Tradicións.

Capilla
Capilla

As “capillas”.

            Seguramente todos saibades o que son os petos das ánimas, pero os máis xóvenes descoñeceredes o que eran as capillas. Básicamente eran petos para recaudar fondos para dar unha misa, organizar unha procesión ou calquera outro acto relixioso en honor dun santo. Estaban feitos de madeira e medían apróximadamente 40 centímetros de alto. Contiñan unha imaxe do santo protexido por un cristal e, na maioría dos casos, por unhas contras.

Estas capillas íanse pasando de casa en casa, permanecendo 24 horas en cada unha. Podían ser da Virxe do Carme, das Ánimas, do Corazón de Jesús... Na vila chegaron a circular 14 das Angustias. Caso especial era o mercado  de abastos, no que había varias capillas e, cada día, pasábase unha diferente por tódolos postos para que as peixeiras e as súas clientas aportaran o que poideran. Tamén os mariñeiros ó facer o reparto das ganancias, se sobraba algo, facían a súa contribución.

            Os nenos, pola súa banda, aproveitaban o día de San Xoán para facer as súas propias capillas. Xuntaban uns caixóns, apañaban a imaxe dun santo da casa e adornaban o conxunto con frores. Feito isto, uns pedían diante do improvisado altar, mentras outros collían un prato de café e ían polas rúas pedindo por exemplo: “Para a capilla de san Xoán que está na curva de Santa Mariña”. Logo reuníanse e repartían os cartos, eran os tempos das chicas (5 céntimos), os patacos (10 c.) e os rás ou reales (25 c.), pero destes últimos veíanse menos.

 

Cencerro.
Cencerro.

 

As Cornetadas ou Cencerradas.

            A principios do século XX, cando se facía público que unha viuva ou viuvo comezaba a verse cunha nova parella os mozos da vila organizaban unha “cornetada”. Confeccionaban uns monecos recheos de palla que representaba ós noivos (similares ó meco do entroido). Saían á rúa con cencerros e calqueira outra cousa que fixera ruído e dirixíanse á casa da viuva ou viuvo. Alí cantábanlle unhas coplas e cando remataban prendíanlle lume ós monecos. Un exemplo das coplas que cantaban sería o seguinte:

Recibimos un parte el otro día

que en este pueblo llegaron a hablar

de una chica que se casa en Villavieja,

los tórtolos se colaban por el Sagueiral.

Sagueiral, Sagueiral, Sagueiral.

 

Los tórtolos son dos en compañía

que luchan ambos por el mismo amor

luchando de este modo se descubre

si la muchacha les hizo algún favor.

Un favor, un favor, un favor.

 

Como la radio no nos oculta

a los agentes de la nación,

se lo contamos sinceramente

porque nos sale del corazón.

 

Maximinito encargó

al fundador de Carril

una camita de hierro

con movimiento sutil.

 

Cuchichi, cuchichá.

¡Viva la cencerrada!

Cuchichi, cuchichá.

¡Ella ahí la va!

            Na parroquia de Reboreda, en abril de 1921, un viúvo-noivo tentou disolver a cencerrada a pedradas e  navalladas causando dous feridos de importancia.

En xaneiro de 1934 criticábase na prensa local que as autoridades non fixeran nada por acabar con esta tradición, dando conta dunha cornetada feita a un veciño de O Viso viúvo e con varios fillos que casara de novo. A broma durara ¡9 días!, e pouco faltara para que a cousa chegara a maiores.

            Aínda en febreiro de 1960, unha veciña de Reboreda que concertara a súa voda sufriu unha cencerrada. Os organizadores do escándalo serían denunciados ao Governador Civil.

 

 

Correr ó galo.

            En case todas as parroquias de Redondela era tradición a Corrida do Galo o domingo de Entroido. Consistía en percorrer a parroquia cun galo, que se levaba nunha especie de cesta semellante ós maios. Despois se cantaban unhas coplas e se subastaba o galo. Rematando todo cando se colgaba boca abaixo e se lle cortaba a gorxa. Co tempo, isto último suprimiuse, e a subasta sustituiuse por un sorteo mediante a venta de rifas.

            Esta tradición está practicamente desaparecida, a pesares dalgún intento por conservala.

 

A Fogaza

            Este xogo celebrábase durante as Festas das Angustias e San Roque. Nun xornal de 1910 cóntase a desnaturalización desta tradición. Criticábase que consistía nunha carreira pero que nos derradeiros anos os mozos eran atados de pes e mans polo que corrían a saltos. O premio tradicional era un “roscón de pan, embadurnado de amarillo, de trigo que se pedía de casa en casa”, pero como foi rebaixándose a súa calidade trocouse por cartos.

“A pelón”.

            Nos bautizos é tradición que, á saída da igrexa e baixo o grito de “¡A pelón, a pelón!”, o padriño da criatura lles lance moedas ou lambonadas ós cativos. No caso contrario corre o risco de que lle griten aquilo de “¡Que viva o meniño e que morra o padriño!” ou aqueloutro de “¡Auga, viño e merda para o padriño!”.

 

Festa de San Antón (Vilavella)

            Ata os anos 60 do século pasado celebrábase en Vilavella a festa de San Antón de Padua. Celebrábase un baile con actuación de gaiteiros e banda ou orquestra na praza Ponteareas, que daquela era unha lameira, ata que durante uns anos José Otero (Mañas) deu permiso para organizalo na explanada que había diante do Convento de Vilavella. A derradeira edición realizouse diante da leiteiría, baixo o Viaduto de Ourense, na actual Ernestina Otero.

O Porquiño de San Antón.

            Antigamente, as mozas dábanlle regalos a San Antón para que lles acadara un bo mozo. Algunhas ofrecíanlle un porquiño. Este porco era criado en liberdade, recorría as rúas da vila e a xente dáballe de comer.

Festa de San Cristovo

            San Cristovo é o patrón do transporte, polo que o día da súa festividade bendecíanse os taxis, camións e autobuses; e tamén moitos coches e motos particulares. Eran tanta a xente que asistía que se celebraba xunto ao Concello. Tamén era tradición engalanar os vehículos con xestas. A partires dos anos 60 a festa foi a menos e na actualidade é prácticamente anecdótica.

Festa de San Xoán (no casco urbán de Redondela).

Ata os anos 80 do século pasado, a Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela, celebraba a festa na Ribeira. Prendíase unha fogueira, asábanse sardiñas e logo tocaban uns gaiteiros seguidos por unha banda ou orquestra. No mesmo ano que se celebrou San Antón diante da leiteiría, na festa de San Xoán non houbo gaiteiros polo que a xente dicía: “San Juan sen gaita e San Antonio leiteiro”.

O xogo do Fol.

            A principios do século XX, os luns de entroido na explanada da Ribeira  xogábase ó Fol. Consistía en que dous mozos, separados uns 20 ou 30 metros, lanzábanse un coxín. Ó que lle caía, botaba 10 céntimos nunha manta na que se recollían os cartos. Co diñeiro recaudado as parellas ían cear e despois ó baile.  

 

Texto:

J. Migueles

Actualizado:

03-01-2014

Subir

 

 

 Outras Festas                                                                                              Persoeiros

 

Festas e Tradicións

 

Inicio

Escribir comentario

Comentarios: 0