Instalacións do tren e do tranvía.

 

Cronoloxía do ferrocarril en Redondela.

 

 

1863, 24 de xuño. Inicio das obras da liña férrea de Ourense a Vigo.

 

1876, 28 de xuño. Primeiro viaxe de proba en tren entre Vigo e Chapela.

 

1876, 30 de xuño. O viaduto de Ourense supera as probas de forza, consistente no paso dúas veces dunha locomotora, e unha terceira vez con 8 vagóns cargados de terra.

 

1878, 14 de xuño. O Rey sanciona a ley pola que se aproba a construcción do tramo Marín-Carril, co que se unirán os tramos xa construídos Redondela-Pontevedra-Marín e Carril-Santiago.

 

1878, 24 de maio. Anúnciase a combinación cunha empresa portuguesa, grazas a cal os pasaxeiros poderán tomar o tren de Redondela a Porriño e dende alí poderán continuar viaxe a Portugal.

 

1880, decembro. Real Orde adxudicando á compañía de Medina a Zamora a concesión de ferrocarril de Redondela a Pontevedra.

 

1881, 17 de marzo. Inauguración das obras do tramo do ferrocarril Redondela-Pontevedra, concedido á Sociedad Catalana de Crédito. No acto fixeron uso da palabra os señores: Eduardo Matos, governador civil da provincia; Rouvière, xerente da empresa constructora; Mugártegui; Bárcena, alcalde de Vigo; Tabuenca, enxeñeiro autor do trazado; Migueles; Pardo, alcalde de Redondela; e Llorente, governador militar.

 

1881, 9 de xuño. Saída do primeiro tren de Vigo a Ourense. Nos actos de inauguración da liña participaron numerosas autoridades: Bispos de Ourense e Tui, governadores das dúas provincias, alcaldes dos concellos por onde discorren as vías, representantes da compañía do ferrocarril, deputados provinciais... O tren regresou a Vigo no mesmo día. As obras máis importantes do tramo son o viaduto de Redondela e o túnel dos Valos.

 

1881, 18 de xullo. Sae de Vigo o primeiro tren de viaxeiros con dirección a Ourense.

 

1882, 7 de marzo. Colocación da primeira pedra do viaduto da liña Redondela-Pontevedra.

 

1884-Xuño-30. Inauguración oficial do viaduto de Pontevedra e con el a liña Redondela-Pontevedra.

 

1917, 4 de abril. A sociedade Unión Galaica que funciona en Buenos Aires cun capital social de 300 millóns de pesetas e da que son socios: Evencio Romasanta, de Lugo; Nicolás María López de Neira, de Betanzos; Emilio Rivera Santamarina, de Vigo; Ramón Pérez Soto, de Redondela; e Serafín Urquijo de Sotomayor, de Lalín; adquiriu os planos do trazado da liña férrea de Ourense á fronteira portuguesa feitos polo señor Ortaneda. Proponse en breve prazo continuar os traballos de construcción, hoxe paralizados ata cumprir os trámites burocráticos necesarios. Esta importante sociedade é a primeira accionista nos ferrocarrís de Chile e Colombia, ademáis de propietaria das minas de Copiapó na cordilllera dos Andes.

 

1963,13 de febreiro. O ministro de obras públicas inaugurou o novo ramal ferroviario ao porto de Vigo.

 

1965, 9 de setembro. Iniciáronse os traballos da segunda vía en Chapela, presupostados en 38 millóns de pesetas.

 

1971. Inauguración da nova estación de Redondela e do novo trazado que deixa en desuso o viaduto de Ourense.

 

 

 

Estación de Redondela. Foto: J. Migueles, 2009
Estación de Redondela. Foto: J. Migueles, 2009

 

 

Estación de ferrocarril de Redondela

 

           A primeira estación estaba ubicada nas inmediacións do viaduto vello e foi construida en 1881, ano no que se iniciaron as obras do tramo Redondela-Pontevedra. Desta vella estación aínda se conserva algunha edificación e o depósito da auga para as máquinas de vapor. Esta auga recollíase directamente do río Alvedosa e un motor situado na actual rúa Ernestina Otero propulsaba a auga ata o depósito.

 

           En 1903 denunciábase o abandono da estación, en 1900 o xefe despedira aos mozos, polo que os pasaxeiros tiñan que realizar o trasbordo da equipaxe, ademáis os andéns non estaban cubertos. Outras reclamacións que chegarían ao congreso serían a necesidade de crear unha doble vía na estación e o perigo de derrumbe do túnel dos Valos, se ben era certo, que se solucionaran os problemas de asulagamentos ao desviarse o río que pasaba por riba.

 

Habería que agardar a febreiro de 1910, para que deran inicio os traballos para cubrir un dos andéns, grazas ás xestións realizadas polo deputado a cortes Francisco de Federico.

 

          En maio de 1914 comeza a construirse un novo andén para os trens de Pontevedra e Portugal.

 

          En 1922 comezan a realizarse unha serie de melloras: construcción dun depósito para unha locomotora de reserva, ampliación do edificio para viaxeiros e do restaurante e a dotación dun almacén para mercadurías.

 

           A construcción dun trazado alternativo na liña Vigo-Ourense provocan a construcción da nova estación, inaugurada o 16 de maio de 1971, e o posterior abandono do Viaduto de Monforte.

 

 

 

 

Estación de ferrocarril de Chapela.

 

           En canto á estación de Chapela foi inaugurada en 1922. A finais de 1950 a dirección xeral de Renfe decide habilitala para realizar facturacións e recibir mercadurías. Con anterioridade a esta data os veciños de Chapela tiñan que desprazarse ata Vigo ou Redondela para coller o tren.

 

 

 

Tranvía

 

 

 

Estación de tranvía de Chapela.

 

O 13 do 1 de 1912 constituese a compañía Tranvías Eléctricos de Vigo. Tiña como obxectivos a construcción, explotación e aproveitamento do tranvía urbán e suburbán de Vigo, o interurbán de Vigo a Redondela e dos ferrocarrís eléctricos de Vigo a Val Miñor. En 1918 pasa a presidir a empresa Carlos E. Gunche fillo político do anterior presidente e moi vencellado a Redondela (o seu fillo, Raúl chegaría a ser alcalde de Redondela en 1943).

 

En marzo de 1922 inaugúrase a estación San Fausto de Chapela. Tras a desaparición do tranvía a estación non pasaría a ser de utilidade pública ata 1984, ano no que serían mercados por 25 millóns de pesetas polo concello de Redondela. Nestes terreos construiríase pouco despois a alameda, que no 2018 sería denominada Rosalía de Castro.

 

Na Gaceta de Madrid de 30 de abril de 1924 anúnciase a saída a subasta da construcción do tranvía de Vigo a Redondela En setembro, o Gobernador Civil anuncia a concesión á sociedade Tranvías Eléctricos de Vigo da construcción da liña de Chapela a Redondela. Comezan daquela os traballos para ampliar o servizo a Redondela, pero o proxecto non chegou a prosperar e o tranvía nunca chegaría á vila.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 31-03-2018

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

 

SEREN

 

Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.

 

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, El Diario de Santiago, La Ilustración Gallega y Asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La Idea Moderna, El Heraldo Gallego, El Áncora, La Correspondencia Gallega, El Compostelano, La Noche, El País...

 

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

 

Biblioteca Nacional de España www.bne.es => El Pabellón Nacional (Madrid), El Día, La Libertad, El Imparcial, La Correspondencia de España, El País, La Época, El Heraldo de Madrid, El Correo Español

 

La Voz de Galicia.

 

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

Faro de Vigo. Hemeroteca

 

 

 

 

 

Comentarios: 0