A Festa do Corpus Christi ou da Coca

A Festa de Corpus Christi foi instituida polo papa Urbano IV no 1264. A primeira referencia que se coñece en Galicia é no 1437 en Ourense. Por desgracia o incendio dos arquivos da vila polas tropas de Napoleón impídenos saber cando se comeza a celebrar en Redondela, mais consérvase documentación escrita da súa existencia no século XVI. A mistura do pagán co relixioso provoca que tamén sexa coñecida como Festa da Coca. Hai tempo se popularizara na vila a frase: “Pola Santa Coca perdín o demo da misa”.

A principios do século XX ás Festas da Coca acudía tanta xente que saían trens especiais dende os concellos cercanos: Vigo, Pontevedra, Ponteareas... Como exemplo dicir que en 1901 vendéronse en Vigo 1.496 billetes de ida e volta. En 1934, durante a II República, varios concelleiros quixeron suprimir as festas, o que provocou unha manifestación diante do concello (daquela na Casa da Torre). Ó final se celebraron as festas e César Pisquito o celebrou coa copla:

Ensaya las Penlas, Bichoca,

que este año fiesta tenemos

prepara la Coca, Quirico

que se acabaron los demos.

También bailará la Danza

Cascorro, Lilo y o da Nuna

y romperán los corazones formando 

el Sol, las estrellas y la Luna.

Xa en 1981, o goberno central decide que o Corpus Christi deixe de ser festivo nacional. Enviáronse telegramas de protestas ó presidente e a varios ministros, mais non serviu de nada. Isto restou visitantes ó xoves da Coca.

 

 

A lenda da Coca.

             

Na Illa de San Simón vivía un dragón, a Coca. A única maneira de evitar que atacase a vila era ofrecerlle, tódolos anos, dúas rapazas virxes. Está situación repetiuse ata que un ano os mariñeiros, fartos da situación, armáronse con espadas e mataron á Coca. As mulleres colleron as mozas rescatadas e levantáronas por riba das súas cabezas para celebrar a súa ledicia.

            Máis ou menos esta sería a lenda da Coca. Este feito rememórase tódolos anos coa danza das espadas e as penlas.

            Existen outras lendas que serían as seguintes:

Lenda da Coca e a Gabacha.

            Durante as Festas do Corpus a procesión saiu de Vilavella en dirección á Igrexa de Redondela. Ó chegar á Farola apareceu a Coca baixando de Reboreda e toda a xente botou a correr asustada. A imaxe da Virxe da Gabacha ficou no chan. A Coca ó mirala acercouse, parou frente dela e inclinouse reverencialmente. Logo, deu volta e marchou por onde vira.     

Lenda do nacemento do Alvedosa e da Coca.

            O río Alvedosa xurdiu dos choros dunha moza doente de amores e arrepentimentos. De tanto chorimiquear saíronlle dúas ás e mais unha enorme e pesada cola, así como boca de reptil. Converteuse así na Coca de Redondela, que foi arrastrada ó mar polo río formado polas súas propias bágoas.          

 

A Coca 2009
A Coca 2009

 

A Coca.

A figura da Coca podería provir do mito de San Xurxo e o dragón, presente tamén en Cataluña e en Monçao (Portugal). Outra teoría da súa orixe, fai referencia á lenda da victoria de Santa Marta sobre o monstro na localidade francesa de Tarascón. De aí que tamén sexa coñecida como Tarasca. Sobre a procedencia do nome de Coca hai varias teorías: según Clodio González, viría do latín tardío cocatrix (cocodrilo); Gerardo Sacau cre que a orixe sería coco (verme / monstro infantil); e Joaquín Caridad identificaa co xigante tricéfalo Caco, fillo do deus Vulcano.

            Da Coca que pasea hoxe en día polas rúas de Redondela, só a testa se conserva tal e como aparece nas fotos dos anos 20. Na década dos 30 eran os choqueiros ou centulos os encargados de turrar polo monstro. Pouco antes da Guerra Civil tiña un mecanismo que lle permitía estirar ou encoller a gorxa. No 1935 trócanlle a pel. No 1956 Juan Ipiña, da Peña Xan Carallás, púxolle un motor para que andara sóa pero ó ano seguinte volveuse a puxar dela. Agás esta variación, a Coca non se modificou dende 1946 ata o 2006, ano en que o grupo de títeres Tanxarina realizou unha reparación case total da mesma. 

            Os nenos introdúcense no interior do armazón para mover o pescozo e a boca da Coca. Deste xeito asustan ós veciños que, se os rapaces teñen sorte, danlle caramelos e lambetadas ó monstro.

 

Danza das espadas I.Vídeo de Ana Cabaleiro.

 

 

A danza das espadas e as penlas.

 

A danza das espadas xa se bailaba en Redondela no século XVI. Está formada por 25 homes: 1 Maestro ou Xefe (faixa verde), 4 Rabelas ou Rabelos (faixa azul) 4 Primeiros ou Guías e 16 Espadas (ambos faixa vermella). Ademáis os acompaña a música tocada, polo menos, por un gaiteiro e un tamborileiro. Realizan diferentes figuras cada unha das cales ten a súa propia simboloxía, estas serían: reverencia ó Santísimo, pase liso ou en cadea, camiño de Santiago, oito, estrela, mapoula, áncora, R (inicial de Redondela) e volta á praza. O momento máis especial do baile é cando o Xefe abandoa o grupo e danza el só diante de Santísimo e a Virxe da Gabacha.

Existen outras danzas parecidas noutras vilas galegas. En Redondela os danzantes levaban espadas de metal ata 1834, ano no que se produxo unha liorta que acabou con varios feridos e coa imaxe de San Xoán no río Alvedosa, sendo sustituidas por espadas de madeira. En 1926 foron contratados para actuar nas festas do Apóstolo en Santiago. Nos anos setenta a falta de mozos dispostos a participar na danza levou á entrada de mulleres na formación durante un par de anos.

As penlas son dúas nenas que bailan nos ombros de dúas mulleres, chamadas burras. Simbolizan o baile das nais coas nenas salvadas polos mariñeiros que mataron á Coca. Antigamente, o papel de burras realizábano as panadeiras de Porriño.

As Coplas do Padre Sarmiento deixan constancia de que, ata o s. XVIII, as penlas e as burras eran nenos e homes respectivamente. A finais do s. XIX, a obra Caldo galego de Juan Neira Cancela deixa constancia de que xa eran nenas e mulleres as que bailaban.

 

Danza das espadas II. Vídeo de Ana Cabaleiro.

Rúa Alfonso XII (2008)
Rúa Alfonso XII (2008)

As alfombras.

            En 1950 xa se alfombraban con espadanas as rúas polas que transitaba a procesión de Corpus e lanzábanse pétalos ó paso do Santísimo. As alfombras artísticas comezarían a realizarse no 1965. Sería un home de Ponteareas (descoñécese o nome) o que ensinaría ós redondeláns a confeccionalas. Daquela non fixera moita gracia na vila veciña, pois as festas de Redondela tiñan máis visitantes que as súas.

 

 

Xigantes e cabezudos 2009
Xigantes e cabezudos 2009

Xigantes e cabezudos.

           Os xigantes e cabezudos acompañan á Coca no seu percorrido polas rúas da vila. Os xigantes son unha parella coñecida popularmente como os abuelitos”, este nome pode ser unha variante do nome que recibían nos anos 30; Bolita e Bolito”. Se ben foron reparados numerosas veces e as roupas sustituidas, son os mesmos dende principios do século XX, cando reemplazaron a outros que eran anteriores ó século XIX. Os cabezudos, por contra, foron renovados máis a miúdo.   

 

Virxe da Gabacha. Redondela
Virxe da Gabacha. Sen data. Album Sesé. Arquivo: J. Migueles

 

 

As procesións.

            Despois da Guerra Civil chegaron a saír en procesión cerca de 40 imaxes (S. Lois, S. Telmo, S. Xusta...), procedentes da capela de Santa Mariña e das igrexas de Redondela e Vilavella.

A máis popular, San Cristobo, era tan alta coma os xigantes. Os nenos enfermos pasaban por debaixo do seu manto para curarse. No 2008 o Concello tratou de recuperar esta tradición, mais o párroco de Redondela non se mostrou colaborador.

            Na actualidade tan só sae o Santísimo e a Virxe da Gabacha de Vilavella. Outras que desapareceron da procesión son as cruces das 14 parroquias (13 máis Vilavella) seguindo tan só a parroquial de Redondela.

 

Apuntes históricos

 

            En 1921 a Coca foi roubada antes das festas. (Ver Curiosidades 6)

En 1923 prodúxose un asasinato durante as festas. Discutían por unha moza, cando un home baixo os efectos do alcohol, cravoulle un coitelo a outro. Ningún dos dous implicados era de Redondela.

           

As programacións das festas teñen acollido corridas de touros (Ver Curiosidades 1), competicións deportivas (futbol, traíñas, balonmán...), cucañas... Tamén en varias edicións deslucidas pola choiva celebrouse a “Recoca”, na que as festas tiñan continuidade no fin de semana seguinte. Outras actividades serían:

 

As Montaxes Artísticas.

            Como curiosidade histórica comentar que a principios do século XX, os bares e restaurantes da vila realizaban montaxes artísticas durante a Festa do Corpus ou da Coca. Esta iniciativa era un atractivo máis para a xente que viña a Redondela nesas datas.

Espectáculo da compañía Excalibur. 2009
Espectáculo da compañía Excalibur. 2009

 

Recreación histórica

 

            Dende a supresión do Corpus como festivo nacional, a festa da Coca foi perdendo visitantes. Para paliar isto no 2008 incorporouse a “Recreación histórica”. Deste xeito Redondela subiuse ó carro da ambientación medieval tan de moda nestes tempos cun mercado e actuacións (bufóns, loitas de espada, espectáculos con fogo...). Si ben tivo os seus detractores, o caso é que a afluencia de persoas á festa lembrou tempos pasados. No 2011 o novo governo local decidiu nun celebrala polo seu alto custe.

 

 

 

 

Na festa da Coca

o que non colle mozo ou moza

despois non o atopa.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 13-10-2013

Subir

 

 

Festas e Tradicións                                                                                   Xan Carallás

 

 

Inicio

Escribir comentario

Comentarios: 0