Historias do Mar.

Asteleiro de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2009.
Asteleiro de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2009.

 

 

Estaleiro.

Lugar onde se construían e reparaban os botes de pesca. En Redondela xa existía a Praza do Asteleiro antes de 1760. A principios do s. XX había un estaleiro no inicio da Rúa Reveriano Soutullo, daquela a Praza da Constitución era unha marisma. Logo abriría na praia de Cesantes no lugar coñecido aínda hoxe como os Astilleros, o Estaleiro de Loureiro. (Ver Empresas). Na actualidade o porto de Cesantes conta co seu propio estaleiro.

 

 

Peiraos

Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2008.
Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2008.

 

Peirao de Redondela.

Na 2ª metade do s. XIV o bispado de Santiago xa cobraba diezmo polo porto de Redondela. No s. XVI este porto comeza a gañar importancia grazas á captura de sardiña e pescada. A principios do s. XVII o peirao de Redondela atopábase no Cabo dos Fumeiros. A mediados do s. XVIII xa estaba na Ribeira. Neste século o porto de Redondela cobra importancia por ser o punto de embarque do viño de Ribeiro que, facendo escala en A Coruña e Ferrol, era enviado a diferentes puntos de España. Como exemplo, en 1796 saíron para A Coruña 10 barcos cun total de 293 toneladas de viño. En 1804 a pesca ascende a 300 millares de sardiñas anuais.

En agosto de 1899 o porto de Redondela foi “declarado de interés general”. Dous meses despois o Ministerio de Fomento abre expediente co fin de iniciar as obras de mellora do porto. En xaneiro de 1900 ten lugar a incautación polo Estado, representado polo enseñeiro de Obras Públicas, Sr. Domecq, do peirao de Redondela, que foi entregado por unha comisión do Concello.

En 1929 iniciase a construcción das barras do Alvedosa, eran dous diques que tentarían solucionar os problemas de calado do porto de Redondela, que poucos anos despois desaparecería por mor dos recheos.

           En outubro de 1934 reclámase a colocación dunhas luces no peirao da Ribeira, como xa se fixera nun pequeño embacadoiro de Chapela.

 

Peirao de Cesantes

En xuño de 1912, tratábanse de reanudar os traballos a fin de ultimar o proxecto do porto de Redondela, que se construirá en Cesantes considerar a praia o lugar con mellores condicións.

A principios dos 30, José Otero González “Mañas” construe un pequeno peirao en Cesantes para trasladar alí á súa conserveira.

En decembro de 1956 a Comisión Provincial de Servizos Técnicos aproba a construcción da lonxa de Cesantes.

No BOE do 24 de marzo de 1958 publícase a adxudícación da construcción do Peirao de Cesantes a Construcciones Ramón Valverde S.A., cun presuposto de 3.129.993'41 pesetas. En 1964 xa se rematara a construcción do porto de Cesantes e iniciábase a edificación da lonxa. En 1967 solicítase a instalación dun depósito de combustible.

No 2014 inaugúrase a nova lonxa.


Outros peiraos.

Na segunda metade do s. XVIII, fomentadores cataláns instalan unha fábrica salgadoira na Portela co seu peirao. A posterior instalación dun apostadeiro do exército determinou que este lugar aínda hoxe sexa coñecido como Peirao dos Carabineiros. No XIX un pequeno peirao na Regasenda unía este barrio con San Adrián. Outro peirao, o da Punta do Cubillón, foi empregado polos barcos de pasaxe para unir Chapela e Domaio.

Xa no s. XX varias liñas de vapores unían Redondela e Chapela con outros puntos da Ría de Vigo e unha barcaza comunicaba Rande e Domaio. En 1915 inaugúrase a linea de vapores Cesantes - Vigo. En 1924 habilítase un peirao en Rande para o embarque dos productos dunha fábrica alí establecida. Na década dos 50, os equipos de futbol de Vigo que debían xogar en Domaio tomaban o barco en Chapela.



Crónicas do mar


1573 Redáctanse unhas ordenanzas para a “Ría de Vigo, Redondela e Cangas” que regulan a actividade pesqueira, como xa fixeran Pontevedra e Vilanova de Arousa.


1843, 20 de xaneiro. Os mariñeiros de Redondela saudaron con cohetes a chegada procedente de Santiago de Antonio Arias Seoane, deputado a cortes pola provincia de Pontevedra e “rico hacendado” da cidade de Tui, pola defensa dos seus intereses. Despois de recibir tamén o agradecemento das monxas de Vilavella continuou viaxe cara a Tui.


1866, 16 de xuño. Na listaxe de baixas e feridos da Fragata Numancia, comandada por Casto Méndez Núñez, tralo ataque ao Callao (Cuba), aparecen dous mariñeiros de Redondela: o mariñeiro ordinario, Fermín Puertas, con contusión leve; e o grumete, Jose María Amoedo, ferido leve.


1870 O francés Philipe Hipolite Magen recupera 44 kg. de prata, canóns, vigas de carballo e cerámica do tesouro de Rande.


1876, 06 de decembro. Hai dúas noites o forte temporal provocou que un buque portugués estivera a piques de estrelarse na Guía, polo que tivo que facerse á vela e dirixirse ao Lazareto de San Simón, onde permanece fóra de peligro.


1882, 30 de xuño. O ballenato quee chegou á praia de Cesantes foi transportado a Redondela, por seres mercado por un veciño da vila.


1889, 04 de abril. A lancha “Gracia de Dios”, con catro homes a bordo e patroneada por José Casal, saiu da Ribeira de Vigo cara a Chapela, volcando no punto chamado Pedra do Pego, por mor dunha racha de vento. Un dos náufragos voltou a nado á Ribeira e os outros foron recollidos por outra lancha.


1893, 18 de xaneiro. A tres cables de distancia da Ribeira do Berbés, unha racha de vento fixo zozobrar un bote de pesca no que se atopaba o práctico do porto. Sete dos náufragos foron recollidos por un falucho de Bouzas e dous pola lancha de Chapela patroneada por José Castro.


1893, xuño. O Concello prohibe a venda de marisco ata despois de agosto.


1894. A lancha de Redondela chamada “Ramoncito” naufragou xunto ás Illas Cíes resultando morto un dos tripulantes.


1894, 4 de agosto. Preto da praia de Toralla, navegaba un bote tripulado por un home de máis de sesenta anos e dous fillos seus, todos de Chapela. O ancián sufriu unha conxestión cerebral e caiu ao mar. Apesares de que un dos fillos lanzouse tras el, non se puido máis que recuperar o seu corpo sen vida.


1897, 26 de xaneiro. No afundimento da cañoneira Relámpago,resultou morto pola explosión Juan Campelo, de Chapela, que servía como reposteiro, e do que se ocupou a prensa polo proceso que se lle seguiu en Nnew York, por mor dun asasinato do que sería absolto ao ser descuberto o verdadeiro autor do delito. Juan Campelo pasaría a servir na illa de Cuba no cruceiro Isabel II, do que pasaría ao Relámpago.


1897, marzo. Chegaron todos os mariñeiros para pasar unha semana coa familia e repartir os cartos gañados durante o ano. Están ancradas no porto 21 lanchas e 37 na Portela, que é o total da frota de Redondela. O número de mariñeiros ronda os 500 e, aproximadamente, 20.000 pesos a cantidade repartida.


1897, 12 de decembro. Tendo en conta a manifestación de protesta contra o uso da traíña, a corporación municipal acordou redactar unha exposición dos feitos que elevará ao ministro de Mariña. No documento solicitaráse a protección das familias afectadas. O Concello tamén ten que facer fronte á nulidade da subasta de consumos.


1898, 06 de xaneiro. Por fin chegaron á terra as 20 lanchas con 200 mariñeiros de Redondela. O temporal obrigounos a fondear en mar aberta, pasando tres días a pan e auga sen poder achegarse á costa.


1898 Redondela, Cangas e Marín solicitan ó Ministerio de Mariña a prohibición de pescar con cerco de “jareta” ou traíña, xa que esta prohibición perxudicaba ós pescadores que empregaban artes tradicionais (xeito e boliche).


1898, 9 de setembro. Numerosa manifestación contra as traíñas. Asistiron os mariñeiros, as súas mulleres e fillos, que suxeitaron as embarcacións para que non saíran a pescar. O alcalde e a garda civil disolveron ós manifestantes.


1900, 28 de xullo. En San Adrián de Cobres volcou unha chalana, na que ían dous mariñeiros e dúas mulleres, perecendo afogada Mercedes Amoedo, de 19 anos e natural de O Viso, que ía a arranxar a documentación para casarse. Os tres supervivintes estiveron loitando coas olas ata que foron recollidos por unha lancha que pasaba por alí.


1901, 13 de febreiro. Onte houbo manifestacións en defensa do xeito en Pontevedra, Redondela, Baiona e Porto do Son. Nas Rías Baixas tan só son partidarios do uso da traíña Vigo e Bouzas.


1901, 28 de febreiro. Por negarse a pagar os dereitos de consumo do pescado importado nesta vila, moitas vendedoras se apostaron frente ós fielatos dirixindo graves insultos ós empregados durante tres horas. A orixe do conflito é a pugna na que se atopa a Compañía Arrendataria co Concello, que obriga a aquela a extremar os medios de recadación para reunir a cuota mensual. Coméntase desfavorablemente a conducta das autoridades por non previr o conato de motín. En previsión de que poidan ocurrir novos desordes chegaron sete parellas da garda civil mandadas por un tenente.


1901, 122 de xullo. Procedente de Portugal chegou en tren a Vigo o fogoneiro do vapor México, Bernardo Nantes, de Chapela. Este confirmou que 8 horas despois de saír de Lisboa, por mor da néboa o barco bateu contra as rochas abríndose unha gran vía de auga que obrigou a abandoar a nave á tripulación e aos pasaxeiros.


1901, 07 de Outubro. Invitados polo ex-presidente do Congreso, Sr. Marqués de la Vega de Armijo, visitaron o castelo de Soutomaior o ministro de Mariña, o senador Sr. Marqués de Riestra e o deputado a cortes por Redondela Francisco de Federico. Ao regresar atoparon en Arcade unha manifestación de máis de 200 mariñeiros de Redondela que solicitaron ao ministro a prohibición da traíña dentro das rías.


1902, 24 de Xaneiro. A explosión da lancha cañoneira “Cóndor” ocurriu preto da praia do Samil. Entre os feridos atópase Andrés López Rodríguez, de O Viso (Redondela), con queimaduras no corpo e contusións. Coa explosión, algunhas das vítimas lanzáronse ó mar e outras cairon nel, sendo recollidas polas traíñas que alí faenaban. Ó Cóndor foi remolcado por un vapor que recolleu ós feridos trasladándoos ó “Temerario”. Deste pasaron ó hospital militar, o traslado dos feridos fíxose en angarellas da Cruz Vermella. Polo relato que fixeron os salvados resulta que a explosión foi da caldeira e de un dos pañois, quedando o barco destrozado e desarmado completamente. O comandante quedou colgado dunha corda, de onde o recolleron despois de largo rato de estar alí. Tres vapores de pesca conduciron os restos do “Cóndor” á praia do Areal. Varios tripulantes están desaparecidos.


1904, decembro. A traíña Paulina do porto de Tirán volcou máis alá das Cíes. Os 19 tripulantes asíronse á embarcación e así permaneceron durante hora e media, ata que foron socorridos pola lancha Alvarado, de Redondela. Lograron salvar a 15 náufragos, xa que tres afundiron antes da chegada de axuda e outro foi recollido en tal mal estado que faleceu antes de chegar a terra.


1905, 10 de xullo. Un raio caiu sobre a lancha de Chapela Antonio con 10 tripulantes, falecendo 3 deles: Andrés López Gómez, de 20 anos, fillo de Manuel e Peregrina; Benito Lago Rodríguez, de 20 anos, de José e Peregrina; e Constantino González Otero, de 16, de Vicente e María, sendo os tres solteiros. O barco comezou a facer auga e afundiuse de costado. Os supervivintes quedaron sen sentido durante uns minutos e ao espertar lanzáronse ao mar poñéndose a salvo nas illas Cíes de onde foron rescatados. Outro raio matou a un mariñeiro dunha traíña de Cangas.


A cañoneira Cóndor en A Coruña días antes de naufragar. Foto Historia de las Rías
A cañoneira Cóndor en A Coruña días antes de naufragar. Foto Historia de las Rías

 

1906. decembro. Xunto a outros mariñeiros de Vigo, foi multado Cándido Ballesteros, de Chapela, por pescar co aparello de arrastre, chamado bou, dentro da ría.

 

 

 

1907, novembro. Todas as traíñas de Redondela colaboran con 25 pesetas cada unha para aumentar a suscripción para socorrer ás familias dos 12 mariñeiros que naufragaron na ría de Aldán.

 

 

 

1908, decembro. Na praia do Areal (Vigo) foi atopado o cadáver de Ángel Piñeiro Lago de 19 anos, sendo recoñecido polo seu pai Benito Piñeiro Casal, veciño do lugar de Leitona en Chapela, acompañado por outro fillo e pola súa cuñada. O finado formaba parte da tripulación da traíña Puerto Rico, patroneada por Francisco Puch Gómez. Esta embarcación estivera a noite pasada descargando sardiña na rampa da fonte do Galo con destino á fábrica de Antonio Alonso. Ángel esvarou ao subir a bordo caíndo a auga e afogando por non saber nadar.

 

 

 

1909, abril. Desestimouse un expediente instruído a instancia de varios veciños de Vigo, Cangas e Redondela; e os portos de Moaña, Teis e Chapela solicitando a prohibición da arte de pesca denominado "tarrafa".

 

 

 

1909, xullo. Desapareceu un mariñeiro do acorazado alemán Barbarossa. O conserxe do lazareto de San Simón telefonou ao director do achado da súa roupa na illa onde desembarcara a tripulación, créndose se bañou e faleceu afogado. O Sr. Zabaleta ordeou dar todo tipo de facilidades aos alemáns nas tarefas de rescate. Despois de probar con redes, garfos e buzos ofrécese un premio en metálico á embarcación que atope o corpo.

 

 

 

1909, novembro. Ente os tripulantes da traíña "General Rubín", de Redondela e a de Cangas número 1.970, ocurriu unha colisión á altura do baixo A Borneira, resultando 8 mariñeiros de Redondela con contusións. Ao altercado sumáronse as tripulacións doutras traíñas de Cangas que faenaban preto, rematando o suceso con varios detidos no cárcere de Cangas. Os redondeláns deberon prestar declaración ante o xuíz instructor da Comandancia de Vigo.

 

 

 

1910, decembro. O vapor Juanito naufragou na praia de Ericeira, preto de Lisboa. A mar grosa e a perda do rumbo pola néboa foron os causantes. As 25 persoas que ían a bordo arribaron á praia nos botes salvavidas e na lancha da sociedade de Salvamento de Náufragos de Lisboa. Once dos superviventes naturais de Redondela, Vilagarcía e Xixón foron auxiliados pola Alcaldía de Tui que pagou a súa viaxe en ferrocarril.

 

 

 

1911, marzo. Nestes días embarcaran para diferentes puntos de América, numerosos mariñeiros da localidade, que deixan o pobo ante a imposibilidade de poder atender á súa susistencia e a das súas familias. Das oito compañías de pesca, tan só quedarán catro, habendo repartido cantidades moi reducidas en comparación con anos anteriores.

 

 

 

1911, 29 de outubro. A causa do forte temporal reinante, zozobrou unha lancha de pescadores fronte ao lazareto de San Simón. Ía tripulada por un padre e dous fillos, perecendo afogado o menor deles.

 

 

 

1912, 16 de xuño. Manifestación en Vigo de mariñeiros de Chapela, Aldán, Redondela, Vilariño, Moaña, Cangas e Teis; e de obreiros das fábricas de conservas. Os manifestantes entregaron á Alcaldía e á Comandancia de Mariña as seguintes peticións: Prohibición da pesca da ardora, castigo do emprego de explosivos e outras procedementos de pesca ilícitos e autorización das tarrafas nas rías.

 

 

 

1912, 22 de xuño. As protestas das tripulacións das traíñas contra a ardora e as motoras a vapor remata en Vigo coa carga dos gardas de seguridade cos machetes e dos municipais cos sables desenvainados. Calcúlanse en cen os feridos, dos que os oito máis graves foron atendidos na Casa de Socorro de feridas de sable en brazos e costas. Entre estes últimos atopábase Francisco Rodríguez Vázquez, de Chapela.

 

 

 

            1912, 05 outubro. Procedente de Río de la Plata e con escalas en Brasil e Lisboa, chegou a Vigo o trasantlántico Aragón da Mala Real Inglesa. Durante a travesía faleceron dous pasaxeiros de enfermidade común: o pasaxeiro de terceira clase José Pérez, de oficio fogoneiro e natural de Chapela, e un neno de corta idade fillo dun matrimonio que viña a Vigo en primeira clase. Os dous cadáveres foron arroxados ao mar.

 

 

 

1913, 27 de marzo. Ao saír de pesca uns mariñeiros desta vila faleceu un deles chamado José María Rodríguez Queimaliños. Parece que a causa foi unha angina de pecho”.

 

 

 

1914, 20 de decembro. En Vigo o vapor Santo Domingo, que navegaba sen luces, embestiu ao barco de pesca Peral. As dúas embarcacións afundiron, falecendo sete tripulantes do primeiro e tres do segundo. Entre estes últimos atopábase o mariñeiro José Araújo, de Chapela.

 

 

 

1916, 12 de febreiro. Un refaxo fixo volcar a lancha “Oquendo” a dúas millas de Cabo Home. Era propiedade de Fermín Milijosa do porto de Redondela e adicábase á pesca con xábega. Tan só houbo un supervivente, que encaramado á quilla foi rescatado pola motora “San José” de Cangas. Faleceron cinco homes: Calisto Fernández, patrón, casado; Manuel Nogueira, de 60 anos, casado con tres fillos dos que dous tamén están casados; Agustín Barros, de 36 anos, casado e con dous fillos; José Puga, de 20 anos, solteiro; e o mozo José Soutullo, tamén solteiro. Nos días posteriores as xentes do mar celebraron varios funerais e crearon unha comisión de axuda ás familias das víctimas.

 

 

 

1916, 27, setembro. Denúnciase que o Cabo do mar de Redondela, reside en Vigo. Isto impide a axeitada vixiancia da praia de Cesantes, de onde se extraen carros de area e algas sen control algún.

 

 

 

1916, 27 de novembro. Entre Oia e A Garda naufragaron os vapores África e Hércules. Do segundo pereceron 19 dos seus tripulantes. O África traía unhas 60 cestas de peixe polo que a meirande parte dos seus ocupantes viñan na cuberta no momento do choque. Ademáis, grazas ao rápido auxilio da motoras Europa e Maruja non faleceu ningún, atopándose entre os supervivintes tres redondeláns: José Álvarez Iglesias, Luis Esteiro i Emilio Fervenza Puertas.

 

 

 

1917-outubro. Polo comandante do gardapesca “Gaviota”, foi denunciada a lancha de pesca “Carmen”, de Neira, por pescar de noite con boliche e carecer de sol, impúxoselle dúas multas de 15 e 5 pesetas. Tamén foi denunciada a chalana “Angelita”, de Chapela, polos mismos delitos e impúxoselle o mesmo correctivo.

 

 

 

1917, 24 de outubro. Por carecer de rol foron multados os patróns das chalanas: “Otilia”, de Chapela; “Rosita”, de Cesantes; e “Jesusa”, de Chapela. Ademáis foi sorprendido pescando con bou o bote “ San José, de Redondela.

 

 

 

1917-decembro. Foron denunciados á autoridade mariña por pescar con bou, os patróns da traíña “Dos Hermanas”, de Cesantes, e a chalana “Vicenta”, de Rande. Recolléuselles o aparello para destruilo e a cada un se lle impuso unha multa de 500 pesetas.

 

 

 

1919, 06 de abril. Os mariñeiros e as corporacións municipais de Redondela, Soutomaior, Pontesampaio e Vilaboa, enviaron unha comisión que lle entregou ao Comandante da Mariña de Vigo dúas instancias dirixidas ao Ministro de Mariña, pedindo que non se conceda a José C. Barciela autorización para construir un parque ostrícola na ría de Pontesampaio.

 

 

 

1919-agosto. Apareceu morto no dique Victoria Eugenia, do Arsenal, en Ferrol, o aprendiz fogoneiro do torpedeiro número 8, José Berdoner Fernández, de 21 anos, natural de Chapela. Suponse que ao regresar a bordo as dez da noite trabucou o camiño e caiu ao dique que estaba seco.

 

 

 

1919, 02 de outubro. O Consello de ministros acordou a creación da “Caja Central de Crédito Marítimo”, o que produxo gran xúbilo entre a crase mariñeira de Redondela. Enviáronse múltiples telegramas de felicitación ás diferentes personalidades pola súa laboura no logro deste centro que dará un novo pulo aos Pósitos de Pescadores.

 

 

 

 

 

1920, 07 de agosto. Maximino Suárez Vázquez de 18 anos, fillo de Crisanto e María, de Reboreda. Ía co seu irmán de 14, nunha chalana á fábrica “La Vidriera Gallega” na que traballaba, cando se lanzou á auga, falecendo afogado fronte á Portela.

 

1922, xullo. Un neno que xogaba no recheo durante a marea alta caiu á auga, sendo salvado por Antonio Bernárdez Santomé quen se lanzou vestido.

 

1924, xullo. Os xóvenes de Redondela Jaime Serín, Manuel Bouzón, Rodrigo Lera, Tomás del Campo, Antonio Criado e Ramiro Lueiro, acordaron dar un paseo na popular barca “Xan Carallás”, propiedade do pai do primeiro. Como dita embarcación atopábase un pouco lonxe tomaron unha pequena chalana. Cando se separaron un pouco da terra comezou a entrarlles auga por un costado ameazando con afundilos. Finalmente volcaron e estiveron a piques de afogarse.

 

1924, 27 de agosto. Onte atopábase pescando preto da Cíes o vapor “Arealonga”, propiedade do armador José María González, veciño de Chapela. Estoupoulle o tubo de nivel da caldeira, caíndo a auga fervendo sobre o fogoneiro, Ángel Campelos Chapela, solteiro, de 36 anos, veciño do Cubillón (Angorén-Chapela). O patrón Paulino López, decidiu dirixirse a Cabo de Mar e de alí trasladouse ao ferido á Casa de Socorro de Vigo, onde se lle practicaron as primeiras curas, sendo logo levado nun coche de aluguer á súa casa onde faleceu a causa das queimaduras.

 

1926, 31 de marzo. Ás dúas da tarde naufragou fronte a Moaña a traíña de Redondela “Ocho Hermanos”  propiedade de Maximino Araújo, cando regresaba de faenar. Estaba patroneado por Benito Lago Docampo, solteiro e de 28 anos, e levaba como tripulantes a Juan Puga, casado de 26 anos; Benito Fernández, de 28 e tamén casado;  e un mozo chamado Leonardo. A embarcación ía a vela cando unha ráfaga de vento a fixo envorcar. Os mariñeiros asíronse á quilla pero un golpe de mar arrastrou ao patrón e ao neno que comezaron a nadar. Unha lancha de Meira e outra de Moaña acudiron a socorrelos, trasladando a Moaña aos dous mariñeiros e a Leonardo que fora recollido sen coñecemento, sendo reanimado no porto polo médico Antonio Covas e un farmacéutico. Polo patrón nada puido facerse, case un mes despois o seu corpo sería atopado á altura de Punta Rodeira por un vapor de pasaxe que saía de Cangas cara a Vigo.

 

1927. Chámase a atención das autoridades de Mariña do feito de que baixen carros do país á praia de Cesantes provoca que se mate a cría do marisco causando graves perxuízos a case todos os veciños desta parroquia.

 

1928, 4 de decembro. Por infracción da Lei de Pesca o Comandante de Mariña de Vigo impuso multas a dez mulleres de Cesantes, que por non poder pagar ingresaron ao cárcere do partido.

 

1929, 27 de agosto. Os mariñeiros deste povo atópase alarmada porque, desde hai uns días, numerosos barcos andan a pescar con pistón e dinamita. O contramestre, señor Rica, tomou nota dalgúns destes barcos, dando conta á Comandancia de Mariña de Vigo.

 

1930, 11 de xaneiro. En San Sebastián o buque pesqueiro “Otoyomendi” sufriu un escape de vapor da caldeira, que provocou a morte do maquinista e feridas graves a catro mariñeiros. Un deles de Redondela, Carlos Bentuño de 25 anos.

 

1930, 30 de xaneiro. Naufraxio da lancha “Peonia” de Redondela. Faleceron os mariñeiros chamados Agustín Alfaya, o seu fillo Manuel, deixando muller e seis fillos; Víctor Puga Amil, deixa viúva e tres fillos; e Martín Villar Gómez, solteiro deixa nai e tres irmáns. Saíron das illas Cíes, onde estaban refuxiados por mor do temporal, pero non chegaron ao  porto. A esta traxedia sumouse a doutros 4 barcos de Bouzas, entre eles o Angel Manuel”, no que pereceu o redondelán Silvio Villar e o “Montenegro Nº7”, no que perdeu a vida o fogoneiro Benito Crisanto Otero Castro, de Chapela. A solidaridade volcouse coas familias das vítimas. En Redondela houbo numerosas doazóns tanto particulares como das diferentes sociedades, e organizáronse veladas teatrais e de boxeo. A Sociedade de Mariñeiros costeou os funerais. Pola súa parte o deputado a Cortes, José Barreras Massó desprazouse a Madrid na procura de axudas.  

 

1932, 02 de xuño. Os mariñeiros de Redondela decláranse en folga, para reivindicar a mellora das bases de traballo.

 

           1934, 11 de maio. Os carabineiros do porto de Redondela José Barral, Maximino Avila e Francisco Carrión, auxiliados polo axente de vixilancia de Pesca e Bernardino Rodríguez, realizaron a noite do pasado día 8 do actual un importante servicio sorprendendo un contrabando de tabacos, nas proximidades do Lazareto de San Simón. Aprehenderon quince bultos contendo sete mil trescentos paquetes de cigarrillos norteamericanos, cen botes do mesmo xénero, doscentas latas dos mesmos cigarrillos. O valor do tabaco calcúlase de corenta a cincuenta mil pesetas. O contrabando viña nunha gasolineira sen folio, nin número, auxiliada por unha embarcación denominada «Manuel» de matricula de Vigo. Os contrabandistas ingresaron no cárcere. Parece que o contrabando foi desembarcado dun barco inglés que días pasados estivo no porto de Vigo.

 

1934, 4 de xullo. Cando se bañaban na praia de Cesantes, os irmáns Juan

e Casto Pérez Otero, avanzaron demasiado mar adentro, véndose arrastrados. Ós gritos de auxilio, lanzouse á agua Francisco Pérez Miguel, que conseguiu salvalos dunha morte certa, cando xa un perdera o conocemento. Solicítase unha recompensa para Pérez Miguel polo seu heroico comportamento.

 

1934, 14 de decembro. Á altura de Cabo Silleiro atopábanse pescando os vapores  con matrícula de Vigo “Rafael Palacios” e “Marina” , cando unha gran ola arrebatou da cuberta do segundo a un dos tripulantes. O desaparecido é Antonio Rafael Cabaleiro González, veciño de Chapela de 30 anos, que deixa viúva e dous fillos de curta idade.

 

1936, 31 de maio. Folga dos mariñeiros da Ría de Vigo, secundada por algúns de Pontevedra, pola baixada dos prezos en lonxa provocada pola perda de mercado internacional das conserveiras. Os piquetes no paso a nivel da Pantalla (Cesantes) paran os camións que traen mercadorías para as conserveiras dende os portos da provincia de A Coruña. O peixe foi ciscado polo chan, agás unha parte que foi repartido entre os máis necesitados.

 

1938. Afundiuse preto das Illas Cies a lancha “Emilia” de Redondela, por sorte non houbo víctimas mortais.

 

 

 

1950, 4 de setembro. Ingresaron na prisión de Vigo, Manuel Quinteiro García, veciño de Redondela, armador e patrón da embarcación chamada “Carmen”, coa súa tripulación por ser sorprendidos practicando a pesca con explosivos.

 

1950, 22 de agosto. Volca unha lancha en Cesantes. Das máis de sesenta persoas que transportaba pereceron cuarenta e tres e 29 desaparecidas. A lancha motora, denominada «Monchiña» emprendeu o viaxe da illa de San Simón ó peirao da praia, levando a máis de 60 personas da garda do Xeneralísimo que se trasladaban a Redondela para xogar un partido de futbol co equipo de dita vila. Aproximadamente á metade do traxecto, un dos ocupantes da abarrotada lancha caeu á auga. Dada a voz de alarma, a lancha fixo un rápido viraxe, e ben sexa pola marexada existente naqueles momentos, ou porque un gran número de ocupantes se agolpou nunha das bordas, zozobrou, cundindo o pánico entre os ocupantes. Varios de estos conseguiron salvarse manténdose sobre táboas ou sobre a  quilla do barco, ou nadando, pero outros, por non saber nadar ou por non ter onde asirse foron ó fondo do mar. Algúns quedaron atrapados no camarote da «Monchiña», que ó cabo e dez minutos afundiuse por completo. Neste periodo de tempo se rexistraron as naturais escenas de fondo dramatismo. Prontamente acudiron os pescadores que en distintas embarcacións se encontraban naquelas augas, prestando rápido auxilio ós náufragos, logrando levar á illa a varios deles en estado de ásfixia e que volveron á vida, merced ós cuidados dos compañeiros que  non foran na lancha e moitos deles lanzáranse en pequeñas embarcacións en auxilio dos seus amigos. No lugar d suceso se persoaron rápidamente o comandante de Mariña e outras autoridades, que dispuseron as medidas oportunas. Igualmente acudiu o gobernador civil, Señor Solís Ruíz, xunto cos mandos provinciais, que foron a orar na capela onde estaban depositados os cadáveres e visitaron ós supervivintes.

 

1951, 14 de febreiro. Á altura do Cabo Espichel, o pesqueiro “José González Chao”, de Vigo, afundiuse ao ser abordado por unha cañoneira da fiscalización portuguesa. A noite pechada provocou que a lancha de vixilancia se acercara demasiado para identificar o barco. Faleceron cinco dos trece tripulantes, entre eles, o fogoneiro Antonio Ballesteros, de Chapela, de 47 anos, casado e con tres fillos. Tamén de Chapela e fogoneiro, resultou gravemente ferido, o mariñeiro Manuel Cabaleiro, de 47 anos, casado e con cinco fillos, que ía durmindo no momento da colisión.

 

1951, 19 de novembro. O pesqueiro con matrícula de Vigo “San Fernando” propiedade do armador Sr. Rivero, residente en Chapela, afundiuse na costa portuguesa por unha vía de auga producida por  un golpe de mar. Os catorce tripulantes foron rescatados polo pesqueiro de Bueu “Paradela”, tendendo cordas entre os dous barcos. Entre os náufragos, todos galegos, dous de Chapela, Juan Casal Casal e Juan Sotelo Bacelar.

 

1952, 30 de xuño. A Cofradía de Pescadores de Redondela acordou aceptar a petición de Eduardo Portela Casqueiro, veciño de Cesantes, para a instalación dun viveiro fixo para cria e engorde de mexilón, no lugar denominado “Río das barcas”, parte Oeste da enseada de San Simón.

 

1955, 19 de Abril. Vigo. No porto do Berbés cando o buque «Maso 28», dunhas 180 toneladas, que estivera descargando peixe durante a noite, se desprazaba esta mañá ao inmediato peirao da Casa M. A R., para cargar xeo, bateu coa lancha pesqueira «Florencia», de 42 toneladas, tripulada por 16 homes, que se afundiu rápidamente. O «Maso 28» tentou manobrar para acudir en auxilio dos náufragos sen poder realizalo, debido a que as redes se lle enredaron nas hélices. Dúas embarcacións pesqueiras de Cangas e unha de Cesantes, “Nuevo Pepe”, que se atopaban preto acudiron en auxilio dos náufragos e lograron recoller a trece, que foron levados ao hospital da Cruz Vermella, onde foron asistidos de síntomas de asfixia, pois ningún tiña feridas. Os máis graves dos asistidos son: Alejandro Bouzón Martínez, de 21 anos de Redondela; Basilio Alonso Torres, de 30 anos, de Cesantes, e José Rodríguez da Costa, de 15, también de Cesantes. As autoridades de Mariña ordearon a un equipo de buzos a búsqueda dos desaparecidos e pouco despois lograron extraer a Manuel Lago Barros, de 34 anos, casado e con dous fillos, veciño da Nogueira, O Viso. Posteriormente rescataríanse os cadáveres de Aquilino Pazos, de 32 anos, de Cesantes, casado cun fillo; e Cándido Martínez Barreiro, tamén de Cesantes, de 18.

 

1957, 28 de xuño. Unha embarcación inglesa, afundiuse nas proximidades da costa, pero, según a declaración entregada polo capitán, un individuo de Malta, o «Fury» transportaba cigarrillos americanos, whisky, sedas, nylon e artigos de perfumería. Os tripulantes eran casi todos españois: Juan Caballero, de Redondela; Pedro Duque, de Málaga; Cristóbal Rodríguez, de Cádiz. A Policía sabe que algunhas destas embarcacións, procedentes de Tánger e que fondean no Tajo con destino a outros portos de Europa, transportan contrabando, aparte dunha carga mínima facturada para Lisboa.

 

1961, 26 de decembro. Un fortísimo temporal iniciouse na mañá de onte. Sufriron importantes danos barcos bacaladeiros ancrados frente a unha factoría de Rande.

 

1962, 02 de maio. Os mariñeiros Juan López Casqueiro e Leonardo Cabaleiro Cabaleiro, os dous de Cesantes, faleceron mentras faenaban no barco “Reina del mar” no lugar coñecido como “Lagoeira”.

 

1963, 24 de abril. Chegaron a Lisboa por estrada procedentes de Cascáis, onde foron desembarcados, os tripulantes do barco español «Virgen de la Esperanza» que tivo unha colisión co buque sueco «Loviga Grothon». Entre eles atopábase o maiordomo, Alvaro Solengas Pena, de 17 anos e veciño de Redondela.

 

Arenberg Foto www.seereederei-frigga.de
Arenberg Foto www.seereederei-frigga.de

1965, 24 de marzo. Despois de que se afundiu e embarrancou o pesqueiro español «Redondela», foi posto esta mañá a frote cerca da illa de Islay, frente á costa occidental escocesa. Os trece membros da tripulación se atopan sans e salvos.

 

1967, 9 de xaneiro. Os 39 tripulantes do cargueiro alemán «Arenberg », de 17.000 toneladas, de 160 metros de eslora e 20 de manga, que se incendiou ás once menos cuarto da noite do pasado sábado no Golfo de Vizcaia, chegaron o domingo ó porto lucense de Cilleiro, a bordo do mercante «Malchow», con bandeira da Alemania oriental, que os recollera despois de que abandoaron o «Arenberg» envolto en chamas.

Entre os membros da tripulación había oito españois, o resto eran alemáns e dous norteafricanos. Os nosos compatriotas levaban no buque alemán desde o mes de outubro do pasado ano, un deles era; Ramón González González, de 23. solteiro e natural de Redondela.

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 06-09-2016

BIBLIOGRAFÍA

 

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.

 

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

 

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo.  Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

 

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

 

www.mcu.es

 

Galiciana => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia de Gallega, El Eco de Galicia, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego...

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    Leonardo Cabaleiro Couñago (miércoles, 25 noviembre 2015 18:31)

    Primeiramente quero felicitar ao autor ou autores de este gran traballo documental que estades levando a cabo. Ainda así decirvos que son o fillo e polo tanto orfo xa de ben neno ( tiña once meses cando morreu meu pai , e él vintesete anos ), agradezovos que rectifiquedes a data do accidente , foi o 28 de abril do 1962. vostedes, fan referencia a :

    1962, 02 de maio. Os mariñeiros Juan López Casqueiro e Leonardo Cabaleiro Cabaleiro, os dous de Cesantes, faleceron mentras faenaban no barco “Reina del mar” no lugar coñecido como “Lagoeira”.
    O ocurrido foi que dados os poderes fácticos, deron conta a Capitanía do siniestro cando tiñan todo arranxado e que non afectasen os patróns.
    Teño o informe da capitanía donde díce " zozobró la lancha " . MENTIRA.
    morreron froito da explosión de dinamita con que os patróns votaban para atolandrar o peixe, nese caso non era sardiña, senón muxos. Ambolos dous morreron. Juan cuñado do patrón colleronno xa morto pero meu pai, mariñeiro sin mais, nunca apareceu.

    Esta é a verdadeira historia. quedo a vosa disposición para aclarar canto precisedes.
    Ánimo, e a seguir traballando . Moitos éxitos.
    att.
    Leoanrdo Cabaleiro

  • #2

    Anecdotario-Juan Migueles (jueves, 26 noviembre 2015 12:42)

    Grazas pola aclaración. Eu saco as novas de antigos xornais e as datas correspondense co día en que se publicou a noticia, que non sempre se corresponden coa realidade dos feitos.