Outras Curiosidades.

O Mono Paco.     

            En 1990 un mariñeiro cedeulle unha parella de monos ó concello de Redondela. Construíronse para eles unhas xaulas na Alameda xunto ós columpios dos nenos. Eran individuales, coa súa casetiña personalizada e todo. Os seus nomes Paco e Coco. O pouco tempo Coco faleceu. As causas non se esclareceron pero os máis maliciosos da vila dicían que fora asasiñada por Cocó, porque o nome do mono non lle facía moita gracia. (Hai xente con moi mala uva.) Fora como fora o caso e que Paco quedou só.  

            Se xa era difícil soportar vivir sen unha compañeira, vivir sen un amigo converteuse nun inferno para Paco. Empezou a comportarse dun xeito estrano e acabou por caer no vicio de Onán. Isto foi o principio do fin.

Descoñecemos se os nenos que estaban no parque nese momento sofreron algún tipo de secuela psicolóxica. Pero o que si sabemos e que os pais puxeron o grito no ceo e queixáronse ó concello. Pronto os medios de comunicación fixeron pública a noticia. Isto abriu un debate na vila. ¿Qué facer co mono? Algúns querían matalo, outros porlle unha medalla, as fiministas manifestábanse diante da xaula...

Nestas estabamos, cando apareceu o que faltaba. Leri, o máis carismático concelleiro vigués, rompendo unha lanza polo pobre Paco. Pero foi, nese xusto momento, cando a masturbación deixou de satisfacer ós seus baixos instintos  e tocou fondo. Caiu o máis baixo que pode caer un mono. Tentou violar a unha pomba. Sí, sí, non e unha errata de impresión. O suceso chegou a saír nos noticieiros nacionais.

            Todo o mundo estaba desquiciado menos un. Leri atoupou a solución. O mono foi trasladado ó zoolóxico da Madroa. Alí déronlle unha xaula máis grande e, o máis importante, púxose a súa disposición tres monas coas que desfogarse.

            Xa respiraba Redondela tranquila. Algúns ata envexaban a boa sorte de Paco. Pero, de pronto, chegou a traxedia. Un desalmado lanzáralle comida cun imperdible no interior. Paco, confiado como era, morrera dun desgarro estomacal. Isto polo menos foi a versión oficial, mais algúns redondeláns, aínda hoxe, preferimos pensar que Paco morreu de exceso de disfrute coas tres monas.

            Tan grande foi a pena na que se sumiu a vila, que o enterro da sardiña foi sustiuído polo enterro do mono Paco. Como curiosidade, dicir que o primeiro ano que se fixo, foi organizado de xeito tan caótico que, en lugar de mono, na caixa ía un león de peluche.

Ós tres ou catro anos, este pobo desagradecido esqueceuse de todo. Volveu a celebrarse o enterro da sardiña e Paco morreu por segunda vez. Mais estas verbas servirán para que Paco reviva. E o mono, que paseou o nome de Redondela por toda España, volverá a ter o seu lugar na historia da vila dos viaductos. Larga vida ó mono Paco.

            Engadir que, antes de morrer, a semilla de Paco deu os seus frutos. Se visitades o Vigozoo, na xaula dos monos, seguro que vedes algún dos seus descendentes mirando de reollo ás pombas.          

José Lois Estevez xunto o primeiro dos telescopios. Foto: Recuerdos de mi vida.
José Lois Estevez xunto o primeiro dos telescopios. Foto: Recuerdos de mi vida.

Telescopios fabricados en Regojo.

 

Nos talleres da fábrica de camisas Regojo o profesor da facultade de dereito  José Lois Estévez construiu dous telescopios. Axudáronlle na súa labor o xefe da sección de talleres, José Abal Darriba, o encargado general da empresa e mecánico Juan Ipiña (conocido por pórlle motor á Coca) e como operarios Vidal Moreira, Andrés Fervenza, Molinos y Alonso Montes.

            O primeiro dos aparatos telescópicos, feito en 1959, tiña un reflector de 22 cm. de diámetro e foi o máis grande de España na súa época. A súa construcción foi realizada na factoría textil Regojo pero algunhas pezas fabricáronse nos talleres Sanjurjo en Vigo.

            Entre 1962 e 1963 construiuse o segundo, Era aínda máis grande, cun reflector de 50 cm. Alcanzaba os sete metros de altura, polo que, para a súa montaxe e construcción, houbo que furar o teito da nave. Logo, sería trasladado á universidade de Santiago.

O Funil 1969. Foto: Arquivo propio
O Funil 1969. Foto: Arquivo propio

O do Funil.

            O Funil, era o nome que recibía un tramo duns cincuenta metros da rúa Pai Crespo onde a estrada se estreitaba. Era tan pouco o espacio que non collían un coche e un camión ó mesmo tempo. Situándonos nos anos setenta, isto era aínda máis grave. O  único camiño que comunicaba Vigo e Pontevedra era atravesando o casco urbán de Redondela. Non existía circunvalación e moito menos a Ponte de Rande. O firme estaba en mal estado. As pedras e a auga dos charcos salpicaban as fachadas das casas. Ademáis, as aceras eran estreitiñas e os retrovisores dos autobuses pasaban rozándote a cara. Podedes imaxinarvos o grado de satisfación que os cidadáns tiñan coas autoridades responsables. Fixéronse varias manifetacións sen resultados. O alcalde, daquela D. Pedro Otero Rey, sentíase tan frustrado que puso o seu cargo a disposición do pobo.

            Nestas estabamos, cando correu o rumor por Vilavella de que o gobernador de Pontevedra estaba comendo no Xan Carallás. Polo visto, acababan de pasar uns gardas muicipais de Vigo para escoltalo coas motos.

Un grupo dunhas vinte mulleres, sen pensalo dúas veces, votáronse a rúa. En canto pasou a comitiva saltaron ó asfalto. Entre empuxóns ós policías e algún que outro insulto, lograron golpear ó coche do Gobernador con paraugas e escobas. ¡Tivo sorte de non levar unha malleira!

            O problema veu despois, cando se enteraron que o que ía no coche oficial era, en realidade, o rector da Universidade de Santiago. O incidente foi reflexado na prensa. Só se podía facer unha cousa. O alcalde mandou chamar ás mulleres implicadas na agresión. Logo dunha intensa reunión, decidiuse poñerlle un telegrama ó rector para suavizar a tensión. Explicáronlle a confusión e pedíronlle perdón polo acontecido. A contestación non se fixo esperar. Por sorte, as disculpas foron aceptadas. O rector entendía a reacción das veciñas. Xa falara co Gobernador para interesarse pola situación e poñíase a disposición do pobo de Redondela para todo o que fose necesario. A honra da vila estaba a salvo.  

 

BIBLIOGRAFÍA

 El País

 Faro de Vigo

 Aportacións: Matilde Fernández

 

 

Avisos con mensaxe.

            Cartel explícito na Regasenda: “Hay perros. Cuidado con los dueños.” Este é un exemplo do sentido do humor que se pode observar en avisos, carteis e pintadas. Lembranos a outro en Cesantes que dicía: “Cuidado co can é pequeno pero sabe Kung Fu”. Máis forte era un en Vilavella que facía referencia a unha famosa muller da vida. No camiño á casa na que vivía, baixo un sinal de dirección prohibida, podíase ler: “Excepto Juana y usuarios”.

            Na Xunqueira aínda se pode contemplar unha vella pintada dos anos 80 concienciando á poboación sobre o perigo das drogas duras: “Co porro ris, co pico morres”. E moi cerca no actual multiusos había outra que facía referencia á alcaldesa: “Fita: Yo vos quiero mucho, mañana calor”.

            No 2012 un cartel en Cedeira chegou a aparecer na televisión nacional: “Se vende, también a gitanos”.

Portada Revista TIME. Foto: ABC:es
Portada Revista TIME. Foto: ABC:es

Unha moza de Chapela portada da revista Time.

            No 2009, Lorena Domínguez de Chapela compartiu a portada da prestixiosa revista Time con outros dous mozos para representar á “generación del desencanto”. Entraba así a formar parte dunha lista de personaxes que foron portada como: Bill Gates, John Lennon ou varios presidentes de EE. UU.  Con 23 anos, Lorena era unha dos 3.000 trabaladores despedidos pola empresa Citroen a finais do 2008. Na entrevista contaba como retomaba a súa vida cun novo emprego e como os seus pais tiñan que pagar a súa hipoteca. A repercusión desta reportaxe foi tal que apareceu en outros medios como o programa El Buscador de Telecinco ou xornais como o Faro de Vigo ou ABC.

                          

BIBLIOGRAFÍA

ABC

http://www.abc.es/hemeroteca

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

La Vozde Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/index.htm

 

 

Redondela Máxica

            O primeiro mago no Concello de Redondela do que teño referencias foi o mestre da escola de Vilar Infesta José Carlos Iglesias, coñecido artísticamente como o “Mago Yoscar”. Nas súas actuacións ademáis dos típicos trucos de cartas e de desaparición de obxetos destacaba o de hipnotismo. Este entusiasta profesor ademáis de formar equipos de futbol realizou numerosas actividades escolares e entre elas deu renda solta á súa afección creando en 1968 o grupo infantil de maxia “Los Magic Brothers”, composto por seis prestidixitadores e un faquir experto en tragar coitelas de afeitar. Debutarían ese mesmo ano nas festas da Coca nun festival infantil celebrado na Sala Parque La Junquera.

            No 2009 celebrouse en Redondela o I Encontro de Maxia.

            No 2011 deuse a coñecer o mago redondelán Eloy Crespo co seu número “101 argucias y un imposible”.

 

Tendeiros trampóns.

 

En 1926 o Concello decidiu exercer controis sobre a calidade e os precios do leite que se vende na nosa vila. Como resultado destes controis en setembro foron multadas por adulterar o leite Peregrina González Vidal, veciña de Cesantes, e Filomena Sotelino Barral, de O Viso. A media é ben recibida pero os cidadáns demandan o mesmo control sobre a venda de carne e pan, polas moitas irregularidades que se cometían.

 

As autoridades deberon tomar nota porque en decembro dese ano a Xunta Provincial de Subsistencia multou en Redondela: Con 100 pesetas a Vicente Comesaña, concelleiro de Redondela, por comprobarse a falta de 100 gramos en todas as pezas de pan que se expedían no seu establecemento. Con 100 a Bernardo García, por falta de peso na carne e ademáis cobrala a un precio superior que o da tasa. Con 100 a Marcelina Queimaliños, polo mesmo que o anterior. Con 75 a Laureano Lago, por faltarlle 100 gramos en 1Kg., e 50g. en medio kilo no pan que expendía no seu establecemento. Con 75 a Dolores López, polo mesmo que o anterior. Con 50 a Emilio M. Bragado, por atoparse no seu establecemento de comestibles unha pesa de 2 kg. Á que lle faltaban 50 gramos, outra de 1 kg. con 40 gramos e outra de medio kilo con 20 gramos menos. E con 50 a Luisa Conde, por vender carne de vaca a maior precio que o da tasa, atopando ademáis o seu establecemento pouco hixiénico e cheo de suciedade.

 

            Este tipo de enganos e outros semellantes formaban parte dunha práctica xeneralizada en toda Galicia, polo que as sancións similares ás anteriores non se limitaban ao noso concello. Nos anos seguintes a situación non melloraría demasiado e continúan as multas e as peticións de maiores controis no leite, pan e carne. Como exemplo, dicir que dous anos despois, en Redondela, algúns carniceiros negábanse a vender carne para encarecer o producto, vendíase a maior precio que o marcado pola xunta provincial de Abastos, as faltas de peso eran constantes e, o máis grave, un informe do veterinario municipal denunciaba varios casos de venda de carne en mal estado.

 

Ante a gravidade da situación a xunta provincial de Abastos endureceu as multas. Con 500 pesetas foron sancionados os carniceiros de Redondela: Bernardo García Figueroa, Elisa Conde Farto e Marcelina Queimaliños, por negarse a vender carne ao público, cobrala a maior precio do da tasa e con falta de peso e tratar aos clientes con gran desconsideración.

 

Tamén se comeza a exercer un maior control sobre os fabricantes de conservas e, en Redondela, múltase con 25 pesetas a Enrique Avendaño Estela e Manuel Pérez Rodríguez, por negarse a facilitar datos ao Concello relacionados coa súa producción.

 

 

 

           

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego,  El Diario de Pontevedra

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 06-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0