Traíñas.

 

A práctica deportiva de regatas na Ría de Vigo remóntase á segunda metade do século XIX, cando comezaron a celebrarse para conmemorar as festas parroquiais de Vigo. No 1886 xa participan nestas probas faluchos con 12 remeiros e patrón, pero non sería ata o 6 de agosto de 1900 cando as traíñas participan por primeira vez, sendo o primeiro premio de 125 ptas. para a "Niña" dirixida por Francisco Álvarez e o segundo para "Rosalía" capitaneada por José Casado. Nesta época o conde de Torrecedeira, dono do pazo de mesmo nome, era propietario dunha das yolas que participaba, co nome de Argos, nas regatas organizadas polo Club Náutico de Vigo.

 

 

 

 

Chapela

 

A primeira embarcación de Redondela da que atopo datos é a de Chapela no periodo da II República. En setembro de 1933 o Club Marítimo de Vigo organiza unha regata de milla e cuarta en dúas quendas, na que participan: Ríos, Baiona, Meira e San Fausto de Chapela. Acadaría o 2ª posto por detrás de Meira, gañando un premio de 250 pesetas. En agosto de 1934 Chapela, baixo o mando de Feliciano Iglesias, participa no Campeonato de la Ría de Vigo, consistente en probas eliminatorias por parellas, sendo vencida por Rodeira. En agosto de 1935 tamén participaría na competición organizada polo Club Naútico de Vigo, quedando no 6º e último lugar.

 

Coa Guerra Civil por medio, outra noticia da conta da participación do Chapela nunha competición organizada polo Club Naútico de Vigo en 1946, patroneado por Floro Chapela, pero non supera a primeira eliminatoria. No Campionato Provincial de 1947 participa co mesmo patrón e queda último. No de 1949 unha mala virada os relega tamén á derradeira praza.

 

 

 

C. D. Redondela

 

En 1945 fúndase o Club Deportivo Redondela. No 1947 clasificouse para a final do Campionato Provincial, que gañou Meira. Para a segunda praza houbo que realizar unha regata de desempate na que os de Redondela venceron a Tirán. O 29 de agosto de 1948, no mesmo campeonato e con 16 equipos participantes, acabaría 3º por detrás de Tirán e Meira. Este equipo desaparecería a principios dos anos 50.

 

 

Cesantes

A primmeira noticia que atopo dunha embarcación de Cesantes remóntase a unha proba celebrada en Vigo en agosto de 1946, na que figura na lista de inscritos xunto a Chapela e C. D. Redondela.

 

            

 

S. A. R.

 

Nas festas das Angustias de 1965, a Sociedade Atlética de Redondela celebrou unha proba de remo en Cesantes na que debutou o seu equipo na embarcación “Negrita”. Gañaron a segunda manga e foron segundos na clasificación final.

 

 

        

 

C. R. Cesantes

 

En 1983 nace o Clube de Remo Cesantes, sendo presidente do Círculo D. C. de Cesantes, Fernando Monroy Sobral. En 1986 créanse as categorías infantil, cadete e xuvenil. Tras un parón competitivo de dez anos no 2012 volta a competir na Liga Galega de Traíñas.

 

O maior logro deste clube acadouno nas categorías inferiores, co Campionato Galego e o 4º posto no Campeonato de España 2001-02 acadado polo equipo xuvenil. Repetiu ese mesmo 4º posto no Cto. de España do 2014.

 

Este clube sufriu unha escisión da que naceu o Clube de Remo San Simón.

 

 

 

 

C. R. Chapela

 

Recepción no Concello dos equipos Femininos participante no Campionato de España 2008. Foto: Vigometropolitano.com
Recepción no Concello dos equipos Femininos participante no Campionato de España 2008. Foto: Vigometropolitano.com

 

O Club de Remo Chapela fundado en 1986, participa actualmente na Liga do Noroeste. Este clube foi noticia cando no 2007 as olas esnaquizaron a súa traíña na Bandeira Teresa Herrera, na Coruña, co resultado de cinco feridos. No 2012 acadou a clasificación para a prestixiosa Bandera de la Concha, de San Sebastián.

 

O equipo feminino acadou os Campionatos Galego e de España 2008 e no 2014 outra vez o Campionato de España, no que acadou a medalla de bronce no 2015.

 

Na categoría xuvenil masculina, no 2014, acadou o Campionato Galego e o 3º posto, por diante da embarcación do C. C. D. Cesantes, no Campionato de España.

 

 

 

 

 

Outros datos

 

Tamén destacar ao equipo feminino S. D. R. Rías Baixas equipo que no 2009 estaba formado por 20 mozas, das que 8 proviñan do C. R. Chapela, ademáis de Verónica Lago de Cesantes que se formou no C. R. San Simón. Ese ano acadarían un triplete histórico: a Liga ACT, a Liga Galega e a Bandera de La Concha.

 

Ata aquí a historia dos equipos, un traballo máis en profundidade engadiría aos remeiros redondeláns que teñen formado parte de tripulacións doutros concellos.

 

A nivel organizativo dende os anos 80 vense celebrando a Bandeira Concello de Redondela, que no 2011 celebrou a súa XXV edición.

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 22-05-2017

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.

 

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)

 

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.

 

  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).

  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.

 

Internovas. Historias de Redondela

 

Historia das traíñas en Redondela. Roberto Gil Moure.

 

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) De cuando la traíña mató al xeito. Jesús Giráldez Rivero. Ed. Faro de Vigo.

 

Orixe das regatas de traíñas na Ría de Vigo. Xosé C. Villaverde Román. Agrupación Cultural NÓS

 

El Mundo Deportivo (dende 1906)

 

www.elmundodeportivo.es/hemeroteca

 

La Vanguardia (dende 1881)

 

www.lavanguardia.es/hemeroteca

 

Faro de Vigo

 

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

 

Vigometropolitano

 

http://www.vigometropolitano.com/ As mulleres ó poder. Jorge Castro - 02/05/2008

 

www.mas.laopinioncoruna.es

 

Atlántico Diario

 

La Voz de Galicia

 

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0