Futbol: Equipos

 

 

1908-Redondela F. C.

 

O primeiro clube da vila foi o Redondela Foot-ball Club, fundado en xaneiro de 1908, constaba de dous equipos e estaba formado por máis de trinta socios. A primeira xunta directiva estaba formada por: presidente, Leonardo Santos; vicepresidente, Lauro Olmo; secretario, Francisco Sánchez; tesoreiro, Camilo Lezón; vocais, Bernardino Míguez, José Rodríguez, Francisco Estévez Sánchez e Inocencio Estévez. Estaba capitaneado por Bernardino Míguez Blanco que meses despois tivo que emigrar a Arxentina, sendo sustituido por Mauro Olmos. O primeiro campo da vila foi construido polos propios xogadores na Xunqueira. Asulagábase en inverno e había árbores no terreo de xogo, o que nos da unha idea do que era o futbol afecceonado naquela época.

 

Pioneiros deste deporte foron: F. Alfaya, F. Cardalda, Bernardo Míguez Blanco, J. Lezón, F. Sánchez, M. Santos, Mauro Olmos, M. Táboas, A. Bernárdez, R. Feijoo e M. Tejo.

 

 

 

1909-Científico Deportivo de Redondela

 

Pouco despois da súa creación o Redondela F. C. converteuse nunha asociación chamada Sociedad Centro Científico-Deportivo. Como clube, en 1909 estaba adherido á Federación Deportiva de Galicia como Científico Deportivo de Redondela. O 6 de xuño dese mesmo ano, organizou o primeiro campionato na vila, no que participaron catro equipos vigueses: Vigo, Athletic, Progreso e Industriosa. A principios de 1910 este clube seguía contando cun segundo equipo. En xullo de 1911 participa na Copa Padrós, na que gañou o segundo equipo do Vigo F. C. ao derrotar ao segundo do R. Fortuna F. C., e vencer na final 2-1 ao Científico Deportivo. En agosto de 1912 organizan a Copa Redondela, para segundos equipos, inscribíndose a Sociedad Gimnástica, de Vigo; Sporting e Victoria, de Pontevedra; o Científico Deportivo, de Redondela; e o Real Club Coruña. Por este equipo pasaron: Edmundo Novoa, Cipriano Prada Yaiza, os irmáns Ocaña, José “Costeiras” Martínez Vidal, Pancho, Reverter, Rodríguez López...

 

En outubro de 1914 o segundo equipo do Científico Deportivo reforzado con xogadores do primeiro vence 4-1 ao C. D. Pontevedra. en partido arbitrado por José Martínez capitán do clube redondelán. Formaron: Adán, Paz, Leirós, Mandado, López, Mandado, Sánchez, Pos, García, Otero e Bujones.

 

 

1919-Sporting Club

 

Ideal F. C.: A primeira referencia que atopo deste clube é o 12 de xullo de 1911 cando, como equipo infantil, xogou un partido contra un clube pontevedrés. Cando menos dende 1914, compite en categoría senior. Era coñecido como o equipo dos obreiros.

 

Fénix F. C.: Clube formado en xaneiro de 1916. O seu nacemento viu provocado porque o Centro Científico Deportivo descoidaba a sección de futbol, polo que os seus compoñentes decidiron desligarse. Nun principio aparece como clube infantil, comezando en 1918 a competir en categoría senior. Era considerado o equipo dos comerciantes. Xogadores de este equipo eran: Tomás, porteiro; Avelino Cal, medio centro; Juanito Rodríguez, interior dereito; e Muíños, dianteiro centro.

 

¿?: Unha noticia de 1917, daba conta de que o Bispo de Tui doara 300 pesetas á Escola Nocturna de Obreiros, para que os alumnos formaran un equipo de futbol e puideran mercar unhas equipaxes, mais ata o de agora non atopei máis referencias.

 

Sporting Club: Nace a mediados de 1919 da fusión do Fénix e o Ideal. Permanecería invicto ata outubro dese ano, ao perder 3-1 co Real Fortuna de Vigo, despois de vencer a equipos como o Alfonso XIII, Español e Suevia. Apesares de tan bos inicios o clube disolveuse en 1921. Neste equipo xogaban Bouzón e Pena. Outros xogadores destes anos serían: Bernardino Míguez Alfaya “Neno”, José Martínez, José e Juan Rodríguez, e Roberto Sánchez, todos dianteiros; e Manolo Rodríguez “Olé”, medio centro.

 

 

 

 

 

 

1922/1923-Liga Popular

 

Despois duns meses sen equipos na vila nace o Liga Popular, creado pola sociedade de igual nome e que, o 16 de xullo de 1922, debuta con victoria por 1-0 ante o Royal Sporting Higls Club, de Vigo. En xullo de 1923 é seleccionado para a disputa da Serie C por non dispor dun campo en condicións. Na súa breve existencia este clube derrotou en amigables a equipos de maior categoría como os pontevedreses Alfonso XIII, Eiriña e Athletic Club, e acadou unha copa de prata en Ponteareas con victorias por 2-0 e 6-0. A victoria ante o Eiriña supuso un éxito sen precedentes que nun xornal da época narrouse así: “El domingo a las 10 de la noche, una salva de bombas anunciaba el regreso de Pontevedra de nuestro equipo de foot-ball, vencedor del Eiriña por dos tantos a cero. Centenares de personas invadieron la calle Alfonso XII vitoreando y abrazando a los triunfadores.” Xogaron neste clube: José Lamas, José Villar, Rafael López (Cabezo), Jesús Figueroa (Suso), Jaime Serín, Avelino Cal, Tiano, Julio Sánchez, Pereira, Rodríguez II, Otero e Antonio Villar (Nicha) e Ángel Iglesias (Julata).

 

           

 

1924/1943-Redondela F. C.

 

En febreiro de 1924 fórmase o Redondela F. C. como unha continuación do Liga Popular que tantos éxitos conseguira nun só ano. Nos seus primeiros anos vestía camiseta azul e estaba presidido por Pedro Otero Sestelo

 

Disputou o seu primeiro partido oficial en maio de 1924 contra o Europa, de Vigo, en promoción de ascenso á Serie B. Ante a imposibilidade de xogar os partidos oficiais en Redondela, este equipo construiría un campo en terreos alugados aos donos do pazo de Petán. A obra financiouse cunha porcentaxe da recaudación das entradas e coa venda de accións de 25 e de 5 pesetas. O primeiro partido amistoso celebrado neste campo xogouse o 28 de setembro de 1924 contra o Athletic de San Lorenzo, de Vigo, vencendo o noso equipo 3-2. A inauguración oficial sería o 5 de outubro, cun encontro entre o Redondela F. C. e o Comercial de Vigo, gañando os locais 4-3 e proclamándose campións da Serie C sen perder un só partido. O caciquismo da época tentou impedir o seu ascenso pero nun pleito que chegou a Madrid, a Federación de Futbol decidiu o seu pase á Serie B.

 

Nese mesmo ano, organizaron o seu primeiro torneo, a “Copa Redondela”, xogando o primeiro partido o 16 de novembro contra o Deportivo de Coya. Un pouco antes, en xullo de 1924, reforzados con dous xogadores redondeláns do Alfonso XIII e outros dous do Athletic de Pontevedra, pero coa ausencia do porteiro titular sustituido por un infantil, gañaron ao Eiriña por 3-5: Pena (Porteiro infantil), Villar I (José), Cabezo, Rodríguez, Avelino Cal, Jaime Serín, Rodríguez II (Juan), Villar II (Nicha, Antonio), Bernardino Míguez (Neno), Julio Sánchez e Jesús Figueroa (Suso). Neste primeiro ano tamén xogaban: José Lamas (Porteiro), Agrelo, Troncoso, Tiano, Castro, Pérez (Choqué), Pereira, Molinos, Maestú... Posteriormente formarían parte do equipo: Paco Soto (capitán), Díaz (Porteiro), Molinos, Sieiro, Suárez, Pazos (Macoco), Isidoro Pereira (Campanero), Segundo Puga (Chicuelo), Otero, Alejandro Pérez Rivero (Maniño), Paz, Tallada (Porteiro), Pierla, Leira, Muíños, Ángel Iglesias (Julata), Cabezo II, Borines, Azogue, Tito, Sotelo, Correa...

 

A finais de 1925 o clube pasa por apuros económicos e despois de abandoar a sede social venderon os mobles. Apesares desta difícil situación seguen chegando os bos resultados deportivos. En xaneiro de 1926, a Xunta de Sanidade pecha os campos que non están autorizados oficialmente, entre eles o do Celta e o de Redondela. En xullo, reforzado cos redondeláns Cabezo e Nicha, do Celta, e con Sánchez e Rodríguez, do Athletic de Pontevedra, empataron nun amigable co Celta no campo de Coia. En setembro dese ano golearon de novo a domicilio ao Eiriña, 2-5.

 

Para a tempada 1928-29 refórzase o equipo coa idea de ascender á Serie A, fichando entre outros aos veteráns redondeláns Juan Rodríguez e Julio Sánchez. As aspiracións véñense abaixo cando o clube renuncia a xogar en protesta porque os equipos de Vigo que non contaban con campo, estableceran como propios os de Moaña, Cangas e Bueu; co conseguinte perxuizo polo incremento nos gastos en desprazamentos. O non competir supón unha desbandada dos xogadores e o equipo nas seguintes tempadas limítase a xogar amigables contra clubes modestos. O posterior peche do campo de Petán que non se reabrirá ata 1940 non fai máis que agravar a situación.

 

 

 

           O equipo chega a desaparecer, comeza entón un traballo de canteira que logra a reaparición do equipo en 1935. Esa tempada disputa o Campionato Provincial da Federación de Clubes Modestos caíndo na semifinal. Apenas disminue a súa actividade en tempos da Guerra Civil, disputando amistosos e pequenos campionatos.

           Probablemente este equipo sexa o mesmo que, en plena Guerra Civil, aparece nunha noticia de 1937 co nome de Redondela, participando no campionato da C. N. S., xunto a equipos como Arenas (de Alcabre), Betis, Braña...

           A finais de 1939 cos reforzos dos irmáns Cabezo e Pierla, proclámase campión da Copa Stadium, de Ponteareas, tras vencer na final ao Peñasco, de Vigo. Estes éxitos recupéran o entusiasmo e, en maio de 1940, chegan a formarse dous equipos, enfrontándose o Redondela F. C. dos veteráns contra o dos xóvenes. Ese mesmo mes participa na Copa Pro-Campo, celebrada en Pontevedra para cubrir os gastos da reparación de Pasarón. Apesares de toda esta actividade, en 1941 tan só xoga algún amigable e probablemente desapareceu ese mesmo ano.

 

 

 

Anos 20. Outros

 

Nesta década atopo outros equipos modestos. Entre paréntese apunto os anos nos que van aparecendo datos:

 

Unión (1921). Segundo equipo da vila despois do Sporting. En abril empata co Colón e, en maio, golea ao Júpiter, equipos vigueses.

 

España F. C. (1926-1927). Formado a partires dun equipo infantíl. Vestía camiseta grana con franxa amarela. Chegou a xogar en Portugal contra o Deu la Deu de Monçao. Unha alineación deste equipo en 1926 sería: Óscar, Moncho, Conecho, Chito, Chicuelo, Ángel, Carreiro, Luis, Segundo, Enrique e Tito. En 1927, disputa ao Betis unhas medallas doadas por un emigrante. Os equipos refórzanse co once do Redondela F. C. e o España forma con: J. Díaz (Cajetilla), Suso, Macoco, Ramón. Julio, Chicuelo, Campanero, Tiruliro, Moncho, Tito e Borines.

 

Betis F. C. (1927): Iniciouse como equipo infantil dando o salto a senior en 1927. Vestía camiseta branca e calzón negro. En 1927, no partido co España, que comentei anteriormente e no que venceu 6-0, formaba reforzado con: Niriñas, Maravias, Casal, Mirito, Bernardo, Tiano, Jundo, Neco, Lamas, Maniño e Julata.

 

Cabezo C. F. (1929-1930). Creado como continuación dun equipo infantíl. Aliñaba en 1930 a: Túnel, Figueroa, Maestú, Otero, Andrés, Castro, Iglesias, Corneta, Tenorio, Paco e Kirikí.

 

Chapela F. C. (1927): En 1927 enfróntase ao Olímpico de Teis sendo derrotado por 4-0.

 

Outros: Galicia (1921), Alvedosa (1921)

 

 

 

 

Anos 20. Outros infantil.

 

Nestes anos na categoría infantil:

 

Club España (1923-26): En 1926 con algun reforzo do Redondela Infantil é goleado en Pontevedra con: Óscar; Moncho, Conecho; Chito, Chicuelo, Ángel; Carreiro, Luis Segundo, Enrique e Tito.

 

Betis F. C. (1924-1927)

 

Esperanza F. C. (1923-28). Xunto ao Redondela F. C. en 1924 participou no campionato infantil organizado pola Federación Galega en Vigo, no que tan só foi derrotado polo vencedor do torneo, o Rápido de Bouzas.

 

Redondela F. C. Infantil (1924-¿?). En 1924, co Esperanza F. C., participa no campionato organizado pola Federación Galega en Vigo, tendo que abandoar por motivos económicos.

 

Cabezo C. F. (1927-28). Na honra de Rafael López Cabezo daquela xogador do Celta. Entre os seus xogadores estaban Andrés Figueroa e Victoriano Díaz, que chegan a xogar co Redondela F. C. nun campionato en Porriño.

 

Pasarín (1927) Na honra do outro central do Celta, supoño que para amolar ao equipo anterior, que apesares de ser máis pequenos no primeiro enfrontamento marcáronlle unha manita.

 

R. C. El Quisquilla (1928)

 

Iberia F. C. (1928)

 

Alfonso XIII (1928).

 



Galería de equipos de categorías inferiores

 

Anos 30. Outros

 

Choco F. C.: Fundado en xaneiro de 1932. En febreiro xogou o seu primeiro amistoso contra o Llorente, de Vigo. En abril, despois do partido humorístico entre o Estroncio e o Soponcio, enfróntase ao Redondela F. C. perdendo 2-1. Contaba nas súas filas con: Moisés, Villaverde, Ramón Carlos Martínez Míguez “Dempsey”, Pierla e Reigosa entre outros. Seguiu activo cando menos ata 1935.

 

Juventud Deportiva F. C.: A pesares do seu nome era un equipo de xogadores veteráns. En xuño de 1934 fai o seu debut fronte o Choco F. C., xogando: Amoedo, Villaverde, “Cascorro”, Mangá, Paco, “Campanero”, Lante, “Dempsey”, Montero e Reigosa.

 

Redondela Sporting Club: en 1936.

 

Chapela: En abril de 1931 o Chapela é derrotado 3-0 en Moaña polo Tabeirón F. C. en partido no que se disputaban sendos roscóns de Pascua.

 

Samitier S. C.: Equipo de Chapela que entre os anos 1932 e 1934 se enfronta aos equipos modestos vigueses. En 1932 participa na Copa Soler. O nome fai referencia a José Samitier, gran futbolista da época e que naqueles anos era homenaxeado con outro clube homónimo, o Samitier F. C. de Mondariz.

 

O 20 de marzo de 1932, disputaron un encontro no campo de Cesantes o Alvedosa de Reboreda (non puiden establecer se é o mesmo equipo que en 1921 se enfrentou ao Arcade) e o Alegría F. C., de Cesantes.

 

Nun xornal de abril de 1934 baixo o titular “futbol humorístico” dáse conta dun partido da Selección de Chapela que se enfronta á Selección do Calvario (Vigo).

 

En maio de 1935 unha Selección de Redondela empataría a uns cunha selección de clubes modestos da cidade de Pontevedra. O once da nosa vila estaría formado por: “Talladas” (Porriño), “Pierlas” (Unión), Pazos, Andrés e “Maniño” (Eiriña), Moisés Maestú e “Julata” (Unión), Carlos (Chao) e “Cocó”. En maio de 1936 repítese a experiencia enfrontándose daquela a unha Selección de modestos de Vigo, con: Dores, Benito, Pazos, Villaverde, Maestú, Parolo, Reigosa, Corneta, Cocó, Fontán e Sesito.

 

 

 

 

 

Anos 30. Categoría infantil.

 

Tamén existían numerosos equipos de categoría infantil que soían xogar no peirao da Ribeira ou na Xunqueira, e ás veces desprazábanse a Vigo para enfrontarse aos equipos daquela cidade.

 

Pequeño Choco F.C.: equipo infantil do Choco F. C. creado probablemente en 1932. En maio de 1933 troca o seu nome por Axperón F. C. e dous meses despois por Regojo F. C., recuperando en 1935 o nome de P. Choco F. C. En 1934 formaba con: Vidal, Leoncio, Alfredo, Pérez, Moisés, Esteiro, “Repolo”, “Cocó”, Benito, Rosendo, Loló.

 

Pequeño Redondela F.C.: equipo infantil do Redondela F. C. En 1934 xogaban: Magariñas, Fin, Verito, Toñate, Ventura, Mensi, Tucho, Torrado e Peña. Este equipo converteuse pouco depois no:

 

Atlántic F. C.: Equipo chamado “de Redondela”, para distinguilo do Atlantic F. C., de Vigo. Probablemente foi o equipo infantil máis activo en 1935 enfrontándose a numerosos equipos vigueses. Aliñación: Lilo, Jacinto, “Masó”, Toñete, Cocó, Álberto, Manolito, Basilio, Álvaro, Tonú e Dres. Tamén xogarían neste equipo: Tomé, “Patata”, Loló e Tejo. En abril de 1936 recupera o seu nome orixinal:

 

Pequeño Redondela F. C.: Formaba en 1936 con: Lixeiro, Abaro, Massó, Manolito, Alberto, Chinto, Mingos, Toñete, Isaac, Plant e Tejo, sendo o capitán do equipo Antonio Lago Picón. Outros xogadores: Loló.

 

Pequeño Samitier: Equipo infantil de Chapela que en agosto de 1931 participa en Balaidos na homenaxe a Pepe Bar. Probablemente en 1932 converteuse no equipo senior do que falamos anteriormente.

 

Redondelita: En 1934 alineaba con: Mundo, Lino, “Bistec”, Pintos, “Corneta”, Casal, “Picho”, Ramonet, Silverio, Bienvenido e Telmo.

 

Comunista F. C.: equipo infantil en 1934.

 

Cataquesis F. C.: infantil, 1933-34. En febreiro de 1934 venceu 4-1 ao Comunista formando: Antonio, Benito, Jacinto, Padrón, Castor, Campanal, Antonio, Toucedo, Vidal, Lilo e José. Noutro partido marcaría Ángel.

 

Coca F. C.: Infantil en 1934-1935. En xullo de 1934 forman con: Lilo, Contreras, “Massó”, Pena, Toné, Pereira II, Tejo, Pereira I, Miñán, Plácido e Otero.

 

California: Nada máis formarse este equipo reta a todos os equipos da súa categoría a xogar en Redondela o 5 de agosto de 1934.

 

Estrella, de Saxamonde. Atopo dous partidos contra equipos de Vigo, en xuño de 1932 e en xullo de 1934.

 

Pioneros Rojos: En agosto de 1934 forma con: Lago, Neno, Lilo, Fernández, Barros, Paco, Chato, Vázquez, Andrés, Crisanto e Bernárdez.

 

Falange: En agosto de 1934 se enfrenta a Pioneros Rojos, de Vigo, con: Vidal, Jacinto, “Piloto”, Naco, “Patata”, Siteo, Docampo, Fin, Roquete, “Tallada” e Luis.

 

Dodge: de Chapela. En novembro de 1934 enfróntase a un equipo de Teis.

 

Juventud Católica: En 1935 enfróntase a varios equipos de Vigo.

 

Sporting: Equipo que en xullo de 1936 enfróntase ao Pequeño Redondela, sendo derrotado por 3 a 2.

 

 

 

 

1.944 / 1.952 - C. D. Redondela

 

No 1944 fórmase o Club Deportivo Redondela, sociedade que como xa citamos, contaba con equipos de futbol, natación, waterpolo, ping-pong, traíñas, xadrez, montañismo e caza; ademáis de realizar actividades culturais e artísticas. Unha das súas primeiras iniciativas sería a construcción do campo de Santa Mariña.

 

A sección de futbol estaba formada por dous equipos, A e B, e un infantil. A primeira plantilla comeza a competir en 1945. O equipo gañaría o Campionato Provincial de Afeccionados nese mesmo ano de 1945 e a Copa das Rías Baixas no 1947. Na tempada 1946-47 fai o seu debut na Serie A, chegando a encabezar a clasificación.

 

En outubro de 1947, enfrontouse a unha selección de xogadores da Terceira División, en partido homenaxe a Luis, mediocentro vigués, que levaba dous tempadas neste clube. A finais dese ano xogaría a final da Copa de Galicia de afeccionados, sendo derrotado polo Turista.

 

En febreiro de 1948 o clube homenaxea ao seu presidente, Antonio Ocampo coa entrega dunha medalla de ouro e un pergamino. En xullo dese ano, o homenaxeado é o porteiro vigués Mosquera, que anos antes xogara no Deportivo de Coia, cun partido contra unha selección de xogadores vigueses de Terceira División.

 

Pouco despois, é precisamente o seu primeiro presidente, o doutor Antonio Ocampo, acusado de delito equiparado ao de rebelión militar, sendo detido xunto a outros redondeláns e conducido á prisión de Vigo. A partires deste suceso o clube foi a menos e disolveuse despois de rematar a tempada 1951-52 en postos de descenso da Serie A. Neste periodo, en xullo de 1951, o equipo enfróntase ao Arosa na honra do capitán, Lixeiro.

 

Unha das primeiras aliñacións sería: Gelo (porteiro), Manolo (de Arcade), Docampo, Demetrio, Lixeiro, Mingos Docampo (Massó), Severo (Vero), Manolito Míguez, Álvaro (Varo), Carlos Pereira e Luis Esteiro. Por este equipo tamén pasaron: Cabezo, Sabino, Chantada, Capelo I e Capelo II (procedentes do Domaio), Luis Tacota, Vázquez, Luis Noya Domínguez (Noya II, de Vigo), Narciso (Sito), Cunino, Díaz, Toralla, Negro, Mosquera (porteiro de Vigo), Iglesias, Loló, Rayo, Vicente...

 

Galería do C. D. Redondela

 

Anos 40. Outros equipos.

 

Selección de Redondela: En 1943, dirixida por Cabezo, enfróntase a doble partido co Porriño. Este equipo serviría de base para a creación do C. D. Redondela. Estaba composto por: Talladas II, Docampo I, Nao, Varela, Luis X., Lixeiro, Puga, Fernández I e II, Chicuelo, Chilote, Gerardo, Tin e Pepe.

 

D. Laredo: Equipo de Chapela, ao que atopo por primeira vez en abril de 1943 vence 3-1 ao Teis con: Manuel, Virzi, Melón, Chapela, Pepe, Luis, Covelo, Benito, Gonzalo, Carlos e Andrés. No 1946 desaparece momentáneamente.

 

C. D. Chapela: Nome co que reaparece o Laredo en agosto de 1946. A finais dese ano e principios seguinte disputa en Vigo a Copa Sanatorio del Castro, nunha época na que non estaba federado.

 

Laredo: En 1947 recupera o nome de Laredo e disputa a Liga Local dos Modestos de Vigo. Nese mesmo ano chegaría a cartos de final do Campionato Galego de Afeccionados enfrontándose co C. D. Redondela. No 48 participa novamente Serie B local de Vigo. Desaparece a finais dese ano apesares de ser considerado o gallito do campeonato.

 

Casa Luis e Casa Canario: Equipos de peñas de Chapela que se enfrontan en marzo de 1943 no campo de Meira (Moaña) e ao mes seguinte no do Bella Vista. Neste segundo partido vencido polo Canario por 5-1, destacáronse Pinales e Pinocho II.

 

Unión de Villar: En 1946 xoga contra o Chao F. C. A finais dese ano e principios do seguinte disputa a Copa Sanatorio del Castro, xunto ao D. Chapela. Neste equipo actuaba Fin como medio centro.

 

Choco F. C.: Equipo non federado, probablemente fundado en 1947. En abril dese ano despois de enfrontarse ao Adelantado, de Porriño, reta aos equipos non federados de Vigo. En xullo de 1948 vence ao Burgo C. F., de Pontevedra.

 

C. D. Volador: Non federado, en 1947 xoga contra varios equipos de Vigo e, a finais do 48, atrévese a retar a equipos da Serie B. En maio de 1949 xoga a final contra o Arentei dun campionato en Caldelas de Tui.

 

Destacamento Militar da Penitenciaría de San Simón: En 1940 enfrontouse a unha selección de Pontesampaio, perdendo 2-0.

 

 

 

 

Anos 40. Categorías Inferiores

 

Juventudes Católicas de Redondela: Dependente do colectivo relixioso Acción Católica. En maio de 1940 enfróntase ao homónimo de Vigo.

 

Organización Juvenil (O. J.) de Redondela: Órgano da Falange. Equipo formado por afiliados de entre 14 e 18 anos. En marzo de 1940 organizou a Copa Organizaciones Juveniles Redondela, competición que serviría para re-inaugurar o campo de Petán co nome de “Campo de Jose Antonio”. Alineación: Gesteira, Nao, Luis, Velero, Varito, Martínez, Maestú, Torrado, Loló, Sesé e Molinos.

 

Organización Juvenil de Chapela: Participou na Copa Organizaciones Juveniles Redondela 1940, sendo eliminado no primeiro partido ante o Bouzas.

 

Flechas: Equipo da Organización Juvenil. En 1940 composto por: Fernando, Quirós, Miguel, Bernardo, Manoliño, Escariz, Chicha, Carrión, Alfonso, Quin e Fortunato. Este equipo debeuse fusionar co Aspirantado, porque en xullo dese ano noutra alineación aparecen 4 elementos daquel equipo: Ferrín, Izquierdo, Torrado, Modesto. Ademáis de Maestú, do O. J.

 

Aspirantado: Da Juventud de Acción Católica. Formado en 1940 por: Santiago, Izquierdo, Juan, Canete, Ferrín, Ocampo, Ducho, Docampo, Maestú, Modesto e Brime.

 

Errante F. C.: Equipo que en marzo de 1940 enfróntase ao Planeta F. C. de Vigo.

 

Frente de Juventudes de Redondela: En 1943 participa no campionato provincial desta organización.

 

¿?: En xullo de 1943 unha noticia da conta da creación dun equipo infantil na nosa vila.

 

Rápido de Chapela: En maio de 1944 desafía a varios equipos vigueses.

 

A.B.C.: Equipo de Chapela, que en 1945 é retado para xogar no campo da Copiba.

 

D. Laredo: Equipo infantil de Chapela, en 1946.

 

D. Villar: Equipo desta parroquia en 1946.

 

 

 

 

1.953-C. D. Choco

 

Dos equipos actuais destaca o C. D. Choco, fundado o 14 de abril de 1953. Durante o século XX disputou seis tempadas na Terceira División: 1960-61, 61-62, 63-64, 64-65, 65-66 e 80-81 (temos que ter en conta que ata a tempada 1977-78 non se creou a 2ªB). Nas tempadas 1955-56, 1956-57 e 1961-62 proclamouse Campión Galego de Afecceonados. No Campeonato de España de Aficionados chegaría a semifinais en 1957, pero sería desclasificado por alineación indebida dun xogador despois de derrotar ao Salamanca. Tamén chegaría a cuartos en 1958 e 1963 quedando eliminado polo Salamanca e o Real Madrid de Aficionados (actual R.Madrid C).

 

Na 2012-13 acadou un novo ascenso a Terceira División. Promocionou a 2ªB por primeira vez na 2014-2015 caíndo fronte ao Extremadura, despois de ser derrotado na casa 0-3 e gañando a domicilio 3-2. Ese mesmo ano proclamouse campión da Copa Deputación vencendo ao Ribadavia nunha final que se dicidiu na tanda de penaltys. Ao ano seguinte revalidou este título e promocionou novamente a 2ªB eliminando ao Badajoz e caíndo fronte ao Dep. Aragón.

 

Na categoría xuvenil, no 1957 foi Subcampión Galego, o que lle permitiu participar no Campeonato de España quedando eliminado co Oviedo. Nos seus inicios contaba cun segundo equipo, o Choco B, que en 1960 acadou o ascenso da 1ª Rexional á Serie B. Nos derradeiros anos voltou a crearse o Choco B, que no 2015 milita na 2ª Rexional.

 

Na historia deste clube tense homenaxeado a varios xogadores: En xuño de 1954 a Cabezo, daquela entrenador do Choco que, reforzado, se enfrontou ao R. C. Celta. En agosto de 1956, aos xogadores Mario García Álvarez e Geluco, co partido Choco-Xuvenil de Ponteareas, daquela en terceira. En xullo de 1958, partido contra San Miguel de Oia a prol do porteiro Carlos ao que unha enfermidade tiña postrado na cama. En decembro de 1960 homenaxe ao xogador Mario García disputándose un encontro co Unión Sampaio. En xuño de 1961 a xunta directiva decide homenaxear a Cunino, xogador do Choco dende a súa fundación. En xaneiro de 1962 decídese que o partido contra o Fabril sexa a beneficio de Paco, xogador formado no Alondras e fichado esa mesma tempada procedente da segunda división portuguesa, que tivo a mala sorte de fracturar tibia e peroné.

 

 

 

Galerías do C. D. Choco. Anos 50-60

Galerías do C. D. Choco. Anos 70-80

 

Anos 50 e 60. Outros.

 

Deportivo Chapela e Copiba F. C.: O segundo era patrocinado pola empresa homónima de Chapela. Moi activos entre 1950 e 1952, soían coincidir en pequenos campionatos. Organizaron en 1950 a Copa Chapela, que se celebrou no campo de Domaio, por non contar aínda esta parroquia cun terreo de xogo propio. Tamén en 1951 organizábase en Chapela por primeira vez o Trofeo José Ríos.

 

Arealonga: Nado cara a 1952 probablemente da fusión do D. Chapela e o Copiba F. C. En marzo de 1952 participa no Torneo Morrazo. En xuño de 1953, organiza o Trofeo Virgen del Carmen de Chapela, no que se enfronta a Domayo F. C., Meira F. C. e C. D. Moaña.

 

C. D. Chapela: Contaba con equipo xuvenil. En 1958 disputa por primeira vez a segunda división da Serie B da liga de modestos de Vigo, competición da que é expulsado en 1962 por non xuntar un once de forma reiterada por mor das sancións. Formaban o equipo en 1958: Castro, Alvite, Nocho, Carlos; Paco, Alén; Doldán, Chicho, Lucho, Ríos e Terco. Noutras aliñacións aparecen: Fernando, Rial, Rivas, Pepe (porteiro), Nando, , Ríos, Santiago, Lucho II, Lago (porteiro), Lourido e Gaspar.

 

Peña Otero: Equipo non federado de Chapela. Unha noticia de xaneiro de 1953 dános conta da súa victoria fronte a un equipo de Teis por 7-2 con goles de Covelo (4), Gonzalo, Abal e Vicente.

 

Regojo F. C.: Equipo senior formado por traballadores desta fábrica redondelá, que en 1968 proclamaríase vencedor no Campionato Provincial de Empresas de segunda categoría con: Montero; Pepiño, Ernesto, Carrera; Mayoral, Manolito; Lucho, Gene, Conde, Abal e Benito.

 

San Martín. Equipo de Cesantes cara a 1968.

 

A todos estes habería que engadir un amigable celebrado en Santa Mariña en marzo de 1965, que rematou con empate a tres tantos. Viejas glorias: Lamas, Cabezo I, Masó; Lanjarón, Julio, Castor (Cañero); Caín, Silverio; Mingos (Chuco), Augusto, Chaíña, Cocó. Jóvenes Promesas: Ramonet; Nao, Potenciómetro, Berto; Tino, Gene; Severo, Cunino, Gonzalo, Sitos e Villaverde.

 

 

 

 

 

Anos 50 e 60. Equipos infantil e xuvenil

 

San Simón. En 1952 e 1953 xogaba a final provincial do Frente de Juventudes da Falange na categoría de cadetes e guías.

 

CD Corona. Activo en 1951.

 

Redondela. Nome que recibía o equipo infantil do C. D. Choco que, en 1958, na final a dobre partido da Copa San Ignacio, venceu en Santa Mariña 11-1 ao Viso, de Vigo, marcando 9 goles Germán Muíños.

 

Peñarol. Equipo que xogaban con equipaxes deste equipo de Uruguai traídas daquel país por un emigrante. Este clube seguiría a competir ata os anos 80.

 

En 1956 xógase a Copa Choco infantil, participando: Once Leones, Peñarol, Viaductos e Alvedosa.

 

En agosto de 1959, no campo da Xunqueira, celébrase o Trofeo Villavieja. Vence o Villavieja, que estaba formado por José Augusto, Gorito, Jaime, Fonso, Geno, Gustavo, Rabito, Pepe, Pique, Reigosa e Fermín. Tamén participaban: Ribera, Reboreda e Once Tigres.

 

Outros equipos desta época serían o Estrella, que contaba con equipo xuvenil, ou Acción Católica.

 

Xa a mediados dos 60 nun campionato xuvenil organizado polo C. D. Choco, ademáis deste equipo participaron: C. D. Reboreda (vencedor), F. C. Cesantes, Canudo C. F., El Muro C. F. e Viso C. F. Outro torneo celebrado en 1970 sería gañado polo Cedeira. Resaltar aquí a figura de Cándido Orge, gran defensor das categorías base.

 

O primeiro campionato infantil desta época celebrouse en 1970, cando a OJE organiza a fase local do Cto. de España de Clubs Infantiles, participando: Academia Cervantes, Graduadas de Redondela, Juventud de Cesantes e Atlético de Villar de Infesta.

 

 

 

 

Outros Clubes

 

Nos anos 60-70 comezan a federarse os clubes das diferentes parroquias: C. D. Chapela (refundado en 1968 e que posteriormente trocaría o nome por Chapela C. F.), C. D. Cesantes (en 1970 xoga o Cto. Ría de Pontevedra) e C. A. Vilar (en 1969 participa 2ª División Comarcal); ademáis dos xa desaparecidos Cedeira C. F., Arenas de San Simón (Cesantes) e C. D. Reboreda.

 

As canteiras destes equipos recibiron un bo impulso cando en 1981 Generoso Muíños (Gene) creou a Liga Local infantil e alevín, na que participaron todos os equipos da vila, agás o Chapela que como xa comentamos anteriormente encadrábase na área viguesa. Ademáis formáronse equipos de parroquias e barrios que non tiñan equipos federados, como era o caso do Trasmañó ou o Tesoro de Rande. E tamén equipos patrocinados de corta vida, agás Casa Paco (posteriormente Grupo C. P. 81) fundado por Manolo Conde, quen da nome ao campo coñecido anteiormente como Anexo.

 

No 2008 creouse a Escola de Futbol Base Redondela ao escindirse as categorías base do C. D. Choco e unirse co Grupo C. P. 81. No 2012 disolveuse e reintegrouse no C. D. Choco.

 

 

 

En canto aos clubes de veteráns, contamos con dous: Netos da Coca, fundado en 1.977 e que no 2016 proclamouse campión de Pontevedra por terceiro ano consecutivo. Galicia, equipo de Soutomaior que se afincou en Redondela cando chegaron a ser maioría os xogadores da nosa vila.

 

A todos estes habería que engadir os equipos que disputan as chamadas ligas de Peñas. Entre estes poderiamos citar á Peña A Peneda, que no 2011 cumpriu 25 anos de historia, ou a Os Beretes, de Chapela.

 

 

 

Galería: Especial do "Tribuna Deportiva" con motivo do primeiro campionato municipal de futbol base de Redondela 1981.

NOTA: Algunhas alineacións das fotos están cambiadas.

 

Futbol Feminino

 

 

 

Do futbol feminino a primeira referencia que atopo é do ano 1932: “Partido de futbol entre os equipos femininos de Redondela e Quintela. A aliñación do equipo de Redondela é a que segue: Lita, Matilde, Maruja, Josefa, Elena, Marcelina, Carmiña, Ernestina, Margarita, Candrita e Mª Carmen; gañaron as de Redondela 2-0 e estivo cheo de incidentes, con sesións de boxeo e grecorromanas a cargo dos citados equipos”.

 

En 1971 para recadar cartos para o equipo de natación enfrontáronse o Cividanes, de Vigo, e o Sarquáticas, de Redondela, equipo formado polas nadadoras da S. A. R. reforzadas por xogadoras de futbol e dirixidas por Félix, xogador do C. D. Choco.

 

Habería que agardar aínda bastante para que o C. D. Choco se animara a crear no 2009 un equipo feminino con xogadoras procedentes na súa maioría do Futbol Sala Redondela. Na súa primeira tempada acadou o ascenso á Primeira Autonómica.

 

Galerías da parroquia de Cesantes (e o Viso)

Galería da parroquia de Chapela

 

Galería da parroquia de Reboreda

Galería da parroquia de Vilar de Infesta

(Agardando aportacións)

 

Galería da Canteira do C. D. Choco

Texto: J. Migueles

Actualizado: 17-05-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez. Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.

 

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

 

19110712 La Opinión de Redondela

 

El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

 

http://www.csbg.net/

 

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

 

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallegoo, El Diario de Pontevedra, La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia, El Correo de Galicia, Vida Gallega, Galicia diario de Vigo, La Integridad diario católico, El Noticiero de Vigo...

 

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Gran Vida

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0