Curiosidades. Promoción do Galego

Promoción do galego.

            En 1981 o Concello de Redondela promove a creación do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor, encargándose da primeira edición. Pouco a pouco súmanse novos concellos facéndose caargo da financiación. Cada ano un deles é o organizador do evento, que consiste na difusión da obra de Blanco Amor e a entrega do premio.

            En 1998 nace a Fundación Lois Peña Novo por iniciativa de varios funcionarios do Concello de Redondela co fin de promover o uso do galego no ámbito administrativo. Entre as súas iniciativas está o Premio Lois Peña Novo.

 

Acto celebrado no 2015. Foto Faro de Vigo.
Acto celebrado no 2015. Foto Faro de Vigo.

A primeira sentenza en galego.

            O 27 de marzo de 1985 a Audiencia Territorial de A Coruña ditou a primeira sentenza xudicial en galego. Pasaran máis de catro anos dende a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía e dous dende a Lei de Normalización, pero nos xulgados seguía sen empregarse o galego. O texto foi redactado por Pastor Villán, despois de ser elaborado polos maxistrados Ricardo Leirós, Claudio Movilla e Gonzalo de la Huerga. O feito foi impulsado por  Xosé González, que conta nun artigo publicado en Galicia Confidencial e La Región, "propúxenlle ao admirado amigo Claudio Movilla que elixise calquera dos litixios nos que o Concello de Redondela fose parte para ditar resolución en galego; iso si,díxenlle, que sexa un caso favorable ao demandante". Tratábase de exercer o dereito recoñecido polo artigo 7 da Lei de Normalización Lingüística, que especifica que "no ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza" e que "a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”.

            Tratábase dun caso menor, un recurso interposto por Josefina Carreira Rivero contra o Concello de Redondela por dúas resoluciones municipais aprobadas en 1980 e 1981 nas que se declaraba que a súa vivenda, sita na rúa General Mola (actual José Regojo) non estaba en ruínas.

A muller apoiada en informes de arquitectos, defendía que os custes das reparacións superaban ao  valor total do edificio. Finalmente, a sentenza deulle a razón, sinalando que os custes da reparación superaban o 50% do valor do inmoble, polo que se debía declarar a ruína da vivenda.

            Trinta anos despois celebrouse un acto conmemorando o 30 aniversario coa colocación dunha praca no Concello lembrando esta sentenza. O emprego do galego non mellorou demasiado neste periodo e tan só 30 xuíces e xuízas empregan normalmente o idioma galego nos xuízos ou nas sentenzas e a porcentaxe de fallos ditados en galego non chega ao dez por cento.

           

BIBLIOGRAFÍA

Praza pública

20150317 La Voz de Galicia

Faro de Vigo

Texto: J. Migueles

Actualizado: 13-10-2013

Escribir comentario

Comentarios: 0