Curiosidades. O nome de Redondela

Redondela de Galicia.

             A nosa vila tamén é coñecida como Redondela de Galicia, e este chegou a ser o nome que os viaxeiros lían ao parar na estación do ferrocarril. O motivo non é outro que a existencia de La Redondela, na provincia de Huelva.

             J. Conde no Faro de Vigo do 7-10-1999 recollía a posibilidade de irmanamento entre as dúas poboacións, e que ata o de agora non se fixo efectivo. Nese artigo, José Luis Jeréz, director do diario Odiel, defende a teoría de que, si ben Isla Cristina foi fundada por cataláns, La Redondela foi fundada con anterioridade e probablemente por xente de Redondela. Baséase en que na actualidade aínda abundan os apelidos galegos. Ademáis, engade que un dos mariñeiros que acompañou na súa viaxe a Cristóbal Colón  procedía de Galicia e estaba asentado en La Redondela.

             Por outra banda, Redondela tamén é o nome dun monte da parroquia de Barroso, concello de Avión, de 582 metros de altura. Este monte faríase tristemente famoso por ser esceario dalgúns dos asesinatos de Romasanta, o lobishome galego.

 

 

BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo do 7-10-1999

www.egu.es

 

Nemo e os seus homes recollendo o Tesouro de Rande.
Nemo e os seus homes recollendo o Tesouro de Rande.

 

Redondela e a Literatura.

            S. XIII ou XIV, Mendiño escribe unha cantiga de amigo ambientada na Illa de San Simón.

            S. XIII, o crego e trovador Airas Nunes narra como Redondela é asaltada por soldados dos Churruchaos.

1745, o Padre Sarmiento nos seus diarios de viaxe pasa por Redondela anotando descripcións como a seguinte: “Rande, punta y castillo y batería”.

            1870, Jules Verne no seu famoso libro 20.000 leguas de viaxe submarino (1870) conta como o capitán Nemo e os seus homes recollen o tesouro de Rande na enseada de San Simón. En homenaxe a este feito na praia da Punta erexíronse estatuas a Nemo e dous dos seus buzos.

Federico García Lorca no primeiro libro que publicou, “Impresiones y paisajes”, describe as viaxes que realizou nos seus tempos de estudante. Nel aparece Redondela, aínda que só como estación de paso.

Na obra cume da lingua galega “Follas Novas” de Rosalía de Castro, aparece nomeada Redondela.

1912, Joaquín Dicenta, publicou “Bajo los mirtos”, obra ambientada na Illa de San Simón.

1940, Gerardo Diego, nun dos versos de “Ángeles de Compostela” fai referencia ao paso do tren polo viaduto de Redondela.

Ramón González- Alegre Bálgoma, nado en 1920 en Villafranca do Bierzo, escribe a súa propia Cantiga de San Simón”.

1962, o ourensano Ramón Otero Pedrayo publica a novela O Señorito da Reboraina baseada na vida de Xoán Manuel Pereira, nado en Reboreda.

Tamén o Premio Nobel Camilo José Cela fala da nosa vila na súa novela Madera de Boj.

2002, Manuel Vázquez Montalbán escribe a súa derradeira novela Eric y Enide no que parte da trama desenrólase na illa de San Simón. O escitor aínda visitaría a illa antes de falecer no 2003.

A todos estes libros habería que sumar centos de libros de viaxes, historia...

 

BIBLIOGRAFÍA

www.hemerotecadigital.bne.es

Faro de Vigo 5-4-2002: http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Wikipedia

 

Redondela, algo máis que un Concello.

            Na administración de xustiza o Partido Xudicial de Redondela comprende os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

            Pola contra, a nivel relixioso na diócese de Tui-Vigo o Arciprestado de Redondela está formado polos concello de Redondela, Soutomaior e parte de Pazos de Borbén, sumando un total de 19 parroquias e 2 anexos.

 

 

Redondela encallou.

 

            En 1965 sorprendía aos redondeláns a noticia de que Redondela encallara. Tratábase do buque español de nome “Redondela” que chocara contra uns arrecifes na illa Isley, fronte as costas occidentais escocesas. Dende o próximo porto de Glasgow acudiu un barco salvavidas entre outros navíos. Ao día seguinte o capitán informaba de que o barco non sufrira danos. Por sorte a tripulación, formada por trece homes, atopábase fora de perigo. Comezaban daquela os traballos para reducir o peso do barco para tentar poñelo a frote en canto enchera a marea. O xeito de facelo era a retirada do xeo que se formaba no sistema de refrixeración. Pouco despois chegaría a notecia de que “Redondela” navegaba de novo.

 

                                    

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 04-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0