Confrarías e outras asociacións relixiosas.

      

           A finais do século XVI, a Capelanía da Quinta Angustía de Redondela, que é fundada pola familia Santabaia e despois é xestionada polos Salgados.

No 1648 constitúese a Confraría de Nosa Señora da Peneda(OViso), que desaparecería en 1876. Tamén no S. XVII o R. P. Tirso González de Santalla fundou congregacións na honra da Virxe María en Redondela e outras vilas como Coruña, Laxe, Betanzos, Corcubión, Pontevedra...

No s. XVIII había na vila a Cofradía de Nuestra Señora de la Inmaculada Concepción patrocinada polo Concello. En 1712, Francisco Troncoso e Santiago Fernández solicitan ao rexedor que os admitan como confrades e mordomos desta confraría. No mesmo ano os sacristáns Francisco do Campo e Antonio Rodríguez solicitan ao Concello a exención de tributos, como os seus antecesores no cargo.

No s. XVIII, algunhas confrarías estaban vencelladas ás organizacións gremiais, é o caso dos toneleiros que tiñan por patrón a San Sebastián ou os xastres con Sta. Catalina. Ademáis da finalidade de culto, tiñan unha finalidade asistencial, facéndose cargo de parte dos gastos dos enterros e dalgunha misa.

           

En 1741 créase en Vilavella a Confraría de Ánimas, que mantiña e xestionaba os cruceiros e petos de ánimas de Vilavella e de Pasales e que seguía existindo a mediados do s. XX. Cando menos ata os anos 50 do pasado século tamén existiu outra Confraría de Ánimas, a da parroquia de Redondela, a referencia máis antiga que atopei data de 1786. Tamén en Vilavella, o padre Francisco Colmenero constitue en 1760 a Confraría da Nuestra Señora del Carmen, vencellada aos Carmelitas Descalzos. Despois de desaparecer en 1807, recuperouse en 1915, tendo a Ernestina Otero como primeiro confrade.

Neste s. XVIII en Vilavella existían ademáis as confrarías: del Santísimo Cristo, S. Sebastián, S. Lourenzo e Sta. Catalina.

En 1854 había na vila as “hermandades o cofradías con la advocación de San Sebastián, San Lorenzo, Santa Catalina y Ánimas, pero sin rentas propias todas ellas.”

En 1892 na procesión da Virxe dos Dores, o daquela Comandate, Antero Rubín (Ver Persoeiros>Militares) portaba o estandarte da Hermandad de la Santísima Virgende los Dolores.A festa que organizaba era moi exitosa a principios de século. Estaba presidida polo párroco de Redondela, Bernardino Couñago cando, en 1918, foi suspendida polo falecemento do irmán maior da irmandade, José Figueroa Montero. (Ver Persoeiros>Outros)

Na 2ª metade do s. XIX Juan Climaco Seoane, Jenaro Borines Ponte e Santos Esteiro fundaron unha irmandade na capela de Santa Mariña, daquela pertencente a Cesantes.

Outra asociación de Vilavella era a congregación de Las Hijas de María. Seguiu existindo cando menos ata os anos 60 do pasado século. Tamén na parroquia de Redondela se formaron Las Hijas de María. Como dato máis antigo atopo que en 1897 se encargaron da organización da Festa da Purísima Concepción. Tamén atopo esta confraría en Cesantes, cando en 1924 acompañan ás de Redondela a un acto eucarístico en Reboreda. En 1922 as Hijas de María do arciprestazgo marchaban a pé a Pazos de Borbén á fundación da Asociación de Marías de los Sagrarios.

A principios do século XX o párroco de Cedeira, José Rodríguez Saavedra, fundou unha irmandade (descoñezo o nome). Esta confraría tivo entre os seus logros a construcción dun novo cemiterio e dun kiosko de pedra. Nesta mesma parroquia atopo en 1907 un acto das Secciones Adoradoras Nocturnas.

En marzo de 1907 fúndase en Redondela o Círculo Católico Obrero, por iniciativa do párroco Bernardo Couñago. Na década seguinte esta asociación organizaba conferencias, como a que ofreceu en agosto de 1911 Eduardo Toda, pero principalmente promocionou as representacións teatrais. En outubro de 1914 inaugura novo local.

En Vilavella fundouse en abril de 1910 a Hermandad del Señor, con Manuel Pombo como presidente e Francisco Crespo Rivas como secretario. Nunha noticia do ano seguinte da conta que os gastos da festa corren por conta dos mariñeiros.

Tamén en 1910, o Apostolado de la Oración, presidido por Claudina Pereira Noguerol, recibiu unha imaxe do Corazón de Jesús que encargara a un taller de Olot. Outra confraría de Vilavella foi a Orden Terciaria de San Francisco, congregación na que foi admitida Ernestina Otero en 1912.


En xuño de 1914 constitúese a Xunta local do “Montepío del Clero Tudense”: presidente, José Sanmartín, párroco de Redondela; secretario tesoreiro, José Sátiro Redondo Cal, párroco de Vilavella; visitadores, José Rodríguez, ecónomo de Cedeira; e Francisco Casas Martín, coadxuntor de Redondela.

Nos anos 20, atopo no Viso a Hermandad del Apostolado Corazón e, en Redondela, a Hermandad de San Juan que daquela presidía Rogelio Núñez Iglesias. En Reboreda a Hermandad da Santísima Virgen, que costeaba as festas patronais da parroquia e estaba presidida polo rico comerciante Ramón B. Bula.

O día da Concepción de 1932 nace Acción Católica. Tiña a súa sede dentro da sacristía e posteriormente nunha pequena casa que se atopa dentro do adro da Igrexa Parroquial de Redondela.

Durante a II República tamén se creou Juventudes Católicas, organizada polo crego Enrique Aldir e Antonio Extremadouro.

O 31 de xaneiro de 1944, créase o Centro de Mujeres de Acción Católica, estaba composta por 18 mulleres asesoradas polo párroco Manuel Martínez Alonso. Estaba presidida por Teresa Otero Fernández nai do médico Antonio Ocampo. No Nadal sempre montaban un belén con figuras que se movían e que, naqueles tempos, causaba gran espectación.

Outra asociación relixiosa dos anos 30 e 40 foi La Hermandad de la Caridad. E nos anos 50, Centro Catedralicio Infantil ou Juventudes Obreras Católicas (JOC).

Unha das ramas da Acción Católica local era Cáritas, encargada de distribuir artículos de primeira necesidade entre os máis necesitados. En 1957 a xunta directiva estaba formada por: presidenta, Rita Regojo Otero; secretario, Álvaro Casal Tuche; tesoreiro, José Celso García García; vocais, Jesusa Iglesias Lamas, María del Carmen Giráldez Lema, José Alfonso Otero e Sebastián Muíños Lamas.

Por último engadir a Cofradía de Nuestra Señora del Carmen, de Vilavella, que en 1962 estaba presidida por África Otero Figueroa.


 

Texto: J. Migueles

Actualizado: 14-05-2015

Escribir comentario

Comentarios: 0