na taquilla pola súa muller doña Fe. Colocábase a carteleira na Praza de Abastos, nun lugar o bastante alto para que os nenos non lla romperan. Nos anos 40, a entrada costaba 40 céntimos en xeral e 60 en preferencia. Como  non todos podían permitirse pagar a entrada, según os cartos que se tiveran entrábase antes ou despois (algúns con cinco céntimos apenas chegaban ao final). Cada vez que se abrían as portas se molestaba aos que xa estaban dentro e o público de xeralprotestaba gritando: “¡Esa puerta don Nicolás!”. Outros gritos típicos eran “¡Arriba don Nicolás!” ou “¡Abaixo don Nicolás!”, cando a película se descentraba. A cousa viña de vello como amosa un xornal de outubro de 1925: “Rogamos ao señor alcalde ordee concurra unha parella da Garda Municipal ás sesións que se celebran no cine da rúa Francisco de Federico, pois é tal o balbordo nas localidades de xeral, que dubidamos se estamos nun país civilizado ou nunha das zonas insumisas do Rif”. O 20 de novembro de 1932 proxectou a primeira película sonora na vila titulada “La Canción del día”. Uns meses antes, en maio, o seu propietario, o señor Campuzano, deu unha función a beneficio dos pobres da vila para que poideran disfrutar das Festas da Coca. 

O 11 de decembro de 1926 chega a Redondela o Cinemóvil Reclame.

En decembro de 1927 anúnciase que Francisco Míguez Esteiro construira un edificio na rúa Ribeira para destinalo a salón cinematográfico. O proxecto atopábase á espera do informe da Xunta Provincial de Espectáculos e descoñezo se chegou a abrirse ao público.

Cine 2R. 2009. Foto: J. Migueles
Cine 2R. 2009. Foto: J. Migueles


En xaneiro de 1928 autorízase á Sociedade de Agricultores de Chapela para dar sesións públicas de cine no seu local.

No nadal de 1931 inaugúrase o Nuevo Cinema coa película “Varieté”. Neste cine daría Castelao unha conferencia sobor do arte da caricatura o 6 de outubro de 1932, “media hora antes do acto non se podía entrar”. Ao ano seguinte sería un xoven estudiante de dereito, Francisco Fernández del Riego, o que daría unha conferencia o Día de Galicia. Pouco despois pecharía este cine, que sería reinaugurado o 13-10-1935.

En marzo de 1932 lévase á sesión da corporación municipal a petición de instalar un cine no recheo da Alameda, deixándose o asunto para á seguinte reunión.

Na primeira metade dos anos 30 tamén aparece o Cinema Rotalty. En maio de 1936 o seu dono cede o local para dar funcións os xoves a beneficio da Festa da Coca. As cousas trocarían co estalido da Guerra Civil e en maio de 1935 celébrase neste cine unha homenaxe a Alemania e Italia coa proxección da conquista de Abisinia por Italia e as melloras agrícolas acadadas por Alemania.

Máis tarde, D. Gonzalo Figueiral Caride abriría na actual rúa José Regojo, no 1945, o Cine Redondela e, no 1948 na mesma rúa, o Cine Figueiral (despois a empresa Buhigas-Arizcun trocaríalle o nome por Cine Fantasio). Este último, nunha inspección de 1953 xa aparece como propiedade de José Godoy Riveiro, dono tamén do Palermo e o Caramuxo en Vigo. Tiña un aforo de 572 localidades. Foi administrador deste cine o pai do actor José Ángel Ejido, mentras que a súa nai atendía a taquilla.

Todos eles ademáis de cine facían as veces de teatro, ao igual que o Cine Coca que abriría as súas portas no 1948 da man de Jaime Lago Maslloréns, empresario dono de varios cines na provincia de Pontevedra. A finais dos 70 e principos dos 80, tanto o cine Fantasio como o Coca especializáronse en películas de artes marciais, proxectando as de: Bruce Lee, Bruce Le, Bruce Li, Los hijos de Bruce Lee, El abuelo de Bruce Lee... Na lembranza de todos os que disfrutamos daquelas sesións sempre estará a técnica do mono borracho. O Cine Coca pecharía en 1984

Tamén existiu un cine no alto de Cesantes chamado Cine San Simón propiedade de Fermín Hortas Esteiro. Abriu as súas portas en 1960 e tiña 230 localidades. O 5 de xaneiro de 1975 ofreceu o concerto da Coral Polifónica de Pontevedra. Ese mesmo ano pechou temporalmente e de forma definitiva no 1986.

Tralo feche do cine Fantasio a principios dos 90 Redondela ficou sen cines ata a apertura do Cine 2R que pechou as súas portas en xullo do 2008.

          Destacar por último ó Cine Club Búrbida (creado no 1979 pola Asociación de Vecinos Búrbida), o Cine Clube Claqueta (que programaba Cine na Rúa) e o Cine Clube Fantasio (organizaba ciclos de cine de autor no Cine 2R).


Cartel de "Redondela"
Cartel de "Redondela"

A película “Redondela”.

           

            No ano 1987 estrease a película “Redondela”, dirixida por Pedro Costa e protagonizada por Patrick Newell, Carlos Velat, Fernando Guillén e Carlos Larrañaga. A película estaba baseada nun caso real, coñecido como”caso Reace” (Refinerías del Noroeste, Aceites y Grasas S.A). En 1972 desapareceron 4.052 toneladas de aceite de oliva en Guixar (Vigo). Isto provocou un escándalo no que estaba implicado Nicolás Franco, irmán do xeneralísimo. Durante a instrucción do sumario foron asasinados varios testigos do caso, un deles nunha celda do cárcere de Vigo. O final nin o aceite apareceu nin caeu ningún alto cargo.

            ¿Que tiña que ver Redondela neste asunto? Pois prácticamente nada, parece ser que a empresa fundouse nesta vila, pero no momento dos feitos a central estaba ubicada en Guixar (moitas informacións ubican Guixar en Redondela, cando en realidade pertence a Vigo). A parte disto, houbo rumores de que o aceite foi agochado no alto da Encarnación (Chapela) ou na nave coñecida como a Fedora na Portela, pero nunca se demostrou nada. Ata a acción da película discorre case na súa totalidade en Vigo, pero o caso pasou a historia como Reace o aceite de Redondela.

Cartel de "La Casa de la Troya". Foto: www.lacasadelatroya
Cartel de "La Casa de la Troya". Foto: www.lacasadelatroya

  

Películas rodadas en Redondela.

            Carmiña flor de Galicia (1926). Rodada en Oporto e, entre outras vilas galegas, en Cedeira (Redondela), na leira “La Chicharra”. Dirixida polo italiano Rino Lupo e interpretada por Maruja del Mazo, Irene de Salazar, Eduardo Prados...

Alalá. En setembro de 1934 rodouse na nosa vila esta película, con guión do novelista López de Haro.

            La casa de la Troya (1959). Baseada na novela homónima de Alejandro Pérez e dirixida por Rafael Gil. Contaba no seu reparto con Arturo Fernández, Ana Esmeralda, José Rubio, Julio Riscal, Pepe Isbert e Manolo Morán. Graváronse varias esceas desta película no Pazo de Pousadouro e nunha finca, coa igrexa de Reboreda como telón de fondo, escenificouse unha romería na que participaron como extras mozos e mozas da vila.

Más allá del río Miño (1969). A acción desenvólvese en Santiago e numerosas poboacións da provincia de Pontevedra. Película do director galego Ramón Torrado, conta no reparto con: Nino del Arco, Gustavo Rojo, Enriqueta Carballeira, Luis Marín, “Xan das Bolas” e “Tip”.

Diario de una asesina (1973). Rodada especialmente en Vigo e Pontevedra ademáis de no Pazo de Torrecedeira. A dirección do filme correu a cargo de Manuel Mur Oti, vigués de nacemento, e os principais protagonistas foron Marisa Mell e Anthony Stephen.

Las noches de Constantinopla (2001). Rodáronse varias esceas no Pazo de Torrecedeira. Do director Orlando Rojas, contaba no seu reparto con Paco Rabal e o seu neto Liberto Rabal.

O Lapis do Carpinteiro (2003). Protagonizada por Tristán Ulloa, María Adánez e Luis Tosar. Basada na novela homónima de Manuel Rivas. Conta no seu reparto con Tatán. Esceas rodadas na praia de Cesantes.

Heroína (2005). Protagonizada por Adriana Ozores. Esceas na praia e o cemiterio de Cesantes. Nesta película ademáis, participaron os redondeláns: Tatán, Borines e Pablo Giráldez; compoñentes do grupo de títeres Tanxarina.

Mar Libre (2010). Miniserie de dous capítulos con esceas no Pazo de Pousadouro e a participación do actor redondelán Jose Ángel Egido.

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 15-10-2015

Escribir comentario

Comentarios: 5
  • #1

    JA Xesteira (domingo, 29 enero 2012 23:04)

    Juan. A película La Casa de la Troya, ademáis de rodarse no pazo de Pousadouro, tamén se rodou a escena da romería na finca ao pe da igrexade Reboreda, coa igrexa ao fondo; nesta escena participaron mozos e mozas da vila para armar a romería.

    Un saúdo.
    JA Xesteira

  • #2

    JA Xesteira (domingo, 29 enero 2012 23:07)

    Outro detalle. No cine Fantasio, o encargado, a persoa que vendía as entradas, era o señor Egido, pai do actor José Ángel Egido.

    Outro saúdo.

  • #3

    marina duran (viernes, 25 mayo 2012 03:12)

    O acomodador do cine fantasio e do cine coca foi meu pai,Angel Duran Darriba

  • #4

    Xandre (jueves, 03 julio 2014 18:15)

    Moi bo artigo. Queda na actualidade algún dos edificios en pé?

  • #5

    Anecdotario Redondelán (jueves, 03 julio 2014 19:50)

    Por desgraza non, desapareceron hai uns 20 ou 25 anos. O último dos vellos cines en cair foi o de Cesantes, do que non teño foto e que quedou a medio derruir ao paralizase a obra.