Outros deportes

Baloncesto

           O primeiro equipo de baloncesto da nosa vila foi o de Frente de Juventudes de Falange de Redondela, ao que atopo xogando en maio de 1953 nas festas de San Isidro en Caldas de Reis contra o titular de dita organización daquel pobo.

 

A S.A.R., fundada no 1963, contaba nos seus inicios cun equipo de mini basquet, organizando en 1965 o I Trofeo SAR.

 

En 1970 un equipo de baloncesto de Chapela participa nos II Juegos de Vigo, campionato de parroquias no que Chapela representaba á barriada de Teis.

 

Os éxitos do baloncesto español a partires dos anos oitenta fan rexurdir este deporte na vila. Organízanse campionatos locais ao aire libre e, en 1992, celébrase un campus impartido polos xogadores Anicet Lavodrama e Mike Schlegel. Todo isto serviría de base para a creación do Club de Baloncesto Redondela (C.B.R.), equipo de curta vida por mor da falta de recursos apesares da gran actividade desempeñada coa organización de varios campionatos. Os seus xogadores máis destacados serían:

 

Álejandro Vieitez "Alex". Despois de pasar polo CBR e Arcade (1ª e 2ª autonómica), xogaría co Estudiantes de Pontevedra en 1ª autonómica, Adesa (Vigo) en 2ª nacional.

 

Fernando Carreira "Cuchi". Xogaría tamén no CBR e Arcade, fichando despois por un equipo de Vigo e posteriormente por un de Barcelona, a onde se trasladou por estudios.

 

Miguel Ángel Fabre Couñago (O Viso). Saiu do CBR para fichar polo Frigolouro, de Porriño, ata que un grave problema de visión rematou coa súa carreira deportiva.

 

Outros xogadores do CBR que formaron co Arcade serían Román Alfaya e Roberto "Pirú".

 

Non é descartable que anteriormente e por proximidade formaran co Arcade máis xogadores redondeláns así como nos equipos das empresas Pontesa, ubicada en Pontesampaio, ou Vulcano, en Vigo.

 

As actividades extraescolares no C. P. Alexandre Bóveda (Angorén-Chapela) serviron de base para a creación en 2008 dunha nova entidade deportiva co mesmo nome que a anterior, Clube de Baloncesto Redondela (C.B.R.). O traballo de canteira comeza a dar os seus froitos e en decembro de 2013 logrou formar un equipo en categoría sénior.

 

 

cbredondela.blogspot.com

 

Billar

Escudo CCR Chapela.
Escudo CCR Chapela.

          

           

           A práctica do billar en Redondela remóntase ao século XIX. Na Matrícula Industrial de 1885-86 pódese ler: "Juegos públicos permitidos. Domínguez, Marcelino. Billar con una mesa. Alfonso XII." Na de 1896-97 consta Santos Lago como propietario dunha mesa na mesma rúa e, no de 1902, tamén nesa rúa Dolores Añón.

 

          O primeiro campionato de billar do que teño constancia, celebrouse no Centro Republicano de Redondela onde, en agosto de 1934, realizou unha exhibición o campión vigués Palacios.

 

             Na competición de Educación y Descanso, de agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

 

Centro Recreativo y Cultural de Redondela. En 1969 José María Álvarez, vence no Torneo Intersocial e no Campionato Provincial de Terceira Categoría modalidade libre, celebrados en Vigo. Nese mesmo ano o CRC de Redondela celebrou o I Torneo de Navidad de Billar, no que Álvarez e Míguez se enfrontaron a membros da sociedade La Oliva de Vigo.

 

Circulo Cultural Recreativo de Chapela. Equipo creado en 1967, prácticamente ao mesmo tempo que a sociedade. En 1968 participa no campionato rexional de segunda categoría con Luis Melón Álvarez e José María Álvarez Vázquez. En 1969 no campionato provincial de terceira categoría modalidade libre acada o quinto posto M. Baca. Nos anos 80, organiza competicións e acada varios campionatos provinciais por medio de xente como Carou, Salas... Despois dun parón, a finais dos 90 comeza a organizar campionatos provinciais entre outras competicións. A partir do 2004 comeza a celebrar probas de máis categoría como Campionatos Galegos Absolutos. No seu palmarés conta con títulos a nivel galego tanto por equipos como individualmente, principalmente na modalidade de Tres Bandas. Entre os seus xogadores máis destacados podemos citar a José F. Lozano ou a Rogelio Fortes.

 

Actualmente (2016) compiten no grupo B da Segunda División xunto ao Megarit de Madrid, Hervás de Cáceres, Valladolid e Círculo das Artes de Lugo.

 

 

 

 

 

Bolos Celtas

            

           Cando menos ata os anos 20 e 30, do pasado século, tanto no concello de Redondela como no de Soutomaior, onde se segue a practicar, celebrábanse campionatos dominicais de ámbito comarcal que sempre remataban coa celebración dun baile.

 

Eran organizadas por iniciativa particular como a que tivo lugar en outubro de 1926 no lugar do Carreiro de Padrón, na parroquia do Viso. Participaron equipos de Ventosela, Reboreda, O Viso, Cesantes, Arcade e Soutomaior, disputándose dúas medallas de ouro e dúas de prata, cedidas por un rico comerciante de Río de Janeiro que daquela residía no Viso. O campo fora reformado para a ocasión e tíñase previsto un establecemento de comida e unha banda de música. A finais dese mesmo mes na carballeira do Val, no veciño concello de Soutomaior, o concelleiro Valentín Fernández promocionou un concurso. No escaparate do seu comercio expuso as medallas de ouro e de prata polas que ían competir equipos das mesmas parroquias que no concurso anterior.

 

Nun artigo de finais de 1928 dáse conta da organización doutro campionato no Viso.

 

Tamén se xogaba en Ventosela, onde en agosto de 1933, promovido por David López González, industrial desta parroquia, participaron equipos de Cesantes, Reboreda, Quintela,Ventosela e O Viso, gañando o único equipo fóráneo, o Soutomaior.

 

En maio de 1934 celébrase un campionato por parellas. Entre os catro equipos finalistas atopábanse os de Cesantes e O Viso.

 

Na parroquia de Reboreda existía nun torreiro, entre bancos e xardíns, un lugar disposto para a práctica deste deporte tradicional. O “Cruceiro do Campo dos Bolos” danos unha idea da ubicación do terreo de xogo. Ademáis o topónimo A Carambola, parece ser que está vinculado a este deporte.

 

 

 

 

 

Campionatos Militares

 

            Anteriormente xa demos conta das participacións de redondeláns en campionatos militares en disciplinas como atletismo, boxeo, futbol ou natación. Ademáis destas existen outras modalidades máis propias do espíritu militar. Poderiamos citar aquí a Gustavo Saavedra, campión de España de lanzamento de granada nos anos 90, ou a Javier Díaz Rodríguez, que no campionato provincial de tiro na modalidade de pistola 9mm.-Senior, rematou 2º no 2016 e 17; e 3º no 2015.

 

 

 

A Chave

 

          A Chave é un xogo popular do que é complicado establecer cando se comezou a practicar en Redondela porque os campiionatos organizados non transcenderon aos xornais ata a segunda metade do s. XX. A primeira referencia que atopo é nos Xogos de Vigo de 1970, cando venceu nesta disciplina a S. D. Chapela (A Madroa). Ao ano seguinte debuta na liga local viguesa Los del Torreiro, tamén de Chapela.

 

 

 

 

Equipo de chave da S. D. Chapela vencedor dos Xogos de Vigo de 1970.

 

Foto: Gobar. El Pueblo Gallego

 

Deporte Canino

Foto cedida por Gonzalo Figueroa
Foto cedida por Gonzalo Figueroa

 

Cada vez son máis os redondeláns que compiten coas súas mascotas. Destacaremos neste apartado a:

Gonzalo Figueroa Couñago, natural de Ventosela e establecido en Mostoles (Madrid). Coa súa cadela U-La, practican o deporte chamado Obediencia FCI aínda que en España coñécese polas siglas OCI. Foron Campións da Copa de España 3 veces, nos anos 2009, 2011 e 2012 e Subcampións neste ano 2015. Neses mesmos anos representaron a España no Campionato do Mundo, sendo en 2009 e 2011 os únicos españois participantes. No ano 2012 en Salzburgo, acadaron a súa mellor clasificación, o posto 38 de 100 participantes. Gañaron tamén en Portugal o Trofeo "Fernando Galhoz" de Obediencia FCI nos anos 2012 e 2013, quedando 3° no 2011. Ademáis, Gonzalo é Xuíz e Comisario, organizando e impartindo cursos e seminarios deste deporte.

 

Deporte Discapacitados

Equipo Campión de España Futbol Sala 2010. Foto: racingchapela.blogspot.com
Equipo Campión de España Futbol Sala 2010. Foto: racingchapela.blogspot.com

 

          No 2005 fundouse o Racing Club Chapela, coa finalidade de fomentar o deporte de disminuidos psíquicos. No 2008 xa acadara o campionato de Galicia en deportes tan diversos como o baloncesto, natación ou tenis de mesa, sendo finalista en outras disciplinas. Na actualidade seguen aumentando o seu palmarés con campionatos de España en diferentes modalidades. Destacan os nadadores Loira Fernández e Mauro Rodríguez, que ademáis de vencer en varias probas dos campionatos de España, participaron por primeira vez nun Mundial no 2014.

 

           Pola súa banda os membros da Asociación Lenda, xa venceron en tres ocasións na súa liga de futbol sala. Ademáis practican outros deportes como natación, tenis ou running.

 

Deportes de Praia

 

         En abril de 1970 iníciase a XIV edición dos campionatos de praias de balonmán de Vigo, onde debuta o S. D. Chapela e no que tamén participa o Tesoro de Rande, que chegaría á final. Naqueles anos tamén competía o Choquiño pero ata o de agora non puiden establecer se o equipo ou algúns dos seus xogadores foran redondeláns. Ese mesmo ano en xuvenís participa o At. Chapela.

 

         A Enseada de San Simón é ideal para a práctica do Wind Surf. Ademáis de disputarse varias probas, contamos cun equipo, o Catapeixe Windsurf Team. Nos últimos anos tamén está gañando adeptos o Kite-Surf, celebrándose no 2012 o I Encontro Kitesurf.

 

        A estes deportes habería que engadir a organización na Praia da Punta e na de Arealonga de campionatos doutras modalidades como Balonmán-Praia, Voley-Praia, Futbol-Praia ou Fut-Voley.

 

Hockey Herba.

 

En marzo de 1959 da inicio o campionato de España que se celebraría nos campos de Vista Alegre, en Vigo, e o de Santa Mariña, en Redondela. No noso Concello os primeiros partidos serían R. C. Polo de Barcelona contra Real Tenis de Santander, e Alerta de Vigo fronte ao Almirante de Burgos. Campionato curioso aquel se temos en conta que o noso campo non tiña herba.

 

 

 

Hockey Patíns.

         

          O pioneiro deste deporte en Redondela foi o Choco (non confundir co clube de fútbol), que en xuño de 1959 xoga a final do campionato Galego xuvenil, enfrontándose ao Orense.

 

Tomou o relevo o Rayo Hockey Club, que debutaba en categoría xuvenil na tempada 1960-1961 e, ao ano seguinte, tentaba sen éxito formar un conxunto senior para disputar a 2ª división galega. En 1962 o equipo xuvenil estaba formado por: Romero, Fontano, José Carlos, Eduardo e Raúl.

 

En novembro de 1968 a S.A.R. forma un equipo de hockey sobre patíns, nunha época na que en Galicia tan só contaban con equipos de hockey A Coruña, Vigo e Ponteareas. Os partidos, coma os de balonmán, xogábanse na pista da Xunqueira. No seu primeiro ano, 1969, a SAR quedou 2ª nos I Juegos de Vigo, enfrontouse ao Laincobre na 2ª eliminatoria da Copa del Generalísimo e disputou a recentemente creada Segunda División Nacional con: José G. del Moral, José Luis Souza, José C. Gunche, Juan José Muíños, Ángel Martínez, José María Álvarez, Dosi e Francisco Soto. Ese ano con motivo da inauguración das melloras da pista da Xunqueira disputaron un campionato a SAR, o Traviesas de Vigo (campión galego) e os portugueses Oquei Clube de Barcelos e Vitoria Sport Clube. Ao ano seguinte formaban o equipo: Juan José, José María Gunche, Francisco Soto, Dosi, Geli, De Haz, Ángel Martínez, Carreira, Juan Araujo e Bernardo Soto.

 

En xullo de 1969 presentouse o equipo xuvenil aliñando a: Pedro, Ángel, De Haz, Javier, Victoriano e Cal.

 

En abril de 1970 disputou o seu primeiro partido o equipo infantil empatando co Traviesas de Vigo, campión provincial, ao que derrotou en xullo no I Trofeo SAR de Hockey Infantil. A aliñación estaba composta por: Jacinto, Nao, Tonio, Juan José, Marcos e Villadangos. Suplentes: Paulino, Marzabal, Bernardo e Cote.

 

            En 1970 celebrouse o I Trofeo Groba de balonmán e hockey, enfrentándose o equipo infantil contra unha selección provincial e o senior contra o Traviesas de Vigo, campión galego. Por desgraza sairon derrotados os dous equipos. Foron obsequiados cun reloxo os mellores xogadores locais: Juan José, infantil, e José María Álvarez, senior.

 

Jiu-Jiutsu

 

         No 2015, Sergio Pérez Couñago proclamouse subcampión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro e no momento de escribir estas liñas atópase buscando finanzamento para acudir ao Mundial.

 

Sergio Pérez Couñago subcampión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro2015. Foto: Facebook do deportista.
Sergio Pérez Couñago subcampión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro2015. Foto: Facebook do deportista.

Loita libre e Greco-Romana.

 

Nos seus inicios a S.A.R., fundada no 1963, tivo equipo de loita libre.

 

Dentro as festasdo programa das Festas da Coca de 1971 celebráronse dous combates de loita Greco-romana. Plumas: Amadeo Vilas-Enrique Fernández. Ligeros: Manuel Roca-José R. Blanco.

 

 

Montañismo

 

           Como en todos os deportes individuais é difícil atopar información dos escaladores e os seus logros establecendo o seu lugar de nacemento. Destacaremos neste apartado a Jose Carlos Lorenzo Caeiro, que no 2010 corou o cume do pico Lenin de 7.134 metros acompañado da súa parella, a viguesa Ana Rodríguez Pedrido, que se converteu na primeira muller en conseguilo. Tamén escalaron o Mont Blanc e o Aconcagua. Os dous pertencen ao Club Montañeros Celtas.

 

Ana Rodríguez e J. Carlos Lorenzo Foto: Atlántico Diario
Ana Rodríguez e J. Carlos Lorenzo Foto: Atlántico Diario

Motociclismo

            En xullo de 1952 unha carreira de motocicletas con saída e chegada a Vigo, daquela deporte novedoso en Galicia, pasaba por Redondela entre outras vilas.

 O Motoclub Redondela, entre outras actividades, organizou nos anos 90 unha proba do Campionato de España de Trial, no que os afeccionados puideron seguir ao campión mundial Jordi Tarrés. Máis recentemente teñen xurdido novos colectivos de afeccionados ás motos como Custom Moto Club ou Los Vespartanos.

             Entre os pilotos afeccionados citar a Roberto "Tiriti", falecido no 2014 ao sufrir unha caída cando se atopaba escalando o Aneto. Fundou T.T. Rande, asociación que creou unha plataforma reivindicando a construcción dun circuito en Galicia.

 

Motonaútica.

         Na modalidade de embarcacións PR-550, Juan Carlos Solla e Jose David Álvarez, do Club Pereira Racing Team con sede en Chapela, acadaron o 2º posto no Campionato Mundial do 2007 e gañaron o Campionato Galego no 2008 e 2010. Xa como piloto, Jose David Álvarez formando parella con José Francisco Álvarez, acadaron no 2011 o 3º posto no Mundial e no Cto. de España co equipo ADC Rande. No 2014 venceron no Cto. Galego. Ese mesmo ano José David Álvarez impúxose na World Series de motonáutica.

          Pola súa banda, Sergio Pereira Millos, natural de Chapela, comezou tamén en PR-550 no Club Pereira Racing Team. Proclamouse campión galego no 2007 con Francisco José Pereira. Formando parella con David Pereira acadou o 3º posto nos Campionatos Galegos de 2010 e 2011. No 2014 con Javier Quintas repite o 3º posto no Cto. Galego. No 2015 acompañando como copiloto ao catalán Josep Mª Izquierdo no equipo do Club Nàutic Garraf, Sergio Pereira venceu no Campionato de Europa na modalidade Endurance Class B. En xullo dese mesmo ano rozaron o podium cun 4º posto no Mundial celebrado en Venecia.

         Por último citar que no 2012 celebrouse na Enseada de San Simón a II Proba Trofeo Galicia-Norte de Portugal nas categorías de motos de auga, rallyjet e neumáticas PR-550.

 

David Álvarez gañador en Corea do Gran Premio de Incheon 2014

Foto Faro de Vigo

Orientación

 

          No 2008, máis de 60 equipos de toda España participaron no Gran Premio Concello de Redondela, 4ª etapa da Boomerang Orientaventura, despois das celebradas en Navarra, Jaén e Salamanca. A proba consistiu en sumar o máximo número de puntos acudindo coa axuda dun mapa é unha brúxula a diferentes postos de control para lanzarse en tirolina, correr en bicicleta de montaña ou navegar en canoa.

 

Padel

 

         Nos derradeiros anos foi aumentando o número de veciños de Redondela que acudían a Soutomaior a practicar este deporte. A demanda de instalacións provocou o inicio da construcción no 2015 de pistas de padel no entorno da Marisma.

 

 

 

Paracaidismo

Carlos Aula. Foto: La Vanguardia
Carlos Aula. Foto: La Vanguardia

 

 

Carlos Aula Cabaleiro, nado en Redondela en 1951 e destacado informático de profesión, foi fundador e presidente da sección de paracaidismo do Aeroclub Barcelona-Sabadell, e campión de Cataluña de paracaidismo en saltos de precisión e figuras en caída libre.

(Ver Persoeiros>Empresarios)

 

Patinaxe Artístico

 

          O éxito do equipo de hockey a patíns levou á SAR a crear unha escola de patinaxe para nenas e nenos en decembro de 1969. A pesares destes esperanzadores inicios teríamos que agardar ata ao cambio de século para o relanzamento deste deporte na vila coa creación do C. P. Bolboreta. Entre os seus primeiros éxitos citar o segundo posto acadado no XV Trofeo Latina de Grupos Show, celebrado en Madrid no 2012. Tamén citar o traballo de canteira realizado coa organización de equipos en diferentes centros escolares.

 

Petanca

 

           Dende hai anos contamos cun equipo de petanca na parroquia de Vilar de Infesta, que deambula entre a Primeira e Segunda División. A principios do presente século, construíronse dúas pistas de petanca na rúa Ernestina Otero, creándose outro clube que participou varios anos en Segunda antes de desaparecer.

 

            Na actualidade (2016) contamos con catro equipos federados. O aumento da afección levou ao Concello a organizar no 2016 na Alameda o Campionato Galego de Dupletas Mixtas.

 

Piragüismo

 

           É moi difícil atopar datos desta disciplina. Como xa citei no apartado adicado ao atletismo atopamos a Víctor Lores, natural de Vigo e establecido en Redondela, practicando o piragüismo en 1935 na categoría por parellas.

 

Rally

Carlos Martínez e os seus amigos. Foto: Faro de Vigo
Carlos Martínez e os seus amigos. Foto: Faro de Vigo

 

              

        A primeira referencia atopada foi a celebración dun Rally en Redondela en 1971. Nesta década a nosa vila xa aparece no itinerario do Rally Rías Baixas.

 

         Nos anos 80 formouse a primeira escudería da vila, Pantalla Sport. Eran tempos no que o humor e o motor ían da man en Chapela, onde se celebraba o Parida-Car, organizado polo Altamira Club.

 

        Foron moitos os que de xeito afeccionado practicaron este deporte, nos derradeiros anos podemos citar aos seguintes:

 

             Carlos Martínez “Kali”. No 2009 este piloto e os seus amigos posaron espidos para un calendario co que acadar fondos para o seu coche.

 

Adolfo Queimaliños. No 2015 volta as carreiras, retomando un proxecto que abandoou despois do Rally Rías Baixas do 2010.

 

             Diana Alonso. No 2016 participará na Copa Suzuki Swift, como copiloto de Javier Andrade.

 

            No 2013 organizouse a I Ginkana de Trasmañó, na que participaron pilotos de diferentes categorías: tracción dianteira e traseira, todoterrenos 4×4, quads, motos e kart cross. No 2015 celebrouse a quinta edición.

 

 

 

Rugby

   

          En decembro de 1960 anúnciase o inicio da Liga Galega de Rugby con tan só 3 participantes: Celta de Vigo; Universitario de Santiago e Choco de Redondela. Días despois reuníase o preparador físico nacional coa directiva do C. D. Choco para tentar forzar a creación deste equipo, mais o proxecto foi rechazado polo alto custe que lle suporía ao clube.

 

Taekwondo

    

           Este deporte despuntou na nosa vila trala apertura a finais dos anos 80 do ximnasio Do-yang e posteriormente tamén o Jo-con, xa desaparecido. O primeiro destes está a acadar moi bos resultados en categorías inferiores, mais ata o de agora non destacou ningún deportista nado en Redondela. En xuño do 2008 celebrouse o primeiro Hipotrofeo Vila de Redondela de Taekwondo con participantes de categoría benxamín, alevín, infantil e cadete.

 

 

 

Tenis

       

          Apesares de practicarse con anterioridade, non sería ata despois da Guerra Civil cando a práctica do tenis se popularice en Galicia. O primeiro campionato galego celebrouse en 1940. As competicións centralizábanse en Vigo e A Coruña, polo que os redondeláns que practicaban este deporte acudían a competir á cidade olívica. O motivo de que nos seus inicios este deporte estivera vinculado cunha crase alta era a carencia instalacións. A construcción de pistas deportivas nos pazos ou casas solarengas converteuse nun tipo máis de distinción social, nunha época na que a meirande parte da poboación pasaba penurias.

 

         No casco urbán o primeiro frontón foi construido en 1955 no Pazo de Petán, se ben anteriormente contaba con outro non regramentario que derrubou un temporal. Outra das primeiras casas en ter campo propio foi “a de Gándara”, na parroquia de Cedeira, e alí era onde adestraba Fernando de Haz, natural de Vigo, que chegaría a ser campión Galego de dobres en 1942, 1943 e 1947. Outros xogadores desta época serían:

 

         Segundo Puga “Chicuelo”. En 1944 participa no Campionato Social do Club de Campo de Vigo. En setembro de 1945, nese mesmo campionato, chega á semifinal indiviual e á final de dobres, formando parella co anteriormente mencionado Fernando de Haz. Nese mesmo mes é elexido como suplente (4ºxogador) na selección de Vigo para enfrontarse á da Coruña. En 1946 volta a ser semifinalista nos campionatos Social e Primavera do Club de Campo e participa na Copa de Galicia, en Santiago. Participou no Campionato de Galicia cando menos en 1946 (no que tamén actúa como árbitro oficial) e 1947, no que cae en semifinais. Destacouse tamén competindo en futbol, waterpolo e tenis de mesa.

 

         Raúl Carlos Gunche López. Nado en Madrid e residente en Redodela onde foi nomeado alcade en novembro de 1943 por orde do Gobernador Civil. En 1946 participa en varios campionatos do Club de Campo de Vigo. Competiu nos campionatos de Galicia de 1946 e 1947.

 

         Honorato Fernández. Farmacéutico de Vigo, que cando menos participou no Cto. Galego de 1947. Estaba casado con Blanca Feijoo Alfaya, filla dos propietarios do Pazo de Pousadouro.

 

 

 

         No 1963 fúndase a S.A.R., clube que poucos anos despois formou o primeiro equipo de tenis de Redondela e que celebrou os primeiros campionatos na pista da Xunqueira. Trala desaparición deste equipo prácticamente deixa de practicarse este deporte ata a construcción, nos anos 90, dunhas pistas polideportivas a carón do pavillón de Redondela.

 

         Por último citar que nos II Juegos Deportivos celebrados en Vigo en 1970, participou o tenista Luis Teniente, da parroquia redondelana de Chapela que sustituía a Teis.

 

 

 

 

Tenis de Mesa

Segundo "Chicuelo". 1948. Foto: Bodas de Oro Antonio Ocampo
Segundo "Chicuelo". 1948. Foto: Bodas de Oro Antonio Ocampo

 

           Os pioneiros deste deporte en Redondela foron Jacinto e Manuel Míguez Figueroa, que en 1943 participaron no Campionato provincial do Frente de Juventudes. Estes irmáns proclamaríanse campións rexionais do Frente de Juventudes, Educación y Descanso e da Zona Galicia-Astur.

 

           En xaneiro de 1944, nese mesmo campionato, resultaría vencedor Manuel Míguez Figueroa, Bernardo Docampo remataría 8º e por equipos Redondela acadaría a 2ª praza. En marzo dese ano Segundo Puga vence no campionato local de Vigo, no que competían vinte participantes, despois de desempatar con Carlos Bárcena e Fernando de Haz.

 

           Ese mesmo ano fúndase o C. D. Redondela que conquistou o Campionato Provincial e o Campionato Noroeste de España en 1945, Subcampións de España de Educación e Descanso en 1946 e o Campionato de Galicia. Contaba nas súas filas co mencionado Segundo Puga “Chicuelo”, quen xa destacara practicanfo futbol, waterpolo e tenis.

 

E 1947 cando este equipo non puido competir no campionato nacional, Segundo Puga e Manolo Míguez participaron co clube Remeros del Berbés, de Vigo, acadando o Subcampionato de España de Educación e Descanso. En agosto daquel ano, estes dous xogadores enfrontaríanse no cine Redondela ao campión nacional nun campionato de exhibición, sendo derrotados os nosos xogadores. En setembro de 1947 derrotan ao R. C. N. de Vigo, formando S. Puga, Míguez e Docampo. En outubro Segundo Puga atópase adestrando a varios mozos para o campionato a celebrarse no Hogar del Productor, de Vigo, no que tamén forma parte da organización. Este mesmo deportista vencería ao mes seguinte no Campionato de Vigo.

 

En 1948 Segundo Puga proclamouse Campión Individual e Dobres (con Arturo) Galego, sendo daquela o xogador máis veterano de España. Tamén se proclamaría subcampión mixto con María Blanco Chamochín e vencería por equipos formando no Educación e Descanso, xunto a V. García e A. García. En 1949 sería Subcampión Galego, ano en que non participaría no campionato nacional por emigrar a Arxentina.

 

         Outros xogadores do C. D. Redondela serían: Gonzalo Figueiral (pai); Orge e Portela.

 

A principios dos anos 50 o equipo de Acción Católica de Redondela disputaba o Campeonato Diocesano de Aspirantes.

 

            En xaneiro de 1959, no Trofeo Primar celebrado no R.C. Naútico de Vigo, o equipo de Redondela perdeu en semifinais co equipo anfitrión. Na fase previa do Campionato Galego de primeira categoría dese mesmo ano participaron: 12 vigueses, 2 de Redondela e Tui, e 13 de A Coruña. En 1968 a S. A. R. crea dous equipos de tenis de mesa, un que disputa a Segunda División Provincial e outro xuvenil. Entre os seus xogadores podemos citar a De Haz, Soto, Puente, Alfonso Figueiral ou Contreras.

 

           En 1970 celebrouse en Redondela o Torneo Social, onde venceu Juan Manuel Alfaya, xogador de balonmán da SAR, despois de vencer por esta orde a Alfonso Pereira, Manuel Ferreira (da S.A.R.), Jose Luis Contreras e Antonio Soto.

 

Nun campionato celebrado no Círculo Cultural e Recreativo de Chapela en 1968 venceu Francisco Fernández, seguido por Jose Antonio Agulla, Jose Antonio Arizaga e Ricardo Díaz. Actividades como esta levaron á fundación do S. D. Chapela, que tivo o seu primeiro gran éxito nos campionatos provinciais de 1970: Gonzalo Mencía Castro e José Carlos Cabaleiro Castro, medalla de ouro xuvenil; Ricardo Díaz Martínez e Fernando González Varela, medalla de prata xuvenil; Jorge Cabaleiro Millares e Ángel Castro Cabaleiro, medalla prata infantil.

 

A finais dese ano os dous equipos atopábanse disputando a liga provincial de segunda categoría.

 

No 2004 José Virulegio funda o equipo do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, coa ilusión de seguir a manter viva a afección redondelana por este deporte disputando a 3ª división galega.

 

 

 

 

 

 

Tiro ao prato

         

         Nos anos 40, o C. D. Redondela tiña equipo nesta disciplina.

 

         Nas Festas da Coca de 1962, organizado pola Sociedade de Caza La Redondelana, celebrouse na Marisma o Gran Premio Redondela. A proba consistiu nunha tirada de 12 pratos a 12 metros, participando deportistas de diferentes vilas da nosa provincia. Tamén se disputou outra competición reservada a tiradores locais. Nese mesmo ano organizou outra tirada nas Festas das Angustias.

 

          A S. A. R. formou unha sección de tiro en 1969. Un dos primeiros inscritos foi “Chicho” Pérez Pereira que ese mesmo ano vencera nas tiradas celebradas nas festas da Peregrina en Pontevedra. Este equipo coincidindo coas Festas da Coca de 1970, organizou en Cesantes o I Trofeo Tiro al Plato con participantes de toda Galicia. Os primeiros tiradores locais clasificados serían Amador Pérez Sousa, Carballido e Senra. En colaboración coa Delegación de Juventudes, tamén organizarían o Trofeo Juvenil de Tiro con Carabina de Aire Comprimido. Nesta proba vencería Fermoselle seguido por José Cebral, empatando no terceiro posto José Antonio e Jorge. Nese mesmo ano nun campionato celebrado en Portonovo participaron os redondeláns: José Carlos Figueiral, gañador da terceira categoría, e Manuel Movilla.

 

Ata os anos oitenta mantivéronse operativas á carón do campo de futbol de Reboreda unhas instalacións de tiro ao prato.

 

Tiro con Arco

Mª del Carmen Cameselle 4ª Cto. de España 2006. Foto: Meigarco.
Mª del Carmen Cameselle 4ª Cto. de España 2006. Foto: Meigarco.

 

 

         Nesta disciplina contamos co clube Meigarco de Chapela. Entre os seus primeiros logros destacar o 2º e 3º posto no Campionato de España 2007 masculino con arco tradicional long bow e o 4º posto no Campionato de España 2006 feminino con arco recurvado tradicional. Sería o inicio dun longo palmarés que segue a incrementarse ano tras ano con campionatos galegos e nacionais. Forman o equipo: Óscar Casal, Eugenio Casal, Ángela Antón, Alicia Alvarado, Iñaki Fariña, Brian Álvarez, Verónica González, Mel Sanjorge...

       

         O outro clube da vila é Cazarco, que compite na modalidade de caza con arco sen morte e que xa ten colleitado os seus primeiros éxitos.

 

 

 

Vela

Felipe Regojo
Barco capitaneado por Felipe Regojo no 2007.

 

         Na Ría de Vigo téñense celebrado numerosas competicións de vela e, as veces, os percorridos das mesmas chegan ata Chapela ou ata a mesma illa de San Simón. Un exemplo disto foi en 1979 a celebración da primeira edición da Regata Internacional San Simón-Vigo na categoría outrigger a oito e organizada polo Clube Náutico de Vigo. En 1981 a néboa provocou que a liña de saída desta proba se ubicara en Chapela.

 

       En 1990 Gustavo Cuntín, Serafín Fernández e Ignacio Villanueva construen en Reboreda o primeiro cuarto tonelada íntegramente galego. O propósito era presentalo ao campionato de España clasificatorio para o mundial daquel ano que partiría dende Baiona.

 

Felipe Regojo, fillo do industrial José Regojo, capitaneou barcos en probas como a Rías Baixas-Martín Codax do 2007. Estes barcos eran patrocinados por unha das empresas da familia Regojo, Quebramar.

 

O futuro nesta modalidade está asegurado con Eduardo Reguera Fernández quen, apesares da súa xuventude, está a acadar os seus primeiros éxitos nesta disciplina.

 

 

 

 

Voleibol

                       Nos oitenta un grupo de mozos dirixidos por Roberto, mestre da escola de E. X. B. de Redondela, formaron un equipo de voleibol. Tanto en cadetes como en xuvenís chegaron a disputar o Sector, pero a desidia da corporación municipal levou á desaparición do clube por falta de medios cando os seus compoñentes pasaron á categoría sénior.

 

 

 

Wu Shu (Kung-Fu)

 

 

         Este é sen lugar a dúbidas o deporte no que se acadaron máis éxitos. Tristemente como soe suceder cos deportes minoritarios os dous deportistas que veremos a continuación son prácticamente descoñecidos na vila apesares de contar cun palmarés impresionante.

 

 

 

Pablo Ortega Álvarez. Modalidade Combate 80-85 kg.

 

Campionato de España. 8 veces 1º e 2 veces 2º.

 

Campionato de Europa. 2 veces 2º.

 

Campionato do Mundo. Un 3º posto en 1997 en Roma e un 5º posto.

 

Xunto á atleta Rosana Nogueira, foi o encargado de portar o facho olímpico de Barcelona’92 ao seu paso por Redondela.

 

Mestre Nacional desta modalidade, adestrador da selección galega e da española. Membro da Comisión Nacional de Wu Shu. Árbitro nacional e europeo. Ademáis é cinturón marrón de Taekwondo. Unha vez retirado da competición decidiu crear un clube en Arcade (Soutomaior), pola falta de apoio por parte do Concello de Redondela.

 

 

Jose Luis Rodríguez Veiga. Modalidade Combate.

 

Campionato de España. 7 veces 1º e 1 vez 2º.

 

3º no Campionato de Europa.

 

5º no Campionato do Mundo de Malasia.

 

Mestre e árbitro nacional, dirixiu durante varios anos o ximnasio Jo-Con en Redondela.

 

 

 

 

 

Xadrez

I Torneo Aberto de Xadrez Concello de Redondela 2006
I Torneo Aberto de Xadrez Concello de Redondela 2006

         

         Nos anos 40 o C. D. Redondela tiña equipo nesta disciplina.

 

         Na competición de Educación y Descanso, de agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

 

En 1968, a S. A. R. forma un equipo de xadrez. Un ano antes, no Centro Recreativo e Cultural de Redondela, celebrouse o I Campionato Social de Xadrez, con quince participantes, resultando os catro primeiros: Secundino Orge Martínez, Argimiro Fuentes Cabaleiro, Francisco Soto Muíños e Jorge Docampo Núñez.

 

          En 1969 o equipo C. R. C. de Redondela formado por Secundino Orge, Argimiro Fuentes, Docampo e Figueiral gañaba o campionato de Terceira Categoría da Zona Sur, título que revalidou ao ano seguinte competindo co Círculo Mercantil de Vigo e o Cultural de Riomao. Tamén en 1969 Secundino Orge foi un dos 4 xogadores que lograron derrotar a Prada, mestre nacional de xadrez nunha exhibición en Vigo na que se enfrentou a 30 participantes. Este mesmo xogador loitaba en decembro no torneo provincial por ascender á primeira categoría, mentras o campionato social de terceira categoría estaba encabezado por Sito Orge, Docampo, Bas e Virulegio.

 

            En 1970 iniciouse a tempada celebrando un torneo co fin de formar o equipo que participaría no campionato oficial. As partidas simultáneas estiveron a cargo de Secundino Orge e Argimiro Fuentes que xogaron contra catro xadrecistas cada un. Entregáronse trofeos aos primeiros clasificados do torneo que foron Jose Antonio Bas Puga, Narciso Orge Martínez e Sebastián Muíños Lamas.

 

Tamén se celebraron campionatos de xadrez no Circulo Cultural e Recreativo de Chapela. En xuño de 1968 unha proba sería vencida por Rogelio Fortes, tendo como finalista a Agustín Reguera.

 

Actualmente seguimos a contar co equipo do Centro Recreativo e Cultural de Redondela.

 

No 2006 celebrouse o I Torneo Aberto de Xadrez Concello de Redondela.

 

No 2014 o campión mundial Gari Kasparov colabora coa Xunta de Galicia e o Concello de Redondela nun proxecto para introducir o xadrez no primeiro ensino.

 

 

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 26-05-2017

 

BIBLIOGRAFÍA

SEREN

Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.

  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).

  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.

El Mundo Deportivo (dende 1906)

www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

La Vanguardia (dende 1881)

www.lavanguardia.es/hemeroteca

La Vozde Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/index.htm

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Atlántico Diario

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia

Aportaron datos: Sebastián Fernández, Joaquín González, Pablo Muíños, Pablo Ortega, Daniel Pérez, Víctor Lores, Manuel Outerelo, Gonzalo Figueroa e Alfonso Míguez.

Páxinas dos clubes e Facebook.

Escribir comentario

Comentarios: 0