Curiosidades. Sorteos e concursos

Dula Reboredo. Sen data. Foto cedida por Charly
Dula Reboredo. Sen data. Foto cedida por Charly


Concursos de Beleza.

          O primeiro concurso de beleza na vila de Redondela organizouno o xornal Tramancazos. A finais do 1932, o xornal El Soplete organizaría outro. A votación realizábase por medio de cupóns que aparecían no periódico, existindo tamén unha sección na que os homes podían adicarlle poemas ás candidatas. A gañadora resultaría ser DulitaReboredo, da que se publicaron fotos que daban testemuño da súa beleza.

          Entre medias, en febreiro de 1931, Rosa González acada o primeiro premio de beleza nos bailes celebrados en Chapela.

          En 1933 na estación de Redondela faríaselle un recibimento ao tren expreso no que viña Emilia Docet, viguesa que acababa de gañar o título de Miss España.

          Durante 1933 e 1934 celébrase a Volta Ciclista a Chapela, entregando os premios “Miss Salón La Luz del Día”.

En abril de 1934 celébrase a Volta Ciclista A Guarda, con saída dende o Calvario e chegada a Pardavila, fronte ao baile, onde os premios serán entregados por “Miss Chapela”

En xaneiro de 1936 é nomeada Miss Redondela Purita Cal Puga (Mis Ojos). O xurado estaba composto por: Avelino Cal, Luis Míguez, Aurelio Adán, José Pena, José Crespo, Hermenegildo Casal e Paulino García García.

          En 1964, na Sala Miramar, foi elexida “Miss Industrias Regojo”, Purita García Cal. Tamén foron elexidas: “Miss Simpatía”, Consuelo Bouzón Fernández; “Miss Fémina”, Carmen Barbosa Lage de Arcade; e “Damas de Honor”, Julita Novás Movilla, de Arcade, e Dolores Ferradanes, de Soutomaior. Días despois Purita, acompañada por Consuelo, daría o saque de honra no Trofeo Regojo de futbol disputado polo Choco e o Turista.

          En xullo de 1965, no “Parque La Junquera” celebrouse un festival a beneficio do equipo de futbol C. D. Choco, amenizado pola orquestra Gran Casino. Procedeuse daquela á elección de “Miss Club Deportivo Choco”, sendo a agraciada Marisé Fernández Lago. Lamentablemente o baile tería que suspenderse pola choiva.

Téñense nomeado tamén raíñas das festas. Isto aconteceu en celebracións como a da Coca, a do Carme (Chapela) ou máis recentemente nas Festas do Choco.


Sorteo do Brandy Soberano
Sorteo do Brandy Soberano

 

A boa fortuna redondelana.

            Durante dous anos Redondela foi o centro de atención informativo por mor da lotería primitiva e a súa choiva de millóns. O 2-7-1988 Juan Freaza veciño de Cedeira é o único acertante da lotería primitiva. O premio sería de 904 millóns de pesetas. Dous anos mais tarde, o 7 de abril sería un albañil de Reboreda o que se convertiu no afortunado gañador no mesmo sorteo. O seu pleno valeulle gañar 1.198 millóns de pesetas, sendo naquel momento o maior premio de lotería dado en España. Ese mesmo ano en setembro unha obreira do textil tamén foi agraciada cun suculento premio da lotería primitiva.

            O antecedente máis antigo que atopei foi en xaneiro de 1883 cando dez familias pobres, algunhas con oito fillos, repartíronse un décimo da Lotería Nacional que resultou ser o do primer premio. Cada familia gañou 10.000 reales.

En novembro de 1901 son agraciados co segundo premio da Lotería Nacional: Manuel Fernández, ecónomo de Reboreda, cun décimo; Gregorio Miguel de los Nalos, capataz da liña Ourense-Vigo, tamén cun décimo; e compartindo un terceiro décimo os mozos de estación Manuel Mosquera, Francisco Muñoz e Benito Barrado.

            En outubro de 1902 vendéronse en Redondela dous billetes de lotería premiados co segundo premio, que ascendía a 40.000 pesetas cada un. Os agraciados foron Juan Castro Lago, irmán do secretario do Xulgado municipal,  e Arsenia Táboas, irmá de Olimpio, síndico do Concello, que deu participacións a varias persoas de Reboreda.

En decembro de 1907 o gordo da lotería cae en Tui, pero varios décimos véndense na estación de Redondela. Un deles foi mercado por un mestre da nosa vila e os demáis por viaxeiros que ían de paso.

A lotería de navidad non se porta moi ben coa nosa vila pero en 1995 o Centro Cultural de Cedeira repartiu o terceiro premio en participacións de 250 ptas. pagadas a
600.000 ptas, sendo un total de novecentos cuarenta e tres millóns douascentas mil pesetas.

Os seguintes casos dan boa mostra de que a fortuna dos redondeláns non se reduce á lotería:

En outubro de 1950, no sorteo celebrado entre os acertantes dos pasatempos propostos pola revista El Eco Franciscano, resultou agraciada Dolores Martínez Portela, finca “As Laxes”, Redondela, que recibirá o libro “Sabores”.

A finais de febreiro de 1951, no concurso semanal “El día del hincha” de “El Pueblo Gallego”, consistente en atinar o resultado de catro partidos de futbol, houbo 20 acertantes, entre eles Alfredo Rubín, da Rúa Alfonso XII, en Redondela. Como tan só había un premio de 250 pesetas, procedeuse a realizar un sorteo no que Alfredo non tivo tanta sorte.

En setembro de 1953, foron entregadas 10.000 pesetas a Ángel Tellería Ayuso, que vive en Redondela, como gañador do sorteo organizado por Culmen S.A. Asistiu ao acto, Honorato López Ventín “Cabezo II”, inspector rexional da empresa.

En xaneiro de 1959, o ex-futbolista Rafael López Ventín “Cabezo I” atinou os catorce resultados da quiniela. Mágoa que o premio non fora dos máis grandes.

      En maio de 1963 no 5º gran premio Soberano, Rogelio Rodríguez Núñez con domicilio na rúa Isidoro Queimaliños  gañou un Seat 600 e o Auto Bar resultou gañador dun Televisor Marconi.

En marzo de 1966, no sorteo de primaveira da emisora La Voz de Vigo, foi agraciado cunha neveira José Solla Castro, de Redondela. Outros agraciados da nosa vila foron Tito Lago Rodríguez, de Saxamonde, cun transistor, e María Mercedes Sobrino Pérez, cun lote de botellas Osborne.

En setembro de 1967 o sorteo mensual “Caja de Ahorros de Vigo” de 250.000 pesetas recaeu no matrimonio redondelán formado por Raimundo Couñago Couñago e Amparo González González. Tres anos despois esta caixa sorteou un piso entre os seus clientes, sendo o afortunado gañador o garda municipal Jaime Pérez Figueroa, con domicilio en Cesantes.

O establecemento Confecciones Terramar fixo entrega en xaneiro de 1968, dun Seat 600 ao gañador do seu sorteo Domingo García Macías, de 21 anos e coñecido ciclista, veciño de Cidadelle (Chapela).

 

 

BIBLIOGRAFÍA

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Galiciana => Varios xornais

Aportacións: Vicente

Laura e Betty durante a súa participación en ¡Levántate! Foto: Tele 5.
Laura e Betty durante a súa participación en ¡Levántate! Foto: Tele 5.

Concursos Musicais

            Nos derradeiros anos na televisión abundan os concursos musicais, nos que ás veces participan talentos musicais de Redondela. Isto provoca expectación na nosa vila e durante a emisión dos programas convértese en tema de conversa habitual nas rúas e, agora tamén, nas redes.  Pero a cousa ben de lonxe.

            En febreiro de 1948, Virgilio González, solista de acordeón, participou no concurso “La Fiesta de l Radio, oganizado por Radio Pontevedra. Interpretaría dous temas de Reveriano Soutullo  o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”.

            Cara a 1978 ou 1979 o grupos de voces e guitarras Vento do Norte, que interpretaba versións da música folklórica, participou no concurso da TVE, Gente Joven.  (Ver Música > Anos 70)

            Pasando os anos, irrumpen os canais privados na televisión e comezan a triunfar este tipo de programas. Nun concurso de imitación de cantantes famosos, Seve Fervenza e a súa esposa cantan temas de Amistades Peligrosas. O formato do programa, grabado cada quince días, e o avanzado estado de xestación dela impiden o seu paso á final, o que enfadou moito a Alaska, membro do xurado que tiña predilección pola parella.

            No pioneiro dos concursos infantís, Veo veo, presentado por Teresa Rabal, foi gañado por un membro da Orquestra de Saxos de Redondela, quen abraiou co seu dominio de varios tipos deste instrumento.

            A gran revolución deste tipo de concursos veu da man de Operación Triunfo, do que saíron artistas como Bisbal, Chenoa, Bustamante, Soraya... Aquí participou Miriam, que si ben naceu en Vigo, a súa familia paterna é de Redondela.

            Unha nova participación infantil sería a de Laura, nun concurso presentado por Pilar Rubio. A falta de audiencia provocaría que Tele 5 decidira cancelar a emisión cando a nosa representante era unha das favoritas, destacando pola súa calidade cantanto clásicos do Soul. A principios de 2015, Laura voltou a participar nun concurso de Tele 5, ¡Levántate!, desta volta acompañada da súa nai, Betty. O seu bo facer no esceario levounas a quedarse as portas de entrares na gran final.

           

Foto: El pueblo gallego
Foto: El pueblo gallego

Concurso de debuxo.

Durante o segundo semestre do ano 1933, o xornal vigués El Pueblo Gallego organizou mensualmente un concurso infantil de debuxo. Nas bases establecíase que os debuxos debían ser feitos con tinta china, publicaríanse os de maioor calidade, entre os cales os dous mellores serían premiados con dez pesetas cada un, publicándose a foto dos autores e a dos catro ou cinco seguintes.

Nenos de toda Galiza enviaron os seus debuxos, moitos dos cales serían publicados, deixándonos un testimonio do estilo e calidade dos xóvenes debuxantes daquel tempo, pero tamén dos seus gustos e as súas inquietudes. Recrean esceas próximas a eles como as agrícolas, gandeiras ou mariñas, pero tamén de festas e de títeres, ou ao porteiro de futbol Ricardo Zamora, a Micky Mouse...

Entre os participantes aparece José Molinos, de Redondela, e varios nenos de Chapela: Ángel Lago Senlle, Fernando Villar Pena, Carlos Villar Pena, Julio Villamarín Iglesias, Antonio Arosa Rodal, José Rey Palacios e Emilio Costa González. De todos eles sería Julio Villamarín o que acadaría un dos premios, aparecendo a súa foto no xornal.


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana> El Pueblo Gallego

 

Sorteos e concursos infantís.

No 5º concurso Profiden (campaña de hixiene dental), septembro 1955-maio 1956,  a nena Matilde González Iglesias resultou agraciada cunha boneca «LILI» e unha bolsa de productos Profiden.

            Entre os premiados nos concursos organizados con motivo da campaña Pro-Seminario nas escolas de 1965, resultou vencedor do primeiro premio de mozos no acróstico, Ramón Rodríguez Ferreira, de Pousadoura (Chapela). Ao ano seguinte entre os premiados aparece a nena Herminia Otero Pereira, da escola mixta de Cidadelle (Chapela).

No sorteo do concurso escolar “Historias de Manolín” de 1968, unha das gañadoras dunha moneca “Violeta” foi Isabel Docampo Pení, da escola de nenas de Trasmañó; e entre as agraciadas cun exemplar do Novo Testamento estaba María del Carmen Lusquiños López, de O Viso.

En xaneiro de 1975 no sorteo de Reis Magos de El Caserío el queso predilecto de los niños  gañou un lote de xoguetes o neno Jesús Rodríguez de Cesantes.

Entre os 120 niños de toda España que, en abril de 1989, foron seleccionados para pasar 10 días no Campus Deportivo Nocilla, adestrando con Epi e Abascal, atopábase  Diego Cobo Lodeiro de Redondela.

 

BIBLIOGRAFÍA

(19650515 El pueblo gallego)

(19660419 El pueblo gallego)

19750107sorteo-ABC

Texto: J. Migueles

Actualización: 04-10-2016

Escribir comentario

Comentarios: 0