Curiosidades Históricas.

1914.

 

            Ao inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914, tres barcos se refuxiaron na Regasenda (Cedeira). Dous tiñan bandeira alemana e un austríaca, se chamaban Gueren, Buda e Cotrena. Eran mercantes que transportaban seda. A súa tripulación estaba composta por alemáns, austríacos e chinos. Algúns casaron en Redondela e algún houbo que deixou descendencia. Gastaron chelíns e marcos nas fondas, tendas e tabernas. En varias ocasións os redondeláns poideron disfrutar da súa banda tocando marchas polas rúas. Permaneceron na vila durante toda a contenda.    

 

 BIBLIOGRAFÍA.

 Libros de poemas de Félix Fernández:

 ·                    Poemas.

 ·                    Poemas de una vida.

 ·                    Historias do meu pobo.

 Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => El Pueblo Gallego

 

Retrato de García Prego de Montaos.
Retrato de García Prego de Montaos.

 

A historia de Estás

          Si falamos de Estás, a súa ubicación no concello de Tomiño a sitúa a unha distancia considerable do noso Concello. Mais a historia sempre sorprendente, nos da conta da súa vinculación con Redondela, e máis concretamente con Vilavella.

          A primeira referencia a Estás data do século XII, cando con motivo dunha importante doazón que, en favor do Mosteiro de Oia, fai Fernán Gómez a esta parroquia.

En 1331 o citado mosteiro fixo permuta co bispo de Tui, don Rodrigo, da igrexa de Estás pola de San Mamede de Pedornes, de Oia.

          E chegamos a ligazón coa nosa vila cando, en 1555, o beneficio de Estás era de Presentación do Arcediano de Cerveira, don García Prego de Montaos, quen un ano antes rematara a construcción do convento de Vilavella (Ver Persoeiros>Vilavella). Por indicación do Prelado, don Juan de Santillán, Estás converteriase en anexo de dito convento de Vilavella.

          Posteriormente, a Presentación de Estás recaería no Conde de Maceda, quen poseía o vínculo fundado por García Prego de Montaos.

 

BIBLIOGRAFÍA

Recorte de prensa sen identificar. Artigo: “Estás-Tomiño”

 

 

 

Tres erros históricos.

 

            Hai uns anos circulou a historia de que o viaduto de Ourense fora construído por Pedro Paolo Floriani da Macerata, discípulo de Gustave Eiffiel arquitecto da famosa torre parisina que leva o seu nome. A obra non fora pagada por dubidarse da súa seguridade e a historia remataba tráxicamente coa morte do  constructor ao lanzarse ao vacío dende o viaduto. Tan fermoso conto merecía unha recompensa e a clase política da época decidiu dar o nome de Pedro Floriani ao instituto de Formación Profesional da vila.

 

            A realidade e que o discípulo de Eiffiel nunca pisou Redondela. Si existiu un Pedro Floriani subcontratista da obra que tentou sucidarse acosado polas débedas cando se negaron a abonar a obra, mais non faleceu senon que quedou inválido. Unha historia bastante menos glamurosa para o noso F. P.

 

Ramón Cabanillas Foto: ABC
Ramón Cabanillas Foto: ABC

            Outra posible metedura de zoco dos nosos gobernantes foi a colocación na fachada do Concello dunha praca na honra do célebre escritor Ramón Cabanillas, quen segúnn reza fora secretario en dita institución. Nos datos que manexo Ramón Cabanillas si foi secretario de Concello, pero do de Mos, que daquela formaba parte do partido de Redondela. Polo que mentras non se atope no arquivo un acta firmada polo literato, dou en pensar que nunca pisou o noso Concello, que por certo daquela estaba ubicado na Casa da Torre.

            O terceiro pequeno-gran erro atopeino ala polo 2008 na web do departamento de Turismo de Redondela na que entre os poucos feitos históricos  relevantes que se citaban chamoume poderosamente a atención que o Bispo Xelmírez establecera a súa residencia en Redondela no século XV. Algo abraiante se temos en conta que este ilustre visitante viviu no século XII. A imaxe dada non era boa polo que daquela me puxen en contacto coa institución para arranxalo. Mais o dato sobreviviu ao troco de goberno e de web e aí segue a 8 de xuño de 2015.

 

BIBLIOGRAFÍA

Ver> Que ver> Viadutos

19180227 El progreso

 

 

 

Praia de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2010
Praia de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2010

A privatización da Praia de Cesantes.

            Juan Muíños, alcalde de Redondela, como Presidente da Confraría de Mariñeiros e sen contar cos asociados firmou unha autorización para acotar 40.000 metros da Praia de Cesantes. O propósito era que a empresa “Hijo de Massó y compañía” creara un criadeiro de ostras.

            Estando así as cousas, o 24 de xaneiro de 1956, as campás das igrexas dos concellos de Redondela e Soutomaior reuniron a 5.000 persoas que ao grito de “Mar libre” e a pesares dos culatazos e as detencións da garda civil impediron que os traballadores acotaran a praia. Dende aquel día os mariñeiros nos seus barcos e as súas mulleres na area fixeron garda día e noite. Estas primeiras gardas foron respostadas con novas detencións. Pero a pesares disto, en canto veían que se acercaban gardas ou obreiros con materiais de construcción soaban todas as campás e a xente deixaba os seus traballos e acudía correndo a Cesantes. As autoridades ante a forte oposición prohibiron que soaran as campás. Daquela, cando había perigo prendían lume as silvas e coa escusa do perigo de incendio as campás voltaban a soar. Chegou febreiro co seu frío e unha vez máis achegouse á praia o alcalde, os representantes da empresa e a súa escolta armada con fusís. Unha vez máis foron recibidos cos gritos: “Mar libre” e “Abaixo os vendidos”. Dando a volta Juan Muíños aseguroulles aos representantes de Massó: “No resistirán”, pero resistiron.

            Os defensores da praia recibiron numerosas mostras de apoio como a de 300 obreiras da fábrica de camisas Regojo que abandoaban o seu traballo para relizar o seu turno de vixilancia, a das persoas que se achegaban a praia a levarlles comida, mantas ou augardente para quecer o corpo ou os que visitaban aos presos no cárcere. Pola súa parte o alcalde tan só saía á rúa escoltado pola garda civil, pero non podía evitar ser increpado polos veciños por moito que os ameazara con prendelos.

            Nunha ocasión os gardas civís coas súas armas rodearon a unhas 200 mulleres que gardaban a praia. Adiantouse o coronel e ameazounas con fusilalas se non se marchaban. As mulleres unha a unha deitáronse na area gritando que as fusilaran e os gardas non tiveron máis remedio que irse.

            Despois duns meses as autoridades déronse por vencidas e a praia seguiu sendo de uso público.

 

BIBLIOGRAFÍA

 Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La España

 

Texto: J. Migueles

Actualizado:04-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0