Ciclismo

 

Finais S. XIX: Os inicios.

 

A primeira referencia á bicicleta que atopo é cando, en 1891, o vigués José Curbera Fernández, relata unha excursión en bicicleta na que cruzan por riba do viaduto de Redondela: “Imponía respeto al atravesar por encima de sus planchas”.

 

En 1895, o activo ciclista e dramaturgo, que anos despois acadaría o Premio Nobel, José Echegaray, é invitado polo Centro Ciclista de Vigo. Daquela tiña a súa residencia en Marín de onde saiu en coche acompañado por varios ciclistas. En Redondela engadíronse moitos máis que o escoltaron ata Vigo.

 

En febreiro de 1896, celébrase unha carreira entre Vigo e Pontevedra, participando: Curbera, Del Río, Cantalapiedra e Solá. Vencería Curbera cun tempo de 1 hora e 19 minutos, avantaxando en dez minutos aos demáis participantes.

 

O domingo 29 de maio de 1898, vinteséis ciclistas do Centro Ciclista de Vigo fan unha excursión a Redondela onde se fixeron fotografías nun restaurante. Encabezaba a comitiva o seu presidente, o notario Eugenio Domínguez, e pechaba o grupo o vicepresidente, José Curbera.

 

 

 

 

Principios do S. XX: Primeiras competicións.

 

Nas Festas da Coca de 1909 organízase unha carreira de cintas, modalidade moi de moda naquela época. Nas de 1912 celébranse probas de velocidade, resistencia, obstáculos e negativa.

 

Un pouco antes, en setembro de 1910, varios ciclistas redondeláns participan en Pontevedra nunhas carreiras organizadas polo xornal El Progreso, da citada vila, na que estaban inscritos máis de 60 corredores. En agosto do seguinte ano, varios redondeláns voltan a competir en Pontevedra onde, con motivo das festas, celébranse probas de velocidade, resistencia e obstáculos. Nesta última vence Manuel Leirós, de Redondela, que será premiado con cincuenta pesetas e unha medalla.

 

En 1928 celebrouse o I Campionato Galego cun itinerario de 122 km. que comprendía Vigo, Redondela, Porriño, Tui, A Guarda e Vigo. Nestas vilas colocáronse controis realizados polos clubes de futbol, no noso caso o Redondela F. C. Este trazado repetiuse no campionato de 1929, sendo vencedor nas dúas ocasións Manuel Rosales de Marín. En 1930 co percorrido xa habitual gañou Bermúdez.

 

En 1933 os cohetes e a banda de música saúdaba o paso dos participantes da Volta a Pontevedra ao seu paso por Redondela.

 

 

A mediados dos anos 30 organízanse as primeiras probas na nosa vila:

 

 

 

Volta a Chapela.

 

O 17 de setembro de 1933 celébrase a I Volta a Chapela, co percorrido Chapela-Vigo-Lavadores-Porriño-Redondela-Chapela. As bases da proba establecen que só poden participar menores de 20 anos e que a liña de saída e meta estará ubicada diante do salón-baile La Luz del Día. Os premios foron entregados o día 18 en dito salón por Miss Salón La Luz del Día, durante un baile no que actuaron tres orquestras. A inscrición pode facerse en Almacenes Los Chicos, Imprenta Roel e Taberna de Fojo, no Calvario, e no Merendeiro El Canario, en Chapela. Como premios establécense primas na baixada dos Valos, unha copa para o vencedor cedida por Bicicletas Honor e varios obxetos para os primeiros de Chapela. O primeiro en chegar á meta sería Manuel Rodríguez, de Porriño, quedando 2º Ramón Covelo, 3º Fernando Covelo e 11º Edelmiro Pérez, todos de Chapela.

 

O 10 de xuño de 1934 ten lugar a II Volta Ciclista a Chapela, sen límite de idade. O percorrido de 96 km. sería Chapela-Pontevedra-Marín-Cangas-Vilaboa-Redondela-Chapela. A inscrición custaba 2'5 pesetas e podía facerse no bar La Cepa, de Vigo, na zapatería de Justo López, no Calvario, e na casa El Canario, de Chapela. Entre os premios ademáis de copas había todo tipo de obxetos cedidos por establecementos comerciais e afeccionados: reloxos, neumáticos, unha bufanda, unha camiseta, dúas estilográficas, un frasco de loción, unha pitilleira... O vencedor sería Manuel Parente, de Lavadores, seguido polo famoso Delio Rodríguez, de Ponteareas. O primeiro dos nosos sería Ramón Covelo no sétimo lugar.

 

 

 

 

Volta a Rande.

 

O 9 de setembro de 1934 celébrase a I Volta a Rande. Entre os premios destacan unha copa de prata cedida por afeccionados de Redondela e unha cantidade en metálico acadada grazas a unha subscrición aberta na vila. Cóntase ademáis, con varias medallas, unha caixa de sidra, unha caixa de licores, un reloxo despertador, unha pitilleira, unha pluma estilográfica... Para o primeiro corredor de Rande unha estatua da Virxe de Luján, cedida por don Antonio Amil, e unha prima de 15 pesetas. As inscricións realizáronse fronte á empresa Vidriera Gallega, en Rande, e na Casa Areal, en Vigo. O percorrido sería Rande-Vigo-Porriño-Redondela-Rande. Non puiden atopar noticias da clasificación final da proba.

 

Poucos días antes do inicio da Guerra Civil, o 5 de xullo de 1936, celébrase a II Volta a Rande, para corredores non federados. Entre os participantes había equipos de Rande, Chapela e Redondela. Os ciclistas de Chapela Fernando e Ramón Covelo cederon dúas copas de prata. Resultou vencedor Manuel Cruces, de Santiago.

 

 

 

Nesta época tamén se colabora con outras probas como dan conta as seguintes noticias: En xuño de 1934, para unha proba en Angoares (Ponteareas), establécese como prima para o paso por Redondela unha copa cedida por uns afeccionados da vila. A finais dese mes o baile La Luz del Día, cede para a II Volta do Calvario, co trazado Calvario-Redondela-Porriño-Calvario, dúas botellas de coñac para o primeiro ciclista de Chapela que pase por alí, ademáis un grupo de mozas lanzará frores ao paso dos ciclistas. En xullo celébrase unha carreira infantil co trazado Vigo-Redondela-Vigo.

 

Con motivo do primeiro de maio, en 1935 celébranse as primeiras probas ciclistas das que teño constancia no casco urbán de Redondela. Na chegada á meta, un ciclista sufriu unha caída. O coche que viña tras el ao tentar evitalo lánzase contra o público atropelando a varios espectadores, co resultado dun ferido grave e varios leves.

 

 

 

 

A continuación engado a información recopilada de ciclistas desta época naturais de Redondela.

 

Covelo, Fernando (Chapela). 1933: 6º na I Volta ao Calvario, 3º na I Volta a Chapela,

 

Covelo, Ramón (Chapela). Irmán do anterior. 1933: 7º na I Volta ao Calvario, 2º na I Volta a Chapela. 1934: 4º na II Volta ao Calvario, 7º na II Volta a Chapela. En xuño tamén participa na Volta a Ponteareas, non aparecendo entre os cinco primeiros clasificados. 1935: 2º na Vigo-Porriño-Pontevedra-Vigo co mesmo tempo que o vencedor Bernardo Longa 3h 1min 30s para 60 km apesares de ter tres averías. Probablemente refírese a el a noticia de xullo de 1935, que da conta do atropelo en Chapela por un camión de Ramón Covelo Durán, de 20 anos, que ía en bicicleta, causándolle lesións na cara e danos por valor de 450 pesetas.

 

Moreira del Río, Julián (Redondela). 1934: 6º na II Volta ao Calvario. Participou na II Volta a Chapela e na Volta a Ponteareas.

 

Pérez, Edelmiro (Chapela). 1933: 11º na I Volta a Chapela.

 

Pío Cabaleiro, José (Chapela). 1934: Participa na Traviesas-Baiona-Traviesas. 1935: 5º na Vigo-Porriño-Pontevedra-Vigo, 5º na Volta á Garda. Participa no Campionato Galego de Fondo. A partir de aquí atopamos a este corredor en probas de atletismo como puidemos ver no apartado correspondente.

 

Rubín, Santiago. Corredor pertencente ao equipo Velo Club Vigués do que tan só atopo datos en 1935: No Gran Premio de Corpus (Vigo-Ourense-Vigo) gañou a prima de Ourense, retirándose despois ao sufrir unha caída baixando Fontefría. Tamén abandoa, desta volta por problemas físicos, na Gran Carreira do Apóstolo (Vigo-Santiago), non sen antes comandar o pelotón ao seu paso por Redondela. Tampouco finalizou o I Gran Premio de Galicia (Coruña-Vigo-Coruña, 320km.), no que se retirou por mor dun golpe ao atropelar a un neno. Seguiu a mala sorte na II Volta a Galicia, na que abandoou por caída. Ademáis participou no Campionato Galego de Fondo.

 

 

Guerra Civil

 

Ao quedar Galicia lonxe da fronte de combate, aos poucos meses de iniciada a contenda retómase a celebración de competicións rexionais. En setembro de 1938 o Celta organiza a proba Vigo-Porriño-Redondela-Vigo, na que de 42 participantes, clasifícase 5º o redondelán, José Estévez Rodríguez, gañando copa e 10 pesetas. Os dous primeiros serían José e Pastor, irmáns de Delio Rodríguez.

 

 

 

 

Posguerra

 

Trala Guerra Civil xurden novas carreiras que atravesan Redondela como as organizadas pola Sociedad Ciclista de Vigo ou Educación y Descanso e, posteriormente, comeza a celebrarse a Volta ao Morrazo.

 

En maio de 1940 celébranse en Redondela unha probas infantís organizadas por Argentino Rubín e que consisten en varias voltas ao campo de Petán.

 

En 1941 volta a organizarse o Campionato Galego de Afeccionados, que pasa pola nosa vila.

 

En 1944 celébranse probas ciclistas durante as festas da Coca.

 

No G. P. de Navidad de 1949, con percorrido Vigo-Bouzas-Porriño-Vigo, o redondelán Rivera acada o 8º posto, apesares de chegar tarde e participar con vestiario improvisado.

 

En 1960 Ducho Vidal vence nunha proba ciclista en Balaídos.

 

 

 

Anos 60: A Sociedade Atlética de Redondela

 

O primeiro equipo ciclista redondelán do que teño constancia foi o de ciclismo e ciclocross afeccionado S.A.R. Debutou en setembro de 1964 con vitoria nunha proba en Porriño. En 1965 organizou o I Trofeo S.A.R. e o Campionato Galego de Fondo de Afeccionados (colaborando o Club Ciclista Vigués) e, no 66, o Campionato Provincial, estás dúas en categorías de ciclocross afecceonado e xuvenil. Entre os seus compoñentes contaba con: Horacio Barros (natural de Porriño, campión provincial de fondo afeccionado; e provincial e galego de Ciclo Cross en varias ocasións, grazas á SAR logra participar en varias probass en Guipúzcoa), Alfonso Barcelo (de Porriño, 2º no Cto. Galego de ciclocross de 1966), Cándido Lago (de Redondela, 5º no Cto. Galego de ciclocross de 1966), Fermín Bouzón Couñago (de Redondela, en 1969 formou parte da selección galega no Campeonato de España de Montaña para aficionados, anteriormente xa gañara varias probas como xuvenil), Juan Rafael Rodríguez (de Porriño), Domingo García (de Chapela, Campión Galego xuvenil), José María Longueira, Raúl Fernández, Eladio Díaz, Eduardo Parada, Alejandro Casal Castro, Manuel Pérez...

 

 

 

 

 

Dos de Redondela podemos destacar a:

 

Domingo García Macías: Sprinter natural de Chapela. En 1964 comezou a destacarse como xuvenil gañando varias probas co BH. En outubro debuta no recén creado equipo da SAR proclamándose Campión Galego pouco despois. No 65 corría co equipo afeccionado Fagor e coa selección galega. No 66 pasa ao Peugeot e gaña a Volta ao Morrazo. No 67 vence en: Torneo Circuito Urbano (Santiago), Premio Pascua (Pontevedra), Premio de Marín ou a Volta ao Morrazo. No 68 triunfa na Volta ás Rías Baixas e o Circuíto de Lalín. En 1969, contando daquela 22 anos, proclámase Campión Galego Afeccionado e despois de vencer no Trofeo Circuíto da Alameda (Pontevedra) marcha a competir como independente en probas de fóra de Galicia nun intento por pasar a profesionais. Formou parte en numerosas ocasión da selección galega tanto xuvenil como de afeccionados.

 

 

Outros

 

Outro ciclista desta época sería:

 

Juan Rodríguez Alonso: Este redondelán quedaría 5º nunha proba celebrada en Pontevedra en 1965 e na que venceu o xa citado José Angueira.

 

 

Finais do S. XX

 

Pescanova Chapela

 

Anos despois formariase o equipo ciclista afecceonado, Pescanova Chapela, do que sairían varios ciclistas que darían o salto á categoría profesional, entre eles tres de Chapela como veremos máis adiante. Probablemente o primeiro destes ciclistas sería Jose Manuel Uría, que en 1991 foi fichado polo Clas-Cajastur. O Pescanova sería un dos tres equipos afeccionados que participaron na Volta Galega de 1987 xunto a nove profesionais españois e dous portugueses.

 

 

 

 

Outros clubes

 

Nos anos 80-90 na categoría cicloturista tamen contabamos co clube Redociclo.

 

 

 

 

Redondela nas grandes voltas.

 

A proximidade con Vigo impide a organización de saídas e metas en grandes voltas, pero do mesmo xeito, provoca que sexa un lugar de paso habitual da Vuelta a España e da Volta a Galicia. Como curiosidade dicir que en varias ocasións Redondela formou parte do itinerario da Volta a Portugal. En 1967 pasa dúas veces a Carrera Ciclista Preolímpica, cos seleccionados para as Olimpiadas de México co itinerario Pontevedra-Porriño-Tui-Vigo-Pontevedra.

 

En 1980 traballadores da empresa Telanosa paralizan a Vuelta a España, lanzando chinchetas e provocando numerosos pinchazos.

 

Ao ano seguinte celébrase o Campeonato de España de Fondo no circuito Vigo-Porriño-Redondela-Vigo, no que venceu Francisco Caro e co porriñés Blanco Villar como gran animador.

 

 

A nivel organizativo o máis destacado foi en 1988 a saída da 5ª e derradeira etapa Redondela-Vigo da Volta a Galicia na que venceu Acacio da Silva. A xeral sería para Marino Lejarreta seguido por Álvaro Pino e, un aínda descoñecido, Miguel Indurain, mais aquel día o autógrafo máis cobizado era o de Pedro Delgado. Outra etapa con saída dende Redondela, sería para Luc Leblanc en 1994, quen declarou que gañara grazas aos chocos que comera na nosa vila. Lideraba daquela a clasificación Laudelino Cubino.

Outros premios: En 1954, un sprint da Vuelta Ciclista a Pontevedra y el Ribero sería para o mítico Miguel Poblet. En 1984 Jose María Caroz do equipo Dormilón, se adxudicou unha meta voante da Vuelta a España. En 1987 un sprint especial nesta mesma volta sería gañado por Antonio Esparza.

 

 

Actualidade

 

No 2008 un grupo de xóvenes redondeláns comezou a construcción dun circuito de BMX nos montes de Cedeira. Contáronme que un destes mozos xa acadara un Campionato de España pero non puiden confirmar este punto.

 

Nos derradeiros anos vense organizando a Marcha B.T.T. La Luciérnaga. A afeción pola bicicleta de montaña fai que nazan clubes de afecccionados como Pa Casa.

 

No 2013 nace un equipo que compite na Élite-Sub23 o Racing Ciclyng Team GD, proxecto no que está involucrado o ex-profesional Enrique Salgueiro. Este equipo ten competido en probas africanas e asiáticas.

 

http://elmundodemibici.blogspot.com.es/

 

Tamén no 2013 créase en Chapela a Escola de Ciclismo de Redondela dirixida polo ex-ciclista, Marcos Serrano. Na Gala do Ciclismo Galego 2016 foron premiados tres dos seus corredores: Carla Fernández Torres, en categoría cadete gañadora do Rankin de Ciclocross; Íñigo Rodriguez Beltrán, gañador do Rankin e do Open Galego de Ruta en categoría Cadete; e Claudia Portela Rodríguez, gañadora do Rankin BTT-XCO en Junior.

 

http://escolaciclismoredondela.blogspot.com.es/

 

 

CICLISTAS

Os ciclistas do noso Concello que chegaron ao profesionalismo foron:

 

 Marcos Antonio Serrano Rodríguez (Chapela 8-9-1972). Deu o salto a profesionais en 1993 co equipo Kelme. Axiña se destacaría coma un gregario de luxo e un gran escalador. Pasou polas filas do ONCE-Eroski, Liberty Seguros e Karpin Galicia. Retirouse en febreiro do 2008.

 

No seu palmarés figuran unha etapa no Tour de Francia (2005), e a victoria na Milán-Turín (2004), a Volta a Galicia (1999) e a Volta a Castela e León (2001). Chegou a quedar décimo tanto no Tour de Francia como na Volta a España, algo moi meritorio se temos en conta que a única vez que correu como xefe de filas nunha gran volta, tivo a desgraza de ter que retirarse por mor dunha caída.

 

Como xa citamos, unha vez retirado involucrouse na creación da Escola de Ciclismo de Redondela e dende o 2015 exerce como máximo responsable deportivo do CC Rías Baixas.

 

 

Marcos tras gañar a 18ª etapa do Tour 2005
Marcos tras gañar a 18ª etapa do Tour 2005
Enrique Salgueiro
Enrique Salgueiro

 

Enrique Salgueiro Alonso (Chapela 2-05-1981). Debutou en profesionais no 2003 co equipo Beppi-Pepolim (Portugal). No 2005 pasaría ó español Spiuk Semar e no 2007 ó Karpin-Galicia. No 2008 voltou ó Extremadura-Spiuk que pouco despois sería descendido a categoría amateur. Despois de pasar polo Seguros La Estrella de Vigo, no 2012 regresa a profesionais co equipo portugués La Aluminios Antarte. No 2013 pasa a disputar a categoría Élite fichando polo Rías Baixas. Pouco despois embárcase na aventura do xa citado equipo redondelán Racing Ciclyng Team GD. No 2015 é cedido ao Rías Baixas como reforzo para disputar á Volta a Lleida.

 

No seu palmarés como profesional conta cunha etapa e xeneral da Volta a León e con outra etapa e xeneral na francesa Volta aos Pirineos. No 2009 como amateur liderou de principio a fin a Volta a Galicia.

 

 

David Abal
David Abal. Foto: xacobeogalicia.org

 

 

David Abal Diego (Chapela 25-08-1986). Campión galego de BTT, campión de España de Ciclocross no 2002 e campión galego de fondo e contrarreloxo no 2005 e 2006. Correu como profesional no Karpin-Galicia as tempadas 2007 e 2008, esta última co nome Xacobeo Galicia. Nas tempadas 2009 e 2010 formou parte do equipo amateur Cueva el Soplao.

 

Actualmente é entrenador no equipo Escola de Ciclismo Redondela.

 

 

 

 

Samuel Blanco (Chapela, 3-6-1994). Iniciouse con 16 anos no Club Ciclista Vigués, pasando logo ao Supermercados Froiz e ao Rías Baixas. Con este último, no 2016 proclamouse Subcampión Sub23 no Campionato Galego contrarreloxo e gañador da Volta a Galicia. En decembro dese mesmo ano da o salto ao profesionalismo fichando polo equipo portugués LA Aluminios Metalusa.

 

 

 

 

Outros xóvenes valores serían Adrián Abelleira Bastos ou David Pérez.

 

Entre os veteráns podemos citar a Francisco Barciela, de Cedeira, que no 2012 se proclamou campión galego de fondo en categoría Master 40; e a Paco Araújo, quen aos seus 65 anos completou a proba de BTT Cuatro Picos en once horas.

 

BMX

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 15-05-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.

 

120 años de ciclismo galego‎. Xerardo González Martín 2007.

 

El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

 

La Idea

 

Faro de Vigo

 

La Voz de Galicia

 

Atlántico Diario

 

Galipedia

 

www.clubciclistariasbaixas.com

 

www.anosaterra.org

 

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Noticiero de Vigo, La Correspondencia Gallega, Vida Gallega, Eco de Galicia, Diario de Galicia

 

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Los Deportes, Heraldo Deportivo

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0