Tren.

Cronoloxía da chegada do ferrocarril.

            1863, 24 de xuño. Inicio das obras da liña férrea de Ourense a Vigo.

            1876, 28 de xuño. Primeiro viaxe de proba en tren entre Vigo e Chapela.

            1876, 30 de xuño. O viaduto de Ourense supera as probas de forza, consistente no paso dúas veces dunha locomotora, e unha terceira vez con 8 vagóns cargados de terra.

1878, 14 de xuño. O Rey sanciona a ley pola que se aproba a construcción do tramo Marín-Carril, co que se unirán os tramos xa construídos Redondela-Pontevedra-Marín e Carril-Santiago.

1878, 24 de maio. Anúnciase a combinación cunha empresa portuguesa, grazas a cal os pasaxeiros poderán tomar o tren de Redondela a Porriño e dende alí poderán continuar viaxe a Portugal.

1880, decembro. Real Orde adxudicando á compañía de Medina a Zamora a concesión de ferrocarril de Redondela a Pontevedra.

1881, 17 de marzo. Inauguración das obras do tramo do ferrocarril Redondela-Pontevedra, concedido á Sociedad Catalana de Crédito. No acto fixeron uso da palabra os señores: Eduardo Matos, governador civil da provincia; Rouvière, xerente da empresa constructora; Mugártegui; Bárcena, alcalde de Vigo; Tabuenca, enxeñeiro autor do trazado; Migueles; Pardo, alcalde de Redondela; e Llorente, governador militar.

1881, 9 de xuño. Saída do primeiro tren de Vigo a Ourense. Nos actos de inauguración da liña participaron numerosas autoridades: Bispos de Ourense e Tui, governadores das dúas provincias, alcaldes dos concellos por onde discorren as vías, representantes da compañía do ferrocarril, deputados provinciais... O tren regresou a Vigo no mesmo día. As obras máis importantes do tramo son o viaduto de Redondela e o túnel dos Valos.

1881, 18 de xullo. Sae de Vigo o primeiro tren de viaxeiros con dirección a Ourense.

1884-Xuño-30. Inauguración oficial do viaduto de Pontevedra e con el a liña Redondela-Pontevedra.

1917, 4 de abril. A sociedade Unión Galaica que funciona en Buenos Aires cun capital social de 300 millóns de pesetas e da que son socios: Evencio Romasanta, de Lugo; Nicolás María López de Neira, de Betanzos; Emilio Rivera Santamarina, de Vigo; Ramón Pérez Soto, de Redondela; e Serafín Urquijo de Sotomayor, de Lalín; adquiriu os planos do trazado da liña férrea de Ourense á fronteira portuguesa feitos polo señor Ortaneda. Proponse en breve prazo continuar os traballos de construcción, hoxe paralizados ata cumprir os trámites burocráticos necesarios. Esta importante sociedade é a primeira accionista nos ferrocarrís de Chile e Colombia, ademáis de propietaria das minas de Copiapó na cordilllera dos Andes.

 1963,13 de febreiro. O ministro de obras públicas inaugurou o novo ramal ferroviario ao porto de Vigo.

 1965, 9 de setembro. Iniciáronse os traballos da segunda vía en Chapela, presupostados en 38 millóns de pesetas.

 1971. Inauguración da nova estación de Redondela.

 

Estación de Redondela. Foto: J. Migueles, 2009
Estación de Redondela. Foto: J. Migueles, 2009

 

Estación de Redondela

 

            A primeira estación estaba ubicada nas inmediacións do viaduto vello e foi construida en 1881, ano no que se iniciaron as obras do tramo Redondela-Pontevedra. Desta vella estación aínda se conserva algunha edificación e o depósito da auga para as máquinas de vapor. Esta auga recollíase directamente do río Alvedosa e un motor situado na rúa Ernestina Otero propulsaba a auga ata o depósito.

 

            En febreiro de 1910 iniciáronse os traballos para cubrir un dos andéns nesta estación, grazas ás xestións realizadas polo deputado a cortes Francisco de Federico.

 

            En maio de 1914 comeza a construirse un novo andén para os trens de Pontevedra e Portugal.

 

            En 1922 comezan a realizarse unha serie de melloras: construcción dun depósito para unha locomotora de reserva, ampliación do edificio para viaxeiros e do restaurante e a dotación dun almacén para mercadurías.

 

            A construcción dun trazado alternativo na liña Vigo-Ourense provocan a construcción da nova estación, inaugurada en 1971, e o posterior abandono do Viaduto de Monforte.

 

 

 

 

Estación de Chapela.

 

            En canto á estación de Chapela foi inaugurada en 1922. A finais de 1950, cando a dirección xeral de Renfe decide habilitala para realizar facturacións e recibir mercadurías. Con anterioridade a esta data os veciños de Chapela tiñan que desprazarse ata Vigo ou Redondela para coller o tren.

 

 

 

 

 

Crónicas do ferrocarrril.

 

            1876, 10 de abril. A caída dun andamio no túnel dos Valos provocou a morte de dous operarios ademáis de varios feridos.

 

 

 

1876, 22 de xullo. Prodúcese un derrubamento duns 34 metros na boca sur do túnel de Os Valos. Por sorte non houbo desgrazas personais.

 

 

 

1877 O traballador do túnel dos Valos, Santiago Oubiña, atopouse ás 8 da noite cun lobo dentro do túnel. Armado cunha navalla e un farol conseguiu darlle morte, saíndo ileso na loita. O cadáver do animal foi levado a Redondela ó día seguinte.

 

 

 

1878, 16 de setembro. O tren número 3 descarrilou no kilómetro 9 entre Redondela e Vigo quedando tan só a máquina na vía. Os pasaxeiros, a maior parte dos cales viña de tomar os baños en Caldelas, foron trasbordados ao ascendente número 4, no que puideron continuar viaxe a Vigo. A causa do accidente foi o mal estado das travesas. Suspendendo os coches con gatos e arranxando a vía o tren puido voltar a Tui.

 

 

 

1881, 28 de xullo. O conductor do tren mixto procedente de Tui, Sr. Monroy, examinaba unha peza da parte inferior do furgón no que viña, botando o corpo por fóra. Apesares das advertencias doutro empregado, non escoitou ou non lle deu tempo de evitar golpearse coa cabeza co petril do viaduto de Redondela, saíndo despedido o corpo fóra da ponte.

 

 

 

1895 Colisión do tren Correo de Castela nº3 co de Vigo nª 26. Ás 23:48 entraron ó mesmo tempo en agullas. O xefe de estación alertou co disco anunciador ó tren de Vigo. O maquinista fixo retroceder o tren, máis o Correo de Castela procedente de Porriño non tivo tempo de frear. En total houbo 12 feridos de distinta consideración. Días máis tarde. Dous trens, un que ía cara Monforte e outro procedente de Pontevedra, entraron pola mesma vía, freando a escasos 6 metros un do outro.

 

 

 

1899, 17 de maio. En Chapela o tren esnaquizou a unha criatura de dous anos e medio, filla dunha veciña daquela parroquia.

 

 

 

1901, 17 de abril. A guardesa Adelaida Figueroa, de 18 anos e filla do capataz da brigada 24 da vía férrea Redondela-Pontevedra, que prestaba servicio no Coto (Cesantes), tentou salvar a unha nena que se atopaba distraida na vía, tendo a mala sorte de ser alcanzada polo tren. O seu cadáver foi trasladado a Redondela.

 

 

 

1901, 11 de agosto. Choque de trens en Redondela. Unha máquina e cinco vagóns saíron das vías quedando algúns volcados. Por sorte os trens diminuiran a velocidade pola proximidade da estación e por percatarse os maquinistas do perigo, polo que non houbo feridos de gravidade.

 

 

 

1902, setembro. A máquina do tren correo ascendente arrollou á veciña de Redondela, Rita Prieto Malde, feríndoa de gravidade nun brazo.

 

 

 

1902, 07 de outubro. Despréndese unha pedra do túnel dos Valos ao paso to tren correo ascendente ferindo ao maquinista.

 

 

 

1903, 10 de febreiro. Continúa o despido de obreiros da compañía do ferrocarril, por este motivo os servicios resíntense da falla de persoal. Ó saír do túnel de Redondela o tren correo, foi apedreado o vagón no que ía o comandante da garda civil.

 

 

 

1906, 18 de maio. Hai unha noites, chegou un tren cargado de explosivos á estación de Redondela, declarándose un incendio nun dos vagóns. O capataz Insua, poñendo en risco a súa vida, separou o vagón do resto do tren e conseguiu sacar catro caixas de dinamita. Grazas á súa acción tan só arderon uns bidóns de gasoliña.

 

 

 

1908, xuño. Cando o tren procedente de Vigo saía do túnel que hai a uns 3 km. da estación de  Redondela, Regina Carrera veciña de Cedeira, que coidaba unha parexa de bois, foi acometida por estes cando se asustaron polo ruído. Caída na vía foi alcanzada por un dos topes da máquina, falecendo instantáneamente.

 

 

 

1909, 23 de xullo. No túnel de Os Valos da línea férrea de Orense a Vigo, ocurriu un desprendimento de terras, cortando as comunicacións con Ourense e Portugal. Tardaráse tres días en restablecer a comunicación, xa que o afundimento alcanza os dez metros.

 

 

 

1910, 28 de maio. Foi arrollado polo tren descendente nº11, no kilómetro 116.900, entre o túnel dos Valos e o viaduto de Redondela, José Martínez Pérez, de 60 anos de idade, viúvo e natural de Louredo (Mos). Recibiu sepultura no cemiterio de Saxamonde.

 

 

 

1910, 18 de decembro. A causa dun desprendimento de terras houbo un descarrilamento entre Arcade e Redondela. Por sorte non houbo feridos.

 

 

 

 

1912, 25 de xaneiro. Nas obras do viaduto de Monforte un mozo ao servizo dos obreiros que alí traballaban, caiu, sendo retido pola rede protectora.

 

 

 

1914, 14 de maio. Ao entrar na estación de  Redondela o tren rápido Vigo-Santiago, rozou por un lateral cun tren de traballo que retrocedía da vía-apartado. Dous ou tres pasaxeiros sufriron pequenas contusións que tras ser atendidos continuaron viaxe no mesmo tren. A saída prodúxose con 40 minutos de retraso por obstruirse a vía ao descarrilar tres plataformas do tren de traballo.

 

 

 

1914, 11 de xuño. O deputado a cortes pola Cañiza, Alejandro Mon y Landa, esixe a supresión do túnel dos Valos, polos continuos desprendimentos, e do Viaduto de Ourense pola súa peligrosidade.

 

 

 

1917, 18 de xaneiro. Cando un tren recorría o tramo Redondela-Vigo caeulle enriba un pino que estaban cortando uns campesiños. Non se rexistraron desgrazas persoais pero si destrozos en varios coches, ademáis do corte do fío telegráfico.

 

 

 

1919. Angelina Otero pasaba tranquilamente por debaixo do viaduto de Madrid cun sobriño de poucos meses nos brazos, cando de súpeto, dun tren de mercancias que pasaba, desprendeuse unha carga de madeira. A moza levou un bo golpe no ombro e o cativo aparentemente estaba ben, mais en realidade sufrira unha contusión interna que acabou coa súa vida ó día seguinte.

 

 

 

1919, 01 de abril. Da estación de Redondela saiu un tren cunha brigada de obreiros para realizar obras de reparación no túnel dos Valos. Un deles chamado Daniel Dapresa Otero, ía sentado no borde dunha das plataformas cargadas de madeira, cando nun descuido perdeu o equilibrio. Un compañeiro chamado Ricardo Darriba tentou suxeitalo caíndo os dous ás vías. O primeiro resultou morto no acto ao ser alcanzado polas rodas e o segundo gravemente ferido.

 

 

 

1920, 21 de agosto. Entre as estacións de Redondela e Arcade foi atropelada polo tren a guardesa Dolores Teijeiro, de 54 anos, resultando morta.

 

 

 

1922, 12 de xullo. Preto de Palencia chocaron o rápido de Vigo a Madrid e o correo de Asturias. O resultado foi de 27 mortos e 4 feridos graves. Entre os viaxeiros ían o senador de Pontevedra, o deputado por Redondela Sr. Barreras e o ex-Gobernador Calvo Sotelo coa súa familia, resultando todos ilesos.

 

1925, 28 de outubro. Ao paso dun tren polo viaduto de Pontevedra desprendeuse unha pedra de carbón duns cinco kilos. Atravesou o tellado dunha das casas que están baixo a ponte, sen que por fortuna alcanzara a ningunha das persoas que se atopaban no inmoble.

 

 

 

1925, 18 de novembro. Dun tren de mercancías que se dirixía a Pontevedra, caiu do viaduto á rúa Ribeira, unha garita que ía nunha plataforma. Por sorte non ocurriu ningunha desgraza.

 

 

 

 

1926, 10 de febreiro. Un desprendemento de terras na liña Porriño-Redondela, provocou que o tren correo estivera un tempo detido ata que os traballadores limparan a vía.

 

 

 

1927, 20 de xaneiro. O tren número 21 que saiu de Pontevedra cara a Redondela esqueceuse dos coches de pasaxeiros. Eran dúas as máquinas e dous os maquinistas que non notaron a falla de 100 toneladas de peso, nin atenderon ás señais visuais e sonoras que lles fixeron dende a estación de Pontevedra. Ao chegar a Figueirido tiveron que voltar á estación de partida a recoller a metade do tren, o que provocou en Redondela un retraso de 45 minutos no tren correo Vigo-Madrid.

 

 

 

1927, 7 de xuño.  Foi detida na estación de Redondela Ramona Fernández que transportaba unha maleta que contiña moeda falsa (200 duros) e útiles para a súa acuñación.

 

 

 

1927, 24 de xuño. Na estación de Redondela dúas mulleres roubáronlle a carteira con 800 pesetas ó músico maior do reximento de Zaragoza, sendo detidas.

 

 

 

1928, 26 de novembro. Entre as estacións de Redondela e Vigo apagáronse súbitamente as lámparas dun coche de terceira, caindo o aceite sobre a nena Cristina Bueno, que viaxaba coa súa familia e viñan dende un pobo da provincia de Santander, para tomar un barco e emigrar á Arxentina. Aos gritos da nena agrupáronse ao seu redor todos  os viaxeiros do coche, e cando se desvaneceu a alarma, José María

 

Nieto, tío da nena, atopou en falta a carteira, que contiña 3.700 pesetas, cantidade para comprar os billetes da pasaxe de toda a familia. A policía de servicio no tren extremou a vixilancia, procedendo a rexistrar ós viaxeiros ó  chegar a Vigo, pero as pesetas roubadas non apareceron

 

 

 

1929, 05 de marzo. O venres día 1 o expreso que se dirixía a Pontevedra, tivo que deterse entre Redondela e Arcade, por observar o maquinista que na vía había unha viga. Practicadas averiguacións súpose que fora colocada por un veciño de Arcade que ten trastornadas as facultades mentais. Foi detido.

 

 

 

1929, 20 de xuño. Unha señora que levaba no colo á súa filla de corta idade, apeouse en Redondela do tren correo procedente de Monforte para coller o que se dirixía a Pontevedra, que xa iniciaba a marcha. A señora foi collida entre o estribo dun dos vagóns e o borde do andén, alcanzando as rodas á nena e seccionándolle un brazo case por completo.

 

.

 

1931, 18 de marzo. O xoven de Pontevedra José Gallego, apeouse do tren na estación de Redondela e ao tentar tomalo de novo cando xa estaba en marcha enganchouse da gabardina caíndo á vía. O tren arrastrouno uns metros, indo aprisionado entre o andén e o estribo. Por sorte tan só sufriu feridas leves.

 

 

 

1931, 19 de marzo. Onte pola tarde na estación de Redondela, o tren procedente de Santiago non deu freado, reventando os topes situados ao final da vía morta e descarrilando. Por sorte tan só o maquinista e algúns viaxeiros sufriron feridas leves. Pasado o nerviosismo dos primeiros momentos, todos os pasaxeiros subiron ao tren correo continuando viaxe ata Vigo.

 

 

 

1931, 31 de outubro. Esta mañá saiu de Vigo un tren especial conducindo reclutas destinados a diferentes guarnicións. Ó saír do túnel de Os Valos se desengancharon catro unidades que impulsadas pola pendente favorable iniciaron un vertixinoso retroceso. Os coches que ocupaban unhas noventa persoas pasaron a gran marcha o túnel e a ponte da línea de Morforte sobre Redondela en cuxa estación atoparon vía franca deslizándose a terrible velocidade. O pánico que se produxo nos ocupantes dos coches foi espantoso prorrumpiendo en constantes gritos de socorro. De Redondela saiu unha máquina tras as catro unidades que seguían velozmente hacia Vigo e que se detiveron despois de recorrer seis kilómetros, contidas por unha pendente contraria xunto á fábrica “Vidriera Gallega”. A máquina conduxoos a Gillarei, onde se incorporaron ó tren militar. Non se produxeron desgrazas, agás as feridas leves que sufriu un soldado ó botarse á vía nos primeiros momentos, e outros dous que foron golpeados contra os asentos.

 

 

 

1932, 10 de febreiro. Descarrilamento dun tren a carón da “Vidreira” (Rande) sen que ocorreran desgracias persoais.

 

 

 

1932, 30 de decembro. Dous empregados da estación de Redondela sorprendron a tres suxeitos que romperan os precintos de dous vagóns cargados de fariña. Aproveitando que estaban dentro dun deles tentando roubar unha saca, pecharon as portas e deron aviso a garda civil. Tratábase dun veciño de Oviedo de 20 anos, e dous de Marín de 17 e 18, sendo todos eles detidos. A garda civil tamén detivo a dous homes da provincia de Ourense que se atopaban agochados noutro vagón e aseguraban non ter nada que ver cos ladróns.

 

 

 

1933, 23 de setembro. A muller que foi destrozada por un tren preto do viaduto de Pontevedra era de nacionalidade portuguesa e veciña de Reboreda. A pobre non escoitou o tren por ser sorda.

 

 

 

1934, novembro. Francisco Iglesias Lusquiños, carniceiro de Arcade de 65 anos,  caeu ao tentar subir ao tren correo de Pontevedra. O infortunado industrial faleceu despois de ser destrozado por varios vagóns antes de que o tren se detivera.

 

 

 

1941, 09 de xaneiro. Faleceu no Hospital Provincial de Pontevedra, o veciño de Ventosela, Eladio Couñago Soto, que onte foi arrollado por un tren na estación de Redondela.

 

 

 

1941, 21 de marzo. En términos de Cedeira, no kilómetro 121 da liña Vigo-Monforte, foi arrollado polo tren o neno Pedro Maestú Amoedo, de 11 anos de idade, que faleceu no acto.

 

 

 

1941, 20 de xuño. Generoso García Fraile garda civil do posto de Redondela. Natural de Orihuela del Campo (Salamanca), faleceu aos 28 anos, por mor das feridas sufridas ao cair dun vagón na estación de Redondela.

 

 

 

1942, 15 de xullo. Entre as estacións de Arcade e Redondela apareceu morta unha muller na vía coa cabeza e os brazos separados do corpo.

 

 

 

 

1951, 27 de novembro. Un desprendimento de terra en Chapela provocou o descarrilamento da máquina do tren mixto de Madrid que saíra de Vigo. Por sorte ninguén resultou ferido.

 

 

 

1951, 30 de decembro. O tren mixto Vigo-Santiago cando manobraba na vía morta da estación de Redondela, sufriu o descarrilamento dun coche de viaxeiros e o furgón de cola. Houbo varios feridos pero tan só o veciño de Cesantes, Amador Bouzón Cabaleiro, con contusións de pronóstico reservado.

 

 

 

1952, 18 de marzo. Cando o tren especial de Pontevedra maniobraba na estación de Redondela, resultou alcanzado o xoven Manuel Rodríguez Estévez, de 23 anos, mozo autorizado daquela estación, que resultou cun pé seccionado. Foi trasladado a un sanatorio de Vigo, onde ficou hospitalizado.

 

 

 

1952, 10 de xuño. Cando cruzaba o viaduto de Pontevedra, Carolina Gómez Cordero, de 24 anos e veciña de Redondela, entretida falando cunha amiga, pisou unha táboa podrida caíndo á finca dos señores de Leirós. A xoven faleceu no acto ao fracturarse a mandíbula probablemente contra a estructura de ferro do viaduto.

 

 

 

            1956, 19 de xaneiro. Pouco antes da entrada no depósito de máquinas, un tren chocou cunha locomotora que viña en dirección contraria. Resultaron feridos Luis Fespaita Martínez, veciño de Cabra1, conductor do mercancías e o fogoneiro do mesmo, Luis Álvarez García, veciño de Vigo. Foron conducidos á Casa de Socorro e o primeiro, como consecuencia das graves lesións que sofreu, ingresou cadáver, por fractura da base do cráneo. O fogoneiro presentaba lesións i erosións que foron consideradas de pronóstico reservado.

 

 

 

1958, 21 de marzo. O tren “corto de Pontevedra” descarrilou a uns 700 metros da estación de Chapela. Un dos vagóns quedou a uns centímetros dun desnivel de 30 metros, ao fondo do caal había casas habitadas. Afortunadamete non houbo feridos.

 

 

 

1966, 6 de agosto. Un desprendemento nas proximidades do vello cargadoiro de Rande O motivo pudo ser as obras de ensanche dos marxes da vía para o que se empregou dinamita a poucos metros do lugar do suceso. Non houbo desgrazas persoais e a única consecuencia foi o corte do tráfico ferroviario durante varias horas.

 

 

 

1976, 9 de setembro. Choque preto do apeadoiro de Rande dun tren de pasaxeiros e unha locomotora, caíndo un dos vagóns por unha pendente de 36 metros. O resultado sería de 17 mortos e 40 feridos.

 

 

 

1976, 17 de setembro. O gardagullas de RENFE, don José Piñeiro, de 54 años. que sirviu durante doce na estación de Chapela, foi sometido e expediente por parte da compañía a raíz do pasado accidente de ferrocarril, según unha información que publica hoxe La Voz de Galicia..Tamén se fala das numerosas atribucións de don José Piñeiro como especialista de estacións. Pola súa parte, un portavoz de RENFE indicou que o escaso servicio de trens que tiña a estación permitía que o citado empregado prolongase a súa xornada laboral. Pouco antes de producirse o accidente mortal entre Redondela e Chapela, o funcionario deu paso a un mercancías que saiu do porto para Redondela, máis tarde lle preguntaron si podía saír un tren de Santiago de aquela estación, ó que contestou afirmativamente, pero logo esqueceu cambiar a agulla. O señor Píñeiro atópase suspendido temporalmente de emprego e soldo polo erro cometido que ocasionou o tráxico accidente ferroviario.

 

 

 

 

1978-10-21 Tres  nenos de Cedeira cruzaron o viaducto Vigo-Pontevedra coa mala sorte de que nese momento viña o tren. Asustados saltaron da ponte pola falta de varandas enterrándose na area do río. Internados na Residencia Almirante Vierna, recibiron a alta médica os poucos días.

 

 

 

1989. Explosión na estación de Chapela ao reventar unha tapa de seguridade dun vagón de cemento que afectou a 16 coches e 5 inmobles.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-09-2016

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>  El Diario de Pontevedra, El pueblo gallego, El Diario de Santiago, La ilustración gallega y asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia  diario de Vigo, La idea moderna, El heraldo gallego,  El Áncora, La correspondencia gallega, El Compostelano, La Noche, El País...

 

            El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

 

 

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0