Curiosidades. Sociedade

Campións de Natalidade.

            En 1969 o concello de Redondela arrasou nos premios provinciais de natalidade levando tres dos catro premios concedidos.

1º Premio “Hijos Habidos”.

Martín González Barja, casado con Encarnación Carballas, de 46 e 44 anos, de profesión vendedor de cupón pro-ciegos, con domicilio en Cidadelle (Chapela). Número total de fillos: 15. Viven actualmente: 14. Menores de 14 anos: 9.

1º Premio “Hijos Vivos”.

Primitivo Blanco Blanco, casado con Flora Blanco Barciela, de 39 e 34 anos, de profesión vidrieiro, con domicilio en Vilar de Infesta. Número total de fillos: 14. Viven actualmente: 13. Menores de 14 anos: 11.

2º Premio “Hijos Vivos”.

Ángel Sánchez López, casado con Carmen Puche González, de 43 e 40 anos, de profesión peón, con domicilio en Picota (Chapela). Número total de fillos: 12. Viven actualmente: 12. Menores de 14 anos: 11.

            A pesares destes abraiantes datos o verdadeiro record de natalidade o conseguiu en 1963 unha porca propiedade de Amado Jaime Carrera Queimaliños con 16 porquiños, que engadidos a dúas camadas anteriores de 13 e 15, sumaban un total de 44, toda unha proeza. Tampouco estaría mal o rexistro acadado en 1967 por unha porca de Alfonso Quiñones Núñez, veciño do Muro. Nunha primeira camada tivo 11 crías e pouco tempo despois deu a luz a 16.

 

O Primeiro Divorcio.

Probablemente o primeiro redondelán en divorciarse foi o fillo do Xeneral Rubín nos tempos da II República. En decembro de 1910 polo xeneral Antero Rubín y Homent foi pedida a Ramón Reigada de Figueras (Lugo) a man da súa filla Elena Reigada Acevedo, para o seu fillo José Rubín doutor en menciña que exercía na mariña ingresa. O 14-1-1933 certifícase o divorcio da demandante Dª Elena Reigada y Acevedo, veciña de Figueres, concello de Castropol, e do demandado José Rubín de Santa Cruz, veciño de Redondela e coñecido popularmente como “Pepete”.

            A primeira demanda de divorcio que atopo no xulgado de Redondela chegou o 21 de abril de 1933 á Audiencia provincial promovido por Antonia Muíños Darriba, veciña de Reboreda, contra o seu esposo Francisco Darriba Santos, que casaran o 17 de outubro de 1931.

            En setembro dese ano accederíase ao divorcio dos veciños de Redondela, María Domínguez Arango Rubín e Justo Gómez Lomban, despois dun xuízo no que o marido foi declarado culpable.

 

Bigamia.

            En 1911 saltou ás páxinas dos xornais unnha historia que atentaba contra moralidade da época.

            O 16 de febreiro de 1895, o xoven Manuel Adolfo Boullón, pertencente a unha coñecida familia compostelana, casou en Redondela con Canstancia Dionisio Pombo. O tempo foi pasando e o matrimonio tivo dous fillos. Ao  pouco tempo o home decidiu marchar a Arxentina, deixando en Redondela á súa muller e fillos.

            Máis no barco coñeceu a unha bonita moza, chamada Antonia Pereira e que tiña familia en Vigo, coa que mantivo un romance do que naceu un neno. A xoven viaxeira descoñecía que o seu amante era casado, e aacedeu a contraer matrimonio civil o 22 de agosto de 1911, e concebir un segundo fillo.

            Mentras tanto, en Redondela a primeira esposa recibía cartas do seu marido de cando en vez. A familia do santiagués non sabía nada do segundo matrimonio e continuaba en boas relacións coa familia da esposa abandonada.

            Pasados dez anos a nova parella decidiu voltar de Arxentina. Desembarcaron en Vigo, visitaron Portugal e varias localidades galegas e hospedáronse no Hotel Universal ata que alugaron un piso no que se instalaron.

            Aos poucos días o marido, co pretexto dunha viaxe a Santiago, presentouse en Redondela na casa da primeira esposa onde foi recibido con sorpresa e ledicia. A visita converteuse nunha estancia dun mes, ata que a segunda muller desesperada pola desaparición do seu home, deu en enterarse de onde se atopaba e presentouse na vila dando conta de todo a un avogado e ás familias.

            A fin de non formar escándalo tapouse todo, e acordouse que a segunda muller regresara a Arxentina (parece ser que ofrecéndolle 4.000 pesetas) e o bígamo quedara en Redondela coa súa primeira muller e fillos. Nesas estaban cando aos poucos días o home decide marchar a Vigo a vivir coa segunda esposa. Intervén entón a familia do “dobre-marido”, intentando convencelo de que voltara coa redondelana e abandoara á viguesa.

            As ameazas non dan resultado e a parella decide voltar a América, pero cando están preparando a viaxe preséntase na casa a garda civil e leva presos aos namorados. Despois de tomarlles declaración o xuíz poría en liberdade provisional á muller e decretou a prisión de Boullón por un delito de bigamia.

            No xuízo celebrado en febreiro de 1913 solicitaríase tres meses e un día de arresto maior e unha indemnización de 10.000 reás a Antonia Pereira.

            Uns anos despois, aínda habería quen seguiu os pasos de Manuel Adolfo. Sería en xaneiro de 1934, cando a Benemérita de Redondela detivo a José Tomás Lage Lobeiras, de 31 anos e veciño de Trasmañó, rreclamado polo xulgado de instrucción por intento de bigamia, suplantación de personalidad e falsificación de documentos públicos. Pero esa é outra historia.

 

BIBLIOGRAFÍA

Galiciana>  El noticiero de Vigo / El Diario de Pontevedra / El Eco de Galicia / El Correo de Galicia / El pueblo gallego

 

Foto: elmundo.es
Foto: elmundo.es

A voda do ano.

            Corría o ano 2002, cando o 23 de xuño a parroquia de Cedeira saltaba as páxinas  do corazón. O motivo non era outro que a celebración na súa igrexa do enlace entre Eduardo Sánchez Pérez, fillo do propietario da revista ¡Hola! e director da súa edición en Internet, e Asunta Moreu Bárcena, avogada e descendente do conde de Torrecedeira. Quizáis os nomes dos noivos non foran moi populares pero sí o eran moitos dos 700 invitados: Ana Botella, esposa do daquela presidente do Gobierno Jose María Aznar; a súa filla Ana e o daquela seu prometido, Alejandro Agag; o ex-presidente Adolfo Suárez e a súa filla Marián; as irmás Alicia e Esther Koplowitz; o banqueiro Javier Valls Taberner; Miranda, esposa de Julio Iglesias; Paloma Cuevas, idem de Enrique Ponce; o ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos; Nati Abascal; o modista dominicano Óscar de la Renta... O voo e o aloxamento estaba incluido na invitación, parte no Gran Hotel da Toxa e o resto nos mellores hoteis de Vigo.

             Considerada a voda do ano tivo pouca repercusión nos medios debido a discrección co que se cubriu o evento, por expreso desexo do pai do noivo, polo que apenas se publicaron fotos.  As fortes medidas de seguridade pecharon o tráfico nas proximidades. Rematada a ceremonia os invitados trasladáronse nun tren turístico ao fastuoso pazo familiar de Torrecedeira. Alí foron agasallados cun menú servido polos restaurantes Jockey e El Canario de Chapela consistente nunha selección dos mellores mariscos (bogavantes, langostinos...), foie gras trufado, pechuga de pintada... Todo acompañado polos mellores albariños. Non se reparou en gastos, concretamente 2,4 millóns de euros (uns 400 millóns das antigas pesetas) foron os que se gastaron na festa.

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Crónica

 

 

 

 

As Peñas.

 

            A primeira peña de Redondela da que teño constancia formouse en xullo de 1930 co fin de coñecer os máis bonitos rincóns de Galicia. O 27 celebraron a súa primeira excursión que os levou por Camposancos entre outras vilas, rematando en Tui onde visitaron ao seu amigo Luis Durán. Quedaron tan complacidos que ao domingo seguinte subiron ao monte Aloia.        

 

Despois da Guerra Civil, os 50 e 60 foron anos nos que se formaron numerosas peñas. Ademáis da Peña e a Orde de Xan Carallás (Ver Xan Carallás), a continuación enumero algunhas daqueles tempos:

 

Peña Alirón. Presidida en 1967 por Ángel Tellería Ayuso.

 

Peña Amaro. De Cesantes. Soía acompañar a o C. D. Choco nos seus desprazamentos.

 

Peña O Bicho. Peña formada por Julio o Panadeiro, Salabardo, Colibrí, Pinilla, Manolo o Carteiro... Tiñan a súa sede no bar de Moncho, no que tiñan unha figura do “Bicho”, que era un dragón semellante á Coca. Organizaban anualmente unha excursión. Como exemplo en 1964 realizaron unha viaxe polo norte de Portugal.

 

Peña Chocolivo. Constituida por vigueses residentes en Redondela. Entre as súas actividades estaba a de celebrar en Redondela o día da Reconquista de Vigo. En 1958 estaba presidida por Manuel González Muradás.

 

            Peña A Coca. Fundada en maio de 1963 con Emilio Argibay Casal como presidente.

 

Peña de los Diez. Formada nos anos 50. Unha vez ao ano facían unha excursión, que en 1960 os levou ata A Guarda, entre outras poboacións.

 

Peña Los Dragones. Fundada en Cedeira en 1956. O seu bo humor queda demostrado cando algúns dos compoñentes trocaban o nome por “Los Tragones”.

 

            Peña Los Estroncios

 

            Peña Jenaro. Fundada por José Figueroa Barros en 1959. Tiña a súa sede no Bar Porrón.

 

            Peña Martes y Trece. Celebraba actos de confraternidade coa Peña A Videira, de Coruxo, a maioría das veces aproveitando os partidos entre o Choco e o equipo daquela localidade.

 

Peña Redondela-Bueu. Constituida en 1963 durante un xantar de confraternización con representacións das dúas vilas. Presidía a sección de Redondela Sebastián Muíños Blanco, xefe da estación de ferrocarril de Redondela.

 

Peña Los Saborosos. En 1960 a súa excursión anual, os levaba ata Arnoia (Ourense).

 

Peña Los Tranquilos (Cesantes)

 

           

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

            Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 06-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0