Balonmán

 

Inicios

 

A mediados do século XX a OJE organizou dous equipos de balonmán:

 

San Simón. Na categoría de cadetes. En 1953 xa disputou a fase final do campionato provincial de balonmán A-7 do Frente de Juventudes de Falange. En 1968 venceron no campionato provincial clasificándose para o sector con: Juan, Amil, Castro, Eduardo, José Luis, Lago, Dosi e Argibay.

 

Los Arqueros. Equipo xuvenil, que participaba nos Juegos Nacionales de la OJE, chegando a ser campión provincial en 1967 e quedando 3º no sector con: Victoriano, Orge, Abal, Pichi, Amoedo, Chimino, Paco Reboredo, Juan, Jose Ramón e Miguel Figueroa.

 

Nesta época para fomentar a afección a este deporte no noso concello, xogáronse varios partidos que soían celebrarse no campo de Santa Mariña. Como exemplo, dicir que en xuño de 1959 tivo lugar o Unión Sampaio-Salcedo, pertencente á Copa Pontevedra. En setembro de 1960, con motivo da “I Exposición Móvil de Avance Provincial de 1940 a 1960”, xogaron o Vulcano de Vigo e o Teucro de Pontevedra. En xuño de 1962, voltaron a enfrontarse o Vulcano e o Teucro, na final do “Trofeo Confecciones Carral”.

 

 

 

 

Chapela

 

O equipo de Redondela con mellor palmarés é o S. D. Chapela. Debutou, estreando campo, en 1967 co nome Atlético de Chapela. Para adestrar ao equipo convenceuse a Francisco Domínguez Araújo “Paco”, veciño de Chapela e daquela xogador do Vulcano. No seu primeiro partido venceu ao Semca 11-8, formando: Castro, Paco, Ballesteros, Campos, Cándido, Casal, Senlle, Otero, Veiga, Collazo e Santorio. En 1968 durante a celebración dun torneo relámpago durante a III Semana de la Juventud, o At. Chapela entrega ao párroco Juan Manuel González Blanco e a Alfonso Freijeiro, que abandoa o cargo de tesoreiro, a insignia de ouro do clube e a de prata ao adestrador Francisco Domínguez, pola súa marcha ao servizo militar.

 

En 1969, sendo aínda equipo de Terceira, organizou o I Trofeo Occidente. Ascendeu a Primeira División en 1970 despois de vencer en Liga e Copa. O seu maior éxito foi o ascenso á Liga Asobal conseguido o 28 de abril de 1996, despois de proclamarse campión da División de Honra B. Na seguinte tempada, ademáis do Chapela xogarían na máxima categoría Cangas, Octavio de Vigo e Teucro de Pontevedra. Conseguiu manterse na máxima categoría catro tempadas, chegando a gañarlle ao Barcelona no seu propio campo. A súa mellor tempada sería a 1997-1998 acadando o 7º posto na liga e caíndo eliminados en cuartos de final da Copa do Rei. Tristemente, despois de descender na 1999-2000 a acumulación de débedas levaron ao clube á desaparición. Por sorte, a praza do equipo en Primeira mantívose grazas a cesión a un novo clube o Deportivo Balonmán Chapela.

 

O equipo xuvenil masculino formouse a finais de 1967. En 1970 clasifícase por primeira vez para xogar o sector. Na 1971-72, acadou o Campionato Galego e o 5º posto na fase final do Campeonato Nacional.

 

A sección feminina formouse en 1979. O seu primeiro gran triunfo foi na categoría cadete, campión galego 1993. Ao ano seguinte o equipo de segunda nacional iniciou unha racha de cinco títulos de liga seguidos, pero o ascenso á División de Honra Prata non chegaría ata o ano 2013. Entre as súas xogadoras destacar a Emma Prieto que formou coa selección española en varias ocasións.

 

 

Galería da S. D. Chapela (D.B.)

S. A. R.

 

 

O outro clube da vila é a Sociedade Atlética de Redondela (S.A.R.) que como xa dixemos foi fundado o 6 de agosto de 1963, si ben é certo que o equipo de balonmán non competiría oficialmente ata finais do ano seguinte. En 1968 recibiu a Placa de Plata al Mérito Deportivo. En 1969 ascenden a Primeira Provincial. Despois de 4 anos promocionando por fin en 1981 acadan o ascenso a Primeira Nacional. Na tempada 1997-98 quedou imbatido na Primeira División, promocionando na fase de ascenso á División de Honra B. Na 2007-08, acadou un novo ascenso a Primeira División e gañou a Copa Federación. Recentemente, recibiu un premio como mellor Clube Galego de Balonmán, destacando a súa laboura nas categorías base.

 

 En 1966 organizou a I Liga de Balonmán Infantil con 4 equipos. Na terceira edición competiron 14 equipos locais: Spakos, Lombardos, Hong Kong, Relámpagos, Spakos B, Senadores, Reboreda, 7 Leones, Cesantes, Sajamonde, Hong Kong B, Media Luna, Halcones e Wikingos.

 

En 1967 formouse o equipo feminino, daquela patrocinado por Regojo. As precursoras deste deporte en Redondela foron: María Argentina González, Isabel Jiménez, Marcelina Túnel, Ceferina Saa, Josefa Pérez, María del Carmen Hermida, María del Carmen Hortas, María Rodríguez, María Albina Reboredo e María Hortas González. Entre os logros desta sección esta o primeiro ascenso á 2ª División en 1974 ou a clasificación para o Campionato Nacional xuvenil. No 2015 acadaría o ascenso á División de Prata.

 

Da canteira destacar que chegou a loitar en categoría xuvenil masculina polo Campionato Nacional en 1985. Nesa mesma tempada o equipo do Instituto de Redondela, formado por xogadores da S.A.R., gañou o Campionato de España Escolar xuvenil.

 

Tamén citar neste clube ao adestrador Javier Cordero que en 1985 recibiu a Medalla de Plata al Mérito en Balonmano otorgada pola Federación Española de Balonmano.

 

 

 

Outros datos

 

No vran de 1970 no Torneo de Playas celebrado en Samil (Vigo) participaron At. Chapela, que chegou á final, Tesoro de Rande, semifinalista, e Gonzacoca (Chapela). Os dous primeiros tamén participarían no campionato xuvenil.

 

 

Con motivo da celebración das Olimpiadas en Barcelona en 1992, xogouse un campeonato nacional de seleccións autonómicas de xuvenís, baixo o nome de Objetivo 92. O campionato foi retransmitido por TVE. O equipo que aportou máis xogadores á selección galega, que remataría segunda, foi a SAR: Germán Muíños, Javi Orge, Xorxe Fontela, Daniel Virulegio, Domingo Pérez e Jose Orge.

 

 

Tamén xogou no Objetivo 92, pero en categoría cadete, Chus Guedella, enfrontándose coa selección galega a Asturias e Castela e Leon. Despois sería convocado coa selección española para xogar un torneo en Yugoslavia que se suspendería un par de semanas antes do inicio. Ficharía daquela polo Teucro xuvenil, co que quedou octavo no Campionato de España dous anos consecutivos, coincidindo no segundo co porteiro de Chapela, Oscar Puch. Logo xogaría en maiores co S. D. Chapela.

 

 

A nivel organizativo en 1989 xogáronse, tanto en Redondela como en Chapela, partidos correspondentes ao Campeonato Mundial Júnior. Daquela a selección española estaba composta por xogadores como Barrufet, Masip, Urdangarín ou Barbeito.

 

 

 

Galería da S.A.R.

 

 

 

BALONMÁN. XOGADORES

 

 

 

Balonmán Masculino.

 

Xogadores anos 90

 

 

Amoedo, Francisco (Paquiño): Formado na S.A.R. acadou o ascenso á División de Honra (Asobal) co 3 de Mayo. Tamén xogou nesta categoría co Octavio. Logo regresaría ao 3 de Mayo co que xogaría na División de Honra B e na Primeira División, retirándose con máis de corenta anos .

 

Ballesteros, Oscar: de Chapela. Xogou co SD Chapela en Asobal, fichando logo pola SAR en 1ªA.

Cabaleiro, Pablo: de Chapela. Xogou co SD Chapela en Asobal.

 

 

Fernández Costas, José Luis “Chof” (Chapela): Pivote. Xogou dende os 12 aos 26 anos no SD Chapela, co que competiu dúas tempadas en Asobal. Logo pasaría catro tempadas co Teucro, as dúas últimas en Asobal. No 2001 fichou polo Calvo Xiria, de Carballo, de Primeira División.

 

Xorxe Fontenla
Xorxe Fontenla co Octavio.

Ferreras Fontenla, Xorxe: De a S.A.R. deu o salto á Asobal da man do Teucro e o Octavio (1993-1994).

 

Leo co Octavio 1978-79
Leo co Octavio 1978-79

 

 

Juri, Leonardo "Leo": Pasou da S.A.R. a xogar na Asobal co Octavio e o equipo canario 3 de Mayo, co que acadou o 4º e 5º postos, a Copa do Rei e disputou en dúas tempadas a Copa IHF. Destacar tamén que en 1984 participou no primeiro encontro da selección galega que perdeu fronte a España 36-9.

 

 

 

 

Foto: SAR
Foto: SAR

Lago, Agustín (Tito) (Cesantes): Lateral dereito. Procedente da canteira da S.A.R., debutou co S.D. Chapela na Asobal. Logo tornaría á S.A.R., equipo no que seguiría en activo ata o 2016.

Germán Muíños
Germán Muíños mellor porteiro Copa do Rei 1995.

Muíños Docampo, Germán (Redondela): Porteiro. Seleccionado Nacional B e nas categorías inferiores. Formado na canteira da S.A.R. a súa boa actuación no mencionado campionato Objetivo 92 supuso a súa fichaxe polo desaparecido Caja Madrid (1988-90). Na súa primeira tempada na máxima categoría o equipo acada o terceiro posto na liga e, en Europa, cae eleminado na semifinal da Copa IHF. Logo pasaría ao Teucro (1990-94) e Octavio (1994-1997). Mellor porteiro da Copa do Rei de 1995 da que foi finalista co Octavio. Con este equipo tamén sería 4º na Liga Asobal 1996-97, 5º na 1995-96, semifinalista EHF 1996-97 e semifinalista Copa City. Retirouse en decembro de 1997, cando disputaba a súa novena tempada na Asobal.

 

 

Javi Orge
Javi Orge final Copa do Rei 1995.

 

 

 

Orge, Javi (Redondela): Ademáis de na S.A.R. xogou no Lalín e xa en Asobal co Teucro e Octavio (1994-1997). Co Octavio foi finalista Copa do Rei 1995, 4º na Liga Asobal 1996-97 e 5º en 1995-96; e semifinalista EHF1996-97.

 

 

 

 

Quique Orge
Quique Orge o día da súa retirada.

Orge, Quique (Redondela, 1974): Curmán do anterior. Central nado o 28-12-1974. Pasou de Primeira División, coa S.A.R. (1992-93), á Asobal co Octavio Pilotes Posada (1993-94). Despois pasaría á S.D. Chapela (1994-96) coa que ascendería á Asobal. Xogaría tamén na máxima categoría co Teucro (96-97 e 97-98) e outra vez co Octavio (1998-99). Por motivos laborais ficha polo Xiria de Carballo co que xoga unha tempada en Segunda e as tres seguintes en Primeira. En febreiro do 2003 con tan só 28 anos deixa o balonmán para ir traballar a El Salvador.

 

 

 

Pérez Souto, Domingo "Mingui" (Redondela): Formado na S.A.R., xogou en División de Honra co Teucro e co Lalín na División de Prata.

 

 

Pérez Souto, Rodrigo "Rodri" (Redondela, 1970): Irmán do anterior. Toda a súa carreira deportiva na S.A.R. Xogou na Selección Española Junior.

 

 

Galería de xogadores de Redondela no Octavio (Vigo). Fotos da Páxina Oficial do Octavio.

 

S. XXI

 

Pablo Docampo Foto www.eurohandball

Docampo, Pablo (Redondela, 17-5-1985): Nas tempadas 2007-08 e 2008-09 disputou a Challenge Cup co University of Manchester.

 

Foto: Atlántico Diario
Foto: Atlántico Diario

Gómez García, Rubén: Do D. B. Chapela, chegou a xogar coa Selección Galega no 2013 e 2017.

Eloy Krook Foto Web Frigorificos Morrazo
Eloy Krook Foto Web Frigorificos Morrazo

Krook, Eloy (Saxamonde): Lateral. Formado na canteira da S. A.R. Con 19 anos fichou polo Frigoríficos Morrazo, para a tempada 2011-2012, na que o equipo acadou o ascenso á Asobal.

 

Roberto Sánchez Bicho Foto: José Lores-Faro de Vigo
Roberto Sánchez Bicho Foto: José Lores-Faro de Vigo

 

 

Sánchez Figueroa, Roberto “Bicho” (Chapela, 1990): Extremo esquerdo. Entrou a formar parte do S. D. Chapela con seis anos. Alí se formou pasando ao primeiro equipo cando aínda era xuvenil. En maio de 2013 fichou polo equipo da Asobal, Villa de Aranda, co que continúa xogando na 2016-2017 exercendo como capitán.

 

 

 

 

 

 

Balonmán Feminino

 

As precursoras

 

 

 

As primeiras xogadoras en disputar a División de Honra serían as canteiranas da SAR, Josefa Cayetano Montero e Toñi Carballeira, que ficharían polo Citröen, de Vigo.

 

 

 

 

 

S. XXI

 

 

 

Amoedo Cabaleiro, Bibiana “Bibi” (A Portela-Cedeira): Xogadora procedente das categorías base da SAR, equipo no que xogaba como lateral. Fichou polo C. B. Porriño que militaba na División de Prata pasando a ocupar a demarcación de pivote. Con este clube acadou o ascenso á máxima categoría, na que xogou varias tempadas. En decembro do 2012 deixa este equipo para continuar os seus estudos no estranxeiro. Formou parte da Selección Galega sénior.

 

Guardés, 2014. Facebook Santiago Baz Lomba
Guardés, 2014. Facebook Santiago Baz Lomba

 

Abad Alonso, Carla (Redondela): Central da S.A.R. Pasou a xogar a División de Honra co At. Guardés, trocando a súa posición no campo pola de extremo dereito. No 2013 fichou polo D. B. Chapela co que acadou o ascenso a División de Honra B. No 2015 pasa ao Magope Seis do Nadal. Xogou nas categorías inferiores da Selección Galega e varias veces na sénior no "Cuatro Naciones".

 

 

Araujo Otero, Alba Elvira (A Portela-Cedeira, 1987): Porteira formada na canteira da S.A.R., fichou polo equipo xuvenil do C. B. Porriño, pasando logo ao senior co que xogaría na división de Honra. No 2008 marcha a Asturias, xogando co Universidad de Oviedo. Pouco despois voltaría ao C. B. Porriño. Na 2014-2015 defende a portería da S.A.R., coa que acada o ascenso a División de Honra B. Formou parte da Selección Galega sénior, coa que venceu no Torneo de Nacións Territoriais 2012, sendo elexida mellor porteira.

 

Guardés 2016. Foto: Faro de Vigo
Guardés 2016. Foto: Faro de Vigo

 

Fervenza Rodríguez, Xeila (Redondela, 1993): Extremo. Formada na S. A. R., onde destacou na división de Prata marcando 131 goles en 19 partidos na tempada 2015-2016. Grazas a tan bo promedio foi fichada polo Mecalia Guardés, clasificado para competicións europeas, e co que na súa primeira tempada gañaría a Liga 2016-17. Na I Gala do Deporte celebrada en Redondela, 2016, foi premiada como mellor deportista. Selección Galega senior coa que venceu no Cuatro Naciones no 2016.

 

 

 

Loureiro Iglesias, Sandra (Chapela): Xogou na División de Honra co C. B. Porriño, voltando despois ao D. B. Chapela, equipo no que se iniciou neste deporte. Ten formado coa Selección Galega Senior.

 

 

Eva Piñeiro coa SAR

 

 

Piñeiro, Eva (Redondela, 1972): Porteira. Formóuse na canteira da S.A.R. Deste equipo pasou a mediados dos 90 ao C. B. Porriño, daquela na división de Prata, sendo convocada pola Selección Galega sénior. Logo emigrou a Holanda recalando no PSV Eindhoven co que xogaría na División de Honra, ata a súa retirada no 2015 con 43 anos.

 

 

Foto: C.B.Porriño, 2015-16
Foto: C.B.Porriño, 2015-16

 

Prieto Miranda, Emma (Chapela, 1979): Extremo-Lateral dereita. Do D. B. Chapela. Pasou polo Citröen e xogou en División de Honra co C. B. Porriño, voltando logo ao D. B. Chapela. No 2015, a piques de cumprir os 36 anos é fichada novamente polo C. B. Porriño para voltar á máxima categoría. Foi convocada en varias ocasións tanto pola Selección Española como pola Galega sénior.

 

 

 

Foto: Atlántico diario, 2016
Foto: Atlántico diario, 2016

 

Rivas, Carla. (Redondela): Lateral Esquerda. Formada na SAR, foi fichada polo C. B. Porriño cando aínda era xuvenil. Neste clube vai collendo máis peso cada ano que pasa, sendo unha peza fundamental na actual (2016-17). Selección Galega sénior.

 

Sío Martínez, Noemí (Chapela, 1977): Central. Entrou con 17 anos no D. B. Chapela procedente do baloncesto. Varias veces campiona da Liga galega e da Copa de Galicia. Selección Galega sénior.

 

 

          Outras xogadoras convocadas pola Selección Galega serían: Pamela Arca, do Chapela; e Sara González e María Pexegueiro, pola SAR.

 

          En decembro de 2016 foron convocadas por primeira vez coa Selección Galega Lucía Vázquez e Lara Patiño, xogadoras do equipo da SAR da D. H. Prata.

 

 

Lucía Vázquez e Lara Patiño.Foto: www.sarbalonmano.blogspot.es
Lucía Vázquez e Lara Patiño.Foto: www.sarbalonmano.blogspot.es

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 17-05-2017

 

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.

 

Webs de: D. B. Chapela, Octavio, C.B. Porriño, Teucro, Liga Asobal, Real Federación Española de Balonmano

 

www.sarbalonman.blogspot.es

 

Atlántico Diario

 

www.atlantico.net

 

El Mundo Deportivo (dende 1906)

 

www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

 

La Vanguardia (dende 1881)

 

www.lavanguardia.es/hemeroteca

 

Aportacións: Pablo Muíños, Antía, Ana Figueroa, Andrés Fervenza e Chus Guedella.

 

La Voz de Galicia 12-06-2001.

 

Galiciana > El Pueblo Gallego

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0