Boxeo

Campuzano. Foto: El Mundo Deportivo, 1928
Campuzano. Foto: El Mundo Deportivo, 1928

 

           

O noso boxeador máis destacado foi o peso medio, César Campuzano, de nome completo Teodoro César Campuzano Sanz. Apesares de que na Federación Española de Boxeo figura como nado en Redondela cara a 1907 (outras fontes establecen o ano 1905), en visita realizada ao rexistro da nosa vila non atopei o certificado de nacemento. A isto hai que engadir que nun xornal da época afírmase que naceu en Pontevedra. De tódolos xeitos o que si é certo e que a prensa o consideraba como un boxeador de Redondela. Aquí se criou e aquí rexentaba un cine o seu pai Nicolás Campuzano. Os seus combates eran seguidos polo público redondelán e, en menor medida, polo de O Porriño, onde se estableceu o seu irmán Arturo.

 

Con once anos, en 1918, emigrou coa súa nai a Arxentina, onde se adicou a actividades comerciais e tamén practicou o rugby e o remo. O combate entre Dempsey e Carpentier espertoulle a súa afección polo boxeo iniciándose na súa práctica no C. D. Barracas. En 57 combates tan só sofreu sete derrotas aos puntos, unha delas ante Méndez, campión arxentino e finalista nas Olimpiadas de París de 1924. Tamén destaca desta época o seu match nulo ante o uruguaio Gómez Campión Panamericano.

 

 

 

 

          A imposibilidade de pelexar coa seleción arxentina provocou a súa volta a España en 1928. Baixo as ordes da Federación Española presentouse o 9 de xuño nun combate de exhibición durante os Campionatos de Cataluña, loitando co tamén retornado Dionisio Fernández, nado en Zamora. Precisamente este boxeador salvaríalle a vida uns días despois cando se foron a bañar no mar ao saír do adestramento. As olas impedíanlle a César voltar a subir as rochas, sendo golpeado contra elas, ata que Dionisio conseguiu sacalo da auga. O propio Campuzano co seu acento arxentino explicaba nos xornais da época o sucedido:-“Primero sentía el percanse por el agua que tragaba. ¡Che! Pensaba que iba a subir otra vez de peso. Pero, ¡que farra!, luego no me quedaba ya tiempo sino para pensar en mis viejos”.

 

Ese mesmo ano acadou o Campionato de España Amateur de peso medio (75 Kg.), o que lle valeu a súa clasificación para as Olimpiadas de Amberes 1928. Nesta competición non pasou a primeira eliminatoria, perdendo co estadounidense H. H. Henderson. Nun xornal da época no que se analiza a derrota dos boxeadores españois, a victoria do americano achácase a unha decisión arbitral considerada unha “incalificable usurpación”. Tralas olimpiadas debutou como profesional en Vigo o 4 de outubro de 1928, nunha velada a prol da Asociación de Prensa. Enfrontouse daquela a Recio, campión de Andalucía e Levante ao que venceu cun rotundo K. O.

 

En 1929 o campión de España en peso medio foi penalizado con seis meses de suspensión e a perda do título que se poría en xogo. Entre os aspirantes ao campionato resultaron finalistas Campuzano e o catalán Lorenzo. Gañaría este último aos puntos no combate definitivo celebrado en Valencia o 31 de maio de 1930. Esta loita fora retrasada por enfermidade de Campuzano, quen solicitou a revancha por non poder prepararse en condicións, mais nunca voltou a pelexar polo título. Ese mesmo ano vence a Frías, campión de Cuba.

 

O único combate deste boxeador en Redondela do que hai constancia foi en marzo de 1930, na primeira sesión puxilística organizada na vila. Celebrouse no Círculo Mercantil de Redondela a prol das familias dos mariñeiros falecidos nunha tráxica xornada na que naufragaron un barco de Redondela e catro de Bouzas, loitando o redondelán César Campuzano Sanz e Edelmiro Morales “Cañoto” (Vigo, Campión de España 1930). A velada completábase coa loita de catro afeccionados locais, 5 combates de boxeadores amateurs e a exhibición ximnástica de tres xóvenes vigueses.

 

En setembro de 1930 Campuzano anuncia dende Zamora, onde se atopa aumentando o seu palmarés, que en novembro partirá cara a Buenos Aires, onde foi contratado para unha serie de combates. Estableceríase de Arxentina, onde despois de deixar o boxeo fundaría a peña Amigos del Box, coa que a mediados dos 50 se reunía cada mes para homenaxear aos antigos boxeadores.

 

 

 

 

Outros boxeadores.

 

Entre os amateurs que participaron na velada en Redondela que vimos anteriormente atopábase tamen o redondelán González que sería derrotado aos puntos por Varela.

 

 

 

Outro boxeador daqueles anos sería Eugenio Garrido Iglesias “La Ciencia del Ring”, veciño de Saxamonde. En setembro 1930 é declarado nulo o seu enfrontamento na Coruña con Cabaco, boxeador de Gondomar. Tan só un mes despois é sustituido no programa dunha velada boxeística por comunicar os seus familiares que levaba tres días desaparecido. Sería o inicio dunha caída que remataría coa súa detención en novembro de 1932 por agredir a un taxista e cometer varios roubos.

 

 

 

En 1941 comeza a competir Amador Costas, de Chapela, considerado daquela como un “welter de pegada fácil” e que con tan só dous combates xa tiña ofertas para ir boxear á Coruña. En 1944 despertaron moito interés os seus combates co ourensán King Kong.

 

 

 

Outro destacado era Francisco González Sánchez (Paco Piriquito), campión militar de natación e boxeo, que en 1958 enfrentouse varias veces a Jesús Martínez, de Pontevedra. Outros dos seus opoñentes serían Valentín ou Maquieira. Tamén boxeaban naqueles anos Fontán, de Redondela; e Pozas”, de Cabeiro.

 

 

 

Nas festas da Coca de 1952 houbera unha velada de boxeo no cine Fantasio (daquela cine Figueiral) que tiña como derradeiro combate o de “Raspeli e Rosini”, que non eran outros que os redondeláns Raspelo e o fillo da Rosina. Como os dous eran amigos, puxéronse de acordo para amañar o combate e gañar os cartos sen mancarse. Pero nada mais comezar, a un deles se lle escapou a man golpeando fortemente ó outro, que enfadado devolveu o puñazo. A cousa foise quentando e ao rematar, os dous recibirán cadansúa morea de golpes.

 

Voltou a celebrarse unha velada boxeística nas festas da Coca de 1971, nun programa que incluía loita grecorromana: “Welter: González-Cañoto (Vigo). Gallos: Rebollo (orensano)-Bernárdez (Vigo). Super-welters: Martínez Leal (Coruña)-Silva (campeón galaico-astur). Super-ligeros: Jaime (gran noqueador)-Carrera (finalista campeonato de España). Plumas: Vieitez (orensano)-Campos (campeón galaico-astur). Combate de Fondo (ligeros): Puialto (campeón gallego)-Zamora (subcampeón de España).”

 

 

 

S. XXI

Judith Barbosa
Judith Barbosa. Foto: La Voz de Galicia

 

 

No 2006 se disputaron combates no Pavillón de Redondela coa participación de boxeadores da vila. Entre eles destacar a Judith Barbosa Sotelo (Cesantes 1988) que no 2005 e con tan só 17 anos acadou o Campionato de España (daquela oficioso). No 2011 revalidou o título e pasou a formar parte do equipo preolímpico español que por desgraza non se clasificou para as primeiras Olimpiadas con boxeo femenino. Actualmente entrena no centro de alto rendimento de Murcia.

 

Autor: Juan Migueles

Actualizado: 12-05-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

 

Aportacións: Alberto Campuzano Canle e Manuel Migueles

 

Mundo Deportivo

 

ABC

 

Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche, La Región

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0