Instalacións marítimas

Asteleiro de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2009.
Asteleiro de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2009.

 

 

Estaleiro.

Lugar onde se construían e reparaban os botes de pesca. En Redondela xa existía a Praza do Asteleiro antes de 1760. A principios do s. XX había un estaleiro no inicio da Rúa Reveriano Soutullo, daquela a Praza da Constitución era unha marisma. Logo abriría na praia de Cesantes no lugar coñecido aínda hoxe como os Astilleros, o Estaleiro de Loureiro. (Ver Empresas). Na actualidade o porto de Cesantes conta co seu propio estaleiro.

 

 

Peiraos

Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2008.
Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles, 2008.

 

 

Peirao de Redondela.

 

Na 2ª metade do s. XIV o bispado de Santiago xa cobraba diezmo polo porto de Redondela. No s. XVI este porto comeza a gañar importancia grazas á captura de sardiña e pescada. Por documentos de principios do s. XVII o peirao do Cabo dos Fumeiros era considerado o peirao da vila de Redondela. Ademáis tamén se fala do Peirao da Rúa Nova ou de Pedro de Romay.

 

A mediados do s. XVIII xa estaba na Ribeira. Neste século o porto de Redondela cobra importancia por ser o punto de embarque do viño de Ribeiro que, facendo escala en A Coruña e Ferrol, era enviado a diferentes puntos de España. Como exemplo, en 1796 saíron para A Coruña 10 barcos cun total de 293 toneladas de viño. En 1804 a pesca ascende a 300 millares de sardiñas anuais.

 

En agosto de 1899 o porto de Redondela foi “declarado de interés general”. Dous meses despois o Ministerio de Fomento abre expediente co fin de iniciar as obras de mellora do porto. En xaneiro de 1900 ten lugar a incautación polo Estado, representado polo enseñeiro de Obras Públicas, Sr. Domecq, do peirao de Redondela, que foi entregado por unha comisión do Concello.

 

En outubro de 1934 reclámase a colocación dunhas luces no peirao da Ribeira, como xa se fixera nun pequeño embacadoiro de Chapela. Nesta mesma década, a construcción dun primeiro peirao de Cesantes construído para a conserveira de José Otero, sería a base para a posterior construcción do porto, o que provocaría o seu abandono e posterior destrucción co recheo da marisma.

 

 

 

As barras do Alvedosa.

 

En 1929 iniciase a construcción das barras do Alvedosa. Eran dous diques que tentarían solucionar os problemas de calado do porto de Redondela. As pedras impedirían que os lodos invadiran a canle de navegación, que sería máis fácil de limpar. Como acabamos de ver, poucos anos despois as barras deixarían de cumprir co seu cometido pola desaparición do peirao.

 

Os traballos serían dirixidos polo enxeñeiro Eduardo Cabello. En 1932 as obras xa se atopaban rematadas. Pola súa banda, o señor Cabello continuaba dende 1908 á fronte dos traballos de modernización do porto de Vigo. Daquela contaba con 67 anos, polo que se vía na obriga de xubilarse. Os colectivos da cidade olívica solicitaban a prórroga por consideralo o máis apropiado para completar o proxecto.

 

No 2018 a confraría de mariñeiros e mariscadoras de Cesantes propón a retirada das barras do Alvedosa para recuperar os bancos marisqueiros.

 

 

 

Peirao de Cesantes

 

En xuño de 1912, tratábanse de reanudar os traballos a fin de ultimar o proxecto do porto de Redondela, que se construirá en Cesantes considerar a praia o lugar con mellores condicións.

 

A principios dos 30, José Otero González “Mañas” construe un pequeno peirao en Cesantes para trasladar alí á súa conserveira.

 

En decembro de 1956 a Comisión Provincial de Servizos Técnicos aproba a construcción da lonxa de Cesantes.

 

No BOE do 24 de marzo de 1958 publícase a adxudícación da construcción do Peirao de Cesantes a Construcciones Ramón Valverde S.A., cun presuposto de 3.129.993'41 pesetas. En 1964 xa se rematara a construcción do porto de Cesantes e iniciábase a edificación da lonxa. En 1967 solicítase a instalación dun depósito de combustible.

 

No 2014 inaugúrase a nova lonxa.

 

 

 

 

Outros peiraos.

 

Na segunda metade do s. XVIII, fomentadores cataláns instalan unha fábrica salgadoira na Portela co seu peirao. A posterior instalación dun apostadeiro do exército determinou que este lugar aínda hoxe sexa coñecido como Peirao dos Carabineiros. No XIX un pequeno peirao na Regasenda unía este barrio con San Adrián. Outro peirao, o da Punta do Cubillón, foi empregado polos barcos de pasaxe para unir Chapela e Domaio.

 

Xa no s. XX varias liñas de vapores unían Redondela e Chapela con outros puntos da Ría de Vigo e unha barcaza comunicaba Rande e Domaio. En 1910 Francisco García Lamas realizaba os transportes marítimos entre Redondela e Vigo. En 1915 inaugúrase a linea de vapores Cesantes - Vigo. En 1924 habilítase un peirao en Rande para o embarque dos productos dunha fábrica alí establecida. Na década dos 50, os equipos de futbol de Vigo que debían xogar en Domaio tomaban o barco en Chapela.

 

 

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 28-06-2018

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.

 

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

 

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

 

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

 

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

 

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.

 

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

 

Faro de Vigo

 

La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es

 

Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche, El Correo de galicia, El Correo de Lugo, El Correo de Galicia, El Progreso.

 

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La Correspondencia de España

 

Faro de Vigo