Curiosidades. Os Redondeláns que se foron.

 

Negocios que pasean o nome de Redondela

 

            Moitos dos redondeláns que abren os seus negocios noutras vilas ou noutros países, non esquecen as súas raíces á hora de poñerlles nome. Convértense deste xeito nos mellores embaixadores do noso Concello. Algúns exemplos serían os seguintes:

 

            Nos anos 40 do pasado século os socios Lamas e Rivero rexentaban en Montevideo (Uruguai) o “Bar Redondela”. Na década seguinte Celso González Sequeiros, un dos fundadores da Peña Xan Carallás (Ver Xan Carallás), abriría en Bouzas (Vigo) outro bar co mesmo nome. Por esa época Francisco Hernández Bahillo abre as portas da “Mercería Redondela” en Salamanca.

 

            En tempos máis recentes atopamos dous exemplos máis nas Illas Canarias o “Bazar Arealonga”, en Tenerife, e o “Restaurante Redondela”, en Las Palmas de Gran Canarias. Braulio Míguez, dono deste último, sería distinguido pola Xunta de Galicia pola súa laboura na promoción da gastronomía e cultura galegas.

 

 

BIBLIOGRAFÍA

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, La Noche, Hoja Oficial del Lunes

Ministerio de Cultura http://pares.mcu.es/ => España Democrática

Faro de Vigo http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Facebook=> La Provincia

 

 

Un xornal internacional.

            Como bos galegos, Redondela é un povo de emigrantes. A principios de século os destinos preferidos eran Brasil e Arxentina, ademáis da veciña Portugal. Esta situación foi aproveitada polo xornal local La Idea. Semanario Independiente, para facer patria e, en 1910,  anunciar nas súas páxinas que contaba cunha larga listaxe de correspondentes: En Río de Janeiro, José Figueroa Montero; en Pará, Manuel García Martínez e Severo Oliveira Crespo; en Manaos, Manuel Joaquín Garrido; en Santos, Faustino Figueroa; en Bahía, Francisco Cavadas Rocha; en Buenos Aires, Paulino Lamas; en Villa María (Arxentina), Silverio Bermúdez; en Rosario, José Gracía Darriba; en Lisboa, Casimiro Movilla e  Manuel Vidal Álvarez; e en Oporto, Jose Manuel Mouriño.

 

BIBLIOGRAFÍA

 

19100123 La Idea

 

Redondeláns en León.

            Un día xuntáronse cinco galegos en León coa intención de fundar un centro de carácter rexional, aos que se sumou o recén chegado M. Barros Arbones, eran: Isaac Bayón, de Caldas; Tomás Fernández, de Redondela; Orestes Vara, de A Coruña; Juan Carbajal, de Monforte; José R. Rivas, do Viso (Redondela); e Salvador Rocha, das Neves.

            Decidiron bautizalo como “Lar Gallego”, nome que naqueles anos recibía o centro galego de Madrid. Acordaron nomear en xaneiro de 1933, un comité xestor que se encargaría, entre outras cousas, de redactar o reglamento. Estaba composto por: Vara, Carbajal, Bayón, Rivas e M. Barros Arbones.

            Tres meses despois o “Lar Gallego” en León elexiu a súa primeira xunta directiva: presidente, Luis Arias Vila; vicepresidente, Eladio Martínez Pedrayo; secretario, Juan Carbajal; secretario de actas, Manuel Vila Real; tesoreiro, Gonzalo Romasanta; contador, Isaac Bayón; vocais: Alfonso Fuciños, José Iglesias, José R. Rivas, Luis F. Lavandeira; bibliotecario, Gabino Díaz de Herrera. Daquela a nova sociedade xa contaba cun local social e sumaba 160 socios, estimando chegar a 250 antes de fin de ano. Ese mesmo mes nas súas instalacións celebraba unha exposición de arte galego.                

            No tocante a Redondela destacaremos a:

            Eladio Martínez Pedrayo. Vicepresidente, da primeira directiva. Era doutor en Menciña e  especialista en Puericultura. Natural de Ourense, casou en Redondela con María Amoedo Seoane. Cando menos dende 1919 xefe da Xunta médica do Partido de Redondela. Médico titular de Mos e de Porriño, en 1925 sería nomeado médico municipal de León..    

            José R. Rivas. Vocal na primeira xunta directiva. Este prestixioso industrial era natural do Viso.

            Tomás Fernández, de Redondela, foi un dos primeiros impulsores do Lar Gallego. Contábase del que si chegara a ser millonario, perdería axiña a súa fortuna porque sempre estaba dispoto para axudar a quen o necesitara. Tamén se dicía que non consintía que ninguén insinuara que en Galicia houbera vila máis fermosa que Redondela.

 

BIBLIOGRAFÍA

Galiciana> Vida Gallega (varios números 1933)

 

Manuel Santos en 1958 no Augustus. Foto:elbarmanclasicoargentino.blogspot.com
Manuel Santos en 1958 no Augustus. Foto:elbarmanclasicoargentino.blogspot.com

Un barman internacional.

 

            Houbo un tempo en que un barman podía chegar a ter certo prestixio grazas aos cócteles que preparaba. Un redondelán que amosou as súas dotes por varios países foi Manuel Santos Rivas.

 

           Nado o 30 de abril de 1900, emigrou moi novo a Brasil e con tan só 16 anos iniciouse no oficio no “América”, en Río de Janeiro. Non lle foron mal as cousas e pouco despois inaugurou o bar do hotel Gloria. Tamén nesta cidade traballou no “Jockey Club do Gavea” e no “Copacabana Palace”. Marchou logo a Argentina invitado por Francisco Novoa, daquela embaixador arxentino en Brasil. En Buenos Aires traballou en “Richmond Florida” e “36Billares”. Fai de novo as maletas e pasa a Uruguay, exercendo como barman no “Savoy” de Montevideo e no “Brunswick” de Punta del Este.

 

            Regresa a España e en Madrid gaña un torneo en 1927. Grazas aos seus coñecementos do portugués publica un libro de cócteles en Lisboa onde inaugura o “English Store” e o “York Bar”.  Volta a Argentina en 1931, pasando por “Scherrer”, “Alhambra” (1941), “Confitería París” (1943/54), “Augustus” (1958) e “Viejo Retiro” (1964-65). Nos vrans rexentaba o seu propio negocio, o “Hotel Rivas”, en Mar del Sur, provincia de Buenos Aires, cando menos entre 1953 e 1969. En 1972 foi nomeado Fundador vitalicio de A.M.B.A. (Asociación Mutual de Barmans y Afines), da que formara parte da directiva durante máis de vintecinco anos, sendo presidente entre 1948 e 1950. Nunca abandoaría aquel país onde falecería en 1992.

 

Algúns dos cócteles que lle deron fama serían:

 

Ganador del Premio Domecq del concurso de cócteles A.M.B.A de 1959.

2 copitas de coñac Domecq

1 cucharada de postre de azúcar impalpable

1 cucharada de sopa de crema de leche

1 yema de huevo

Batido, copa cóctel espolvoreado con canela

 

Ganador del Premio Smirnoff del concurso de cócteles A.M.B.A de 1960.

“Capa Rosa”

½  Vodka Smirnoff

¼ Triple Sec

¼ Jugo de pomelo rosado

4 golpes de jarabe de azúcar

Batido, copa flauta con vino rosado en la superficie.

 

“Media Luna” (Primer premio Madrid 1927)

30gr. Kirsch

50 gr. Jeréz

3 golpes de Cherry Brandy

2 golpes de granadina

Batido, copa cóctel

 

BIBLIOGRAFÍA

elbarmanclasicoargentino.blogspot.com

 

O fundador dun clube de futbol en Arxentina.

            A mediados dos anos 50, entre a comunidade española había varios equipos, organizándose o campionato chamado “Dos de Mayo”. Ante o éxito do evento decidiuse que sería viable a creación dun clube afiliado á AFA. O 12 de outubro de 1957 sería a data elexida para fundar o Club Deportivo Español, en Arxentina. No 2015 o único dos fundadores que segue vivo é o redondelán Francisco Cayetano Martínez, considerado un dos galegos históricos en Buenos Aires. 

            Na elección do nome do equipo, Francisco estaba no bando do que finalmente se elexiu fronte os que preferían o nome de Unión Española. A votación deu un empate así que a decidiron preguntarlle ao vixiante que era a única persoa que se atopaba na sala e que non tivera dereito ao voto, quen axiña se levantou gritando ¡Deportivo Español!

            Unha das primeiras propostas para o escudo foi realizada polo redondelán. O seu diseño, no que aparecían tres calaveras,  finalmente non sería o elexido.

            Nun principio o equipo alugaba o campo, que normalmente era oestadio do Huracán, dándose  a circunstancia de que soía encher máis que o equipo titular. O maior logro deste clube sería a de vencer ao River Plate no seu propio campo por 1 a 4 e co porteiro Amadeo Carrizo como gran figura.

            Grazas ao baixo custe dos terreos naquela época e o poder económico dos grandes industriais españois lograron que o Club Deportivo Español chegara a contar cunhas instalacións enormes cunha gran piscina e un estadio con capacidade para 35.000 persoas. Nos anos 80 alcanzaría a cifra de 25.000 socios. Co paso dos anos tanto a sociedade como o equipo irían a menos.

 

BIBLIOGRAFÍA

EspañolTv

Aportacións do fillo de Francisco Cayetano.

 

Momento do traslado. Foto: TVE
Momento do traslado. Foto: TVE

O supervivinte.

            O redondelán Francisco Manuel González Pérez “Kiko”, contaba 25 anos en marzo do 2001 e levaba un ano en Angola, traballando na pequena empresa do seu pai, que se adicaba á exportación de peixe. De regreso dunha visita a España chegou a Luanda onde tentou coller un avión para Lubango tendo que agardar ata o día seguinte porque o voo da compañía SAL estaba completo. Pola mañá voltou ao aeroporto e acadou finalmente unha praza grazas á cancelación dunha reserva. Estaba lonxe de imaxinar que se estrelaría a vinte kilómetros de Lubango, no suroeste do país.

            O xoven sería o único supervivinte da pasaxe, formada por quince pasaxeiros e dous pilotos. Saiu despedido dende o último asento ata a cabina, onde quedou suspendido á beira dun precipicio de douscentos metros de profundidade. Cunha fractura aberta de fémur e pequenas feridas buscou o botiquín. Inxectouse un sedante no pescozo e entabouse a perna cos limpaparabrisas despois de levar o óso ao sitio. Iniciouse daquela un fogo nos restos da avioneta polo que tivo que alonxarse uns metros. Por sorte atopou uns nenos aos que lles pediu que foran na busca de axuda.

            O seu pai, Manuel González Barragán, e que levaba máis de vinte anos de negocios na ex-colonia portuguesa, comentaría: 'Ha sido un auténtico milagro que ni su madre se cree todavía'.

 

BIBLIOGRAFÍA

20010320 El País

 

O empresario viaxeiro.

 

            Carlos Gunche, despois de rematar os seus estudos coma enxeñeiro e ante as poucas oportunidades na España da posguerra, decidiu probar fortuna no estranxeiro. A viaxe levouno a vivir en 51 países diferentes, creando empresas en 17 de eles. O lugar de onde garda mellores lembranzas sería Mozambique onde cuns socios creou unha empresa pesqueira que chegou a dar emprego a 1.700 persoas. Os cambios políticos levaron aos seus socios a abandoar o país, quedando el só á fronte da empresa, non podendo evitar a súa nacionalización.

 

            O seu carácter emprendedor víñalle de familia. O seu bisavó, Concepto López Lorenzo, vigués de nacemento fixera fortuna en América e á súa volta converteuse nun dos maiores contribuintes para a fundación da empresa Tranvías de Vigo, sendo nomeado primeiro presidente da mesma. En Redondela mercou o Pazo de Torres Agrelo que rebautizou como La Tapera, que en algúns países de América significa casa en ruínas e abandoada, probablemente por ser o estado no que se atopaba cando o mercou. Na súa finca falecería tráxicamente en 1918 polo mor do golpe dunha póla durante as tarefas de poda.

 

            O xenro de Concepto, Carlos E. Gunche Rodríguez, enxeñeiro de orixe arxentino, sucedería a este como presidente de Tranvías de Vigo, presentando a súa dimisión en 1923. En Redondela ubicou en Punta Socorro (A Portela-Cedeira) as instalacións de Electro Metalúrgica Galega (fundada en 1920), creando despois a fundición Santa Elena na 2ª metada dos anos 30. En 1946 troca o nome polo de IME S. A., presidindo o consello de administración. Nese mesmo ano contaba cun capital de dous millóns de pesetas. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus productos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, voltando a traballar cun só forno entre 1952 e 1957.

 

             O seu fillo e pai de Carlos,  Raúl Carlos Arturo Gunche López xa exercía como director xerente da IME dende a súa fundación. En 1943 sería nomeado alcalde de Redondela polo Gobernador civil.

 

 

 

Aportacións Carlos Gunche

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, Vida Gallega. El Pueblo Gallego

 

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 26-01-2016