As antigas empresas.

            No século XVIII o sector económico máis importante de Redondela era a pesca e en Vilavella os artesáns, gañando a agricultura máis importancia cara ao interior. A principios deste século chegan mercaderes asturianos que se fan cos principais negocios da vila: venta de sal, aparellos de pesca, productos textís... Xa a mediados do XVIII son principalmente cataláns os que impoñen a salga, consistente en conservar o peixe con sal, e converten a pesca nunha empresa capitalista, impoñendo un arte de pesca de arrastre moi depredadora e desprazando as tradicionais dornas do xeito.

Na 2ª metade do s. XIX, The Eastern Telegraph Company, compañíainglesa encargada da instalación do cable necesario para a comunicación telegráfica estableceuse en Vigo. O consignatario Estanislao e hijo foi o responsable da contratación de persoal para os buques cableiros. Os traballadores da área metropolitana de Vigo chegaron a representar o 70% do persoal de toda a frota da empresa, sendo a  meirande parte  de Cesantes, Rande, Chapela e Redondela. No 1861 Victor Curbera abre en Chapela a primeira conserveira de Galicia.

            A principios do s. XX abriríanse mais conserveiras, cargadoiros de mineral, fábricas de cepillos... para rematar coa Fábrica de camisas Regojo. Tralo seu peche a principios dos 80, Redondela pasou a depender de: a coñecida como industria textil sumerxida, que decaeu a finais dos 90; do sector automovilístico, sendo a fábrica de Citroën en Vigo o motor económico de todo o sur de Galicia; e en menor medida da industria pesqueira na que destacan Pescanova (fundada no 1960) e Vieira S. A.

 

Alfolí (Estanco ou almacén de sal).

            A primeira referencia de venta de sal que atopo data do século XV, cando os portugueses se laiaban de que os galegos deixaran de ir a mercar o seu sal e ían a Redondela e Pontevedra porque os alcaides de Melgaço lle cobraban unha peaxe.

Ata mediados do século XVIII o sal era un bo negocio, principalmente por ser empregada para a consevación do peixe. O primeiro alfolí do que teño constancia estaba situado no nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo, no solar onde logo se construiría o primeiro Concello. Teñamos en conta que, daquela, ata a cercana Praza da Constitución chegaba o mar.

            O seguinte alfolí construiuse na Ribeira para estar máis preto do embarcadoiro que se atopaba baixo o viaduto novo. En 1752 pertencía a Jose Antonio Saravia Orcasitas, un dos asturianos que administraban daquela todos os alfolís do pobo.

            No Archivo Histórico Nacional, dentro do Consejo de Castilla, atópase o seguinte documento do 1768: “Autos hechos en el Consejo a instancia de los diputados del Común de la Villa de Redondela sobre los excesos del Receptor, Portero y Medidores de los Alfolies de sal de dicha villa”.

            En 1842 o Intendente provincial descubre un desfalco causado catro anos antes de dúas mil fanegas de sal nos alfolíes de Redondela. En abril de 1900 estivo a piques de haber un serio conflito porque os arrendatarios, únicos importadores en Redondela, debido aos altos dereitos de consumos deixaron de expender o sal, alegando que o propietario do local quería subirlles o precio do arriendo.

 

Saíñas de Soutoxuste.

            Nun mapa do 1850 do capitán de fragata Antonio Doral, publicado pola dirección de Hidrografía, aparece “Pueblo y Salina de Sotojusto”. Estarían moi preto das saíñas, que aínda se conservan, de Paredes (Vilaboa), coñecidas como as Brancas do Casó e construidas ó redor do 1637. Isto pode significar que en lugar de saíñas en Soutoxuste poidera existir algún alfolí ou calqueira outro tipo de instalación vinculada co sal.

 

 

 

Empresas Salgadoiras

 

 

 

A Fábrica do Alemán (Regasenda-Cedeira)

 

Esta empresa foi construida pola familia Carsí procedente de Vilanova i la Geltru (Barcelona). A primeira referencia atopada sería de 1836, cando Sebastián Carsí se atopaba realizando actividades de salga de peixes e carnes en Rande. Ese mesmo ano esta fábrica produciría 517 quintais de sardiña e parrocha. Na segunda metade do s. XIX a familia Carsí deixa o negocio alugando a empresa a diferentes fomentadores. Así, no 1868 era explotada por José Puig. Semella que despois a familia recuperou o control da salga, pois en 1910 é explotada baixo a firma "Juan Carsí y compañía".

 

Xa en 1939 a fábrica é vendida a Ramón Cordero Martín, quen na primeira metade dos 40 realizaría obras de ampliación e mellora das instalacións. Sería en 1944 cando a empresa é mercada polo alemán asentado en Vigo, Otto Gerdtzen Boyé, que en 1948 adicaría parte das instalacións á producción conserveira baixo o nome comercial Conservas Boyé. En 1952 cesou a salga e 3 anos despois a fábrica pecharía definitivamente.

 

No 2008 a Asociación Cultural e Deportiva de Rande propuso este lugar para albergar un museo da batalla de Rande. A pesares de atoparse en ruínas aínda conservaba restos do seu pasado como unha máquina de vapor Ruston, Proctor and Company, que podía empregarse como xerador eléctrico, tractor ou para mover maquinaria.

 

 

 

Salgadoira de Norberto Velázquez Moreno (Chapela)

 

          Norberto Velázquez Moreno naceu en Oretigosa de Cameros (Logroño), o 6-6-1768 e faleceu en Vigo o 12-10-1852. Estableceuse en Vigo, sendo dos primeiros en establecer unha fábrica de salazón, que ubicou en Chapela, e outra de curtidos en Lavadores. Perfecionou e deu impulso e protección á industria pesqueira e á cría de gando vacún. No 1832 levantou un teatro en Vigo, primeiro de Galicia. Ás súas expensas construiuse o Matadoiro de Vigo. Emprendendo logo a construcción do lazareto na illa de San Simón.

 

 

 

Salgadoira da Portela (A Portela-Cedeira).

 

Sociedade formada por Juan Ato. Thomé (de Viladebé) e Antonio Vidal (de Vilanova-Principado de Cataluña). Adicábanse a salgadura de sardiñas e outros peixes. Enriba dunha das portas da fábrica aínda se pode ler ano de 1728.

 

 

 

Salgadoira da Regasenda (“A de Mañas”-Punta de Soutelo-Cedeira).

 

Nunha das entradas figura o ano de 1767. Na primeira metade do s. XIX pertencía a Ramón Abeleira veciño de Vigo. Comercializaba a sardiña salgada a nivel nacional, facéndose o transporte por mar. En 1840 a producción comercializada no exterior chegaría ós 598 quintais de sardiña, necesitando 299 fanegas de sal. Na segunda metade do XIX pasou a mans de Francisco Tapias y Hnos, que en 1863 empregaron 1.500 quintais de sal para a súa producción. Semella que a súa familia alugaría posteriormente a empresa.

 

Tralo falecemento en 1900 de Luis Pérez Reboredo, natural de Vilanova, a súa familia continuaría co negocio familiar da salga baixo o nome Viúda e hijos de Luis Pérez. Un dos fillos faríase cargo da fábrica primitiva en Vilanova, outro construiría outra tamén en Vilanova e un terceiro, Manuel Pérez, pasaría a dirixir esta da Regasenda que mercaran e estaban a piques de acondicionar. A partires de 1911 comezan a traballar o enlatado principalmente de escabeche. Un descendente desta saga abriría anos máis tarde Conservas Pimpinela en Chapela.

 

Anos despois esta fábrica volta a ser explotada pola familia Tapias, que nos anos 40 a vende a José Otero González (Mañas), dono de Conservas JOB, como veremos a continuación. O novo propietario realizou reformas e chegou a dar traballo a preto de 100 mulleres. Produciu sardiña salgada e bocarte ata o seu peche na década dos 60.

 

 

 

Outros Datos

 

Paropar, Vicente (Arealonga-Chapela)

 

Salgadoira cara a 1900.

González, José (Chapela)

 

Propietario dunha salgadoira en Chapela en 1910.

 

Virzi, Francesco (Chapela)

 

Adicábase principalmente á salga e anchoas, en Laredo, cando menos en 1937.

 

 

 

 

 

Empresas Conserveiras

Lata de Conservas J. R. Curbera. Foto: www.conservas delatlantico.com
Lata de Conservas J. R. Curbera. Foto: www.conservas delatlantico.com

 

Conserveira de Victor Curbera Puig (Teis-Vigo).

Aínda que instalada en Teis, tratamos a esta empresa pola súa ubicación a carón da praia de Arealonga, en Chapela.

A familia Curbera, procedente de Cataluña, estableceuse en Vigo no 1780 para adicarse á industria do salazón. Dise que o naufraxio dun veleiro francés cargado de conservas de sardiñas de Nantes despertou a curiosidade de Victor Curbera Puig. Deste xeito, puido no 1861 abrir en Chapela a primeira empresa conserveira de Galicia. Conseguiuno importando de Francia a técnica conserveira coñecida como “estilo Nantes”. Ademáis da conserva de peixe, adicábase á conserva de carne, froita e leite. Curbera tamén comerciaba con coloniales, mantendo varios buques de liña regular a varios países americanos. Isto facilitou que en pouco tempo xa comezara a exportar productos a Cuba. Esta empresa tería a súa continuación nas firmas José R. Curbera S. A. e Conservas del Atlántico S. L.

www.conservasdelatlantico.com


José Otero González "Mañas". Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo
José Otero González "Mañas". Foto: Bodas de Oro. Antonio Ocampo

 

Conservas JOB.

 José Otero González (Mañas). Naceu o 1 de abril de 1899 en Redondela. Foi un dos pioneiros da industria redondelana. O seu pai faleceu en setembro do 1921, deixándolle en herdanza unha pequena empresa de escabechado fundada en 1902 e sita na actual rúa Padre Crespo. A fábrica recibiu o nome de Sucesores de José Otero Bilbao. A finais dos anos 20 José Otero González propulsou o marisqueo na enseada de San Simón, principalmente de ameixa e berberecho, chegando a ser durante anos o único comprador. Abriu, deste xeito, o camiño ós futuros compradores que virían principalmente de Vigo para darlle un novo empuxón ó sector. Elaboraba ademáis longueirón, navalla, sardiña, bonito, palometa, anchoa... Pero por riba de todo, destacaba no mexilón en escabeche chegando a ser coñecido como “o rei do mexilón”. 

Xa nos anos 30 mercou o antigo merendero da praia de Cesantes ás familias Otero e Borines, reformou o edificio e construiu un pequeno peirao para introducirse no mercado das conservas. Esta empresa era coñecida como Conservas JOB en memoria do seu pai José Otero Bilbao. Cos anos tamén lanzaría a marca “Coca” que aínda hoxe se atopa no mercado comercializada por Rodríguez y Pascual (Ver seguinte). Máis tarde alugou, e logo mercou, a fábrica de salga da Regasenda da familia Tapias. Tamén comprou outra fábrica na praia de Francisco-Louro en Muros. Chegou a dar emprego a máis de 300 mulleres, ademáis dos peóns e o persoal técnico e administrativo. En Cesantes, chegouse a crear unha escola para os fillos dos traballadores, impartindo as clases Rosario Cal.  

En 1942 adquiriu o que se convirtiría na súa maior paixón, o Convento de Vilavella, onde traballara como mandadeira a súa avóa. Realizou grandes modificacións estructurais no edificio, fixou alí a súa residencia e adaptou algunhas dependencias ás necesidades da súa empresa: oficinas, talleres... Entre 1942 e 1962 tamén comercializou pescado o por maior. En 1952 desaparece Sucesores de José Otero Bilbao como marca, seguindo o grupo empresarial baixo a dirección de José Otero González. Xa nos 50 instalou un criadeiro de mexilón de 500 m2 fronte a fábrica da Regasenda para abastecer á conserveira. Falecería no convento de Vilavella o 18 de febreiro de 1968.

A dirección da empresa, que daquela daba traballo a 83 traballadores en Cesantes e 21 na Regasenda, pasaría ao seu sobriño José Carlos Figueiral, quen por manter negocios noutros sectores decide vender a conserveira a principios dos 70 a Rodríguez y Pascual.

Manuel Otero Lago. Foto: Arquivo propio
Manuel Otero Lago. Foto: Arquivo propio

Conservas Manuel Otero Lago / Guimeráns / Rodríguez y Pascual.

            Fábrica de escabeche propiedade de Manuel Otero Lago (1870-1950) sacristán do Convento de Vilavella. Estaba moi preto da conserveira de José Otero Bilbao na rúa Francisco de Federico, hoxe Padre Crespo. Na parte dianteira tiña vivenda e tasca. Era unha empresa de caracter familiar que producía a marca Ría de Redondela. Antes da Guerra Civil producía 5 toneladas de mexilón en escabeche, 1 de ameixa ó natural, 3 de navalla ó natural e 1 de navalla en escabeche. Despois da guerra esta producción reduciríase por mor da perda dos mercados de Barcelona e Madrid.

Cando se xubilou en 1941 vendeu o negocio, co dereito a explotar a marca, e alugou as instalacións á empresa Sucesor de Guimeráns y Compañía, pasando a empresa a chamarse Conservas Guimeráns. Os donos eran os vigueses Pedro Guimeráns Carreras e Alfonso Viñas Núñez. Este último despois de facerse co negocio cedeullo ós seus fillos. Como a empresa non ía ben un deixou o negocio e o outro fíxose cargo da fábrica con dous novos socios. Pouco despois Viñas deixaría a sociedade.

A finais dos anos 60, baixo o nome de Conservas Rodríguez y Pascual, a conserveira abandoaría as instalacións de Vilavella e outras de Arcade (a fábrica que fora Conservas Sueiro) para trasladar o negocio ó peirao de Cesantes, facéndose coa empresa Conservas JOB e os dereitos para explotar a marca Coca. Hoxe en día é a única conserveira en activo de Redondela.

 


 

Conservas Boyé (Rande)

Vista anteriormente en Empresas Salgadoiras > Fábrica do Alemán

 

Conservas Peña. (Chapela)

En maio de 1944 o conserveiro José Peña Oubiña merca a Ricardo Costa Moreno a fábrica que tiña na praia Arealonga. As primeiras marcas envasadas por esta empresa serían: Atalaya, Gigante, Peña e El Borro,. Posteriormente construiría no mesmo lugar unha fábrica maior.

A mediados dos 40 poseía empresas en Cambados e Chapela, ademáis de participaar en dúas máis en Raxó e Santoña. Tamén posuía tres embarcacións: Pepita, Caramuxo e Obdulia; unha delas con base en Chapela.

Á fronte da factoría de Chapela poría como encargado a Vicente Vila, que ao abandonar a empresa sería sustituido polo fillo maior do dono, José Peña Domínguez.

Na década dos 50 consegue a concesión de 15 bateas, sete delas na Ría de Vigo, destinando a fábrica de Chapela ao envase de mexilón. Entre 1951 e 1957, José Peña ocuparía o cargo de alcalde de Cambados, onde instaurou a Festa do Albariño.

Tralo falecemento do patriarca e o posterior abandono da dirección por parte de José Peña Domínguez a factoría de Chapela véndese a Conservas Carballo.

 

Conservas Pimpinela (Chapela)

           Despois da disolución da empresa conserveira Hermanos Pérez Lafuente, un deles, Luis Pérez Lafuente, merca unha propiedade en Chapela que herdara o seu irmán Juan. Alí estableceu unha fábrica que entrou en funcionamento en xuño de 1963 baixo o nome Pimpinela, que xa empregara en Portugal para a exportación de anchoa. Lamentablemente faleceu tan só ano e medio despois, pasando a dirixir o negocio o seu fillo Luis Pérez Leiro, quen en 1966 acometeu obras de ampliación.

Por Orden do 28 de outubro de 1966, autorízase a Luis Pérez Leiro e ás súas irmás: María de la Paz, María Teresa, María Guadalupe e Pilar a modificación e ampliación da concesión que lles foi otorgada por Orden Ministerial o 2 de marzo de 1963 para construir un muro e recheo con destino á ampliación dunha fábrica de conservas en Arealonga.

En 1973 unha grave doenza obriga a Luis Pérez Leiro a vender a empresa a Conservas Carballo.

 

 

Conservas Carballo (Chapela)

 

Despois de quedar en desuso converteuse no local do Clube de Remo Chapela. No 2009 proxectouse a construcción dunha piscina pública, conservando un espacio para o clube anteriormente citado.

 

 

 

Outros Datos

 

Ramón Palan (Laredo-Chapela)

 

Conserveira cara a 1906-1907.

 

Feiz. Francisco y Compañía (Chapela)

 

Conserveira cara a 1904-1905.

 

 

 

 

 

 

Outras industrias do mar

Factoría Copiba (Chapela)

Os traballos de construcción iniciáronse en 1940 na Caleta do Muíño e remataron en 1944. Naceu para a comercialización de bacallao. A súa razón social era Madrid, máis era en Chapela onde tiña a súa base e factoría. En 1960 contaba con 4 barcos: “Federico Heredia”, Puerto de la Bonaigua”, “Puerto de Fonte Fría” e “Puerto de Navacerrada”. A empresa sería mercada en febreiro de 1964 por Pescanova, que se adica tamén aos productos do mar, apesares do cal seguiría mantendo o nome de Copiba durante un tempo.

 

Secadoiro de bacallau (R. San Xoán de Arcal-Redondela)

            Atopábase na pronunciada curva da rúa San Xoán de Arcal nos anos 40-50. Era propiedade de dous irmáns nados en Castela e coñecidos como Jose María O Feo e Cabeza de Lavadouro. As instalacións consistían nuns paos con cordas das que colgaban os bacallaus que logo repartían nunha furgoneta.

 

Estaleiro de Loureiro (Cesantes)

            Situado no centro da praia de Cesantes (o lugar aínda se chama Os Astilleros), esta carpintería de ribeira era propiedade de Manuel Loureiro Pintos e nel traballaron os seus fillos Manuel e José Loureiro Fernández. Comezou a súa actividade nos anos corenta do pasado século, construindo traíñas a remo e máis tarde chalanas e gamelas, que co paso do tempo irían adaptando o motor, nun principio de gasoliña e despois diesel. O barco de maiores dimensións que construiron foi o Santa Eugenia” de uns 15 metros de eslora e con popa de rabo de galo. O estaleiro pecharíase en 1989 despois de construir o barco Alelita” de 6 metros de quilla.

 

Instalacións de engorde de marisco na praia Punta do Cabo (Cesantes)

            Nos 40 era propiedade de Narciso García. Eran empregadas para o engorde de diferentes moluscos, entre eles a ostra.

 

Viveiro de Ostras en Fontán (Soutoxuste-O Viso)

            O xerente da empresa era Juan “do Pazo” (o alcume fai referencia ao Pazo de Soutoxuste).

 

 

 

 

 

Cargadoiros de mineral

 

 Cargadoiro de mineral da “Compañía Minerales de Hierro de Galicia” (Rande-Cedeira).

 O primeiro proxecto de construir este cargadoiro o atopo nun xornal de 1905: “Onte foi vendida a unha compañía estranxeira a fermosa finca que poseía nas inmediacións de Rande o Sr. Feijoo. A venta fíxose en 16.000 duros. Os actuais propietarios pensan adicar aquela posesión a edificar un apeadoiro para que o ferrocarril traia ata alí os minerais de ferro do Incio”

 En 1912 inícianse os traballos na vía férrea que conectará o punto onde se construirá o cargadoiro, coa estación de Redondela.

 A Compañía Minerales de Hierro de Galicia, constituida en Madrid en 1924, estaba vinculada a capital de orixe alemán. Explotaba o xacemento de o Freixo (Monforte de Lemos) coa que se comunicaba por tren. Logo en Rande cargábase a magnetita que se exportaba a Inglaterra e Alemania.

 En 1926 celébrase a inauguración coa chegada do primeiro tren procedente das minas de Freixo.

Nos seguintes anos aparecen varias noticias referentes a este cargadoiro. En 1928 cando se cargaba de pirita de ferro no vapor inglés “Aquerinde”, un accidente saldouse cun home morto e outro ferido. En xullo dese ano o Concello solicita ao Governo Civil que obrigue a esta empresa a construir en Rande, con caracter definitivo, unha ponte e unha canle que, establecidas provisionalmente, supoñen un perigo No transcurso dunha folga mineira en 1933 neste cargadoiro retirábase o ferro da citada mina.

 Aínda que non se atopou constancia escrita, varios autores indican que na II Guerra Mundial era empregada polos nazis para cargar wolfran procedente de minas galegas e leonesas como Coto Wagner. Logo o cargadoiro caería en desuso, probablemente na década dos anos 40. A estructura de ferro que se adentraba no mar foi desmantelada, mais actualmente aínda se pode ver a parte de formigón.

 

 

 

Cargadoiro de mineral de “Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A.” (Rande-Cedeira).

            En 1960 iníciase a construcción deste cargadoiro máis moderno que o que vimos anteriormente. A principios de 1966 ultimábase o seu acondicionamento e 30.550 toneladas de carbón agardaban para ser cargadas. Está formado por tres plataformas unidas a terra por unha estructura metálica que dispuña dunha cinta transportadora. Pertencía á empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.” e empregábase para embarcar ferro, que chegaba por tren procedente de Coto Wagner (en Ponferrada), e carbón, das minas de Larciana e o Bierzo. Eran exportados a outros países, como Inglaterra e Alemania. Como exemplo citar que en 1976 se exportaron 252.728 toneladas de ferro a Alemania, saíndo todo este mineral por este cargadoiro.

 

Fábricas de cepillos

Ferrín dono de E. I. M. A. en 1927. Foto cedida por Genoveva Loureiro
Ferrín dono de E. I. M. A. en 1927. Foto cedida por Genoveva Loureiro

 

E. I. M. A. ou Fábrica de Brochería y Cepillería S. A. (“A de Ferrín”ou “La Negrera”).

 

Empresa establecida en Redondela en 1934, por Bautista Ferrín Lorenzo, natural de Zamora. Colaboraban na dirección os seus fillos Jeremías e Julián Ferrín Belandas. Co tempo, faríase cargo do negocio o sucesor, Julián Bautista Ferrín Vázquez. Nos anos 60 era propiedade de José Álvarez Campos.

 

Como Regojo esta fábrica veuse favorecida pola Guerra Civil confeccionando cepillos de dentes, de calzado, de roupa..., para os soldados do bando nacional. Nos anos 50 chegou a producir 5 millóns de cepillos ao ano. Distribuindo a súa producción por todo o territorio nacional. Este rápido crecemento levou á construcción en 1939 dun moderno edificio situado na estrada de Vigo, próximo á estación do ferrocarril. A principios dos 50 tamén contaba cunha sucursal en Vigo especializada nos aglomerados de madeira.

 

A historia desta empresa está marcada polos incendios. O 31 de marzo de 1941 un incendio nuns almacéns alugados preto da empresa saldouse con varios mortos. En agosto de 1964 sería o propio edificio central o que ardeu provocando perdas millonarias pero, desta volta, sen víctimas mortais apesares de atoparse nas instalacións máis de cen traballadores. En febreiro de 1975 a negativa da dirección a subir os soldos provocou un conflicto laboral cos seus 75 empregados que, coa mediación dun letrado sindical, rematou cun aumento de 35 pesetas sobre o salario base.

 

Na actualidade as instalacións son empregadas por varios negocios comerciais.

 

 

 

 

 

Cepillería Gallega.

 

Fábrica de cepillos, brochas e pinceles ubicada na Xunqueira, fundada por Bienvenido Míguez Lago e Manuel Leirós Fernández “Machaquito”. Co tempo pasaría a ser totalmente de Manuel Leirós, cando menos dende 1948, limitándose Bienvenido a cobrar o aluguer do inmoble que era da súa propiedade. En xullo de 1960 esta empresa sufriría un gran incendio que a reduciu ás cinzas, así como ao colindante garaxe de Bienvenido. Por sorte non houbo vítimas mais a destrución foi tal que se afundiron paredes e teitos, salvándose tan só oa camións que puideron ser sacados a tempo do garaxe. As malas linguas afirman que o lume fora provocado para cobrar do seguro.

 

 

 

Outras Fábricas de cepillos

 

Fábrica de Cepillos de José Araújo Vázquez

 

Na rúa Espíritu Santo nos anos 50-60.

 

 

Veiga y Tojeiro. Fábrica de cepillos e brochas na rúa Prata nos anos 50-60. Especializada en cepillos industriais.

 

 

Textil

 

José Regojo descubrindo unha das placas da rúa que leva o seu nome. Foto: Cal-3_Recuerdos de mi vida
José Regojo descubrindo unha das placas da rúa que leva o seu nome. Foto: Cal-3_Recuerdos de mi vida

 

Fábrica de Camisas Regojo.

En 1928, José Regojo Rodríguez, pontevedrés de nacemento e zamorano de adopción,  liquida os seus negocios en Portugal e instálase en Redondela, fundando unha fábrica de camisas na rúa Alfonso XII. O local tiña 100 metros cadrados contaba con 8 traballadores e producía seis docenas de camisas diarias.

Co tempo a fábrica de camisas Regojo chegou a ser a maior empresa de confección de España. Este gran crecemento, debeuse en gran parte, a confección de roupa para o exército do bando nacional durante a Guerra Civil. A súa producción acadaría as 12.000 camisas diarias, á venda en 15.000 tendas, e a situarse no 25% do mercado español, ou sexa, unha de cada catro camisas vendidas en España era fabricada por Regojo. Chegou a ter cerca dos 6.000 traballadores sendo durante moitos anos o motor económico da vila. Se fabricaban as marcas de camisas: Dalí, Paul Lafont, Jen Coty...; e de vestidos, saias e blusas: Maquien, Modachic... A fábrica ocupaba unha superficie de 15.000 m2 e contaba con comedores, economato e escola, ademáis dun fondo para conceder becas de estudios ós fillos dos traballadores. 

Tamén creou fábricas de calzado, uniformes, curtidos, madeiras, fundicións... En 1963 creou Confecciones Niza. E seguidamente Confecciones Sotomayor, Intexcon, Textil Amoedo e Acabados Textiles del Noroeste. Coa chegada da democracia e a apertura ás importacións as cousas comezaron a ir mal. As empresas anteriores se fundiron baixo o nome de Telanosa.

Tralo feche da fábrica, en 1987, requirido polo Ministerio de Traballo, foron intervidas as contas bancarias de varios traballadores dos 1.200 que en 1981 asinaran un crédito de 400 millóns de pesetas para o saneamento da empresa. Isto desencadeou verdadeiras batallas campais entre os traballadores e a policía. Situación que duraría varias semanas ata a condonación da débeda.

Fotos dos enfrontamentos coa policía.

http://www.delmialvarez.com/telanosa/telanosa.htm

            Nos anos 80 e 90 urbanizouse a zona conservándose tan só a cheminea, que curiosamente nunca foi empregada por esta fábrica. En realidade pertencía a outra empresa instalada en Rande, Vidriera Gallega, e José Regojo a mercou como elemento decorativo da súa factoría.

 


Outras Fábricas de Camisas

 

Fábrica de Camisas Ramón Puga Fernández.

             Na rúa Jose Antonio, actual Avenida da Ribeira, nos anos 50-60.

 

 

 

Fábricas de Gaseosas

 

          Nun censo de actividades de 1910 aparecen as fábricas de: Adolfo Abalo, Jesús Collazo e Antonio Silva y Compañía.

 

Gaseosas Franco

          En Chapela.

Gaseosas “La Esperanza”

          O seu dono chamábase Domingo Blanco Pérez e tiña a fábrica de gaseosas no baixo da súa casa en Vilavella, na actual R. Padre Crespo a mediados do século pasado. Tanto el como a súa muller eran coñecidos como “os da Gaseosa”, pero o alcume que herdou a familia foi o das súas fillas, “as Gaseoseras”. Os maiores aínda lembran como recollían auga na fonte de Vilavella para elaborar a gaseosa. Trala morte do propietario a fábrica de gaseosas aínda continuou na década dos 50, baixo o nome "Vda. e Hijos de D. Blanco".

Gaseosas “La Primavera”

O seu dono era Ramón Feijoo Fernández que lla traspasou en 1891 a Constante Gregorio.

 

Gaseosas ¿?

          Propiedade de Antonio Garrido Otero en 1900, na praza da Constitución.

 

 

Fábricas de Xabón

Fábrica de Jabones ¿?

          Na Matrícula Industrial de 1885 consta Isidro Bujones Gándara como propietario dunha fábrica de xabóns na rúa Alfonso XII.

 

Fábrica de Jabones el Diamante.

          Propiedade da viuva de José Lago Araujo alá por 1950.

 

Fábrica de Jabones Sáa y Ramonet.

          Ubicado no Adro comercializaba o "Jabón Coca, lava bien la ropa".

 

 

Outras Empresas

 

Canteiras.

 

          Nun censo de actividades de 1910 aparecen as Canteiras de pedra de construcción de Virginia Lorenzo, ubicadas en Cedeira. 

 

          En abril de 1932 prodúcense despidos nas canteiras de Chapela, provocando a folga do Sindicato de Trabajadores en Construcción de Obras del Puerto de Vigo.

 

 

Comercial Lechera Gallega S. L. (despois Ilsa-Frigo).

          Estaba situada na actual rúa Ernestina Otero. Recollía o leite de pequenos productores para a súa distribución, chegando a vendela en Madrid. Nas súas instalacións a inicios dos 50 xa estaba ubicada a empresa de xelados Ilsa-Frigo á que abastecía de leite. Pechou as súas portas a finais dos 70, trasladándose Frigo a Cesantes ata a perda da concesión no 2013.

 

 

Compañía Azufrera del Noroeste (Rande-Cedeira).

            En 1920 anúnciase que debido ás facilidades dadas por “Vidriera Gallega”, lindando cos seus terreos establecerase en breve unha empresa do sector químico que fabricaría xofre, sulfato de cobre, abonos químicos e outros productos dirixidos á agricultura. En outubro de 1932 varios obreiros foron despedidos o que provocou graves incidentes. O 8-8-1934, sendo director Sergio Álvarez,  morren dous obreiros e outros dous resultan feridos nun incendio. Un deles chamábase Avelino Couñago que deixou muller e 5 fillos. Outros moitos traballadores desta empresa tamén morrerían por mor da silicose. Estaba situada nos terreos que hoxe ocupa a empresa Grupo Vieira, anteriormente Vieira S.A, e tan só se conserva algunha pequena edificación.

 

Delta Vigo

            Delta Vigo foi a primeira empresa de automoción con sede en Redondela. Fundouse en 1947 como taller de mecanizado aproveitando o establecemento de Citroën na cidade olívicica. Hai uns anos deu o salto ao sector aeronaútico, ao conseguir un encargo por valor de 1,6 millóns de euros para fabricar cuadernas de fibra de carbono e outros elementos para o Airbus A380.

 

Electra de Redondela / Electra Popular de Vigo y Redondela

En setembro de 1899, o Governo Civil concedeu a Daniel Poyán e a José Ramón Lorenzo, de Vilagarcía, a autorización para construir unha presa arriba da “Ponte do inferno”, en Pontecaldelas, para o aproveitamento da auga do río Verduxo para a fabricación de pasta de madeira.

En marzo de 1901, verificouse en Redondela a subasta para o servicio do alumeado eléctrico, que foi adxudicado a José Ramón Lorenzo, na cantidade de 3.990 pesetas anuais. Para explotar o negocio constituiuse a empresa La Electra de Redondela, que tamén se adicará a outras industrias. Antes de finalizar o ano inaugurouse en Redondela o alumeado público.

As cousas van ben e, en abril de 1902, reúnense os accionistas para tratar o aumento de capital social e proceder ao nomeamento dos conselleiros. En setembro de 1902 prodúcese a disolución desta sociedade e a fusión na Electra Popular de Vigo y Redondela (EPVR), empresa domiciliada en Vilagarcía. Esta empresa explotaría os saltos dos ríos Verduxo e Oitavén, estando ligada ao grupo bancario Riestra/Hijos de Simeón García.

Como curiosidade contar que esta empresa en marzo de 1903 ofreceu ao Concello de Vigo “colocar no centro da Porta do Sol unha columna con tres focos permanentes de luz de arco voltáico. A columna levará no centro un reloj de dúas esferas, terá uns 15 metros de altura e servirá para a distribución dos cables”.

En decembro de 1908, autorízase ao seu presidente Laureano Salgado á instalación dende Redondela dunha liña de transporte de electricidade que abasteza a Porriño. Esta empresa levaría a luz eléctrica a outras vilas da rexión como: Cangas, Bueu, Beluso, Baiona, Gondomar... Por iniciativa deste mesmo empresario, Laureano Salgado Rodríguez, en marzo de 1930 colocouse a primeira pedra da Virxen da Roca en Baiona. Faleceu en Caldas de Reis o 5 de maio de 1930. En 1952 a agrupación galega da Asociación Nacional de Peritos Industriales, abre unha suscrición para erixir un busto en Caldas de Reis na honra de quen fora propulsor da industrialización de dita vila.

En Redondela esta empresa tiña as súas oficinas na Praza Constitución ata que en abril de 1910 se trasladou á Rúa Cruceiro, onde en maio de 1911 se instalou o primeiro teléfono de uso público da vila.

En 1923, a Electra Popular de Vigo y Redondela é absorbida pola Sociedad General Gallega de Electricidad, que crea unha rede de distribución de Vigo a Ferrol.


 

Electro Metalúrgica Gallega

            Esta empresa entrou en funcionamento en abril de 1921 en A Portela (Cedeira), sendo “a primeira da súa clase en España en empregar novísimos procedementos”. Para suministro eléctrico se estableceu unha liña de 15.000 voltios. Estas instalacións serían empregadas posteriormente pola empresa Industria Metalífera Española, IME S. A.

 

Fábica de Cacharrería (Cesantes)

            Propiedade de Bernardina Sobrino, consta na Matrícula Industrial de 1885-86.

 

Fernández Colmeiro (A Portela-Cedeira).

 Adicábase á fabricación de arame. Comezou a producción en Vigo pero repetidos verquidos á praia de Samil obligou ao seu traslado a Cedeira (Redondela), nos terreos ocupados posteriormente pola empresa de automocíón Inerga, logo chamada Peguform. Os seus verquidos ao mar, chegouse a indemnizar ás mulleres que lavaban a roupa no Río da Plateira porque aparecían queimadas, e as súas emisións á atmósfera, coas baldosas das casas veciñas carcomidas polos ácidos, obrigaron á corporación municipal a clausurala en 1976. O seu maior problema era que trataba o ferro con procedementos químicos para eliminar o óxido, en lugar de empregar o proceso menos contaminante de lanzar area a presión.

 

Fábrica de Curtidos (O Muro-Redondela)

            Fábrica ubicada no Muro, que en 1904 pola ordeación parroquial deixa de  pertencer a Quintela, pasando a Vilavella. Na matrícula industrial de 1885 (non hai datos anteriores no Arquivo do Concello) aparece como propiedade de Bernardino Ramilo. Trataríase de Bernardino Ramilo Nieves que tamén poseía unha fábrica de curtidos en Porriño. Era pai de Octavio Ramilo Portela (Ver Persoeiros>Empresarios) e tío do famoso arquitecto Antonio Palacios Ramilo. Nos seguintes anos continúa o mesmo dono, cando menos ata a matrícula de 1893-94, na que ademáis aparece a seguinte información: "Fábrica de curtir pieles de ganado vacuno. Le juran tener molino cortera con destino a la misma movido por caballerías 22'83 metros cúbicos".

            A seguinte matrícula industrial é de 1896-97, constando como titular Juan Ipiña ( Ibarreche de segundo apelido segundo outros documentos) e a descrición: "Fábrica de curtidos, midiendo noques 50 metros cúbicos". Debeu de acometer reformas na empresa porque na de 1897-98: "... midiendo noques 61 metros cúbicos". A fábrica permanecería activa cando menos ata 1905, falecendo Juan Ipiña en outubro de 1910.

 

Fábrica de doces (Vilavella)

            (Ver>Que ver>Convento de Vilavella)

 

 

Fábrica de Membrillo ¿? (Rabadeira-Cedeira)

          Fábrica de marmelo establecida nunha casa alugada a Purita Zendón na Rabadeira (Cedeira) durante os anos 40-50. Foi constituída por dous socios, un de Vigo apelidado Reboredo e o outro de Redondela, Segismundo Pérez.

 

IME S. A. – Industria Metalífera Española (Punta Socorro-A Portela-Cedeira)

            Nas instalacións de Electro Metalúrgica Galega (fundada en 1920), Carlos Gunche Rodríguez enxeñeiro de orixe arxentina crea a fundición Santa Elena na 2ª metada dos anos 30. En 1946 troca o nome polo de IME S. A., con Carlos Gunche presidindo o consello de administración e o seu fillo Raúl Carlos Arturo Gunche López (alcalde de Redondela en 1943) como director xerente. Nese mesmo ano contaba cun capital de dous millóns de pesetas. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus productos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, voltando a traballar cun só forno entre 1952 e 1957.

Curiosidade: Despois da Guerra Civil, nenos da vila buscaban na chatarra que chegaba á fabrica vellos xoguetes como soldados de chumbo. Nunha destas, atoparon balas e non se lles ocurriu outra cousa que botalas ó lume para ver si estoupaban. Por sorte non houbo ninguén ferido. A partires daquel suceso a Garda Civil controlou as descargas de material para impedir que os rapaces se achegaran.  

            Nos anos 90 as instalacións convertíronse nun complexo residencial. Parte da fábrica foi derruida para construir un chalet, dúas piscinas e unha pista de tenis.

 

 

Industrias Erguira

             Nos anos 40 e 50 propiedade de Jacinto Fernández Araujo. Fábrica de xabóns, barrís, tonelería mecánica e envases en xeral. A fábrica estaba ubicada en Santa Mariña e os almacéns na praza 18 de Julio (actual Constitución).

 

Pastillas de Café y Leche Sucesora de Antonia Córdoba.

             Negocio familiar ubicado na Praza Ribadavia no primeiro piso do edificio que hai a carón da Casa da Torre. En 1925 era rexentado por Melitón Sanmartín. Esta empresa chegou a ser unha seña de identidade de Redondela, porque cando o tren chegaba á nosa estación o primeiro que escoitaban os viaxeiros era ao vendedor ofertando estes caramelos.

 

Refimetal (Cesantes e Reboreda)

            Adicada á recuperación de estaño e chimbo da folla de lata procedente dos desfeitos industriais. Tiña instalacións en Cesantes e Reboreda. Pechou a finais dos anos 60 ou principios dos 70.