Curiosidades. O Concello e a política-2

 Claudio Contreras. Foto: Vida gallega
Claudio Contreras. Foto: Vida gallega

Político trocachaquetas.

 

            A principios do século XX Claudio Contreras Valiñas, coñecido como O Chato, era un xoven avogado implicado na causa agraria. Políticamente era dos máis activos de Redondela xunto con Juan Amoedo Seoane participando con este en varios mítins antiforais. Ata chegou a presentarse en 1911 a deputado provincial sen ser elexido. O seu discurso caracterizábase polos duros ataques a Riestra: “Sí, Riestra,este hombre funesto, es el autor de la ruína del país. Sólo odio y desprecio puede inspirar un cacique tan funesto. De mí os digo que si un día variase de opinión hacia él os autorizo para que me fusiléis por la espalda”.

             Chegan entón as eleccións municipais co resultado de 10 concelleiros agrarios por 9 rietristas. Claudio Contreras decide daquela trocar de partido, o que lle permite ser nomeado alcalde como rietrista en setembro de 1912. Catro anos despois deixa a alcaldía por ser nomeado Deputado provincial. Sendo xa considerado o cacique de Redondela, acada o control total da vila co nomeamento en 1918 como alcalde en funcións do seu irmán Ricardo, quen xa ocupara varios cargos como o de recadador de contribucións ou o de mestre habilitado.

             Todo isto provocou que lle adicaran unha canción coa música do popular “Vals de los Apaches”, co estribillo:

 Traidor, traidor,

 pillo, granuja e malvado,

 si te hicieron diputado

 fue porque has vendido tu honor.

 

            Esta cantiga sería incluída no índice de obras prohibidas polo alcalde de Redondela. Os que a cantaban eran encarceados e os gardas municipais prestaban especial atención ao lavadoiro, onde as mulleres amosaban predilección por dito vals. Para compensar os partidarios do cacique tamén lle adicaron unha cantiga a Gregorio Espino, quen se enfrontara a Raimundo Riestra nas eleccións a deputado a cortes por Redondela.

             Na actualidade os redondeláns esqueceron estas cancións pero moitos aínda lembran o dito: De Contreras e Leirós libranos Dios. A outra familia aludida era de tamén de corte conservador, tendo como maior exponente a Eladio Leirós Fernández, Coengo da catedral de Ourense.

             Apesares das críticas Claudio Contreras continuaría a súa traxectoria política e voltaría a ser elexido deputado provincial, actuando como man dereita do deputado a cortes por Redondela e Pontecaldelas, José Barreras Massó. Despois sería nomeado gobernador de varias provincias, ademáis de ocupar diferentes cargos como o de recadador de contribucións de Vigo.

            O carácter do seu irmán Ricardo Contreras, quedou patente no seguinte percance. O mestre de Redondela, José Gallego, amonestou ao seu fillo por poñer petardos no pasillo da escola. Como resposta, abofeteou en público ao citado mestre. Suceso máis grave aínda se temos en conta que exercía como primeiro tenente de alcalde e alcalde en funcións. Non sabemos se este suceso o perxudicou políticamente, pero en 1922 fracasaría no seu intento de ser reelexido coma alcalde de Redondela, nunhas eleccións nas que os agraristas venceron con 1.036 votos por 514 dos conservadores.

 

BIBLIOGRAFÍA

Xornais=> El Pueblo Gallego, La Integridad, El Progreso, El Diario de Pontevedra, Vida Gallega, El Correo de Galicia...

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.)

 

 

O voo do Plus Ultra.

 

           A chegada, en 1926, do comandante Ramón Franco e os seus compañeiros a Arxentina a bordo do Plus Ultra, convertiuse nun fito na historia da aeronáutica e unha páxina brillante na historia de España. En todo o país festexouse o acontecemento e Redondela non podía ser menos.

 

            Pola Alcaldía dictouse un bando dando a coñecer a grata nova aos veciños e disparándose numerosas bombas e en todas as igrexas do concello se tocaron as campás. Con urxencia celebrouse no Concello unha reunión para nomear á comisión organizadora dos actos, e dentro dela a dirección da mesma: o alcalde, Saturno Cal; o director da graduada, José Gallego; e o procurador nos tribunais, Buenhijo Pérez Sobrino. Tamén se nomeou como depositario a José Reboredo. Para realizar a colecta formáronse grupos constituidos polas señoritas: Placer Vidal, Aurea Montero, Luisa Paseiro, María Méndez, María Pérez, Gloria Contreras, Pitusa Lera, Dula Reboredo, Pilar Menéndez, Tránsito Guzmán, Isabel Villar, Carmen Prez, Rosario Cal, Josefa González, Luisa Gómez e Aldé Rivero.

 

Publicouse outro bando pedindo aos veciños que engalanaran os seus balcóns e aos comerciantes que pecharan os seus establecementos por ser día de festa. A igrexa de Redondela estivo repleta de fieis na celebración dun solemne Te Deum costeado polo cura párroco, José María San Martín. Predicou o sacerdote de Vigo, Emilio Álvarez Martínez, que alabou as grandezas de España, irmanou a Relixión e a Patria, describiu a saída de Celón e de Franco e, rematou, lembrando o patriotismo dos españois e, en especial, dos galegos.      Rematada a misa celebrouse unha manifestación que foi das máis numerosas que se organizaron en Redondela. Estivo presidida pola Corporación municipal e autoridades. Concurriron portando os seus estandartes as Sociedades Agrarias de O Viso e Cesantes, a Asociación de Mariñeiros, a de Canteiros, e as Socialistas. Tamén figuraban os nenos das escolas públicas e os da particular de Fernando González. Marchaban tamén un grupo de fermosas señoritas e a banda de música dirixida por Manuel Lorenzo.

 

            O alcalde Saturno Cal, pronunciou un discurso con tintes patrióticos que foi moi aplaudido. En nome do Concello, enviou un cablegrama ao presidente do Centro Galego en Bos Aires, para que transmita aos heroes a felicitación do povo de Redondela. Tamén telegrafou ao Rei e ao Governo pedindo o indulto para os prófugos desertores.

 

            O señor Álvarez Martínez sumouse á celebración achegando á comisión organizadora dos actos o necesario para asistir aos pobres e aos presos da vila.

 

            Pola tarde organizouse un serán no recheo, tocando a banda de música ata ben entrada a noite.

 

            Ao ano seguinte unha axencia de viaxes ofrecería a posibilidade de sobrevoar Vigo e as vilas veciñas no Plus Ultra.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El correo de Galicia, El Heraldo Gallego

 

 

 

Pedro Otero. Foto publicada en "Redondela, crónica dun tempo pasado"
Pedro Otero. Foto publicada en "Redondela, crónica dun tempo pasado"

O alcalde que pediu o divorcio.

            Trala chegada da democracia o Concello de Redondela sería o primeiro que, a finais de 1976, abordaría o tema do divorcio. O alcalde e doutor Pedro Otero Rey, sería o que presentou unha moción solicitando ao Goberno que implantara o divorcio en España. A medida sería rexeitada no Pleno por ampla maioría. Dos trece asistentes, rexistráronse tres votos a favor, máis o do alcalde, e nove en contra.

            Ante o resultado acadado o alcalde amosou o seu decontento recriminando aos opositores: ”Dentro de cinco años vendréis a pedirme que cambiemos el acuerdo.” O máis curioso do caso sería que entre os que votaron en contra de solicitar ao Goberno a implantación do divorcio figuran concelleiros considerados liberais, mentras que outros que se creían máis conservadores pronunciáronse a favor.

 

BIBLIOGRAFÍA

19761204 El País

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 04-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0