Aire

Aterraxe forzosa.

           O día 3 de outubro de 1909, os mariñeiros de Chapela véronse sorprendidos pola caída ao mar dun globo aerostático. Ao auxiliar ao tripulante nas súas barcas descubriron algo máis sorprendente, a nave era guiada por unha muller. Tratábase de Mercedes Corominas, aeronauta barcelonesa casada co tamén célebre aeronauta Sr. Montero, natural de Lisboa, que andaba a facer unha exhibición en Vigo.

           Era a segunda vez que visitaba a cidade olívica, sendo en agosto de 1908, cando se converteu na primeira muller en sobrevoar Vigo. Chegara procedente de Lisboa, onde fora alcumada a “Raíña do aire”, invitada polo Vigo Foot-Ball Club. No seu primeiro voo, o día 25, sairía do campo do citado clube e veríase obrigada a arroxar case todo o lastre para remontar o monte Galiñeiro, tomando terra en Arruidos, Gondomar. O día 30 repítese a experiencia, nesta ocasión acompañada polo deportista vigués Manuel Ocaña, que finalmente debe baixarse por falta de presión no globo. Finalmente Mercedes Corominas en solitario chegaría a ascender ata os 3.800 metros, pero ao chegar a Valadares é recibida imprudentemente con cohetes e bombas. Ante o inminente peligro vése na obriga de desviarse e aterrar en Zamáns.

Despois destas peripecias, marcharía a Coruña onde tamén pasa apuros. Naquela cidade o forte vento empúxaa cara o mar polo que se desvía, tommando terra en Meirás.


Conflito por un aviador.

           No vran de 1911, o aviador francés Leoncio Garnier foi contratado para facer unha exhibición en Vigo. Cando chegou a estación de ferrocarril de Redondela o agardaba o oficial Sr. Varela acompañado de dous policías coa orde do Gobernador Civil, José Boente, de trasladalo a Pontevedra para que fixera alí a súa demostración. Apesares da oposición do aviador que quería cumprir o seu contrato foi obrigado a voar na Xunqueira, durante as festas de Pontevedra.

           A Cámara de Comercio de Vigo fixo chegar as súas queixa ao goberno central, miles de persoas saíron as rúas para pedir a dimisión do gobernador, saíron a relucir todas as diferenzas entre Vigo e Pontevedra, a corporación viguesa co seu alcalde tivo que dimitir por permitir a afrenta...

           O Gobernador lonxe de asumir o seu erro ordeou pechar durante un mes o xornal “El Noticiero de Vigo” por “... publicar conceptos que inducen a la rebelión.” Outra das súas medidas foi ordear á Garda Civil de Vigo a vixianza da liña férrea ata Redondela ante a posibilidade do corte do tráfico de trens cara a Pontevedra. Mais a presión exercida por Vigo, con comisión desprazada a Madrid onde permaneceu negociando máis dun mes, rematou por provocar o traslado de José Boente a Zaragoza o 21 de decembro de 1911.

           En Vigo, para resarcirse, en setembro dese mesmo ano sobrevoa a cidade o célebre aviador francés Jules Verdines que non tivo ningún contratempo cando chegou á estación de Redondela. O Noticiero de Vigo destacaría as súas cualidades engadindo: “Por aí, por unhas e outras cidades, coincidindo coas súas mellores festas anuais, andan outros aviadores, por outra parte moi estimables pero discípulos aínda, ensaiando voos cortos e realizando <<raids>> tímidos.”


Aeroporto de Peinador.

          O aeroporto de Peinador ocupa terreos de Vigo, Mos e Redondela. Está clasificado como de terceira categoría e clase internacional.

          En 1928 constituiuse a Junta de construcción y explotación del Aeropuerto Nacional de Galicia, formada por: presidente, alcalde de Vigo; vicepresidente, presidente da Cámara de Comercio de Vigo; vocais, presidentes da Cámara de la Propiedad e da Juanta de Obras del Puerto, director local de Navegación, tamén de Vigo, e os alcaldes de Redondela e Porriño.

A Gaceta do 1 de marzo de 1928 publica o proxecto de establecer o Aeroporto Nacional de Galicia en As Gándaras de Budiño (Porriño) e o Aeroporto Marítimo Nacional de Galicia na enseada de San Simón. Tamén se prevé o futuro traslado do aeroporto cando se rematen as obras de recheo no aeroporto marítimo de Cesantes. Este proxecto nunca chegaría a realizarse.

          A principios de 1936 iníciase a construcción que se levaba a cabo “a pico e pala”, obrigando a veciños dos concellos de Vigo, Teis, Lavadores, Mos e Redondela a traballar gratuitamente, podendo eludir esta obriga pagando unha cuota. Cada mes tocáballe aos veciños dunha zona. No caso de Redondela víronse afectadas catro parroquias como se recolle no texto seguinte:

          “REDENCIÓN A METÁLICO DEL MES DE ENERO DE 1937. Todos los residentes de los ayuntamientos de Vigo, Lavadores, Teis, Mos y de las parroquias de Insesta, Sajamonde, Cabeiros y Negros, del de Redondela, mayores de 20 y menores de 50 años que deseen redimirse de la oblicación de efectuar la prestación personal de dos días del mes de enero para los trabajos de explanación del Aeropuerto de Vigo, deberán ingresar durante los días comprendidos entre el 31 del corriente y el 10 del próximo enero, la cantidad de 12 pesetas en las oficinas del Aeropuerto de Vigo o en los ayuntamientos respectivos, excepto los habitantes de las parroquias de Alcabre, Bouzas, Castrelos, Comesaña, Corujo, Coya, Freijeiro, Matamá, Navia, Oya, Sárdoma y Sayanes, que lo harán en el domicilio de sus párrocos.

Los que finalizado aquel plazo no hayan efectuado dicho ingreso, quedarán obligados a trabajar durante dos días del mes de enero en las obras del Aeropuerto.”

 

 

As escaseces da posguerra e a proximidade do aeroporto de Santiago chegaron a paralizar as obras, que finalmente se levarían a cabo entre 1947 e 1952.

 

O Aeroporto de Peinador inaugurouse o 25 de abril de 1954, tendo como estrea principal un U-290 do Exército do Aire.

 

En 1973 constrúese a torre de control e ao ano seguinte unha nova terminal.

 

En 1976 comeza a ampliación da pista que posibilitará a aterraxe de reactores DC-9.

 

En 1981 ten lugar o primeiro voo internacional.

 

         O único accidente grave ocurrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar a pista. Por sorte os ocupantes poideron abandoar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. Entre os 14 feridos leves atopábase Antonio Gutiérrez, daquela lider sindical de Comisiones Obreras, que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampa de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde, que resultaron ilesos.

 

            En 1995 constrúese un novo edificio terminal e amplíase a plataforma.

 

            No 2005 acadou o millón de pasaxeiros.

 

            No 2014 remátanse as obras da nova terminal e a ampliación do aparcamento.

 

 

 

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-09-2016

 

BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

Galiciana => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0