Futbol: Xogadores

 

1ª metade do s. XX. Os inicios.

            

          O primeiro equipo de Redondela formouse en 1908, pero non sería ata 1924 cando a nosa vila contara cun campo cunhas condicións mínimas. Daquela varios redondeláns xogaban en equipos doutras vilas, pero pódese afirmar que foi en 1925 cando se da un salto de calidade coa fichaxe de Cabezo, Nicha e Serín polo Celta. Aos que seguirían tres grandes porteiros: Lamas, Talladas e Cabezo II.

 

          Na achega a estes futbolistas temos que ter en conta que a Liga Española non deu o salto ao profesionalismo ata 1930, polo que era normal a continua cesión de xogadores para a disputa de amigables e, en ocasións puntuais, tamén para partidos oficiais. Outras datas a ter en conta é a creación da 3ª División en 1932 e da 2ª B en 1977.

 

 

 

           

 

¿Redondeláns Campións do Mundo?

 

          Javier Conde nun artigo publicado no ano 2000 no Faro de Vigo, afirmaba que Lorenzo Fernández, campión do Mundial de 1930 coa selección de Uruguai, nacera en Redondela e puidera aliñar con aquela nación grazas as permisivas normas da época que permitían xogar aos emigrantes co país de acollida. En artigos posteriores neste xornal tamén se afirmaba que o seu compañeiro de selección José Pedro Cea Urriza tamén nacera en Redondela. A partires deste momento comeza un debate nas redes, que tiña o seu reflexo na Wikipedia, na que o lugar de nacemento dos dous futbolistas variaba cada pouco tempo. As datas de nacemento que se dan por boas son o 20-05-1900, para o primeiro, e o 01-09-1900 para o segundo. En visita ao rexistro civil do xulgado de Redondela puiden comprobar que no libro de nacementos de 1900 non aparece ningén con eses nomes. Polo tanto, e ata que se aporte algunha proba que demostre o contrario, debemos concluir que os dous futbolistas naceron en Uruguai, non descartando que sexan fillos ou descendentes de redondeláns.

 

 

 

 

1ª metade do s. XX. Os inicios.

 

 

 

Pierla 1934 Unión Sporting Foto todocolección.net
Pierla 1934 Unión Sporting Foto todocolección.net

 

Álvarez Vázquez, José: “Pierla” (Redondela):

 

            Defensa formado no Redondela F. C., que en 1931 fichou polo R. C. Celta, equipo no que non tivo oportunidades e nin sequera chegou a debutar na liga. Regresou daquela ao Redondela F. C. No vran de 1933, durante o parón das competicións aproveita para xogar co outro equipo da vila, o Choco F. C. Ese mesmo ano marcha ao Unión Sporting de Vigo, co que gañaría en 1935 o Campionato da Serie A e acadando por tanto o ascenso. Na seguinte tempada, xa en segunda, o equipo queda subcampión tralo Oviedo no Cto. Galaico-Astur. Neste equipo coincidiría cos redondeláns Lamas, Macoco, Julata e Talladas.

 

             Entre medias, en maio de 1934 participa nun amigable co Redondela F. C. Ese mesmo mes foi convocado para xogar coa selección da zona sur de Galicia dous partidos contra a do norte, para escoller aos xogadores que competirían coa selección galega no campionato rexional. Poucos meses despois o R. C. Celta intenta fichalo, mais a operación non se concreta por considerar unha cifra moi alta as 4.000 pesetas que o Unión pide por el. En agosto de 1934 os redondeláns Macoco e Pierla son cedidos ao Tea F. C., de Ponteareas, para xogar un partido amigable contra o Turista. En maio de 1935 xoga coa Selección de Redondela que se enfronta a outra da cidade de Pontevedra.

 

           Pouco tempo despois, en 1936, sería Emilio Cal o que quere fichalo xunto a Talladas para o equipo Galicia E. C. de Salvador de Bahía, pero non acepta a oferta por estar prometido, sendo finalmente Macoco o que marchara a Brasil.

 

Pouco despois ficha polo R. C. Celta para xogar en primeira na 1936-37, pero o inicio da Guerra Civil provoca a suspensión da competición. Apesares disto aínda chegaría a disputar co Celta o Campionato de Galicia daquela tempada, onde foron derrotados polo Deportivo.

 

Despois do parón provocado pola guerra, a finais de 1939 e ata mediados de 1940, reforza xunto aos irmáns Cabezo ao Redondela F. C., acadando a victoria na Copa Stadium en Ponteareas e disputando a Copa Pro-Campo, en Pontevedra. Coa reanudación das competicións en 1940, pasa a formar co Celta B, que se proclamou vencedor da Serie B.

 

            Na seguinte tempada actúa no Vigués F. C., que ese mesmo ano proclámase campión da serie A, pero non supera a fase de ascenso. Comeza a seguinte tempada neste equipo que nada mais comezar o campionato ten moitas baixas provocadas por diferentes motivos. O clube vese na necesidade de trocar a metade da plantilla, sendo Pierla un dos que deixa de xogar en setembro de 1941. Os problemas seguirían medrando neste equipo que en 1943 desaparece, cedendo a súa praza en terceira ao Berbés.

 

Julata co RedondelaFC Foto cedida J Serín-Arquivo Concello
Julata Foto cedida J Serín-Arquivo Concello

 

Julata”: Iglesias López, Ángel (Redondela):

 

          Interior esquerdo. En 1923 xa formaba no Liga Popular, que ao finalizar a tempada se convirte no Redondela F. C. Tralo desmantelamento deste clube ao renunciar a xogar na Serie B en 1928, xoga algún partido co Cabezo F. C., voltando logo ao Redondela F. C. En 1934 pasou a disputar a Serie A co Unión Sporting de Vigo, compartindo vestiario co defensa Pierla, e o porteiro Lamas. O equipo acada o campionato Galego e ascende a 2ª. A chegada de reforzos provoca a súa volta ao Redondela F. C. En maio de 1935, forma parte dunha Selección de Redondela que se enfronta a outra da cidade de Pontevedra.

 

           Despois da Guerra Civil xoga como defensa no Vigués, co que alcanza o 2º posto no Campionato Galego, por detrás do Deportivo de A Coruña. Non dispoño de datos do que fixo a partires desa tempada. Despois de deixar o futbol estableceuse en Montevideo (Uruguai).

 

 

 

 

Lamas co RedondelaFC Foto cedida Jaime Serín-Arquivo Concello
Lamas Foto cedida Jaime Serín-Arquivo Concello

 

Lamas: Lamas Gómez, José (Redondela):

 

Porteiro. Emigrou sendo neno a Uruguai onde con 8 anos entrou no Aguada de Montevideo e xa xuvenil pasou ao Peñarol. Retornou cos seus pais á súa vila natal xogando en 1923 no Liga Popular, que para a seguinte tempada se convirte no Redondela F. C..

 

Nunha xira pola illas Canarias Lilo, porteiro titular do Celta, rompe un brazo e pouco despois lesiónase o suplente. Chegaba o mes de outubro de 1926 e o inminente inicio da Liga, xunto coas súas boas actuacións, propician a fichaxe de Lamas polo R. C. Celta, onde coincide con Nicha e Cabezo. Co clube vigués disputou catro partidos e encaixou sete goles, o que non é unha mala media tendo en conta os números da época. A recuperación de Lilo provoca a súa saída. En xaneiro, o Celta deixa de pagarlle pero non lle concede a carta de liberdade ata novembro. Volta daquela ao Redondela F. C. que disputa a Serie B.

 

Máis tarde voltou a emigrar, esta vez a Cuba, onde xogou no Club Hispano América e no Centro Gallego.

 

De volta a Galicia en 1931, ficha polo Orense F. C., xogando con Chicuelo a promoción á Serie A. Acádan o ascenso e o equipo se reforza na defensa con Macoco e na liña media con Maniño e Redondela. En novembro de 1931 con Macoco vése involucrado nun accidente de autobús resultando feridos leves. Aa súas boas actuacións vénse recompensadas en xullo de 1932, cando é homenaxeado nun partido no que o Orense se enfronta ao R. C. Celta.

 

En 1933 o Orense únese ao Burgas, formándose o Galicia S. C., onde xoga unha tempada. Tenta fichalo daquela o Atlético Madrid, pero unha vez na capital declárase en rebeldía. En decembro de 1934, volta aos campos de fútbol da man do Unión Sporting de Vigo, onde coincidiu de novo con Macoco e con outros dous redondeláns, Pierla e Julata. Con este equipo acadou o Campionato da Serie A que lles abría as portas da 2ª división. Non chegaría a xogar nesa categoría porque, en agosto de 1935, marcha para o norte de África, onde xogaría no Español de Tetuán, equipo co que vence no Campionato Hispano-Marroquí, no que participan equipos de Ceuta, Melilla e a cidade libre de Tánxer, sendo clasificatorio para a Copa española. Poría punto final á súa traxectoria deportiva no Club Tánger.

 

 

CabezoII”: López Ventín, Honorato “Rey de la Junquera” (Cesantes, 4-3-1914):

 

Porteiro. Xogador formado no Redondela F. C. En 1930 seguindo os pasos do seu irmán xoga de defensa e ficha polo Alfonso XII, en 1930. Para a seguinte tempada pasa ao Pontevedra, onde é considerado un dos mellores do equipo, apesares de actuar como defensa sustitue ao porteiro titular durante varios partidos. En xaneiro de 1932 é cedido para xogar de defensa un amigable cun Eiriña cheo de baixas.

 

           Segue como defensa no Unión Sporting de Vigo, onde apenas conta con oportunidades.

 

Co Eiriña comeza a xogar de porteiro acadando a titularidade. Durante estes anos os clubes permítenlle xogar de dianteiro co Redondela F. C. nos periodos vacacionais.

 

Despois da Guerra Civil, dende finais de 1939 e ata xuño de 1940, segue a reforzar co seu irmán e Pierla ao Redondela F. C., mentras agardan pola reanudación das competicións. Actúa como dianteiro e o equipo acada a Copa Stadium, en Ponteareas, e disputa a Copa Pro-Campo, en Pontevedra. En xaneiro de 1940, novamente como porteiro, comeza a xogar co Alfonso F. C., de Pontevedra que disputa a Serie B. A finais de 1940 debutou en Primeira co Zaragoza F. C., coa mala sorte de fracturarse unha moneca ao pouco de chegar. Ao equipo tampouco lle foron ben as cousas e remata xogando a promoción. Xogaría 12 partidos de liga, encaixando 26 goles.

 

          No vran de 1941 relaxábase xogando ao waterpolo cun equipo de Redondela, mentras nos xornais se especulaba sobre o interese de varios equipos polos seus servicios: Betis, Murcia, Celta, Racing de Ferrol... Acabaría xogando en Primeira co recentemente ascendido, Deportivo de A Coruña, cobrando daquela 30.000 pesetas de ficha. Neste equipo atopouse a titularidade pechada polo bo momento de Acuña, pero nunha xira por Andalucía tivo ocasión de demostrar a súa clase polo que varios equipos daquela rexión como o Alicante, interesáronse polos seus servizos. Finalmente ficharía polo primeira R. Betis. Non tivo sorte a nivel persoal xa que nada máis chegar unha lesión obrigouno a pasar polo quirófano, apesares diso xogaría 16 partidos de liga, encaixando 45 goles. Ao equipo tampouco lle foron ben as cousas rematando a tempada en postos de descenso.

 

          A principios de 1944 xoga a Copa co Berbés, equipo no que xogara a liga de terceira Domingos Docampo “Massó”. Este campionato convertiríase no paso previo á súa fichaxe polo R. C. Celta, que daquela militaba en Segunda. Apesares de non ter continuidade, actúa como titular en 11 ocasións. No seu derradeiro partido acadou a clasificación do equipo celeste para disputar a promoción. Volta daquela ao Berbés co que xoga na 3ª División, o que non impide que, en febreiro de 1946, se especule co interese de varios clubes americanos polos seus servicios.

 

           En xullo de 1946 participa na homenaxe a Sabino formando parte dunha selección que se enfronta ao Celta. Nese mesmo mes, xoga varios amigables co C. D. Redondela, voltando ao posto de dianteiro centro. Tamén se debía desenvolver ben nesta demarcación porque en maio de 1947 xogando cun terceira, o Turista, aínda foi quen de batir a Talladas II, daquela no Berbés. En outubro de 1948 presentábase como reforzo na dianteira do C. D. Redondela, sendo probablemente a súa derradeira tempada de curto.

 

           En 1950 aínda xoga en Vigo co seu irmán nun partido a beneficio da familia de Juanito e Balbino Clemente.

 

           En 1957 estréase como entrenador do C. D. Choco.

 

           A faceta menos coñecida deste deportista é a de xogador de water polo a mediados dos anos 30. Co Centro Recreativo de Redondela lle disputou ao Naútico da Coruña o Campionato Galego da Serie B en setembro de 1935, despois de vencer na Zona Sur.

 

Rafael López Ventín Cabezo I
Cabezo co Atlético de Madrid. Foto: Crónica (Madrid) 18-1-1931

 

 

Cabezo I”: López Ventín, Rafael (Cesantes 22-4-1905):

 

Defensa Central. Iniciouse en equipos de Redondela. En 1923 ficha polo Alfonso XIII, que lle permite xogar co redondelán Liga Popular ata o inicio da Copa Pontevedra, estando en ámbolos dous equipos acompañado no centro da defensa por Villar I. Co equipo pontevedrés proclámase campión da Serie B, disputando o título nacional. Mais o equipo non ascende por carecer de campo propio. No periodo vacacional participa como reforzo nalgún amigable co recén creado Redondela F. C. e tamén co Eiriña, no que coincide con Jaime Serín.

 

Na nova tempada o Alfonso XIII gaña de novo a Serie B e golea na promoción, pero segue sen poder ascender, polo que Cabezo decide deixar o clube.

 

Ao rematar a tempada, mentras agarda algunha oferta mellor, pasa á disciplina do Redondela F. C., co que se proclama campión da Serie C. En maio xoga co Alfonso XIII no campionato de Pontevedra. Tamén amosa o que sabe formando en amigables co R. C. Celta e co Pontevedra Athletic alá polo mes de xuño.

 

Pouco despois faise efectiva a súa fichaxe polo R. C. Celta, co que se convirte en titular indiscutible. Na súa primeira tempada acada o Campionato Galego, compartindo vestiario cos tamén redondeláns Serín e Nicha. O 14-8-1927 márcalle en partido de liga un hard trick ao R. C. D. Español (os 3 de penalty).

 

Entre medias a permisividade da época permítelle xogar algúns amigables nos periodos sen competición co Redondela F. C., co que chega a enfrontarse ao propio Celta en xullo de 1926.

 

En xaneiro de 1929, o Faro de Vigo asegura que un delegado do Barcelona F. C. se reuniu cos xogadores celestes Chicha, Polo, Vega e Cabezo. A principios de 1930, xunto a Chicuelo, cunha selección de Vigo vencen a dobre partido a outra de Oporto. Ao chegar o vran os rumores falan do interese de varios clubes como Real Madrid ou Valencia. Mentras Cabezo convértese nun dos destacados da Selección Galega que venceu á Selección Castellana, ao Sporting de Lisboa e ao, daquela campión de España, Atlétic de Bilbao. Pouco despois fichao o Atlético de Madrid, no que lamentablemente non o respetan as lesións e tan só pode xogar 5 partidos de Liga e 2 de Copa.

 

En agosto de 1931 forma parte dunha selección de xogadores galegos que se enfronta ao Deportivo de A Coruña, nun partido a beneficio do gardamallas Isidro, daquel clube. Nese mesmo mes se enfronta con outra selección ao R. C. Celta, na homenaxe ao xogador céltico José Hermida.

 

A mala tempada realizada en Madrid obligao a voltar ao R. C. Celta. Diferencias coa directiva celeste provocan a súa saída do clube en xaneiro de 1933, fichando polo Burgas F. C., de Ourense, co que xoga ata final de tempada. O equipo clasifícase para a promoción pero non acada o ascenso á Serie A.

 

En outubro dese ano desprázase a Madrid e Barcelona, dándose por segura a súa fichaxe por un dos grandes clubes. A operación non se concreta e remata outra vez no R. C. Celta, onde xoga ata a tempada 1935-36, ano no que o equipo celeste acadaría o seu primeiro ascenso á 1ª División, pero a Guerra Civil conlevaría a suspensión da competición.

 

A mediados de 1938 participa co Eiriña na Copa Cuerpo de Ejército de Galicia, liga na que compite contra o Celta, Deportivo e Racing de Ferrol.

 

Dende finais de 1939 e ata mediados de 1940, xunto ao seu irmán e Pierla, reforza o Redondela F. C. co que vence na Copa Stadium, en Ponteareas, e participa na Copa Pro-Campo, en Pontevedra.

 

En xuño de 1940 xoga contra o Celta nun combinado de ex-xogadores deste equipo nun partido homenaxe a Balbino. Non o debeu de facer nada mal porque en outubro de 1940, coa reanudación das competicións, volta ao R. C. Celta, pero atópase pechadas as portas da titularidade. Despídese definitivamente deste equipo ao remate da tempada. Dende 1928 (o clube non dispón de datos anteriores) marcou 3 goles en 39 partidos de Liga.

 

En febreiro de 1941 atópoo xogando un partido en 2ª co R. Betis, vencendo 3-0 ao Granada. En outubro dese ano conta cunha oferta en firme do Murcia, mais manténse á espera de que se concrete a súa fichaxe polo Betis.

 

Finalmente a contratación non se realiza e actúa como xogador-entrenador na Serie A co Vigués F. C., acadando o ascenso a Terceira, se ben o equipo acaba desfacéndose e cedendo a súa praza ao Berbés. En xuño de 1942 forma nunha selección que se enfronta ao Celta na homenaxe a Marcial. En 1943 volta a realizar a doble función de xogador-entrenador nun amigable cunha Selección de Redondela. Ese mesmo ano xoga cos veteráns do Celta no partido na honra de Nolete.

 

           Despois dun periodo sen equipo na nosa vila, en 1946, coa presenza de Cabezo, debuta na Serie A o C. D. Redondela. Inicia a seguinte tempada en Terceira co Berbés, pero pouco despois retorna ao C. D. Redondela, onde colgaría as botas.

 

En 1950 xoga co seu irmán nun partido a beneficio da familia dos xogadores célticos Juanito e Balbino Clemente. En 1954 era o entrenador do recente creado C. D. Choco, que xogaría ese ano contra o R. C. Celta nun partido homenaxe a quen tantos anos defendera as cores do conxunto vigués.

 

           O caracter de Cabezo queda reflexado na nota que fixo pública a Directiva do R. C. Celta o 20 de octubre de 1927: “El jugador de este Club Rafael Lópoz Ventín (Cabezo) ha sido castigado por esta Junta directiva con catorce días de suspensión de sueldo por haber incurrido, durante los entrenamientos de esta semana, en faltas graves de disciplina y de respeto hacia la representación de esta Junta cerca de los equipiers...”. Pero como había partido contra o Deportivo aos 3 días apareceu esta outra: “La Directiva del R. C. Celta nos comunica que en vista del buen comportamiento del equipier Rafael Lógez Ventín (Cabezo), y previo asentimiento del entrenador Mr. Cowan y por petición cariñosa del capitán del equipo en nombre de todos los compañeros del team y del mismo interesado, se le levanta el castigo que se le había impuesto. Con esto cree la Directiva satisfacer a la afición y complacer a Cabezo que mostró grandes deseos de alinear para el sensacional encuentro de mañana en Coya.”

 

          En Redondela cóntase del que nunha ocasión non acudiu a unha convocatoria coa selección española para un partido contra Arxentina, porque eran as Festas de Reboreda e daban empanada gratis. O máis probable (polos datos que manexo) é que en realidade fora o motivo polo que foi apartado do equipo reforzado do Celta que realizou unha xira Sudamericana en 1928, e que era considerado unha selección galega. Cabezo titular indiscutible figuraba entre os suplentes e non se desprazou, según nota do clube, por “un acto de indisciplina”. Sexa como sexa o que si hai de certo é que non chegou a debutar co combinado nacional.

 

          Despois de deixar o futbol abriu un bar na súa “Veiga de Ventín”, na actual Rúa Cabo dos Fumeiros, ao que puso o nome de “El Tablón”. Cando o viño era bo e lle quedaba pouco decíalle ao que quería unha taza: “Ese que queda aí é para min, fillo. Ti se queres toma do outro”. Dunha vez atopou a José Otero González (Mañas) en Madrid e este levouno a ver o Palacio Real, Museos, Igrexas... ao voltar contou que viña contento polo que vira, pero que pasara moita sede porque non lle deixara un momento para ir a un bar. Unha das súas frases máis famosas era: “O que traballos busca, malos traballos o persiguen”.

 

 

 

 

 

 

Neno”: Míguez Alfaya, Bernardino “El Tanque” “El León Gallego”: Dianteiro centro. Destacouse en Redondela moi xoven, o que unido á súa baixa estatura lle valeu o sobrenome de “Neno”. Na nosa vila xogou no Sporting Club. Emigrou a Cuba onde xogou en varios equipos da primeira categoría, chegando a proclamarse campión da liga cubana. Naquel país gañouse os alcumes “El Tanque” e “El León Gallego”. No vran de 1924, reforza ao Redondela F. C., xogando partidos importantes para o clube, coma un amigable no que se vence ao Eiriña ou, en outubro, o partido inaugural do Campo de Petán. Logo regresaría a Cuba, onde xa se atopaba en setembro de 1926.

 

 

 

Macoco. Foto: galegos.es
Macoco. Foto: galegos.es

 

 

Pazos: Pazos González, Francisco “Macoco” (Redondela, 31-10-1908):

 

Defensa. En 1927 formaba co modesto redondelán España F. C. Ese mesmo ano pasa ao titular da vila, o Redondela F. C.. Pronto se destaca e, en setembro de 1928 é probado polo R. C. Celta, xogando co equipo reserva un amigable co Vilagarcía. A fichaxe non se concreta e marcha ao Cultural Leonesa, equipo que xoga en Segunda.

 

          Despois dun breve paso polo equipo pontevedrés Eiriña, é requerido polo R. C. Celta. No clube vigués non xoga demasiado porque se atopa coa titularidade pechada por Cabezo e o internacional Pasarín. Debuta en maio de 1930 co C. D. Palencia, onde axiña se converte nun dos mellores do equipo. O clube acada o ascenso á Serie A e Macoco é sacado a ombros. Despois do fallido fichaxe do tamén redondelán Maniño, remata unha tempada na que alterna as actuacións na defensa e no mediocentro. Ofrécenlle a renovación pero decide marchar porque, en palabras do xogador, “a terriña tira”.

 

           Daquela ficha polo Orense F. C. acompañado por Maniño. Ao pouco de chegar, xunto con Lamas ten a mala sorte de sofrer un accidente de autobús, no que resultan feridos leves reaparecendo pouco despois. En 1933 o clube fusiónase co Burgas nacendo o Galicia S. C., co que segue a disputar a Serie A.

 

           En 1934 despois de xogar un amigables co Redondela F. C. marcha ao Unión Sporting de Vigo, mais o clube non conta con el e remata a liga xogando no Eiriña, onde coincide con Cabezo II. En agosto de 1934, antes do inicio da competición, con Pierla participa nun partido amigable co Tea F. C., de Ponteareas, enfrontándose ao Turista. En maio de 1935, forma parte dunha Selección de Redondela que xoga con outra da cidade de Pontevedra.

 

Volta a competir outra vez na Serie A, nesta ocasión co Lemos. O seu derradeiro partido neste clube sería a volta da promoción en febreiro de 1936, derrotando ao Sporting de Gijón cun insuficiente 2-0, pois perderan 1-4 na ida.

 

            Un pouco antes do inicio da Guerra Civil, foi fichado xunto a Talladas polo redondelán Emilio Cal, que era directivo do Galicia E. C. de Salvador de Bahía (Brasil). Naquela cidade casou, tivo seis fillos e alí residiu ata o seu falecemento o 18-10-1982.

 

 

Fª: Jaime Serín-Arquivo Audiovisual Concello de Redondela
Fª: Jaime Serín-Arquivo Audiovisual Concello de Redondela

 

Maniño”: Pérez Rivero, Alejandro (Redondela):

 

Medio. Cando menos dende 1925 forma co Redondela. F. C., co que continúa cando menos ata 1928. En setembro de 1930 grazas a Macoco ficha polo C. D. Palencia, pero despois dun mes a proba o clube prescinde dos seus servizos. Con este compañeiro marcha en agosto de 1931 ao Orense F. C. da serie A. Neste equipo comparten vestiario con Lamas e con Espada, xogador procedente do Redondela F. C. Precisamente é o Redondela F. C. o equipo ao que regresa en xullo de 1933, mais finalmente esa tempada acabou xogando no Porriño con Talladas. En maio de 1934, volta a aparecer xogando co Redondela F. C. Para a tempada 1934-35 pasa ao Eiriña, onde comparte vestiario con Cabezo II e Macoco. Finalizada a tempada, en maio de 1935, participa nun amigable cunha Selección de Redondela, nun intento de voltar a contar cun clube na nosa vila.

 

Puga. Foto Antonio Ocampo. Bodas de Oro.
Puga. Foto Antonio Ocampo. Bodas de Oro.

 

 

Puga: Puga Martínez, Segundo “Chicuelo” (Redondela): A finais de 1925 comeza a xogar co Redondela F. C., que lle permite xogar as veces con outro equipos da vila o España F. C.. En 1928 o Redondela F. C. renuncia a xogar a Serie B, por sentirse perxudicado porque equipos de Vigo inscriben como propios campos doutras vilas.

 

Coincidindo coa creación da Liga Española ficha polo Celta, co que xoga en Segunda. Co clube celeste gañaría o Campionato Galego dese ano, mais na Liga non tería continuidade, polo que despois de xogar algúns amigables ao final da tempada deixa o clube. Antes de abandoar o equipo formou parte con Cabezo dunha selección de Vigo que se enfrontou a dobre partido a outra de Oporto.

 

           Marcha daquela ao Orense F. C., onde con Lamas, acada o ascenso á Serie A, para a que se reforza o equipo con Macoco, Maniño e Redondela. Nos periodos vacacionais xoga co Redondela F. C. Pouco despois ficha por un clube daquela cidade, o Eiriña, no que xoga cando menos ata agosto de 1934, naquela cidade iniciaría os seus estudos de Maxisterio, profesión que compaxiará coa actividade deportiva. Apesares de figurar nun partido en maio de 1935 nas filas do Redondela F. C., nestes anos céntrase máis en practicar o waterpolo nos equipos da vila, chegando a figurar na directiva do C. N. de Redondela.

 

            Despois da Guerra Civil, xoga un amigable cunha selección de Redondela en 1943. Como veremos máis adiante, a mediados dos 40 destacouse como xogador de tenis e tenis de mesa. Xa veterán voltaría ao futbol co C. D. Redondela na 1948-49, emigrando a Arxentina ao rematar a tempada.

 

 

 

 

 

Redondela”: Rodríguez López, Juan “Rodríguez II” (Redondela, 1899/Río de Janeiro (Brasil), 1961): Interior dereito. En Redondela nos seus inicios era coñecido como “Rodríguez II” para diferencialo do seu irmán Manolo, pero nas alineacións dos equipos doutras vilas nos que xogou aparece como “Redondela” ou “Rodríguez”. Formouse en equipos de redondeláns como o Fénix F. C. e o Sporting Club. En 1920 vence no Capionato de España Militar co equipo do Regimiento de Murcia, corpo con base en Vigo. En 1922 comeza a xogar co Real Fortuna de Vigo. En decembro de 1922 é convocado para un partido do que sairá a Selección Galega que participará no campionato interrexional. O 11 de marzo de 1923, formaría no derradeiro partido do Fortuna fronte ao Real Sporting de Vigo, fusionándose pouco despois os dous clubes para que nacera o Celta. Nesta época tamén chegou a actuar como reforzo do Liga Popular de Redondela.

 

Pouco despois fichou polo Pontevedra Athletic Club, equipo da Serie A, debutando en xullo co tamén redondelán Julio Sánchez. Axiña comeza a destacarse como xogador e, en decembro de 1923, forma na Selección de Pontevedra, que se enfronta á Selección de Vigo. En 1924 foi cedido en varias ocasións ao Deportivo de A Coruña, co que en marzo enfróntase ao propio Athletic en Pontevedra. En maio xoga contra a selección de Uruguai, que preparaba a súa participación na Olimpiada na que acabou vencendo. En setembro, volta ao Depor para enfrontarse ao Español de Barcelona.

 

Na tempada 1924-1925 co Pontevedra Ath. sofre unha grave lesión da que reaparece en maio, o que non lle impide xogar 32 partidos de 43 posibles e marcar 21 goles, sendo o máximo goleador do equipo. Ao ano seguinte, en marzo de 1926 non ten piedade do Redondela F. C. e márcalle dous goles nun amigable. En maio é un dos destacados dunha selección de Pontevedra que perde 3-2 co Deportivo.

 

En agosto de 1926 o Athletic recibe a visita do Deportivo da Coruña como compensación pola súa fichaxe e a do seu compañeiro, Ramón Rey. Na súa primeira tempada neste clube convírtese nunha peza fundamental e acada o Campionato Galego, título que revalida na súa segunda tempada no clube.

 

En setembro de 1928 regresa á vila para formar parte do proxecto de convertir ao Redondela F. C. nun dos grandes equipos galegos. Pero o clube renuncia a participar na Serie B en protesta por permitirse a participación de equipos de Vigo que non contan con campo propio e inscriben como seu os doutros concellos.

 

Daquela volta á Serie A, como cedido ao equipo pontevedrés Eiriña. Para a seguinte tempada 1929-30 é fichado definitivamente por este equipo co tamén redondelán Macoco. Neste clube comeza a a xogar ás veces na defensa.

 

En agosto de 1931, coincide con Cabezo formando parte dunha selección de xogadores galegos que se enfronta ao R. C. Celta na homenaxe ao xogador céltico José Hermida.

 

En 1931 con Lamas e Chicuelo reforza ao Orense F. C. na promoción, acadando o ascenso á Serie A, na que non xogaría demasiado. Ao ano seguinte, xa veterán pasa a outro dos grandes clubes galegos da época, o Unión Sporting de Vigo, no que tampouco disputou demasiados minutos, actuando como central.

 

Nunca se esqueceu do seu pobo e ano tras ano, nos meses sen competición xogaba co Redondela F. C., como en xullo de 1926, cando disputa un amigable contra o Celta.

 

 

 

 

 

 

Sánchez: Sánchez Cadavieco, Julio (Redondela): Interior esquerda. A principios de 1922 xogaba co Auténtico Athletic, de Pontevedra. Entre maio e agosto dese ano forma co Alfonso XII. En Redondela formou parte do histórico Liga Popular. En xullo de 1923, xunto ao tamén redondelán Juan Rodríguez “Redondela”, debutou co Pontevedra Athletic Club, equipo da Serie A. Na tempada 1924-1925 con este equipo xogaría 34 partidos de 43 posibles e marcaría 13 goles, sendo o cuarto goleador do equipo. Este clube permitiulle xogar algún amigable co Redondela F. C. despois da súa creación en 1924. Para a tempada 1926-27 dábase por pechada a súa renovación pero a decisión do Athletic de non disputar a Serie A por non estar dacordo co calendario precipita a súa marcha do clube.

 

Daquela volta á vila co Redondela F. C., que militaba na Serie B. Remata a tempada co Endem, de A Coruña, sendo peza clave no ascenso á Serie A, categoría na que compite na seguinte tempada.

 

En maio de 1928 volta ao Redondela F. C. a requirimento da nova xunta directiva. Sería o primeiro dunha serie de reforzos ao que seguirán Juan Rodríguez e varios xogadores de equipos vigueses. Pero a creación dun gran equipo na vila desmoróase coa renuncia a xogar a Serie B, en protesta por permitirse a equipos de Vigo que non contan con campo propio, a inscribiren como seus os doutros concellos.

 

Dada a situación volta ao Endem, equipo no que seguía a finais de 1929, ocupando daquela a última praza da Serie A. Ao final da tempada evítase o descenso, pero o clube troca o seu nome polo de F. C. Coruña (non confundir co Deportivo).

 

Unha noticia de outubro de 1930, anuncia o debut no F. C. Coruña, de Sánchez procedente do Hércules, equipo modesto coruñés. Non puiden confirmar que sexa o mesmo xogador, pero todo indica que debe tratarse de Julio Sánchez porque ocupa a mesma posición no campo.

 

 

Serín Foto cedida J Serín-Arquivo Concello
Serín Foto cedida J Serín-Arquivo Concello

 

 

Serín: Serín Figueroa, Jaime (Redondela):

 

Medio. En Redondela xogou nos históricos Liga Popular e Redondela F. C. En xuño de 1924, con Cabezo e os irmáns Villar é cedido ao F. C. Pontevedra Athletic Club para xogar un amigable contra o Celta. Ese mesmo mes tamén xoga un partido con Cabezo no Eiriña, sustituíndo a un lesionado.

 

           Inicia a tempada 1925-26 no Redondela F. C., fichando coa liga xa empezada polo R. C. Celta. Alí coincide con Nicha e Cabezo e o clube vence no Campionato Galego. No equipo non ten continuidade o que unido ao cumprimento do servicio militar supón un parón na súa traxectoria futbolística. Non reaparecerá ata novembro de 1927, de volta no Redondela F. C., equipo no que seguía a xogar na 1932-33. A mediados dos anos 40, era o entrenador do C. D. Redondela, que disputaba a Serie A.

 

 

José Tunel Cabaleiro Talladas
Tallada. Foto: A Tarde 28-3-1988

 

Talladas”: Tunel Cabaleiro, José (Redondela, 3-8-1912): Porteiro. Nado o 3-8-1912. En 1930 aparece xogando no modesto equipo redondelán Cabezo F. C. De aí pasa ao titular da vila, o Redondela F. C. Logo sería fichado polo Porriño, daquela na Serie B, no que milita dúas tempadas. Ante a súa marcha este equipo agasallaríao cun partido homenaxe en marzo de 1935. No periodo vacacional xogaría en maio un amigable cunha Selección de Redondela e, en agosto, un campionato en Ponteareas co Redondela F. C..

 

          O seu seguinte clube sería o Union Sporting de Vigo, polo que ficha en agosto de 1935, si ben é certo que xa participara en maio con este clube nunha xira por Portugal, sustituindo na portería ao tamén redondelán Lamas. Con este equipo competiría na 2ª división na tempada 1935-36,

 

           Antes do inicio da Guerra Civil, en marzo de 1936, emigra a Brasil despois de que Emilio Cal o fichara xunto a Macoco para xogar no Galicia S. C. Ao finalizar a tempada forma parte dunha selección do estado de Bahía e as súas boas actuacións ábrenlle as portas do Flamengo. Neste clube xogou 18 partidos e coincidiu con grandes xogadores brasileños como Leónidas, Jarbas ou Natale, acadando o 2º posto no Campionato Carioca. Na seguinte tempada xogaría no Santos, co que entre 1938 e 1941 disputaría 68 partidos. En 1943 tenta fichalo o Vasco da Gama, pero acabou marchando ao paulista Jabaquara. Despois de dúas tempadas marcha ao Espanha, de Santos, onde sofre unha fractura de peroné.

 

          En febreiro de 1946, de regreso en Redondela marcha a Barcelona a probar polo C. D. Español, pero a fichaxe non se chega a concretar. Nesta época tamén se disparan os rumores dunha posible fichaxe polo R.C. Celta e, aínda en agosto, se asegura que pode estar na presentación da nova tempada. Finalmente todo queda en nada e poría punto final á súa carreira futbolística aos 34 anos.

 

Talladas II Fª: 1947 El pueblo gallego
Talladas II Fª: 1947 El pueblo gallego

 

Talladas II”: Túnel Cabaleiro, Santiago (Redondela): Porteiro. O primeiro dato que atopo del é como infantil en 1940 formando no Aspirantado, equipo da Juventud de Acción Católica de Redondela. O seu paso a senior coincide cunha época sen equipos na vila, polo que comeza a xogar no equipo vigués Arenas de Alcabre, que disputa a Serie C. En abril de 1943 xoga como titular nunha Selección de Redondela. A principios de 1944 pasa ao Rápido de Bouzas. Con este equipo proclámase campión da Serie A en 1945, perdéndose a promoción a Terceira por unha lesión. En febreiro de 1946 o seu irmán José, de vacacións en Redondela, tenta levalo con el a Brasil sen conseguilo. Tamén marcha con el a Barcelona a probar polo C. D. Español. En xuño xoga un amigable co C. D. Redondela, enfrontándose ao Turista.

 

Con 22 anos compite na Terceira División co Berbés de Vigo. En maio de 1947 volta a ter unha oferta para xogar en Brasil, no Galicia, equipo no que xa xogara o seu irmán, mais Santiago négase novamente a abandoar a súa terra. Despois dun paso fugaz pola Serie A, co Zeltia, de Porriño, regresa ao Berbés.

 

Logo pasaría polo Pontevedra, onde ten pechadas as portas da titularidade. A mediados de 1950, troca novamente de equipo e marcha, esta vez como titular, ao Arosa, de Terceira División. A principios de 1952, ficha polo San Lorenzo, de A Guarda, equipo máis modesto que xogaba a liga comarcal.

 

Redondela Nicha
Nicha. Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo

 

 

 

Nicha”: Villar Mínguez, Antonio “Villar II” (Redondela):

 

 

Dianteiro. Nos seus inicios en equipos de Redondela era coñecido como Villar II, por xogar tamén no equipo o seu irmán maior, José. Formou parte do histórico Liga Popular de Redondela. En 1924 xogaba no recén creado Redondela F. C., co que se proclama campión da Serie C, o que non lle impedía participar co Athletic de Pontevedra nun partido contra o Celta.

 

En 1925 os xornais comezan a referirse ao Redondela F. C. como “o equipo de Nicha”. A mediados dese ano xoga varios amigables co R. C. Celta (4 goles en 2 partidos) e o Athletic de Pontevedra.

 

Para a seguinte tempada, xunto con Cabezo, ficha precisamente polo R. C. Celta. O seu debut non podería ser mellor, enfróntanse ao C. D. Español do mítico Ricardo Zamora, marcándolle dous goles nun partido que remataría 5-0 a prol do Celta. Como dato curioso en xullo de 1926, enfróntase ao propio Celta, do que era xogador, nun amigable no que con Cabezo reforza ao Redondela F. C. O 27-11-1927 foi convocado coa Selección Española Amateur para enfrontarse á profesional en partido de preparación para as Olimpiadas de Amsterdam 1928. En 1928 xoga un partido cunha Selección de Vigo que se enfronta a outra de Oporto, tendo a mala sorte de fracturar unha perna. Esta grave lesión impídelle ter continuidade co Celta, e o clube decide prescindir dos seus servizos en 1930. Neste periodo co Celta gañou tres Campionatos de Galicia.

 

A piques de iniciarse a tempada 1930-31, Nicha recibe ofertas de varios clubes galegos, polo que o Celta envía a Redondela a un directivo para tentar contratar de novo ao xogador. Finalmente, chegan ao seguinte acordo: 1.000 pesetas, un soldo ao mes de 300 e, a conta do clube, un sustituto que atendera a súa perruquería os días que houbera desprazamento, tamén se recollía o aumento de soldo si daba un bo rendemento. En abril de 1931, o clube considerao un indisciplinado, mentras que Nicha reclama que se cumpran os termos acordados. Ao final chégase a un acordo e Nicha continua no clube celeste ata 1934.

 

Os seus números son espectaculares, 47 goles en 66 partidos oficiais, un gol cada 126 minutos un dos mellores promedios da historia do Celta. Dende o nacemento da Liga Española, en 1930 ata a súa marcha en 1933, marcou 15 goles en 19 partidos de liga, xogando na Serie A na 1930-31 e en Segunda nas seguintes tempadas.

 

Tras abandoar o Celta volta ao Redondela F. C., no que seguía a xogar en agosto de 1935.

 

Despois da Guerra Civil pisaría Balaidos en xuño de 1940, xogando contra o Celta nun combinado de ex-xogadores deste equipo nun partido homenaxe a Balbino. En 1954 aínda participaría nun partido de vellas glorias de Vigo e Pontevedra a prol do Fogar e Clínica de San Rafael.

 

 

 

 

Villar: Villar Mínguez, José “Villar I””Carracha” (Redondela): Defensa central. Formado nos clubes redondeláns, en 1923 formaba con Cabezo o centro da defensa do Alfonso XIII, de Pontevedra, que gañou a Serie B. O equipo daquela non podía subir por carecer de campo, pero puido disputar o Campionato de España como campión galego vixente. A principios de 1923 este equipo permitiulle xogar no Liga Popular de Redondela ata o inicio da Copa Pontevedra. En marzo de 1924 é cedido ao Eiriña para enfrontarse ao Celta ao que derrotan por 3-1. Chegado o vran xoga amigables co Redondela F. C., equipo recén creado. En xuño de 1924, xunto con Cabezo, Serín e o seu irmán Nicha reforzan o Athletic de Pontevedra nun amigable co Celta. Nese mesmo mes volta a ser prestado ao mesmo equipo, coincidindo nesta ocasión con Julio Sánchez.

 

Na seguinte tempada continúa no Alfonso XIII, proclamándose novamente campión da Serie B. Vencen na promoción por 7 a 0 ao Unión Sporting de Vigo, pero o equipo segue sen poder subir.

 

Rematada a competición volta a xogar amigables co Redondela F. C. En xuño de 1925 actuou como reforzo do Athletic de Pontevedra, co seu irmán e Cabezo, fronte ao Celta. Ese mes tamén xoga co Eiriña en dous partido, un deles en A Coruña no que venceron ao Deportivo por 3-1. En xullo volta a enfrontarse ao Depor formando parte dunha Selección dos equipos da cidade de Pontevedra. E por terceira vez, en novembro, derrota ao Depor por 1-0 co Alfonso XIII. Nesta última ocasión a gran laboura defensiva foi premiada polo público que sacou a ombros a Martín, Freire e o propio Villar.

 

Para a tempada 1925-26 pasa a formar parte do Artillería de Pontevedra, equipo que xurde como intento de crear un gran clube en Pontevedra con xogadores procedentes principalmente do Eiriña e o Alfonso XIII.

 

O equipo desfaise e volta a xogar co Alfonso XIII, abandoando o clube ao final da tempada por emigrar a Cuba.

 

En xaneiro de 1928, recén regresado de América, alíñase co Alfonso XIII, para enfrontarse ao Deportivo. Remata a tempada co equipo vigués Germania. Trala desaparición do clube ao rematar a tempada volta á nosa vila, fichando polo Redondela F. C. e traendo consigo a dous compañeiros do Germania, Vello e Fernández. Pouco despois o proxecto de crear un gran equipo esváese coa renuncia do clube a xogar a Serie B, en protesta porque os equipos de Vigo que non contaban con campo, estableceran como propios os de Moaña, Cangas e Bueu; co conseguinte perxuizo polo incremento nos gastos en desprazamentos.

 

 

 

 

 

2ª Metade do S. XX. A canteira do C.D. Choco.

 

En 1953 fúndase o C. D. Choco que vive a súa primeira etapa máis gloriosa no periodo 1960-66, xogando en Terceira 5 tempadas. Se temos en conta que ata a 1977-78 non se creou a 2ª B, podemos dicir que se codeou co mellor do futbol galego da época. Isto explica o salto de varios xogadores ao Celta pero, ademáis dos que enumero a continuación, outros que quedan no tinteiro probaron fortuna en equipos de Terceira como o Compostela ou o Arsenal, de Ferrol. Máis fortuna tería o xogador máis destacado desta época, Rubiñán, que vía Ourense e Deportivo chegaría ao Real Madrid.

 

 

Hortas co Celta 1978-79. Foto: www.todocoleccion.net
Hortas co Celta 1978-79. Foto: www.todocoleccion.net

 

 

Hortas: Hortas Vidal, Fermín “Gato” (Cesantes, 15.05.1954): Porteiro. Coñecido como o Gato dende os seus inicios nas categorías inferiores do C. D. Choco. Debutaría no primeiro equipo, daquela na Serie A, na tempada 1969-70. Ficharía logo polo Gran Peña (1975-1976) de 3ª División, debutando en segunda co R. C. Celta, no derradeiro partido de liga fronte ao Recreativo de Huelva.

 

           Para a seguinte tempada da o salto definitivo ao R. C. Celta (1976-1980), recén ascendido a Primeira. O seu papel limitaríase a ser suplente de Fenoy, contando con pouca oportunidades. Despois de descender e voltar a ascender, na 1978-79 comeza xogando tan só os partidos de Copa. Pero nada máis comezar o campionato unha lesión de Fenoy e unha gran actuación en octavos no Camp Nou, eliminando ao F. C. Barcelona, abriulle as portas da titularidade, non podendo evitar o descenso do equipo. A posterior fichaxe de Capó relégao de novo ao banquiño. En total na liga xogaría co Celta dúas tempadas en 1ª, xogando 20 partidos, e tres en 2ª, xogando 23.

 

          Despois de baixar o equipo a 2ªB, ficharía polo Linares (1980-1981) de 2ª, xogando tan só 6 partidos. Para a seguinte tempada ficha polo C. D. Ourense (1981-1991) de 3ª División. Na 1984-85 acadan o ascenso a 2ª B, categoría na que o clube se mantendrá ata a retirada de Hortas, na tempada 1990-91.

 

          Establecido en Ourense non abandoou o mundo do futbol exercendo varios anos como adestrador nas categorías inferiores. No 2011 voltaría ao primeiro equipo do C.D. Ourense como adestrador dos porteiros.

 

 

Miñán. Foto: Mundo Deportivo
Miñán. Foto: Mundo Deportivo

 

 

Miñán: Miñán Sobral, Fermín (Cesantes, 8.07.1949): Porteiro. Debutou en 1965 con 16 anos en 3ª división co C. D. Choco (1965-1969), xogando as tres seguintes tempadas con este equipo na Serie A Rexional. Voltaría a 3ª co Gran Peña (1969-1970) como porteiro titular. En maio de 1970 a lesión dos porteiros do R. C. Celta (1970-1971) provoca o seu debut na Copa do Rei fronte ao Barcelona ao que venceran 1-0 en Balaidos. Con pouco máis de 20 anos, mantivo a portería a cero na primeira metade, pero non puido evitar que o partido rematara 3-0. Apesares da eliminación a prensa eloxiaría a súa actuación.

 

Non xogaría máis co clube celeste sendo traspasado ao C. D. Castellón (1971-Marzo 1972) de 2ª. Neste clube tampouco conta con oportunidades e o final desta tempada a xoga como cedido no Barcelona Atlético (actual Barcelona B) de 3ª. De regreso ao Castellón (1972-1973), que ascendera a 1ª, tan só xoga amigables polo que en decembro de 1972 é cedido ao Villarreal C. F. de 3ª. Na 1973-74 ficha pola U. D. Alcira, recén ascendido a 3ª e que perde a categoría esa mesma tempada.

 

 

 

Germán co Racing de Ferrol. 1968-1969
Germán co Racing de Ferrol. 1968-1969

 

 

Germán: Muiños Lamas, Germán (Redondela, 9-10-1943):

 

Dianteiro. Formouse na canteira do C. D. Choco (1959-1962), debutando co primeiro equipo sendo aínda xuvenil e participando no ascenso a Terceira. Durante dúas tempadas foi convocado coa Selección Galega xuvenil. A 1962-63 iniciouna xogando na S. D. Ponferradina, tamén de Terceira, conseguindo13 goles en 16 partidos.

 

         Tan bo promedio abriulle as portas de Segunda División da man do R. C. Celta (1963-65), fichando o 31 de xaneiro de 1963 con tan só 19 anos. No que quedaba de liga marcaría 4 goles en 11 partidos. Ao ano seguinte o novo entrenador Joseíto apenas contou con el apesares da súa facilidade goleadora, xa que marcou 6 goles en tan só 9 partidos, 3 deles contra o Badalona. Na súa derradeira tempada no Celta tan só xogou un partido, rematando o seu paso polo equipo celeste con 10 goles en 21 partidos.

 

Fichou logo polo S. D. Compostela (1965-66), co que recibiu o Trofeo Veloso como máximo goleador de 3ª División con 38 goles.

 

         Voltou a Segunda co Racing de Ferrol (1966-73). Na súa primeira tempada neste equipo marcaría 16 goles. Na 1969-70 con este equipo chegaría ata cuartos de final na Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei) quedando eliminados co Valencia. Co cambio de entrenador na 1971-72 perdería protagonismo neste clube que acabaría por descender. En total marcaría co Racing en segunda 59 goles en cinco tempadas. Despois dun ano en terceira división (non había 2ªB) abandoaría o equipo.

 

         Fichou daquela polo Albacete (1973-74), que disputaba a Rexional Preferente.

 

Curiosamente o seu fillo, Germán Muíños Docampo, destacouse noutro deporte, o balonmán.

 

 

 

Gonzalo, co Choco en 1963 Foto El Pueblo Gallego
Gonzalo, co Choco en 1963 Foto El Pueblo Gallego

 

 

 

Gonzalo: Muíños Lamas, Gonzalo (Redondela): Extremo. Irmán de Germán. Formado no C. D. Choco destácase como xuvenil e comeza a xogar no primeiro equipo na tempada 1956-57. En marzo de 1957 é preseleccionado para xogar dous partidos en Madrid nunha convocatoria de 36 xogadores da que sairía o equipo que representaría a España no Mundial Xuvenil dese ano.

 

Comezan a chegar as ofertas, a primeira do Arenal de Santiago, que en maio dese ano xoga un amigable co Choco e que, como este, estaba inmerso na fase de ascenso a 3ª. A fichaxe non se concrearía, e marcharía finalmente á Ponferradina (1957-58), ao que seguirían C. D. Ourense (1958-59) e Turista (3ª, 1959-60).

 

Para a 1960-61 volta ao C. D. Choco que por primeira vez xoga en Terceira. Despois dun parón provocado polo cumprimento da mili en Melilla, volta ao C. D. Choco en 1962, conseguindo un novo ascenso a 3ª. Nesta división tamén xogou co Monforte de Lemos na 1965-66. Na tempada 1967-68 era o entrenador do Choco.

 

 

 

 

 

 

 

Carlos Muíños. Foto cedida por D. Reboredo
Carlos Muíños. Foto cedida por D. Reboredo

 

 

Carlos: Muíños Reboredo, Carlos “Carlos Dula” (Redondela, 17-08-1941): Dianteiro. Curmán dos anteriores. Despois de pasar por varios equipos infantís de Redondela, con 14 anos pasou a formar parte do C. D. Choco xuvenil, co que participou no Campionato de España de 1957. Ese mesmo ano co C. D. Choco acadou o Subcampionato Galego de Afeccionados.

 

        En 1958 e 1959, xogou coa Selección Galega Xuvenil, sendo no seu segundo ano o máximo goleador do equipo no Campionato de España, apesares de xogar de extremo esquerdo.

 

Deixou o clube para fichar polo Zeltia de Porriño (1959-60). En 1960 foi fichado polo R. C. Celta, onde tan só disputou algún amigable de pretemporada, sendo cedido ao C. D. Choco, recén ascendido a 3ª, para recuperalo en novembro para disputar o resto da liga de 2ª División (1960-61). Voltou novamente ao C. D. Choco, xogando en 3ª (1961-62). Na seguinte tempada pasou ao Pontevedra, de 2ª (1962-63). Tan só xoga 4 partidos pero o clube acada o ascenso a 1ª División. Na seguinte tempada (1963-64) segue sen contar con oportunidades, pero debuta en Primeira participando nun só partido celebrado o 2 de febreiro de 1964 contra o U. D. Levante, que remataría con empate a uns e Carlos lesionado. Voltou a 3ª para ascender na súa primeira tempada a 2ª co Racing de Ferrol (1964-1969). Logo regresaría ao C. D. Choco onde poría punto final á súa carreira futbolística.

 

        de adicarse ao futbol tamén se destacou como nadador, chegando a proclamarse campión galego infantil.

 

 

Paz-Choco xuvenil, 1963 Foto El Pueblo Gallego
Paz-Choco xuvenil, 1963 Foto El Pueblo Gallego

 

 

 

Paz: Paz Núñez, José Álvaro (Redondela, 1945): Extremo. Destacado xuvenil do C. D. Choco e da Selección Galega, comezou a xogar co primeiro equipo na Serie A na 1962-63, disputando a liga de ascenso a terceira. Para a seguinte tempada foi fichado polo Pontevedra, daquela en 1ª, quedando no Choco en calidade de cedido para disputar a 3ª División. En xaneiro de 1964, foi convocado pola Selección Nacional Xuvenil para xogar un amigable en Madrid contra o Sporting de Gijón, equipo de Segunda. En maio dese ano é requerido polo Pontevedra para xogar a Copa del Generalísimo (actual Copa do Rei).

 

A seguinte tempada 1964-65 é cedido ao Compostela, daquela en 3ª. Para a 1965-66 é pretendido polo Salamanca e a Cultural Leonesa pero non se concreta ningúnha fichaxe. Fai a pretemporada co Pontevedra, no que conta con poucas oportunidades, polo que regresa definitivamente a Santiago, xogando en 3ª co Compostela xunto a Germán e Araujo (Charrisco). Tralo descenso do equipo en 1970 volta ao C. D. Choco, que daquela disputaba a Primeira Rexional.

 

Cromo de Rubiñán.
Cromo de Rubiñán.

 

 

Rubiñán: Rubiñán Soutullo, Benito (Redondela 11-9-1949): Lateral esquerdo (tamén xogou como mediocampista e extremo esquerdo). Aínda xuvenil comezou a xogar na Serie A Rexional no equipo en que se formou, o C. D. Choco (1966-68). Neste clube era coñecido como Rubiñán III por coincidir con dous irmáns maiores e un máis xoven. En novembro de 1968 ficha polo C. D. Ourense (1968-1970) co que acada o ascenso a 2ª división. Pasa a xogar nesta categoría co Deportivo da Coruña, ascendendo a Primeira na súa primeira tempada 1970-71. Tralo descenso deste equipo na 1972-73 é vendido ao Real Madrid por seis millóns de pesetas e un partido do Madrid en Riazor. No clube branco xogou durante catro tempadas, sendo baixa no 1977 por ter a mala sorte de ter unha grave lesión e de triunfar no seu posto Jose Antonio Camacho. Coincidiu no clube branco con xogadores como Pirri, Amancio, Del Bosque, Breitner, Santillana ou Miguel Ángel. Acadou dúas Ligas e dúas Copas do Generalísimo (actual Copa do Rei). Os seus números no Real Madrid foron: Liga 70 partidos (6goles), Copa 17 (2), Copa Europa 5, Recopa 5 e UEFA 1.

 

          Ten daquela unha oferta do R. C. Celta pero finalmente marcha ao Burgos (1977-1980), nunha operación na que o Real Madrid fichaba a Juanito. Logo pasaría ao Murcia (1980-1981), no que colgaría as botas. Foron en total doce tempadas na Primeira división, nas que marcou 15 goles na Liga, moitos deles de falta.

 

          Despois dun tempo xogando ao futbol sala cos amigos, en febreiro de 1983 aínda aparece nun xornal o anuncio da súa volta á Primeira División no mediocampo do Deportivo da Coruña, pero a fichaxe non chegaría a concretarse. A partires dese momento tan só xogaría no equipo de veteráns do Real Madrid.

 

 

 

Picho na súa etapa no Sp. Covilhas Foto: www.ceroacero.es
Picho na súa etapa no Sp. Covilhas Foto: www.ceroacero.es

 

Suárez: Suárez Montero, Victoriano “Picho”. (Redondela 29-09-1930) Interior dereita. Futbolista redondelán que despois de pasar polos equipos modestos vigueses Castro C. F. (1947-48), C. D. Bouzas (1948-1949) e Casablanca (1949), en xullo de 1949 fichou polo Berbés (1949-1950) de 3ª división. O clube remata a tempada loitando pola permanencia, pero o bo xogo de Picho sírvelle para ser fichado polo R. C. Celta, daquela en 1ª División. A falta dun oco no equipo entra nunnha lista de arredor de dez xogadores que son cedidos. Marcha ao Gimnástica Lucense (1950-51), do grupo primeiro de 2ª división. O equipo despois dun mal inicio acabaría na parte alta da táboa con Picho de titular.

 

En xuño de 1951 regresa ao R. C. Celta, participando en varios amigables dese vran. En agosto, repítese a historia, sendo cedido desta volta ao Pontevedra (1951-52), de 3ª División. Apesares de amosarse máis goleador e ser un xogador de peso no equipo e ser o encargado de lanzar os penaltis, en maio de 1952, o Pontevedra non amosa interese pola súa continuidade. De volta en Vigo, o Celta concédelle a liberdade xunto a outros doce xogadores.

 

Xoga daquela no Deportivo Guardés (1952-53), na Serie A. Despois dunha boa tempada en setembro de 1953 proba polo Club Ferrol, pero a fichaxe non se chega a concretar.

 

         Volta a 3ª División co Turista (1953-54). Unha boa actuación ante o Arsenal, provoca que o Club Ferrol de 2ª división se decida finalmente a fichalo en xaneiro de 1954. O equipo remata a tempada en mitade da tabla, sendo Picho un dos destacados, apesares do cal abandoa o clube. En xuño de 1954 forma nunha selección viguesa patrocinada polo Celta, que se enfronta ao Viana do Castelo. O resultado sería de empate 3-3, sendo os tres goles marcados por Picho. A finais dese mes xoga co R. C. Celta en Redondela na homenaxe a Cabezo. En xullo participaría con outra selección viguesa fronte ao Turista, nun partido homenaxe.

 

         Daría o salto a Primeira división con 24 anos, co Hércules (1954-1955). Neste equipo non conseguiría facerse coa titularidade e tan só disputaría 7 partidos de liga, marcando un gol.

 

De aí pasaría á Primeira división portuguesa, xogando co Sporting Covilha (1955-1958). Na súa primeira participación na liga lusitana marcaría 21 goles en 24 partidos.

 

         Apesares de xogar no país veciño atopa tempo para xogar na nosa terra. En xullo de 1955, cunha selección de xogadores vigueses volta a enfrontarse ao Turista nun amigable, e un mes despois con outra selección xoga contra o Celta. En decembro de 1955, xoga co Celta nun partido co Pontevedra a beneficio do defensa Bahamonde. En xaneiro de 1956, xoga uns minutos cunha Selección de Suplentes do Celta e Real Madrid marcando o gol da victoria fronte ao equipo arxentino San Lorenzo de Almagro. En xuño marca dous goles co Celta nun amigable co Ferrol. Tamén en xuño reforza ao Orense no Trofeo Corpus daquela cidade. E a finais dese mes xoga nun combinado Turista-Celta nun partido homenaxe.

 

         Coa liga portuguesa 1957-1958 xa comezada, troca de equipo e pasa ao Belenenses.

 

En marzo de 1958, ficha polo Orense (1957-58), como reforzo para o final da tempada, debutando contra o Real Madrid nun partido homenaxe. Na promoción a segunda contra o Deportivo perden 2-1, marcando el o gol da honra.

 

         Regresa ao equipo lusitano, Sporting Covhilla (1958-1961). No computo total neste equipo xogaría en primeira 97 partidos e marcaría 66 goles. Das súas tempadas en Portugal destacar que foi máximo goleador da Copa con 15 tantos, sendo daquela o mellor rexistro dunha competición na que chegou a ser finalista, ademáis acadou o 2º e o 3º posto na Liga.

 

En xaneiro de 1961, cando contaba 30 anos, sofre unha fractura do tendón de aquiles que o mantén seis meses lonxe dos terreos de xogo. O equipo portugués concédelle a liberdade, pero deixándolle as portas abertas para regresar se o desexa. Volta daquela a entrenar en Balaidos, xogando nesta época varios amigables e partidos-homenaxe formando co Turista e en diversos combinados. En outubro de 1962, é probado polo C. D. Lugo nun partido contra o Sporting de Braga, mais a fichaxe non se concreta. O que semellaba o fin da súa carreira non foi tal, porque na 1969- 1970 aínda exercía como xogador-entrenador no Desportivo de Beja, da 2ª división portuguesa. Posteriormente emigraría a Brasil.

 

 

 

 

Xogadores do S. XXI. Actualidade.

 

Iago nun entreno co Huelva. Foto: www.marca.com
Iago nun entreno co Huelva. Foto: www.marca.com

 

Iago Bouzón: Iago Bouzón Amoedo (Redondela, 16/06/1983):

 

         Defensa Central. Pasou do Casa Paco ás categorías inferiores do R. C. Celta. Foi internacional nas categorías inferiores da selección española destacando o segundo posto no Campeonato Mundial Sub-20 (tendo como compañeiro a Iniesta) e o triunfo na Meridian Cup Sub-17.

 

         Debutou co primeiro equipo do R. C. Celta con tan só 16 anos na Copa do Rei fronte ao Ferrol, pero en Primeira non o fixo ata a tempada 2003-2004. Na tempada 2005-06 xoga no Recreativo de Huelva, co que ascendeu a Primeira ese mesmo ano e descendeu na 2008-09. Na 2010-11 foi fichado polo equipo chipriota Omonia Nicosia que se clasificara o ano anterior para xogar a fase previa da Champions. No 2012 un par de malas actuacións o relega ao banquiño. Decide daquela regresar a España, fichando polo Jerez de 2ª División. Para a 2013-2014 ficha polo Córdoba, onde acada o ascenso. Na seguinte tempada en Primeira, atópase a porta da titularidade pechada o que unido a ter que pasar polo quirófano fai que dispute poucos minutos. Na 2015-16 volta a 2ª co Club Gimnàstic de Tarragona no que actúa como titular.

 

 

 

 

 

 

Costas Foto Faro de Vigo
Costas Foto Faro de Vigo

 

David Costas: David Costas Cordal (Chapela, 26/03/1995):

 

Defensa. Deu as súas primeiras patadas a un balón no pavillón de Chapela, logo iniciouse no fútbol cos benxamíns do Chapela e xa alevín marcha para o Celta. Na tempada 2013-14 Luis Enrique faino debutar en Primeira co R. C. Celta, con tan só 18 anos. Ao rematar a tempada o troco de adestrador relégao ao banquiño. No vran de 2015 Luis Enrique tenta fichalo para o Barcelona B, que descendera a 2ªB, pero o Celta non quere desprenderse do xogador. Finalmente renova ata o 2019 e marcha cedido ao Mallorca de 2ª división. Para a 2016-2017 volta ao R. C. Celta, onde Berizzo non conta con el e ao abrirse o mercado de inverno marcha de novo cedido a 2ª, desta volta ao Oviedo onde se estrea como goleador.

 

 

Pablo Couñago co Celta Foto huelva24.com
Pablo Couñago co Celta Foto huelva24.com

 

 

Pablo Couñago: Pablo González Couñago (Redondela, 09/08/1979):

 

Dianteiro. O seu maior logro foi o Campionato do Mundo Sub-20, formando parte dunha selección española na que xogaban entre outros Casillas, Xavi e Marchena. Neste torneo recibiu a bota de ouro (máximo goleador) e o balón de bronce (terceiro mellor xogador).

 

            Formado na canteira de Casa Paco pasou ao Celta Xuvenil. Tras xogar no Celta B foi cedido aos equipos de Segunda División, Numancia (1998-99) e Recreativo de Huelva (1999-2000). O 15 de outubro do 2000 debutou en Primeira co R. C. Celta. Canso das poucas oportunidades que se lle daban neste clube, na tempada 2002-03 ficha polo Ipswich Town da Premier League inglesa, que ese mesmo ano descende á First Division (actual Championship). Despois de marcar 31 goles en 4 tempadas, volta á Primeira División española fichando polo Málaga no 2006 e que tamén descende.

 

No 2007 regresa ao Ipswitch Town, que segue na Championship. Nesta tempada marca un gol de calcaño que é considerado o mellor gol da liga Inglesa. O 21-8-2010 é cedido ao equipo londinense Cristal Palace, que tamén disputa a Championship.

 

Ao inicio da tempada 2011-2012 atopábase sen equipo. Despois de considerar varias ofertas decide marchar a xogar a Vietnam co Dong Tam Long An F.C. que milita na 2ª división. A finais do 2012 continúa a súa aventura asiática fichando polo Kitchee de Hong Kong. Alí comparte vestiario con tres galegos, Dani Cancela, Yago González e “Chino” Losada.

 

De volta a España e en espera de mellores ofertas, en novembro do 2013 ficha polo C.D. Choco, co que logra unha gran media goleadora. Para a seguinte tempada acepta a oferta de Shefki Kuqi, entrenador do F. C. Honka Espoo, e co que coincidira cando era xogador do Ipswich. Este equipo de Helsinki (Finlandia) xoga na 1ª división e está clasificado para a previa da Europa League 2014-15. Pablo desta volta marcha acompañado polos xogadores do C. D. Choco, Caloi e Yeray, e cos tamén galegos Martín Fernández (Barbadás) e o técnico do xuvenil B do Celta, José Luis Riveiro. Despois dunha boa tempada problemas económicos no clube fan que no 2015 os redondeláns marchen ao clube da Segunda finesa, Pk35 Vantaa.

 

No 2016 volta a Galicia, nesta ocasión ao Alondras, de 3ª división e adestrado polo seu amigo Jacobo Montes co que xa coincidira no C. D. Choco.

 

 

 

Yeray Couñago 2014 Foto: FC Honka Espoo
Yeray Couñago 2014 Foto: FC Honka Espoo

 

Yeray: Yeray Couñago Vilaboa:

 

Medio centro. Formado no C.D. Choco, equipo co que xoga en Preferente. Da o salto a 2ªB co Coruxo na 2012-2013. Voltando ao C. D. Choco, recén ascendido a Terceira para a 2013-2014. Ao rematar a tempada, con Pablo Couñago e Caloi, marcha a Helsinki a xogar co F. C. Honka Espoo, equipo que disputa a 1ª división e a previa da Europa League. Como xa comentamos, apesares de realizar unha boa tempada, problemas económicos no clube fan que no 2015 os redondeláns abandonen o clube, fichando por un segunda daquel país, o Pk35 Vantaa.

 

          No 2016 veuse con Pablo Couñago ao Alondras, de Cangas.

  

 

Lloves co Pontevedra Foto: Gonzalo García-Diario de Pontevedra
Lloves co Pontevedra Foto: Gonzalo García-Diario de Pontevedra

 

Lloves: Sergio Lloves Ferreiro (Redondela, 02/09/1987):

 

Porteiro. Da canteira de Casa Paco pasou polo Rápido de Bouzas, Coruxo e Pontevedra. No vran do 2013 fichou polo Olafsvik Vikingur da Primeira División de Islandia, para os últimos 6 partidos da liga. Tan corto periodo serviulle para recibir o premio ao mellor debutante e recibir unha oferta de renovación. Durante o parón invernal naquel país, en febreiro do 2014 aproveita para ir xogar co Villalonga C. F. de Rexional Preferente. Abandona definitivamente Islandia en xullo do 2014 voltando ao Pontevedra, onde se atopa a porta da titularidade pechada, pero o equipo acada o ascenso a 2ªB. Na 2015-16 continúa repetindo o papel de suplente, e ao abrirse o mercado de inverno tenta fichar por un equipo de Centroamérica pero a operación non chega a realizarse. Permanece daquela sen equipo ata que en xuño do 2016 volta a 3ª da man do Arousa.

 

 

 

 

 

Mateo. Foto: www.celtavigo.net
Mateo. Foto: www.celtavigo.net

Mateo: Mateo Míguez Adán (Redondela, 11/05/1987):

 

Mediapunta. Formado no Casa Paco pasou ás categorías inferiores do R. C. Celta con tan só 9 anos. Logo daría o salto ao Celta B e, o 13 de xaneiro do 2010, debutaría co R. C. Celta nun partido de Copa no que eliminarían ao Villarreal. Na tempada 2010-2011 sitúase como máximo goleador do Celta B, o que lle permite ter oportunidades en 2ª co primeiro equipo. Pero a sorte non lle acompaña e na 2011-12 ficha pola Ponferradina recén descendido a 2ª B. Este mesmo ano o equipo enfróntase ao Real Madrid na Copa do Rei e acada o ascenso a Segunda. Despois do seu paso pola división de prata para a 2013-14 volta a fichar por un equipo de 2ª B, o Guadalajara. Neste equipo non ten continuidade e marcha ao Coruxo, na mesma categoría.

 

En maio de 2015, marcha a Finlandia para xogar no Pk35 Vantaa, de 2ª división, xunto a Pablo Couñago, Caloi e Yeray. Para a 2016-17 volta a 2ª B co Coruxo.

 

 

 

 

 

Caloi e Couñago Foto globalgalicia
Caloi e Couñago Foto globalgalicia

 

Caloi”: Carlos Rodríguez Portela: Dianteiro do C. D. Choco, co que fai unha boa tempada en 3ª División. No 2014 con Pablo Couñago e Yeray ficha polo F. C. Honka Espoo, de Helsinki (Finlandia), equipo de Primeira co que disputan a previa da Europa League. Despois dunha boa tempada problemas económicos no clube fan que no 2015 os redondeláns marchen ao clube de 2ª, Pk35 Vantaa. No 2016 acompañ a Mateo ao Coruxo, de 2ª B, pero apenas conta con minutos e en xaneiro de 2017 volta ao C. D. Choco.

 

 

 

       

Outros

        

          A todos estes poderíanse engadir aos que chegaron a xogar en 2ª B como José López “Sesé” ou Roberto Lago, do Viso. Ademáis dos redondeláns que integraron ao C.D. Choco nestas últimas e exitosas tempadas. Entre os xogadores máis destacados dos derradeiros anos poderiamos citar a Roberto Casto Amoedo, Miguel Fernández “Migui”, Aitor Gómez, Rubén López “Tubo”, Pelayo Míguez ou Bruno Rivada.

 

 

Futbol Feminino

 

 

Fª Facebook da xogadora
Fª Facebook da xogadora

 

Mariló Ferreira Bemposta (Redondela): Primeira xogadora de Redondela en formar con equipos federados primeiramente de futbol sala e posteriormente de futbol. Chegou a xogar na 2ª Nacional. A maternidade non lle impediu seguir disfrutando da súa paixón e na tempada 2016-17 disputa a 2ª autonómica co U. D. Mos.

 

Ana González Foto apeneiradixital
Ana González Foto apeneiradixital

 

Ana González Rivera (Redondela, 08/01/1995): Porteira. Comezou xogando a futbol sala no C. R. C. de Redondela e iniciouse no futbol da man do C. D. Choco. No 2012, co Erizana C. F. de Baiona e con tan só 17 anos, foi elexida mellor porteira dos equipos galegos de 2ª división. Despois de dous tempadas neste equipo, para a 2014-15 pasa a defender as cores do Sárdoma, tamén de segunda. No 2016 segue nesta categoría fichando polo Deportivo da Coruña, equipo de recente creación que loita polo ascenso.

 

Pauleta co Olivo 2016 Fª J.Lores-FarodeVigo
Pauleta co Olivo 2016 Fª J.Lores-FarodeVigo

 

Paula Domínguez Encinas "Pauleta" (Saxamonde, 1997): Interior Dereita. Co Olivo, de Vigo, converteuse nunha habitual nas categorías inferiores da Selección Galega. Con este equipo proclamouse campiona de 2ª na tempada 2015-2016. Daquela marcha con catro compañeiras a probar fortuna na máxima categoría portuguesa co Sporting de Braga. A aventura sae ben e ás poucas xornadas o equipo xa lidera a clasificación por diante de Benfica e Sporting de Lisboa.

 

 

         

Os Colexiados

 

  •            

               O 14 de xaneiro de 1958 o colexiado que debía dirixir un Celta-Español non puido chegar a tempo, pitando o partido un colexiado de Redondela (o nome non é citado nos xornais da época). A súa actuación foi tachada de caseira xa que o partido foi gañado polo Celta por 1-0 con gol de penalty. En outubro do ano seguinte, o Xuvenil de Ponteareas quéixase de que o partido contra o C. D. Choco fora arbitrado polo señor Villasante, residente en Cesantes.

 

Bastos.  Programa Festa da Teixeira
Bastos. Programa Festa da Teixeira

      Jesús Bastos Martínez: Colexiado nado no Viso. Sendo colexiado da 2ªB unha folga dos colexiados de 1ª e 2ª propiciou o seu debut na máxima categoría dirixindo un Real Valladolid-Athletic de Bilbao. Logo pasaría a ser colexiado de 2ª e linier en 1ª. Retirouse no 2008.

 

Corpo Técnico

Solla Foto ceroacero.es
Solla Foto ceroacero.es

 

 

 

Juan José Solla Aguiar (Reboreda, 1975): Preparador Físico. Comezou a traballar como preparador físico dos xuvenís do R. C. Celta, de aí pasou ao Pontevedra (2ªB, 2006-08) e Cádiz C. F. (2ªB e 2ª, 2008-10). Seguiría en 2ª pero xa como segundo entrenador do Villarreal B (2010-11). Na tempada 2011-12 volta ao cargo de preparador físico e, sempre acompañando ao adestrador Javi Gracia, marcha ao equipo grego Olimpiakos Volos, que disputa a previa da Europa League, pero é descalificada por un escándalo de corrupción. No 2012 volta a España cun equipo de 2ª, o Almería, que acada o ascenso a 1ª. No 2013 pasa a outro primeira, o Osasuna. Nas dúas seguintes tempadas continuou na máxima categoría co Málaga C. F. (2014-2016). No 2016 segue a contar coa confianza de Javi Gracia co que marcha a Rusia para facerse cargo do FC Rubin Kazan.

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 18-05-2017

 

 

BIBLIOGRAFÍA.

 

Galicia, 3-xuño-1926.

 

El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

 

Faro de Vigo. 27/08/2000 páx.14 e 3/9/2000 suplemento Faro Domingo pax. 4 e 5 artigo de Jaime Conde.

 

http://www.csbg.net/

 

A Tarde 28-3-1988 (Brasil)

 

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

 

Atlántico Diario: http://www.atlantico.net/hemeroteca.php

 

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

 

Caderniños do Instituto de Chapela. Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.

 

Coordenador: X.M.González Fdez.

 

Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo.

 

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

 

Arquivos dos Equipos: R. C. Celta, Atético de Madrid, C. A. Peñarol.

 

Aportacións Cándido Orge

 

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallegoo, El Diario de Pontevedra, La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia, El Correo de Galicia, Vida Gallega, Galicia diario de Vigo, La Integridad diario católico, El Noticiero de Vigo, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Progreso...

 

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Gran Vida, La Esfera

 

www.ceroacero.com

 

www.bdfutbol.com

 

http://www.hi20.es/

 

Diario do Alentejo

 

Programa da Festa da Nosa Señora dos Dolores da Teixeira (O Viso) 2004.

 

Enciclopedia Galega da emigración- Lois Pérez.

 

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    Jesus Bastos Martinez (miércoles, 11 abril 2012 13:15)

    Hola, acabo de ver la pagina web por primera vez, quiero daros mi felicitacion por la recopilacion de tantos y tan importantes datos. Tambien es la primera vez que puedo informarme de los redondelanos que de una o otra forma consiguieron destacar en el mundo del futbol.
    Por ello quiero ponerme a vuestra disposición por si os puedo ser de ayuda para ampliar cualquier información respecto a la que mostrais de mi o cualquier otra. Mi telf. 629 40 17 17
    Gracias y un fuerte abrazo.

  • #2

    Anecdotario Redondelán (viernes, 13 abril 2012 10:47)

    Gracias Jesús polo teu interese, por desgraza sodes poucos os que vos ofrecedes a colaborar. Se queres aportar datos ou fotos faino mellor no e-mail superjmi@hotmail.com Seguimos en contacto. Saúdos.