Colectivos e asociacións ata principios do S. XX

Arpegios

            Sociedade constituida en abril de 1932 co fin de fomentar a música e o canto. Dispuña dun local en Eidos.

 

Asociación (Junta) de Beneficencia

            A primeira referencia que atopo é en febreiro de 1922 cando se celebra unha función teatral a prol deste colectivo.

            Despois do golpe de estado do xeneral Primo de Rivera volve a constituirse esta asociación en marzo de 1924: presidente honorario, José del Río Jorge; presidente, Avelino Giráldez Pazó; vicepresidente, Manuel Pereira Míguez; contador, Pedro Otero Milleiro; e depositario Saturno Cal Muíños.

Entre as súas obras sociais, destacaba a organización de veladas teatrais para recadar fondos cos que axudar ás familias máis necesitadas. En 1926 era presidida por Pedro Otero Milleiro. En 1932 foi nomeado presidente deste organismo José Olimpio Giráldez e tesoureiro Buenhijo Pérez Sobrino. En marzo do 1936 se elixiría como presidente ó recentemente reposto alcalde, Serafín Dacosta Paz, acompañado de Dolores Otero Sestelo, Carmen Otero, Domingo Fernández (Ferrucacho) e Antonio Alfaya.

 

Asociación de Comerciantes de Redondela.

            Fundada en xaneiro de 1932.

Asociación de Dependientes. Delegación de Redondela.

En xuño de 1913, constituiuse en Redondela un grupo dentro da “Asociación de Dependientes de Comercio de Vigo”, composto de quince dependentes daquela vila, sendo nomeado delegado do mesmo, Eduardo Cunha.


Asociación de Hijos de Redondela en Brasil.

Antes da creación desta asociación xa existía a de Hijos de Redondela residentes en Río de Janeiro, que en 1900 auxilia con 475 pesetas a Francisco Rodríguez, veciño da nosa vila que quedara na miseria por mor dun incendio.

A Asociación de Hijos de Redondela en Brasil, foi creada en Río de Janeiro (Brasil) o 17 de marzo de 1910 por emigrantes da vila: José Figueroa Montero, Presidente; Manuel Domínguez Suárez, vicepresidente; José Amoedo Míguez, secretario; Jesús Muíños, vicesecretario; Constantino Pereira, tesoreiro; Enrique Figueroa, vicetesoreiro; Antonio Sotelino, José Lago Carrera, Eladio García Fernández e José Sequeiros da Riva, vocais. A este acto acudiu o tamén redondelán Plácido Isasi, presidente do Casino Español. Outros membros desta asociación eran: Manuel Amoedo, Jaime Serín, Victoriano Novas, Manuel Puga Rodríguez, Nemesio Sotelino, Jesús Soto, Abel Fontán, Ramón Suarez, Ángel Fontán, Rufo Domínguez, Lino Reguera e José Villanueva. Daquela querían construir un hospital en Redondela, pero o proxecto nunca se chegou a realizar. A súa maior contribución á vila foi a construcción da Graduada Escola José Figueroa (actual centro da terceira idade sito na Xunqueira), na honra do que fora presidente fundador. (Ver Toponimia>Redondela)


 

Asociación de Maestros de Redondela (Junta local de Primera Enseñanza)

Constituida en maio de 1921, coa seguinte xunta directiva: presidente, José Gallego Martínez, director da graduada; vice, Manuel Palmeiro, mestre de Cedeira; secretario, Joaquín Pais, mestre de sección da graduada; vice, José Antonio Núñez, de Saxamonde; tesoreira, María Castro, directora da graduada; vice, Telesforo López, de Chapela; vocais: Sofía Rodríguez, de Vilavella, e os mestres de Mos, Fornelos, Pazos e Soutomaior. En marzo de 1923, nunha reunión da Asociación Provincial de Maestros, á que non asistiu José Gallego, considérase inexistente a de Redondela por non renovar a directiva e non satisfacer as cuotas. Acórdase deixala sen representación ata que formalice a súa situación coa Provincial.

Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, voltou a constituirse o 26 de marzo de 1924, por orde do delegado guvernativo, José Del Río.

 

Braceros del Mar, La Luz

Un xornal de outubro de 1903 informa que foi suspendida nas súas funcións a “Sociedad de Marineros de Redondela”. Suspensión que se fixo extensiva á sociedade que baixo o nome “Braceros del mar, La Luz”, ía a abrirse na casa de Manuel Montero Iglesias.


Casino.

            Esta sociedade foi unha gran dinamizadora da vida cultural e social de Redondela. Destacouse como organizadora de veladas, tanto musicais como teatrais, e de bailes no Entroido, Nadal... Moitas veces estas funcións tiñan caracter benéfico.

Atopo referencias a esta sociedade dende principios do s. XX, tendo o seu local na Rúa Alfonso XII. En abril de 1927 trasladouse á primeira pranta da casa propiedade de Manuel Pereira Míguez na mesma Rúa Alfonso XII, onde hoxe se atopa a Farmacia de María Rita. Nel había unha foto de Juan Manuel Pereira, ministro embaixador plenipotenciario en China e Siam, sobre un elefante branco.

            Entre outros estivo presidida por: Julio Salgado Trillo (xuíz de 1ª instancia), Ventura Domínguez, Eladio Martínez, Telmo Bernárdez Santomé (Ver Persoeiros>Outros), Olimpio Giráldez, Francisco Cunqueiro Montenegro, Luis Pereira Míguez, Bernardo Alfaya... A sociedade desaparecería nos anos 70 do pasado século.

 

Centro Científico Deportivo

Esta asociación foi constituida en 1908 a partires do primeiro clube de futbol da vila, o Redondela F. C. Era, por decilo de algunha maneira, a competencia do Casino. Ademáis de celebrar bailes, concertos e teatros, contaba co que probablemente foi primeiro cadro de declamación da vila, formado antes de 1910.

O 6 de xuño de 1909, organizou o primeiro campionato de futbol que se celebrou en Redondela. Participaron catro equipos vigueses: Vigo, Athletic, Progreso e Industriosa.

Nun principio ocupou unha casa propiedade de José Castilla na actual rúa Padre Crespo. En febreiro de 1910 chegouse a un acordo co propietario dunha casa en Alfonso XII para que a ampliara cara a Xunqueira co fin de instalarse nela. Entre os seus presidentes estivo Saturno Cal.

Entre as súas actividades destacaban os bailes e a organización de festivais musicais e teatrais que en moitas ocasións eran a prol dos máis necesitados. Case sempre se celebraban en locais como o Salón Míguez ou o Café América.

 

Centro de Hijos de Redondela en Montevideo (Uruguai)

            En 1913 estaba xestionado pola seguinte directiva: presidente, Andrés Toucedo; vicepresidente, Antonio Alfaya; secretario, Benito Soutullo; pro, Ramón Domínguez; interventor, Juan Fernández; depositario, Juan Lamas; vocais: Ramón Núñez, Vicente Domínguez e Vicente Lamas.

 

Centro de Redondela y su distrito (Argentina)

No Nadal de 1908 os emigrantes de Redondela en Buenos Aires envían a cantidade de mil pesetas para repartir entre os pobres.

En agosto de 1909 créase en Bos Aires a Unión Provincial de Residentes de Pontevedra. Na súa directiva e como representante de Redondela estaba Enrique Martínez.

En abril de 1913 créase en Bos Aires, Hijos de Redondela, coa seguinte directiva: José Fernández, presidente; Crisanto Bula, vice; Jesús Prego, secretario; Genaro Rivas, vicesecretario; Juan Míguez, tesoreiro; Luciano Crespo, vicetesoreiro. Vocais: J. David Rivas, Isidoro Otero, Fernando Docampo, Leodegario Bujones e David Cortizas. Revisadores de contas: Manuel Muíños, Francisco Martínez e Luis Esteiro. 

En xuño de 1930: “Para as familias dos náufragos dos vapores pesqueiros, recibíronse 2.570 pesetas enviadas desde Bos Aires, polo Centro de Redondela en Arxentina e o seu distrito”.

O 10 de xaneiro de 1932 este centro organiza unha festa campestre no recreo “Los Álamos”, sendo amenizada pola orquestra Apolo. O 29 de maio celebran a Festa da Coca cun festival no que se representou a revista “Redondela enxebre”. En xullo dese mesmo ano este centro doará 1.000 pesetas para material escolar, avisando que enviarán 2.000 máis.

 

 

Círculo Mercantil e Industrial

            Constituida en novembro de 1926 polos comerciantes de Redondela. A primeira directiva a formaban: presidente, Joaquín Cardalda Feijoo; vice, José Reboredo Blanco; secretario, Miguel Villar Sánchez; vicesecretario, León de la Rosa Escobar; tesoreiro, Cecilio Reboredo Blanco; e contador, Manuel Suárez Iglesias.

No seu local organizaban bailes entre outras actividades.

En 1927 despois da inauguración do teléfono en Redondela, que aínda contaba con poucos abonados, esta asociación dirixiuse ao Concello para solicitar a conexión da liña telefónica con Vigo e Pontevedra. En xullo dese ano tamén solicita á compañía telefónica que considere Redondela como do centro urbán de Vigo, para evitar que as comunicacións con aquela cidade sexan consideradas conferencias.

            En outubro de 1929 xa desaparecera esta sociedade aínda que se seguían a empregar os seus salóns para diferentes actos.

 

Círculo Recreativo de Arte y Cultura

Asociación cultural de principios do século XX, organizadora de numerosos bailes e funcións teatrais, contando co seu propio cadro de declamación. Entre outros estivo presidida por Enrique Figueroa Montero ou Buenhijo Pérez Sobrino.

 

Comisión de Abastos.

            En xullo do 1933 o seu presidente José Vidal Ramón, acompañado da garda municipal, fixo unha inspección do peso do pan, tratando de incautar o que non cumpría o peso, provocando a protesta de varias veciñas que se atopaban na praza.

Comisión recaudadora para el Aguinaldo del Soldado.

            Acadaba fondos para os soldados de Redondela que estaban loitando en África. En 1921 formouse por iniciativa de Mari Conde, esposa do director da escola graduada de Redondela. Formaban a comisión Josefina Trasande, Rita Bula, Josefa Fernández, María Criado, María Feijoo e María Mandado.

Ademáis contaron coa axuda do sacerdote Manuel Martínez e o procurador Generoso Muíños que organizaron un festival para recadar fondos. Celebrouse no Círculo Recreativo e actuaron o cadro de declamación e un novo orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez.

 

Corpo de Exploradores de Redondela.

En outubro de 1917 constituiuse en Redondela o Consello local de Exploradores, formado por: Presidente, Claudio Contreras Valiñas, deputado provincial. Vicepresidentes: Jose María Sanmartín Catoira, párroco de Redondela; José Sátiro Redondo Cal, párroco de Vilavella; e Pedro Otero Milleiro, alcalde. Tesoreiro, Justo Miguel Tojeiro, depositario do Concello. Contador, Ricardo Contreras Valiñas, recadador de contribucións. Secretario, Buenhijo Pérez Sobrino, director de “La Idea”. Vocais: Antonio Ocampo Fraga, médico municipal; Avelino Giráldez Pazó, Juan Suárez Iglesias, Juan López Fragueiro; e Laureano Lago Núñez, concelleiros; Celso Milleiro Seoane, secretario do Concello; José Reboredo Blanco e Isaac Cortiza Baz, comerciantes; Antonio Rodríguez Lamas, propietario; e Tomás Lago Garrido, practicante de cirurxía. Xefe de tropa, Generoso Muíños Arines, procurador dos tribunais. Instructor, Joaquín Fernández Álvarez, sarxento da Garda Civil retirado.

Estaba formado por 80 rapaces. O uniforme estaba composto por unha camisa caqui, un pantalón corto de pana, botas e pano anoado no pescozo. Contaba cunha banda de cornetas e tambores e gañaron o primeiro premio nun concurso provincial celebrado en Pontevedra.

A chegada ao governo de Primo de Rivera supón un novo pulo para os corpos de exploradores que vivirán os anos de maior explendor. En Redondela, en marzo de 1924 por iniciativa do delegado guvernativo, José del Río Jorge, realizouse unha reunión para reorganizar esta asociación que apenas tivera actividade nos derradeiros dous anos. Pouco despois o presidente do corpo, Pedro Otero Milleiro, sería sustituido por Avelino Giráldez Pazó (a súa filla Sara Giráldez Fernández exercía de madriña). O xefe da tropa Generoso Muíños, sería a súa vez sustituido por un tal García e posteriormente por José Gallego Martínez, director da graduada de Redondela. O cargo de instructor sería desempeñado daquela por Antonio Lesmes.

Os domingos e festivos soían realizar excursións a montes e vilas veciños. O acto máis importante que celebraban todos os corpos era o xuramento. Tamén soían participar coas tropas veciñas (Vigo, Pontevedra, Porriño e Marín) en marchas, festas, homenaxes...

Como exemplo, enumero a continuación algunhas das actividades máis importantes que realizaron:

En xullo de 1924 encabezan coa banda de tambores e cornetas o recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a Redondela.

En 1926 na vila de Porriño, xunto cos exploradores de Porriño e Pontevedra, asistiron ao funeral de Ramón González benefactor daquela vila.

En 1926 durante as festas da Coca realizaron a promesa presididos por Avelino Giráldez Pazó.

En outubro de 1927 desfilaron en Pontevedra ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.

Sereis para ser buenos

mejores cada día

con este faro y guía

cumplir nuestro deber...

Fogar Méndez Núñez.

Ver Historia da Illa de San Simón.

 

Gremios.

            Asociacións corporativas formadas por traballadores dun determinado oficio artesanal: xastres, zapateiros, toneleiros... Antes do Catastro de Ensenada (1752) xa aparecen carniceiros e panadeiros. Entre as súas tarefas estaban a de fixar os precios dos productos, controlar a calidade, vixilar a distribución da materia prima e sancionar a competencia desleal. Dentro de cada oficio existía unha diferenciación dos traballadores en mestres (propietarios dos obradoiros), oficiais e aprendices.


Porta de casa con motivos da Masonería, 2011 Foto J Migueles
Porta de casa con motivos da Masonería, 2011 Foto J Migueles

Grupo Masónico Alvar Fáñez nº 145.

Creado en 1894 e sendo promovido polo mestre de escola José Arca Villar, quen xa pertencera a unha loxa de Vigo. Probablemente foron masóns en Redondela: Telmo Bernárdez Santomé (Ver>Persoeiros>Outros), José Enrique Pereira Míguez, José Figueroa Montero (Ver Persoeiros>>Outros), Saturno Cal Muíños, Juan Amoedo Seoane (Ver>Persoeiros>Política) e Nicolás Salmerón, todos eles compoñentes de Los Jóvenes Turcos, ademáis de: Manuel Rey Soto, Antero Evasio Rubín Homent (Ver>Persoeiros>Militares), Ismael Gómez, Narciso Martínez, Víctor García, Ricardo Mariolo, Julio Bouzas Gallego, Juan Santos García Rodríguez, Manuel Moreira Portela, Leopoldo Otero Otero (Pesquerello), Julián González Lemos, Jesús Bernárdez Gómez, Enrique Sánchez Cadavieco, Edmundo Villasanta Pérez e Alejandro Otero Fernández (Ver>Persoeiros>Política).   

 

 

Los Jóvenes Turcos.

Grupo de xóvenes con inquedanzas políticas de principios do s. XX, que se opoñía aos rietristas. Estaba formado por Telmo Bernárdez Santomé (Ver>Persoeiros>Outros), José Enrique Pereira Míguez, Luis Juan Pereira Míguez, José Figueroa Montero (Ver>Persoeiros>Outros), Saturno Cal, Claudio Contreras, Juan Amoedo Seoane (Ver>Persoeiros>Política)e Antonio Orellana, este último de Soutomaior.

           

Junta de Caminos Vecinales del distrito de Redondela

En abril de 1907, fórmase cos seguintes membros: Presidente neto, o alcalde do Concello Avelino Giráldez; Vocais, os representantes dos do distrito, José Amoedo Fernández, Jose Mª Lorenzo Taibo, Francisco Martínez Vidal, Serafín Bouzón, Perfecto Garrido Lago e José Piñón López; representantes da Cámara Agrícola, Alejandro Lago Fajardo e Antonio Crespo Taibo; da Cámara de Comercio, Ramón Feijoo e José Fernández Carreira; secretario, o da corporación municipal, Paulino Otero García. Daquela quedaran pendentes dous vocais, que debe nomear a Deputación provincial.

En abril de 1911 nomea como o seu representante na provincia ao Deputado Provincial electo Manuel Cacheiro Cardama.

 

Junta Local de Colocación Obrera.

            O día 8 de xullo de 1936 reuniuse no Concello a Junta Local de Colocación Obrera baixo a presidencia o delegado de Traballo, Antonio Salvador Caja, sendo elexido como presidente, o vocal obreiro de dita xunta, Manuel Loureiro. Acordouse igualmente proceder ao establecemento da Oficina de Colocación Obrera nunha das dependencias do Concello.

 

Junta Local de Fomento Pecuario.

 

            Nace en abril de 1932 co fin de orientar o melloramento gandeiro. O presidente era o daquela alcalde Pedro Otero Sestelo e o secretario, o inspector municipal veterinario Carrera Rodríguez. Vocais natos: Florencio Soto, como perito agrícola; Antonio Ocampo Fraga e Enrique Soto Fontán, como médico e mestre máis antigos. Vocais electos: Salvador Cabaleiro Lago, representante gandeiro da sociedade de Cedeira; Manuel Rodríguez Veiga da sociedade “La Protectora” de Saxamonde; Francisco González Lago, da de Negros; e Eladio Fernández Lago, da sociedade de Vilar.

 

Junta Local de Protección al Menor

Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, voltou a constituirse o 27 de marzo de 1924, por orde do delegado guvernativo, José Del Río. Entre as súas iniciativas destaca, en 1928, a de dar almorzos aos nenos pobres que asistían á graduada.

 

Junta Local de Sanidad

            En 1910 estaba presidida polo alcalde Avelino Giráldez. Vocais: Bernardino Couñago (párroco), Manuel Amoedo e Fermín Alfaya (médicos), Ángel Méndez (veterinario), Paulino Otero García (secretario do Concello), Felipe Rodelgo (farmacéutico), Serafín Sampedro (militar retirado) e Castor Garrido (axente de seguros).

Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, voltou a constituirse o 25 de marzo de 1924, por orde do delegado guvernativo, José Del Río.

 

Junta Local de Subscrición Nacional para a Guerra de Cuba.

Creada o 6 de maio de 1898. Constituida por: o cura párroco de Redondela, Bernardino Couñago Besada (Presidente); o alcalde, Manuel Pérez Rivas; o maior contribuinte, Manuel Amoedo; o mestre de oficios, Manuel García; o Xuíz de primeira instancia, Adolfo Serantes y Feijoo; o médico titular, Fermín Alfaya Martínez; o mestre de instrucción primaria, Román Ancoechea Montes; e o obreiro máis ancián, Manuel Arines.

Liceo de Artesanos.

            Creada en xaneiro de 1897 era presidida por José Fernández Ferreira, sendo depositario Manuel Pérez Rivas e secretario Buenhijo Pérez Sobrino. Ese mesmo ano, organizou bailes os tres días de entroido, ademáis de formar unha comparsa. En abril de 1898, a Dirección General de Instrucción Pública concédelle unha “biblioteca popular”.

 

Liga de Contribuyentes.

               Organización involucrada na vida política da vila. No 1892 conformouse a primeira directiva con Manuel Pérez Albán, Presidente (seguía no cargo en 1897) e vicepresidentes: Manuel Amoedo Acuña (presidente en 1900) e Demetrio Paz. Pertenceron a esta asociación: Juan Manuel Otero Milleiro, Pedro Otero Milleiro, Manuel Pérez Rivas... En contra da opinión do seu presidente, deixaron de criticar ao Partido Liberal a cambio de nomear concelleiros a varios membros da Liga. 

 

Liga Popular.

            A principios dos anos 20, xunto ao Círculo Recreativo era a asociación cultural máis importante da vila. Probablemente, era a continuación do que fora centro Científico Deportivo. No 1923 era presidente Francisco Cunqueiro Montenegro. Ademáis de organizar conferencias, bailes...; contaba cun equipo de futbol de igual nome (Ver Futbol>Equipos). En febreiro de 1924 desaparece esta asociación, constituíndose no mesmo local unha nova sociedade de recreo e deportes, chamada Redondela.

 

Liga de Propietarios

            En agosto de 1926, o gobernador civil provincial aprobou o reglamento desta nova sociedade. Creouse co fin de evitar e perseguir os danos que veñen sendo causados polo gando que entra nas propiedades e os repetidos furtos de froitos e productos forestais.


Patronato de Animales y Árboles

            A mediados de 1928 elevouse á superioridade a proposta da seguinte directiva: Presidente, Saturno Cal (alcalde); vocales: José Sátiro Redondo (párroco de Vilavella), María Castro (mestra), Pedro Otero (farmaceútico) e José Pereira (médico) en calidade de veciños.

 

Redondela Football Club

            Sociedade cultural e deportiva nada en febreiro de 1924 a partires da Liga Popular. Entre as primeiras medidas que asumiu foi a reorganización do equipo de futbol, que pasou a chamarse Redondela F. C. (Ver Futbol>Equipos), e a construcción do campo de Petán. No seu local organizábanse bailes, representábanse funcións teatrais... A primeira directiva estaba composta por: presidente, Pedro Otero; vicepresidente, Bernárdez Fernández; secretario, Avelino Cal; vicesecretario, Aurelio Adán; bibliotecario, Paulino García; administrador, José Lago Otero; vocais: José Méndez, Antonio Lago e Arturo Campuzano.

            A mediados de 1925 esta asociación debe abandoar as súas instalacións porque o propietario quería reformar a casa. A finais deste ano a sociedade vai á deriva, segue sen novo local e na directiva non se cubren as baixas.

 

Sociedades Agrarias

As sociedades agrarias nacen en Galicia a finais do s. XIX para defender os intereses dos labregos, principalmente contra os foros. Entre 1908 e 1919 celebráronse 7 Asembleas Agrarias Galegas. O movemento agrario en Redondela viviu o seu máximo explendor en outubro de 1915 coa organización da Sexta Asamblea Agrícola Regional,   celebrada no local da Sociedade de Mariñeiros..

Nas eleccións municipais de Redondela do 23 de abril de 1933, foron elexidos 11 agrarios, 5 derechistas, 2 socialistas, 1 republicano independente e 1 galeguista. Este éxito é aínda maior se pensamos que todos estes “agrarios” pertencían á disciplina da Federación Agraria Provincial, polo que non estaban baixo a disciplina de ningún partido político nacional.

            A finais de 1934 a Federación Agraria sométese a lei de Sindicatos e pouco a pouco ass Sociedades Agrarias vánse transformando en Sindicatos.

            Todo remataría co inicio da Guerra Civil en xullo de 1936,  incautándose as sedes e pertenencias das sociedades agrarias de Cedeira, Cesantes, Chapela, Reboreda, Vilar e o Viso, ademáis da dos Partido Galeguista, Izquierda Republicana e a Casa del Pueblo, que albergaba os locais do Partido Comunista e a Agrupación Socialista.

 

Asociación de Propietarios y Agricultores de Reboreda, Quintela y Ventosela.

            En xuño de 1901 foi aprobado polo Gobernador civil o reglamento desta asociación. Despois da de Chapela, serían as primeiras parroquias en tentar agrupar aos seus agricultores. Tería continuidade nas Sociedades agrarias de Reboreda e Ventosela.

 

Federación Agraria municipal de Redondela

            Representaba a 10 sociedades asociadas (Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Quintela, Trasmañó, Ventosela, Vilar e O Viso) . En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, Manuel Pérez, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela. En 1934 tiña a súa sede en Cedeira. En decembro convértese en Sindicato Agrícola y Ganadero.

            En xaneiro de 1935 a Federación Agraria de Redondela, xa acollida á lei de Sindicatos, nomeou a xunta directiva que a rexiría nese ano: presidente, Sabino Villanueva; vicepresidente, Eulogio Z. Mouriño; secretario, Bernardino Vila; vicesecretario, Juan Martínez; tesoreiro, Salvador Cabaleiro; contador, Demetrio Casas; vocais: Jose Ramón Vidal, José Martínez e Perfecto Blanco. Delegados á Federación Provincial: Bernardino Vilas e Demetrio Casas. Delegados aos Congresos Provinciais: Bernardino Vilas, Demetrio Casas e Juan Martínez. Daquela acollía a dez Sindicatos filiais con 997 asociados.

            Como sucedeu no resto de Galicia, tivo grandes dificultades para cumprir co seu principal obxetivo, a redención de foros. Aínda en xuño de 1935 denunciaba ante a Federación Agraria provincial a detención de varios compañeiros polo desacato no pago de foros.

            En marzo de 1936 a Federación local de Redondela, composta polos sindicatos de Negros, Cabeiro, Ventosela, Saxamonde, Cedeira, Reboreda, Cesantes, Trasmañó, Vilar de Infesta e O Viso, nomeou xunta directiva: presidente, Sabino Villanueva; vicepresidente, Bernardino Vila; secretario, Fermín Blanco; vicesecretario, Juan Martínez; tesoreiro, Demetrio Casas; e vocais: Salvador Cabaleiro, Juan Santos García e Manuel Álvarez. Delegados á Federación Provincial Agraria: Sabino Villanueva e Fermín Blanco. Delegados aos Congresos provinciais Agrarios: Fermín Blanco, Juan Martínez e Sabino Villanueva. Esta federación, fixera na campaña electoral pasada, un labor importantísimo a prol do Frente Popular.

            Nese mesmo mes, no Congreso provincial celebrado en Gondomar acórdase que o Congreso de 1937 se celebre en Redondela, encargándose a Federación local da organización do evento. O inicio da Guerra Civil impediría a súa celebración.

 

Sociedad Agraria “La Ideal”, de Cabeiro.

En abril de 1918 foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra para a súa aprobación os reglamentos de tres novas sociedades agrarias do distrito de Redondela: “La Salvadora”, de Negros; “La Unión”, de Cedeira; e “La Ideal”, de Cabeiro.

Sociedad Agraria de Cabeiro.

            Constituida en 1931, pouco despois da de Vilar. En marzo de 1934 constitúese en Sindicato Agrario de Cabeiro. En xaneiro de 1935, celebrou xunta anual e nomeou: presidente, Paulino Lago; vicepresidente, José María Castro; secretario, José Álvarez; vicesecretario, Manuel García; tesoreiro, Enrique Lago; contador, José Balado; vocais: Manuel Álvarez, Manuel Loureiro e Jesús Bastos. Delegados á Federación de Redondela Manuel Álvarez, Victoriano Álvarez e Manuel Rodríguez. Delegados aos congresos da Federación Provincial Benigno García, Alejandro Bastos, Leopoldo Álvarez, Antonio Cabaleiro e Francisco Romero.

 

Sociedad Agraria de Cedeira.

            Constituiuse en xullo de 1910, nomeándose presidente honorífico ao deputado a Cortés, Francisco de Federico y Riestra e socios honoríficos a José Fernández Domínguez e Indalecio López. Formaron a directiva: José Acuña Figueroa, presidente; Jesús Queimaliños, vicepresidente; Francisco Barciela, secretario; Jesús Cabaleiro, vicesecretario; Manuel Queimaliños, tesoreiro; Antonio Barciela Ricón, Manuel Fernández Pérez, Perfecto Garrido Lago, Perfecto Barros Baltar e José Álvarez Estévez. 

Sociedad Agraria “La Unión” de Cedeira

En abril de 1918 foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra para a súa aprobación os reglamentos de tres novas sociedades agrarias do distrito de Redondela: “La Salvadora”, de Negros; “La Unión”, de Cedeira; e “La Ideal”, de Cabeiro.

En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, José Acuña, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela. En decembro de 1934 da unha conferencia no seu centro o xove veterinario desta vila, Isaac Reboredo Fernández. A charla versaba sobre a enfermidade no gando porcino.

 

Sociedad de Agricultores de Cesantes.

            En outubro de 1903 quedaron constituidas as Sociedades de Agricultores de Cesantes e o Viso.

En outubro de 1923 o novo governo militar autoriza a esta sociedade a reunirse os domingos.

O 22 de maio de 1932 no seu local houbo un mitín do Partido Galeguista no que, se ben non puido asistir o anunciado Alexandre Bóveda, despois da presentación feita polo presidente da sociedade e por Blanco Alfaya do Partido Galeguista de Redondela, tomaron a palabra Víctor Casas, Álvarez Gallego e Paz Andrade.

            En xullo de 1935, convertiuse en Sindicato Agrícola y Ganadero, aprobando o seu reglamento modelado da Federación Provincial e nomeando nova xunta directiva: presidentte, Clemente Míguez; vicepresidente, Luciano Pereira; tesoreiro, Avelino Barreiro; contador, José M. Cabaleiro; secretario, Manuel Barciela; vicesecretario, José Giménez; vocais, Manuel Amoedo, José Pérez e Casimiro López.

 En abril de 1936 nomeou a: presidente, Ramón Sestelo; vicepresidente, Casimiro López; secretario, Francisco Davila; vicesecretario, Ángel Crespo; tesoreiro, Casto Barbeito; vocales, Constante Sequeiro e José Giménez. Delegados á Federación de Redondela: Ramón Sestelo, Fermín Gómez e Santos García. Delegados ós congresos provinciais: Santos García, Domingo Sobral, Fermín Gómez, Casimiro López e José Ramón Vidal. No seguro mutuo de gandos figuran 113 reses vacunas cun valor de 76.350 pesetas. Son 145 asociados.

 

Sociedade Agraria de Chapela, actual mercado. Foto: J. Migueles, 2010
Sociedade Agraria de Chapela, actual mercado. Foto: J. Migueles, 2010

 

Sociedad Agraria de Chapela “La Progresiva”.

            A súa sede era a actual Praza de Abastos de Chapela, construida con préstamos sen interese dos propios socios. Foi unha das primeiras sociedades agrarias en fundarse. En xaneiro de 1901 foi clausurada por orde do gobernador civil.

O 21 de agosto de 1909, sendo presidente Ángel Santorio, abren unha escola para os fillos dos socios.

En abril de 1910, no Cristo da Encarnación celebran un mitin antiforal e societario. Falaron: Santos García, pola Soc. Agraria Cesantes; Jacinto Crespo, do Directorio Antiforal de Teis; José Pereira, concellal de Redondela e representante da Soc. Agraria do Viso; Juan Amoedo Seoane, avogado da vila pola Soc. Agr. De Lavadores; Carmen Álvarez; Claudio Contreras, tamén avogado da vila pola Soc. de Mariñeiros de Redondela; Elena Estévez de Teis; Adolfo Gregorio Espino, avogado de Vigo; Prudencio Landín, avogado e catedrático da Normal de mestras da Coruña; e Benito Estévez, pola Soc. Agr. de Lérez.

            Un mes despois foille pechada unha escola que sostiña por non axustarse ás disposicións vixentes.

En xuño de 1914 comezan as conferencias instructivas aos seus socios.

Os fillos de Chapela en Montevideo, en maio de 1925, regalan a esta sociedade un estandarte de cor vermella con cintas coas cores nacionais de España e Uruguai.

En novembro do 1933 acolle un mitin de Izquierda Republicana no que interviron Isla Couto, Martínez, Domínguez, Poza Juncal, Telmo Bernárdez e Alfonso R. Castelao.

Co inicio da Guerra Civil a súa sede foi incautada e converida en escola e posteriormente en Mercado.

 

Sociedad Agraria “La Salvadora”, de Negros.

En abril de 1918 foron presentados no Goberno Civil de Pontevedra para a súa aprobación os reglamentos de tres novas sociedades agrarias do distrito de Redondela: “La Salvadora”, de Negros; “La Unión”, de Cedeira; e “La Ideal”, de Cabeiro.

Sociedad Agraria de Negros.

            Creada en novembro de 1931. En febreiro de 1935, xa baixo o nome de “Sindicato Agrícola y Ganadero de Negros”, nomeou a directiva que o rexirá no exercizo 1935: presidente, Francisco González; vicepresidente, José Lago; secretario, Antonio Loureiro; vicesecretario, Fernando Gómez; tesoreiro, Antonio Otero; contador, José Benito Garrido; vocais: Manuel Mouriño e Sabino García. Delegados á Federación de Redondela: Francisco González, Justo Cabaleiro e Rafael Pérez. Delegados aos Congresos Provinciais: Francisco Gómez e Antonio Teijeiro. A caixa social tivo un movemento de 212´65 pesetas no ano de 1934.

            En febreiro de 1936 nomeouse a: presidente, Justo Cabaleiro; vicepresidente, Francisco González; secretario, Rafael Pérez; vicesecretario, Luis Álvarez; tesoreiro, Antonio Otero; contador, José Crespo e vocais: Manuel Mouriño, Basilio Lago e Lorenzo Crespo. Delegados á federación local: Justo Cabaleiro, Rafael Pérez e Francisco González. Delegados ós congresos provinciais agrarios: Justo Cabaleiros e Francisco González. Ten 40 asociados e operou na Central de Compras por valor de 1.251´75 pesetas, obtendo un beneficio de 63´86 pesetas, que o devolve á federación provincial.

 

Sociedad Agraria de Rande e Cotarelo

            Constituiuse en xullo de 1910 en Rande comprendendo este barrio e o de Cotarel. Nomeouse presidente honorario ao deputado a cortes por Redondela Francisco de Federico y Riestra. Quedando constituida a directiva por: Bernardo Iglesias López, presidente; Alejandro Cabaleiro, vicepresidente; José Conde Rocha, secretario; Jesús Cabaleiro, vicesecretario; Manuel Cabaleiro Rodríguez, depositario; José Álvarez Otero e Florentino González, vocais.

 

Sociedade Agraria de Reboreda 2011 Foto J Migueles
Sociedade Agraria de Reboreda 2011 Foto J Migueles

Sociedad Agraria de Reboreda “La Redentora”.

Constituida en xullo de 1910 por: José Vidal Ricón, Presidente; José Casal Míguez, vicepresidente; Manuel Couñago Míguez, secretario; Rogelio Couñago Míguez, vicesecretario; Manuel Otero Amoedo, tesoreiro; Manuel Bouzón Reguera, Cándido Míguez Míguez e José Rivera Míguez, vocais. Foi nomeado Presidente honorífico o deputado a Cortes Francisco de Federico y Riestra, e Socios Honoríficos a: Graciano Mandado, José Novás e Justo M. Tojeiro. En novembro dese mesmo ano a sociedade merca un solar para construir o seu propio edificio.

En marzo de 1924 unha nova xunta directiva estaba formada por: presidente, Manuel Vilas; vice, José García Dios; secretario, Adolfo Boullón; contador, Bernardo González; depositario, David González; vocais: Paulino Darriba, David Posada, Juan Fernández, José González e Arturo Toucedo.

En outubro de 1929 inauguran unha bandeira, nun acto no que entre outros falou Paz Andrade.

A nova directiva para 1932 estaría formada por: presidente, Fermín Monroy; vice, José González; secretario, Bernardo González; vice, Serafín Gesteira; contador, Bernardino Vilas; e tesoreiro, Manuel González.

En outubro de 1935 inauguran as súas novas instalacións na Carambola, actuando a Banda de Música de Cabeiro.

            O Sindicato Agrícola de Reboreda nomeou nova xunta directiva para o ano 1936: presidente, José Vilas; vicepresidente, Marcelino Míguez; secretario, Antonio Amado; vicesecretario, Manuel Bouzas; tesoreiro, Silvio Sestelo; contador, Manuel Díaz; vocais: Manuel Míguez, Sergio Dacosta e Manuel González; vocais delegados á Federación local: José Vilas, Bernardino Vilas e Bernardo Rodríguez. Delegados aos congresos provinciais: Benigno Bouzón e Bernardo González. Ten un seguro mutuo de 97 reses, que está valorado en 43.400 pesetas. Su capital o constitue un edificio de recente construcción que se valora en 20.000 pesetas. Son 100 asociados.

 

 

Sociedad Agraria de Sajamonde “La Protectora”

            En marzo de 1936 o Sindicato Agrario de Saxamonde nomeou nova xunta directiva: presidente, Rogelio Rodríguez; vicepresidente, Cipriano Cabaleiro; secretario, Juan Alfaya; vicesecretario, Alfredo Couñago; tesoreiro, Manuel Pérez; contador, Amadeo Veiga; vocais: Agustín Crespo, José Balado e Manuel Rodríguez. Delegados á Federación de Redondela: Rogelio Rodríguez, Ramón Castro e Lino Lago. Conta 42 asociados e operou na Central de compras no ano 1935 por 1.412'90 pesetas, obtendo de bonificacións 54'38 pesetas que lle liquida a provincial.

Sociedad de Agricultores y Marineros de Sotojusto.

           En agosto de 1933, o Governador civil aprobou o reglamento desta sociedade. Formada definitivamente en setembro de 1934 con cerca de 80 asociados.


Sociedad Agraria de Trasmañó “La Predilecta”.

            En marzo de 1932 denuncia obras sen permiso no monte. En febreiro fanlle unha homenaxe a Benigno F. González, gran benefactor da parroquia. Neste acto participan Castelao e Alejandro Bóveda.

            En maio de 1936, a que fora Sociedad de Agricultores de Trasmañó, transformada en Sindicato Agrícola y Ganadero, nomeou a seguinte xunta directiva: presidente, Cándido Pérez; vicepresidente, Jacinto Álvarez; tesoreiro, Baltasar Otero; contador, José Benito Docampo; secretario, Jesús Álvarez; vicesecretario, Benigno González; vocais: Victorio González, Manuel Veiga e José Luis Rodríguez.

Sociedad Agraria de Ventosela.

Baixo o nome de Sindicato Agrícola de Ventosela, en febreiro de 1935 celebrou xunta xeral, nomeando: presidente, Manuel Bouzón; vicepresidente, Arsenio Iglesias; secretario, Joaquín Nogueira; vicesecretario, Ramiro Couñago; tesoreiro, Luis Couñago; contador, David López; vocais, José Couñago, José Lago e Juventino Gallego; Delegados á Federación de Redondela, Manuel Bouzón, Humberto Toucedo e Francisco Soto. Delegados aos congresos provinciais, Manuel Bouzón Veiga, Joaquín Nogueira, Luis Couñago, David López e Ramiro Couñago. Ten un seguro mutuo de gandos en función de 79 cabezas por valor de 31.200 pesetas e conta con preto de cen asociados.

En febreiro de 1936 nomeou nova xunta directiva: presidente, David López; vicepresidente, Juventino Gallego; secretario, Ramiro Couñago; vicesecretario, Perfecto Bouzón; tesoreiro, Luis Couñago; contador, Francisco Soto; e vocais: Jesús Couñago, Arsenio Iglesias e Constantino Couto. Delegados á federación local de Redondela: Fermín Blanco, David López e Arsenio Iglesias. Delegados ós congresos provinciais, Jesús Couñago, Manuel Bouzón, Joaquín Nogueira, David López e Ramiro Couñago. Funciona con 60 asociados e ten un seguro mútuo de gandos de 79 cabezas, valoradas en 33.800 pesetas. Pechou o exercicio cun saldo favorable de preto dun millar de pesetas. Operou na Central de Compras.

Sociedad Agraria de Vilar “El Ideal”

            Constituida en 1931, en agosto dese ano xa estaba composta pola práctica totalidade dos veciños. En marzo de 1932 solicita ó Concello que constrúa dunha vez unha ponte para que persoas e animais non teñan que cruzar o río, que mesmo nos enterros teñen que cruzar co cadaleito pola auga.

            En febreiro o Sindicato Agrícola de Vilar elexiu nova xunta directiva: presidente, Secundino Martínez; vicepresidente, Manuel Martínez; secretario, Manuel Álvarez; vicesecretario, Severino Davila; tesoreiro, Alejos Rodríguez; contador, Resolio Varela; vocais: Manuel Villar, Juan Martínez e Carlos Paratcha. Delegados á Federación local de Redondela: Secundino Martínez, Juan Martínez e Severino Davila. Ten seguro mútuo de gandos de 54 reses por valor de 24.000 pesetas; conta con 42 asociados e rendiu contas con saldo favorable. Operou na central de compras por 900 pesetas obtendo un resultado de 46'95 que percibe da provincial ao remate do exercicio de 1935.