Carruaxes e Autobuses

          

           

 

En 1878 o servicio de carruaxes Volador de Vigo dispuña dunha delegación en Redondela. Por esa época La Portuguesa facía parada en Redondela con destino a Portugal.

 

A principios do século XX, Redondela comunicábase con Berducido por medio dunha dilixencia tirada por cinco cabalos. Levaba pasaxeiros, correo e mercancías, era conducida polo señor Torete. Saía tódolos días ás cinco da tarde dende a da señora Rosa de Bernardo. Realizaba paradas en Amoedo, Pazos de Borbén, Moscoso...; chegaba a Berducido e voltaba á vila as dez da mañá. O camiño, por suposto, estaba sen asfaltar.

 

En febreiro de 1907, a condución do correo en carruaxe de Redondela a Fornelos, foille adxudicada en 1.200 pesetas aos propietarios da empresa La Fraternidad, de Redondela.

 

En outubro de 1910, a súa xunta directiva pon á venda La Mutual, empresa con domicilio en Fornelos e que unía esa vila con Redondela, ademáis de adicarse ao aluguer. O seu administrador era Bernardo Fernández Esteiro.

 

Tamén cara a 1910 funcionaba a empresa de dilixencias Justo Tojeiro y compañía. Outras empresas de transporte eran a de José Fernández e a de Bernardo García.

 

En maio de 1911 a empresa de autobuses El Miño comeza a dar o servizo público A Guarda-Vigo, pasando por Redondela.

 

En decembro de 1914 comeza a funcionar unha liña de autobuses entre Redondela e Fornelos creada polo empresario redondelán, señor Leirós.

 

Unha empresa que comezou a dar servizo nos anos 20 foi Castromil O Castromil era coñecido coma ómnibus e tiña separada a primeira clase da segunda cunha cristaleira. Os que dispuñan de menos recursos viaxaban no teito do vehículo, xa fixera sol ou chovera.

 

Un resumo do servizo de autobuses ofertado en 1925 sería o seguinte:

 

A Fornelos, corre diario a las 18; precio 3 pesetas. Empresa Míguez y Loage

 

A Gajate, diario, 4 pesetas.

 

A Pontevedra, diario, a las 9 y a las 16'30, precio 3'5 pesetas asiento. Empresa Castromil

 

A Pontevedra, a las 8'50 y 18. Empresa La Emprendedora.

 

A Pontevedra, horas convencionales. Empresa Bruzos y Rodríguez.

 

 

 

Nese ano complétase a oferta co aluguer de automóviles: Casiano García, Míguez y Loage, Maximino Tejo. E co aluguer de carruaxes: Felipe Coya, Casiano García, Míguez Loage, Maximino Tejo.

 

 

 

Cartel da empresa M. García conservado na Casa da Torre. Foto: J. Migueles, 2009
Cartel da empresa M. García conservado na Casa da Torre. Foto: J. Migueles, 2009

        Nun xornal da vila de 1932 aparece un anuncio da empresa de autobuses Amador Cabanela na avenida Antonio Orellana. A mediados deste século tamén alugaba autobuses o Taller de Bienvenido.

 

 

A los choqueiros pedimos

 

un favor encarecido,

 

que dejen el Castromil

 

y sigan con Bienvenido

 

 

 

Porque es hijo de esta villa

 

no se debe consentir,

 

porque es un abandono

 

a un hijo del pueblo no se debe hacer.

 

 

 

 

Outras empresas eran as de Pedepote e Patolas, que as veces suxeitaban as portas con cadeas. O 26 de febreiro de 1955 a empresa de Pedepote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas.

 

Aparta Patolas,

 

aparta por Dios,

 

que ahí ven Pedepote

 

co número dos.

 

 

 

 

          A principios dos anos 60 Transportes Barxa desempeñaba o servizo Vigo-Coruña, cruzando a nosa vila.

 

          A última empresa, que non poderiamos deixar de citar, é a de García, instalada na Casa da Torre. Logo se dividiría en M. García e A. García ó herdar os fillos do fundador, Manolo e Aurelio. Daquela, popularizáronse as frases: “Viaja con García, viaja con alegría” e “Viaja con Mirón, viaja con ilusión”.

 

          Caso aparte sería o de Chapela, que como xa ocurrira co tranvía, está incluida na ruta do transporte municipal de Vigo, polo que ademáis do paso dos anteriores ven contando co servizo do Vitrasa.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 01-04-2018

 

BIBLIOGRAFÍA

Aportacións M. Migueles

Galiciana =>   La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche…

 

Escribir comentario

Comentarios: 0