Xornais.

1880, marzo. El Martillo. Anúnciase a súa saída como xornal satírico. Non hai constancia de que chegara a publicarse.

1883, 6 de setembro. Sae a rúa El Eco de Redondela, primeiro xornal de Redondela.  Subtítulo: Semanario de intereses generales. Redactores: José Jacinto Mos Táboas, Manuel Mos Táboas e Juan Manuel Otero Milleiro. Administrador Pedro Otero Milleiro.

1884, 15 de xuño. El Alvedosa. Subtítulo: Periódico semanal de intereses generales. Redactores: Juan José Crespo Fernández, Antonio Orellana Pereira, Fernando Cristino Alfaya Pérez e Ramón Lorenzo.

1887, 17 de xullo. La Escoba. Subtítulo: Barre todos los domingos. Xornal de Soutomaior, pero con ampla información da nosa vila. Dirixido polo avogado Antonio Orellana. O alcalde de Redondela, José María Alfaya Milijosa, mandou deter ao correspondente deste xornal en Redondela polo moito que o criticaba nos seus artigos.

 

1892 Nace o xornal La voz del Pueblo dirixido polo logo alcalde, Buenhijo Pérez Sobrino. Imprimíase na súa imprenta, a primeira de Redondela, polo que os anteriores xornais serían impresos fóra da vila.

 

1893. En xuño de 1893 anúnciase a publicación do “semanario festivo” de nome Alacrán. Descoñezo se chegou a publicarse.

 

 

1895, 24 de xaneiro. El Pueblo. Subtítulo Semanario de Intereses Generales (semanal, os domingos) e, a partir do nº 20, Bisemanario Independiente (xoves e domingos).Era propiedade de Francisco Crespo Rivas e Serafín Reboredo Blanco que o imprimían na súa propia imprenta. Máis tarde, tanto o xornal como a imprenta pasarían a pertencer a Saturnino Montero. Dirixido por Francisco Crespo e, máis tarde, Antonio Orellana Pereira. Administrador: Serafín Reboredo. Redactores: José da Cal, Antonio Otero, Juan Manuel Otero Milleiro, Buenhijo Pérez Sobrino, Serafín Reboredo, Román Ancoechea Montes, Fernando González Gómez e Maximino Crespo Rivas. Tamén colaboraba Ernesto Padín. En febreiro de 1899 Fernando González foi levado aos tribunais por inxurias, sendo absolto. En abril sería o propio xornal o que foi demandado polo concello de Redondela polos seus  ataques ao caciquismo. A publicación de El Pueblo sufriu un parón  en agosto de 1899, reanudándose en novembro dese mesmo ano.

 

 

 

1895, 12 de abril. Nace La Propaganda. Subtítulo Periódico Semanal Republicano. Dirixido por Fernando González Gómez. Redactores: Antonio Orellana Pereia, Pedro Fontenla Figueroa, Felipe B. Cordero Escalona e Buenhijo Pérez Sobrino (administrador). En marzo de 1896 co número do xornal regalou un retrato do Xeneral Rubín. Editouse ata 1897-98.

 

1895. Galicia Agrícola. Probablemente o director sería Francisco Crespo Rivas.

1896. La Verdad, director e redactor Amador Pérez Sobrino. Redactor: Isidoro Queimaliños. Administrador: José Molinos Conde. No anteriormente nomeado “La Propaganda”, de ideas políticas opostas, foi baptizado como “La Mentira” e, as veces, como “La Cloaca”.

1897. La Coca e El Moscardón. Anúncianse as súas saídas pero non chegan a publicarse.



1898, febreiro. El Progreso. Director e administrador: Ramón Otero Milleiro.

 

1900, 5 de xaneiro. La Idea. Subtítulo Semanario Independiente, dirixido por Buenhijo Pérez Sobrino. Saía os domingos da imprenta de Dositeo Pérez Sobrino. Redactores: Manuel Amoedo Seoane, Juan Amoedo Seoane, Manuel Cacheiro Cardama, Claudio Contreras Valiñas, Juan Manuel Otero Milleiro, Isidoro Queimaliños Queimaliños, Antonio Garrido Otero, José Moscoso... Era o semanario dos partidarios do marqués de Riestra, e rival do agrarista "La Opinión". Publicouse durante 18 anos, desaparecendo en 1918.

Ademáis das seccións habituais nas vilas cercanas (Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Mos), tiña os seguintes correspondentes: En Río de Janeiro, José Figueroa Montero; en Pará, Manuel García Martínez e Severo Oliveira Crespo; en Manaos, Manuel Joaquín Garrido; en Santos, Faustino Figueroa; en Bahía, Francisco Cavadas Rocha; en Buenos Aires, Paulino Lamas; en Villa María (Arxentina), Silverio Bermúdez; en Rosario, José Gracía Darriba; en Lisboa, Casimiro Movilla e  Manuel Vidal Álvarez; e en Oporto, Jose Manuel Mouriño.

 

1902, 12 de xaneiro. El Contribuyente. Subtítulo: Semanario defensor de las sociedades de marineros, propietarios y labradores de este distrito. Editouse polo menos ata 1906. Dirixido por Alejo Real Soto. Redactores: Juan Manuel Otero Milleiro, Antonio Garrido Otero. Este xornal estaba ligado a asociación “Liga de Contribuyentes”, que, cando menos dende 1898,  xa publicaba o “Boletín da Liga de Contribuyentes del Partido de Redondela”, tamén dirixido por Alejo Real Soto.

 

1906, 28 de febreiro. Xornal Gente Nueva! Tiña como redactores ao avogado Antonio Orellana e, ao aínda estudante de menciña, Telmo Bernárdez.

 

1909, xuño. Anúnciase a saída do semanario Los Jóvenes Turcos. Non hai constancia de que chegara a publicarse. Varios membros do colectivo homónimo (Ver Colectivos e asociacións ata inicios s. XX) forman pouco despois a redacción de La Opinión.


1909, novembro. La Opinión. Subtítulo: Semanario Independiente. Director: Heliodoro Rivas Rivas. Administrador: José Pereira. Redactores: Juan Amoedo, Joaquín Núñez de Couto, Antonio Orellana, Telmo Bernárdez e Claudio Contreras. Tíña a súa propia imprenta na Praza Constitución. Oponse a "La Idea", semanario dos riestristas. Nos seus inicios era agrarista defendeu a candidatura do xeneral Rubín, maurista. Despois apoiaría o  republicanismo de Juan Amoedo.
          En xullo de 1911, o alcalde de Redondela, Buenhijo Pérez Sobrino, levou ao director deste xornal aos tribunais por calumnias no artigo titulado: “Cinismo perecino”. En 1913 alcanzou os mil trescentos exemplares. Aínda publicaba en 1916.

1912. La Cigarra. Subtítulo: Periódico Literario. Xornal literario quincenal, contaba cos poetas Alejandro Adán, director, e Aurelio San Martín Sanvicente.

1918. La Razón. A súa tirada era de 500 exemplares, e seguíase publicando en 1919.

1919. Redención.

1919, 29 de xuño. Redondela. Subtítulo: Hojita parroquial de Redondela y Villavieja. Imprimíase na imprenta de Dositeo Pérez Sobrino.

1920, 7 de novembro. Pimienta y Mostaza. O 3-4-1921 comeza a publicarse co novo nome de Ecos del Distrito e o subtítulo de Periódico independiente defensor de intereses generales. Dirixidos por Fernando González Gómez.

 

1923, 2 de setembro. Tramancazos. Subtítulo: Decano de la prensa de Redondela y el de mayor circulación. Este subtítulo xa deixaba claro o estilo satírico deste periódico, pois naquel entón era o único periódico da vila. Impreso na imprenta de Dositeo Pérez Sobrino. Dirixido por Amador Pérez Sousa. Colaboradores: Generoso Muíños, Antonio Criado, Luis Míguez Extremadouro (correspondente de El Pueblo Gallego), Antonio Extremadouro, Rogelio Rivero, Mario Canda e outros. Moitos asinaban con pseudónimos, como "Mexete", "Ante-eo" (Antonio Extremadouro), "Xan dos Zocos", "O Demo d`os Tras" (Aurelio Sanmartín Sanvicente), "Choco", "Cantiño". Nun principio lerrouxista, logo galeguista.

1931, 8 de novembro. El Soplete. Subtítulo: Se publica cuatro veces al mes mientras exista. Como o anterior periódico satírico. Naceu coa II República. Impreso na imprenta de Dositeo Pérez Sobrino. Director e propietario: Amador Pérez Sousa. Redactores: Generoso Muiños Blanco, Antonio Criado, Luís Míguez Extemadouro, Antonio Extremadouro, Fernando González Gómez, Manuel García Cabezas (pseudónimo Goal) e Fermín Feijoo Alfaya. Outro colaborador habitual era José María Blanco Alfaya (pseudónimo Blanal). Correspondentes en Soutomaior, Pontesampaio, O Porriño, Mos e Areas (Lugo). Tiña a súa redacción na rúa Ribeiro. Saía os domingos ata que, en novembro de 1932, pasou a ser quincenal. Deixou de publicarse o 9 de abril de 1933.

1933, 16 de abril. Terra!, editado polo Partido Galeguista de Redondela. Derradeiro xornal redondelán. Subtítulo: Órgano quincenario do Grupo Galeguista de Redondela. Imprimíase na imprenta La Popular, rúa Chariño 7, Pontevedra, e publicábase o 1º e 3º domingo de cada mes. Dirixido por Avelino Cal Fernández, voceiro do Grupo Galeguista de Redondela. Estaba escrito íntegramente en galego. Nel colaboraron Castelao, Paz Andrate, Otero Pedrayo, Bóveda... O último número sairía o 25 de xullo de 1933.

         Para rematar, comentar que o decano da prensa española, o Faro de Vigo, trasladou as súas instalacións en 1972 á Avenida de Redondela na parroquia de Chapela, onde segue a ser impreso na actualidade.

Texto: Juan Migueles

Actualizado: 12-10-2014

Escribir comentario

Comentarios: 1
  • #1

    anonimo (domingo, 12 marzo 2017 13:23)

    esto no es que me parezca fenomenal:(
    pone informacion de los periodicos que existieron pero no tiene noticia sobre el peridoco la ida necesito sus noticias arreglenlo