1843 Alzamento de Vigo

Xeneral Espartero. Foto: Wikipedia
Xeneral Espartero. Foto: Wikipedia

O 23 de outubro de 1843, tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento pola Xunta central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la Victoria, máis coñecido como o Xeneral Espartero. Mais ningunha poboación galega da o seu apoio á sublevación quedando a cidade aillada. Uns días antes, o 8 de outubro en Redondela, os partidarios do duque respaldados polo alcalde e o xuíz de Primeira instancia conseguen que non se verifiquen as eleccións nas que presuntamente serían destituidos. A pesares disto a falla de apoios provoca que deban acudir a Vigo onde participan activamente na sublevación.

 

29 de outubro

Militares do governo chegan a Redondela para dar comezo ao sitio. Moi preto, un punto estratéxico como é Pontesampaio, atópase fortificado e fortemente vixilado. Noutras poboacións cercanas como Caldas de Reis, Pontecaldelas, Portas, Barro, Cambados, Cotovade ou Vilagarcía; movilizáronse os nacionais e diríxense á nosa vila para incorporarse ás tropas leais dirixidas na nosa vila polo coronel Macrohon. Ao mando do exército é nomeado o xeneral Cotoner, que se dirixe á nosa vila con seis pezas de artillería. Mentras en Vigo noméase xefe político a Buk e administrador de provincia a Fontano.

 

1 de novembro

Son declarados en busca e captura Juan Igneson, xuíz de primeira instancia de Redondela; D. N. Sánchez, promotor fiscal do partido; e Ramón Martínez Saco, veciño de Redondela; por marchar a Vigo para unirse aos sublevados.

            A goleta “Minerva” acompañada por un quechemarín mercante, partiu da Coruña cara a Pontevedra con artillería e municións.

 

2 de novembro

Aproveitando que o xeneral Cotoner aínda non chegara a Redondela cos reforzos, os sublevados atacan a nosa vila con algo mais de 200 homes e 3 lanchas cun cañón de a 8 e outro de a 4. Abriron fogo contra as forzas do coronel Macrohon pero estes rexeitaron o ataque.

En Tui os voluntarios engrosan as filas dunha columna formada para marchar sobre Vigo. Ademáis estanse a reforzar os pasos fronterizos con Portugal. No país veciño, concentráronse bastantes tropas en Valença.

 

3 de novembro

Chegan a Pontevedra o coronel Suazo e os seus artilleiros, prisioneiros en Vigo aos que se lles permitiu abandoar a cidade. Informan de que os pronunciados contan con 1.500 homes entre nacionais e compañías de Lugo. Están comandados polo señor Martín José Iriarte, quen ordeou celebrar con repiques de campás o pronunciamento de Ferrol, o que co tempo se comprobaría que era falso. Por contra as tropas que conformaban o cerco da cidade olívica, rondaba os 4.000 homes.

            A Redondela chegan noticias de que parte da xunta de governo de Vigo fuxe abandoando a cidade á súa sorte. Entra na nosa vila o xeneral Cotoner cunha división na que destaca un batallón de licenciados chamado “Cazadores de la Reina” formado por 800 homes. Parte destas forzas destinaranse a Ponteareas para evitar unha posible incursión enimiga.

            De Vigo saen 150 carabineiros que nun primeiro momento se sublevaron e agora se entregan na nosa vila ao exército nacional.

 

Martín José Iriarte Urdániz. Biblioteca Nacional Madrid
Martín José Iriarte Urdániz. Biblioteca Nacional Madrid

4 de novembro.

            Os sublevados disparan dende a ría de Redondela. En relidade esta non foi mais ca unha manobra de distracción que permitiu a saída de Vigo de 600 homes mandados por Iriarte. Os rebeldes perseguidos por Macrohon entran en Ponteareas finxindo ser tropas do governo. Pouco despois saen cara a Cañiza pola cercanía do enimigo.           

 

6 de novembro.

            Ás once e media da mañá Iriarte chega cos seus homes a Ribadavia. Horas despois cruza o río Miño por Castrelo, onde pernoctan a tan só dúas leguas de Ourense. Mentras, en Vigo, a xunta de governo tenta resistir o sitio obtendo rescates polos retidos. Polo administrador de Cangas piden 70 onzas ou 70 soldados licenciados.

 

7 de novembro.

            Manuel Nogueira, como enviado de Iriarte, exixe que as autoridades e a guarnición abandoen Ourense. Pero a cidade non se rinde porque a defensa, reforzada polos provinciais de Tui, conta con máis de 400 homes. Nese momento os perseguidores aproxímanse a Ribadavia con 1.500 homes. Estando así as cousas Iriarte decide fuxir cara a Portugal.

            Chega a Pontevedra a goleta “Minerva” e o quechemarín portando un obús, un morteiro, barrís de pólvora... Todo este armamento foi desembarcado e conducido á fortaleza que anteriormente era convento de San Francisco.

 

8 de novembro.

            Ás dez da mañá unha delegación de Vigo acude a Redondela para tratar a capitulación da cidade. Pola súa banda, Iriarte é derrotado na fronteira con Portugal, tendo que depor as armas en Melgaço.

            Unhas horas despois entraba en Pontevedra o batallón provincial de A Coruña con 300 homes, saíndo pouco despois cara a Redondela. Tamén partiu para a nosa vila o xefe político da capital por un incidente no Lazareto de San Simón. A illa atopábase baixo a vixilancia do tenente Simón Bulnes, que interceptou unha mensaxe do presidente da xunta de Vigo, Sr. Fontano, para o director do Lazareto, Sr. Vicente de Vicente. Nela se informaba da inminente rendición da praza e do avanzadas que estaban as negociacións co xeneral Cotoner, que de non seres pola oposición dunha minoría xa terían chegado a bo porto. O tenente Bulnes ante a importancia do asunto procedeu á detención do Sr. Vicente de Vicente e ao seu traslado a Redondela.

            En Ourense entraron os provinciais de Gijón e Zamora e un escuadrón da Constitución.

 

10 de novembro.

            As tropas de Cotoner reúnense en Redondela baixo as ordes de Nouvillas e procédese á rendición da praza de Vigo.

 

            Os sublevados en Vigo correron diferente sorte e a finais dese ano de 1843 aínda se sospeitaba que moitos dos homes de Iriarte non cruzaran a fronteira de Portugal e se agochaban nos arredores de Vigo. Entre a xente de Redondela que participou no motín atopo os datos seguintes:

 

Juan Igneson y Miramon. Era promotor fiscal en propiedade no Xulgado de Carballino (Ourense) dende o 30-6-1842, se ben viña desempeñando este cargo de xeito interino dende 11-10-1840.  A Xunta de governo da villa de Redondela nomeouno xuíz o 6 de agosto de 1843, tomando posesión o día 19 dese mes. Abandoou este posto o 23 de outubro de 1843, en que tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento pola Xunta central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la Victoria. Tomou parte activa no movemento tanto coas armas na man como auxiliando nos traballos de Secretaría da Xunta. Por estes feitos veuse obrigado a emigrar ao estranxeiro, non podendo voltar ata a amnistía xeral de 1847. O Supremo Tribunal de Guerra y Marina implicouno na causa formada ao xeneral José Iriarte, polos sucesos de 1843, sendo condeado á pena de inhabilitación perpétua para obter destinos e cargos públicos. Despois dun longo contencioso coa Administración do Estado, o 12 de setembro de 1861 conseguiu que se lle aplicara a lei de 26 de xuño de 1855. Según esta tiña dereito ao abono na súa clasificación de 11 anos, correspondente ao periodo comprendido entre o 20 de maio de 1843 e o 11 de agosto de 1854, no que permaneceu en situación pasiva, sen solicitar nin obter ningunha comisión, destino ou cargo público lucrativo.

 

 

Ramón Martínez Saco. Natural de Mos. Acababa de ser elexido deputado provincial por Redondela cando se iniciou o motín. Trala revolución de 1854 rexeitou a proposta de recuperar o cargo de deputado para converterse en alcalde da nosa vila. Repetiu no posto anos depois, destacando entre os seus logros a creación en 1861 das prazas de médico e ciruxán dos pobres. En 1863, regresaría ao posto de deputado provincial, sendo reelexido dous anos despois. Trala revolución coñecida como A Gloriosa, en 1868, voltaría a ser nomeado alcalde e deputado provincial. En 1871 sería nomeado Deputado a Cortes por Redondela, sustituindo a Juan Manuel Pereira cando este foi destinado a China.

 

Evasio Rubín Oroña. Militar, pai do Xeneral Rubín. Combatiu xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos. Retirouse despois de ser ascendido a Xeneral.

 

D. N. Sánchez. O único que atopei del é o apuntado anteriormente, era promotor fiscal de Redondela e participou na sublevación polo que foi declarado en busca e captura.

 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 26-07-2013

Escribir comentario

Comentarios: 0