Curiosidades. O Concello e a política

Cargos curiosos no Concello.

 

            Na 2ª metade do s. XIX e ata mediados do XX, existía no Concello a figura do Encargado do Reloxo. Isto debíase a que o reloxo do Concello era considerado ben de utilidade pública. Este home encargábase do seu mantenemento e da súa exactitude horaria.

 

            En 1863, créase a primeira praza de Garda Municipal que será auxiliado pola figura do Sereno, anteriormente realizaban as súas funcións: Alguacís, Mordomos e Pedáneos.       

 

A principios do s. XX aparecen os Gardas de Consumos, que eran os que controlaban e cobraban as introduccións de xéneros na vila. Logo desempeñarían a mesma función os Vixiantes de Arbitrios. O 1 de xaneiro de 1952 únense os corpos de arbitrios e de garda municipal, formando a Policía Municipal.

 

Outro emprego que existía na 1ª metade do s. XX era o de Encargado do Tambor de Bandos.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA.

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

 

 

 

As antigas leis do rural.

 

            O reglamento da policía rural na España de 1916 baseábase nas ordeanzas dos diferentes distritos. A continuación enumerarei algunhas das normas que rixían o distrito de Redondela:

 

- Non é lícito cruzar as sementeiras nin a pé nin a cabalo.

 

- Prohibido introducir gando en propiedade allea.

 

- Non se pode apacentar gandos, que non estean atados con cordas, en terreos menores de oitocentas varas cadradas. Os gandos só poden estar sen pastor nos montes e portos altos.

 

- Os cans deben estar atados de sol a sol para protexer ás persoas e as leiras.

 

- Autorízase o sacrificio de cans cando non exista outra maneira de evitar as súas acometidas.

 

- É obligatorio que os cans leven bozal de xullo a outubro, e cada labrador non pode ter máis de dous cans e un cachorro.

 

- Non se poden variar os cauces dos ríos, nin facer plantacións que interrumpan o curso da auga, nin executar sen licencia ningunha obra nas márxenes.

 

- Os regadores deben limpar canles e regueiras, e gardar turno para a rega.

 

- Prohibido obstruir os camiños ou depositar materiais neles.

 

 

 

María Luisa López López, 1964 Foto El Pueblo Gallego
María Luisa López López, 1964 Foto El Pueblo Gallego

A primeira Secretaria de Concello de España.

            En 1964 foi nomeada secretaria do Concello de Redondela María Luisa López y López, convertíndose na primeira muller en ocupar este posto en España. A vocación víñalle de familia, xa que o seu pai era Xefe de Negociado da Administración Local e o seu avó fora secretario do Concello de Monforte de Lemos. A súa preparación estaba fóra de toda dúbida xa que estudiara Dereito, Maxisterio, Graduado Social e atopábase empezando Ciencias Económicas. Fora a única que pasou o primeiro exame da oposición de sete mulleres que se presentaron. Despois de casi tres anos no cargo, en marzo de 1967, sería trasladada ao Concello de Padrón sendo despedida cunha cea homenaxe.

            Teñamos en conta que dende 1950 se suprimiran seis profesións ás que tiña acceso a muller con anterioridade: Carreira Diplomática, Notaría, Rexistro da Propiedade, Estadísticos Técnicos, Estadísticos Facultativos e Corpo Administrativo de Aduanas. Ademáis en 1964 a muller tiña vetado o acceso a 42 oficios, tales como a matanza de reses bravas, buzo... Se a iso sumamos os empregos non recoñecidos, como podían ser o traballo no campo ou o marisqueo, é de entender que a poboación activa en España rondaba o millón setecentas mil mulleres.

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

 

 

 

 

As medallas dos concelleiros.

 

            Calquera que asistira a unha procesión en Redondela tivo a ocasión de ver as medallas que os concelleiros portan nestas celebracións. Pero case ninguén coñece a orixe desas medallas. Pois ben, anunciado o paso por Redondela do rei Amadeo I de Saboya, a Corporación Municipal reunida en sesión celebrada o 18-8-1872, con asistencia dos concelleiros José Otero Martínez, Manuel Alfaya Lamas, Salvador L. Barros, Jose Benito R. Arango, Pedro Lago, José Cabaleiro, Manuel Ricón Sánchez, Francisco Campelos, Fernando Monroy, Juan Pérez Soto e Ramón Queimaliños, e actuando como secretario Ramón Barbeito. Decidiron facultar ao alcalde Ramón Francisco Pardo Ferro para mercar unhas medallas cos gravados do escudo da vila e no reverso “Año 1872”, para que luciran os concelleiros na recepción. Nos anos sucesivos estas medallas serían empregadas polos concelleiros nos actos oficiais e, como non, en  todas as procesións nas que participaron.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego. Artigo de J. Fontenla

 

 

 

Fillos adoptivos durante a dictadura de Primo de Rivera (1923-1931).

 

            Ata o de agora non fun quen de facer un rexistro dos Fillos Adoptivos nomeados  polo Concello de Redondela. Sirva esta como unha primeira achega a un periodo concreto da nosa historia. As fechas coinciden coa data na que foron aprobados pola Corporación municipal.

 

            1925, 15 de xaneiro. Severiano Martínez Anido. Militar natural do Ferrol, que  durante o goberno de Primo de Rivera ocupou os cargos de Director Xeneral de Seguridade e Subsecretario do ministerio da Gobernación (1925-1930). Anteriormente sería alcumado “El Carnicero de Barcelona” pola represión que exerceu na cidade condal como Governador Civil (1921-1922). Coa chegada da II República (1931) veuse obrigado a exiliarse a Francia. Tralo inicio da Guerra Civil regresa a España sendo nomeado por Franco  o 30-1-1938 ministro de Gobernación. Súa foi a decisión de establecer unha prisión militar en San Simón. Faleceu a finais dese mesmo ano sen chegar a ver o remate da contenda.

 

            1925, 15 de xaneiro. José del Río Jorge. Comandante de infantería natural de Baiona, nomeado delegado guvernativo por Redondela en decembro de 1923, tralo golpe de Estado de Primo de Rivera. Chegou á vila o 3 de xaneiro e a súa primeira medida foi suspender á corporación municipal en pleno e nomear unha nova. Nos días seguintes visitou os demáis concellos do partido dictando medidas sobre subsistencia, sanidade i ensino.  Propiciou a instauración do corpo de Somatén e sentou as bases para a fundación do partido Unión Patriótica. Voltou a constituir varios colectivos, como as xuntas locais de Sanidade, Primeiro Ensino e Protección do Menor; ou o Corpo de Exploradores. Pola súa iniciativa organizouse a Festa da Árbore nos diferentes concellos do partido. Encabezou o recibimento oficial dado na nosa vila ao xeneral Primo de Rivera. Intercedeu ante o deputado provincial para a construcción do Campo de Pétán. En xullo de 1924 acompañado polo alcalde Saturno Cal, xestionaron en Madrid a canalización do Alvedosa, a traída de augas, a construcción dun novo cárcere e, para as parroquias, a consecución de varias escolas novas. En abril de 1925 deixa o cargo ao ser nomeado Governador civil da provincia de León. Poucos días despois do seu falecemento, o 29-9-1928, déuselle o seu nome á actual Rúa Padre Crespo.

 

            1925, xuño. Ramón González Fernández, deputado Provincial, nomeado fillo adoptivo “... en agradecemento polos favores concedidos”.

 

            1928, marzo. Miguel Primo de Rivera, marqués de Estella. Xeneral presidente do Consello de Ministros. Acordouse por unanimidade nomealo fillo adoptivo con motivo da súa visita a Redondela. Agradéceselle así o proxecto da creación do aeroporto marítimo nacional na praia de Cesantes e a aprobación, pola Real Orde do 22 de marzo de 1928, das obras da primeira sección do río Alvedosa.

 

 

BIBLIOGRAFÍA

             Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego,  El Diario de Pontevedra, El correo de Galicia

 As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.Pag. 133

 

 

Escudo

            No 2014 o Concello de Redondela encargoulle un informe histórico e heráldico ao Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN) para acadar o diseño dunha bandeira e dun escudo como ensina do municipio, para poder rexistralo como símbolo oficial ante a Comisión de Heráldica da Xunta. O motivo deste estudo era que o escudo redondelán constaba dunha "R" maiúscula xunto a tres conchas de ouro sobre un fondo branco, o que representaba un campo de prata.  Isto infrinxia as regras heráldicas ao non poder ir xuntos dous metais. Para evitar este conflito e axustarse á normativa, o Seren propón cambiar a cor do fondo a azul, tal e como aparece no escudo municipal situado na cabecera do altar da Inmaculada Concepción da igrexa parroquial de Santiago Apóstolo de Redondela, datado no século XVIII, e considerado o máis antigo que se conserva na vila.

            En canto á bandeira, o Concello carecía dun estandarte polo que se aproveita a ocasión para diseñar unha nova. Neste caso a proposta de Seren sería a cor granate baseado no histórico pendón municipal, empregado nos distintos actos solemnes políticos, culturais e relixiosos na vila. Segundo o estudo histórico, as orixes deste pendón descoñécense, "aínda que non se descarta que servise de distintivo como bandeira nalgún dos enfrontamentos contra as tropas francesas ao seu paso pola vila, en Pontesampaio ou en Vigo, no século XIX".

            A proposta do escudo é aceptada e no DOG nº 195 do 13-10-2014 publícase o Decreto 129/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba o novo escudo do Concello de Redondela.

«De azur (azul), a letra R de ouro (amarelo), posta no centro, e acompañada de tres vieiras, tamén de ouro, dúas no xefe e unha na punta. Ao timbre, coroa real pechada».

            Por contra a bandeira é rexeitada por infrinxir as normas da heráldica, facéndose unha serie de recomendacións para que poida ser aprobada.

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Faro de Vigo

 

Persoeiro do ano

            No 2012 o Concello decide nomear ao Persoeiro do ano, celebración que consistirá nunha serie de actos, que comprenden dende exposicións, publicación de biografías e, as veces, darlle o nome do galardoado a unha rúa. Os premiados son:

            2012 Casto Sampedro y Folgar. Investigador e impulsor da arqueoloxía, historia e etnografía na nosa provincia. Fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. (Ver>Persoeiros>Educación e Investigación)

            2013 Alejandro Otero Fernández. Destacado Xinecólogo e Político. (Ver Persoeiros> Política)

            2014 Rita Otero Fernández. Irmá do anterior e esposa do empresario José Regojo.

            2015 Telmo Bernárdez Santomé. Médico. Político agrarista, chegaría a ser xefe provincial de Izuierda Republicana durante a II República. Fusilado o 11 de novembro de 1936. (Ver Persoeiros>Política)

 

Texto: J.Migueles

Actualizado: 04-10-2016