Carruaxes e Autobuses

          

           En 1878 o servicio de carruaxes Volador de Vigo dispuña dunha delegación en Redondela. Por esa época La Portuguesa facía parada en Redondela con destino a Portugal.

 

A principios do século XX, Redondela comunicábase con Berducido por medio dunha dilixencia tirada por cinco cabalos. Levaba pasaxeiros, correo e mercancías, era  conducida polo señor Torete. Saía tódolos días ás cinco da tarde dende a da señora Rosa de Bernardo. Realizaba paradas en Amoedo, Pazos de Borbén, Moscoso...; chegaba a Berducido e  voltaba á vila as dez da mañá. O camiño, por suposto, estaba sen asfaltar.

 

En febreiro de 1907, a condución do correo en carruaxe de Redondela a Fornelos, foille adxudicada en 1.200 pesetas aos propietarios da empresa La Fraternidad, de Redondela.

 

En outubro de 1910, a súa xunta directiva pon á venda La Mutual, empresa con domicilio en Fornelos e que unía esa vila con Redondela, ademáis de adicarse ao aluguer.

 

En maio de 1911 a empresa de autobuses El Miño comeza a dar o servizo público A Guarda-Vigo, pasando por Redondela.

 

En decembro de 1914 comeza a funcionar unha liña de autobuses entre Redondela e Fornelos creada polo empresario redondelán, señor Leirós.

 

As empresas que comunicaban Redondela con Pontevedra, Vigo, Santiago... eran Castromil e La Emprendedora. O Castromil era coñecido coma ómnibus e tiña separada a primeira clase da segunda cunha cristaleira. Os que dispuñan de menos recursos viaxaban no teito do vehículo, xa fixera sol ou chovera.

 

            Nun xornal da vila de 1932 aparece un anuncio da empresa de autobuses Amador Cabanela na avenida Antonio Orellana. A mediados deste século tamén alugaba autobuses o Taller de Bienvenido.

 

A los choqueiros pedimos

 

un favor encarecido,

 

que dejen el Castromil

 

y sigan con Bienvenido

 

 

 

Porque es hijo de esta villa

 

no se debe consentir,

 

porque es un abandono

 

 a un hijo del pueblo no se debe hacer.

 

 

 

 

Cartel da empresa M. García conservado na Casa da Torre. Foto: J. Migueles, 2009
Cartel da empresa M. García conservado na Casa da Torre. Foto: J. Migueles, 2009

  

            Outras empresas eran as de Pedepote e Patolas, que as veces suxeitaban as portas con cadeas.

Aparta Patolas,

aparta por Dios,

que ahí ven Pedepote

co número dos.

 

 

 

O accidente de Cans.

            O 26 de febreiro de 1955 a empresa de Pedepote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas. Na lista das vítimas varias de Redondela. Florinda Couñago Filgueira viúva de 38 anos e a súa filla Florinda López de 10, veciños do Coto-Cesantes; Nicolás Álvarez Carro de 47 anos de Astorga traballador de Correos e esposa, Lucía Puga Fernández, de 39  de Redondela e que residían na nosa vila; María Vidal Montero, de 20 de Cesantes e que servía ao matrimonio anterior; e Carmen Alonso Veiga, de 22 solteira de Saxamonde. Tamén faleceu Carmen Martínez Vila, de 54 anos casada de Vilar e que deixa 10 fillos; e a súa parenta Carmen Vila Martínez, tamén casada e de Vilar que despois de estar nun sanatorio de Vigo faleceu na súa casa. Entre os sobrevivintes: Jesusa Oitavén, de 36 anos, solteira de Redondela; e o conductor Antonio González Cabaleiro.

 

            A principios dos anos 60 Transportes Barxa desempeñaba o servizo Vigo-Coruña, cruzando a nosa vila.

            A última empresa, que non poderiamos deixar de citar, é a de García, instalada na Casa da Torre. Logo se dividiría en M. García e A. García ó herdar os fillos do fundador, Manolo e Aurelio. Daquela, popularizáronse as frases: “Viaja con García, viaja con alegría” e “Viaja con Mirón, viaja con ilusión”.

            Caso aparte sería o de Chapela, que como xa ocurrira co tranvía, está incluida na ruta do transporte municipal de Vigo, polo que ademáis do paso dos anteriores ven contando co servizo do Vitrasa.

 

 

 

Algunhas noticias

            1925, 25 de febreiro. Un autobús da liña Vigo-Coruña ao seu paso por Redondela atropelou a unha muller que cruzaba a rúa. A pesares de ir a pouca velocidade non puido evitar o accidente. A vítima atópase en estado grave.

            1927, 18 de xaneiro. Un auto da empresa Castromil estivo a piques de sufrir un serio percance e con el o s seus ocupantes. Ao pasar por Cesantes caiu un  poste da liña eléctrica que estaban a colocar uns obreiros, golpeando na parte dianteira do vehículo.

            1927, xaneiro. Na curva de entrada á Travesía, fronte a casa do establecemento de José Reboredo Blanco, chocou o coche de turismo de La Emprendedora cunha furgoneta da Compañía de Teléfonos. Saiu esta co eixo e o radiador rotos sen que, por fortuna, ocurriran desgrazas persoais.

            1927, 24 de decembro. A José Táboas Acuña de Cesantes, roubáronlle a carteira que contiña 600 pesetas en Soutomaior, mentras agardaba no coche de liña a que este arrancara.

            1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, volcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-09-2016

 

BIBLIOGRAFÍA

Aportacións M. Migueles

Galiciana =>   La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche…

 

Escribir comentario

Comentarios: 0